24 mar 2007


Virxilio: Os Chaos de Amoeiro
A Fundación Otero Pedrayo organiza en Trasalba unha magna exposición do pintor Virxilio sobre os Chaos de Amoeiro, que irá renovando as súas obras pouco a pouco.
Inaugurouse hoxe cun acto no Auditorio da Casa-Museo Otero Pedrayo, presidido pola conselleira de cultura, Ánxela Bugallo, que estivo brillante na súa intervención. Freixanes definiu o lugar como un dos espazos da nación. E Méndez Ferrín deu unha lección de arte e sensibilidade axuntando os nomes de Virxilio e Otero Pedrayo (magnífico tamén o seu artigo de hoxe no Faro sobre as librerías históricas ourensás).
Os comisarios da mostra foron Santiago Lamas e Luís Cochón, que asinan cadanseu texto no catálogo da mesma.
A exposición estará en Trasalba toda a primavera e verán. Ó seu carón celebraranse varias actividades culturais (tócame estar nunha delas en setembro). A primeira será un recital poético, o próximo sábado 31 de marzo (19,30 h.) con Isolda Santiago, Baldo Ramos, Modesto Fraga, Rafa Villar e Manolo Outeririño, presentado por Afonso Monxardín (cantos amigos!). No mesma cita haberá ademais un acto musical coa Coral Polifónica do Casino de Carballiño.
Do texto de Santiago Lamas:
Como o Bergantiños de Pondal, a Terra Chá de Manuel María, o Coruel de Novoneyra, as terras arraianas de Vilanova e Celanova de Celso Emilio e Ferrín, o Mondoñedo de Cunqueiro ou o Rianxo de Manuel Antonio, Os Chaos tiveron en Otero o seu narrador e o seu poeta. Agardaban un pintor que soubera ollalos como Otero. Xa o teñen. Ninguen coma Otero Pedrayo para facer das paisaxes galegas un xénero literario de seu; ninguén coma Virxilio para pintalas.
Virxilio en Trasalba (Pan por Pan 25 marzo)
En 1960 Otero Pedrayo escribía en “Vida Gallega” sobre os grandes pintores galegos, de Castelao a Seoane, pasando por Prego, Maside ou Laxeiro entre outros. Pechaba aquel artigo cunha referencia a “aquellos árboles dolorosos y humoristas de Virgilio, el discípulo y devoto de la luz de las tardes en la cunca de tinto en la taberna orensana o en el vino blanco de La Villete parisién”. E Virxilio volve agora a Traslaba, da man da Fundación Otero Pedrayo, coa súa mostra “Os Chaos de Amoeiro”. É xa un clásico en vida, como dixo Ánxela Bugallo na presentación da mostra. Como xa o era Otero á altura de 1960. Como o é tamén Méndez Ferrín, que nos agasallou cunha magnífica relectura dos amarelos virxilianos, aquela Galicia amarela que don Ramón descubriu nunha viaxe outoniza en avión. Tres grandes nomes que tan ben se complementan: Otero, Virxilio, Ferrín.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Sabe o horario de apertura de mañá e tarde da exposición? Porque non vaia ser que nos acheguemos alí e estea pechada.

Marcos Valcárcel López dijo...

No folleto que deron alí figura: do 24 marzo a 30 abril, de martes a domingo, de 11 a 14 h.
Do 1 de maio a 1 de setembro, de martes a domingo, de 11 a 14 h. e de 17 a 20 h.
A Fundación publicou un interesante catálogo, ben editado, cos textos de S.Lamas e L. Cochón. Custa 10 euros, iso paguei eu cando menos, pero quizais algún amigo llo poida facer chegar tamén.

Anónimo dijo...

Grazas pola información. Mais por intención duns amigos, entre eles un pintor portugués, hoxe á tarde achegámonos á Casa do Señor de Cima de Vila.

A exposición actual de Virxilio -gran pintor, desde logo- é moi escasa en obras: non chegan á trintena. E caracen de datos anexos sobre data de realización, técnicas empregadas, etc.

Polo visto, a exposición vaise renovar con novas obras cada dous ou tres meses, segundo nos informaron as guías do Pazo_Museo. Non sei, pero quizais é moito pedirlle ao persoal que se achegue varias veces ao lugar para ollar a exposición completa. Non había posibilidades loxísticas de colgar todas as obras de vez?

Tamén merquei o catálogo, pero aínda non tiven tempo de botarlle unha ollada.

Anónimo dijo...

como llegar alli