12 abr 2007




Cartas dende o pasado (IV)

Andoliña 12 abril. Na imaxe, unha peza de Luís Seoane.

Na relación epistolar, hoxe escasa, algunhas xentes amosaron a súa faciana máis sincera. Cando menos así o facía Blanco Amor nas súas cartas dende América, tal como se reflicte no volume Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires, que publicara Ediciós do Castro da man de Xosé Neira Vilas (1995). Nese libro están algunhas das cartas máis amargas que escribiu o creador de A esmorga, entre elas as que amosan a súa fonda frustración por non gañar con Xente ao lonxe o premio de novela do Centro Galego de Buenos Aires en 1970.
En carta a Díaz Pardo (1956), laiábase o ourensán do pouco apoio que lle prestaban os galeguistas para publicar A esmorga: "Como me fun da obediencia entonces deixei de ter condiciós literarias. Pra os galeguistas o talento é o de menos. Se eres da obediencia, entonces protéxenche; e si non, non". No 69 dicíalle a Seoane que quería irse para Vigo ou A Coruña "y rescatarme de la mediocridad orensana, donde me iré disolviendo con pena y sin gloria; mediocridad y probablemente en el futuro, hostilidad, ya que los reaccionarios no me perdonan y consideran un grito de soberbia que haya rehusado la presidencia del Ateneo. "¡Que se cree ese rojo!" y esas cosas".

13 comentarios:

Ana Bande dijo...

Razón tiña Blanco Amor, ¿cantos ourensán saben da súa existencia? ¿como estará o fondo documental do Arquivo/Biblioteca da Deputación? Mágoa que Francisco Espino marchase de alí para que o enterrasen no arquivo do Concello, perdeuse un arquiveiro e moitos arquivos...iso si, agora está nas mans da igrexa que é como debe ser ¿ou non?...un triunfo máis dese Ourense rancio e de capilla que xa non boto de menos, ata prefiro agora este territorio comanche no que me atopo, mira ti.

torredebabel dijo...

os anos pasan, os tempos mudan e algunhas institucións -tristemente- siguen igual, igual.

Anónimo dijo...

As palabras de Blanco Amor na carta que lle envía a Díaz Pardo en 1955 teñen esa ironía dramática que resulta de comprobar en que deu, politicamente, o movemento galaxio.
En 1955 Blanco Amor caera no defecto de non ser galeguista-esencialista-culturalista, ademáis de exhibir impudicamente outros pecados que non eran moi do agrado dalgúns galaxios seica moi dotados para o liberalismo de salón. Xa saben: "roxo" e pecador nefando.
Co tempo, parte dos notables ("persoeiros") galaxios entrará de ghanchete, "y yo el primero", por vía ucedea-peseoística, nalgúns tinglados xuntoiros e delegados.
O "incoherente" Blanco-Amor morre case que pedindo perdón, e máis fiel ás súas ideas que moitos que máis cacarexaban.
País de maior número de timoratos veletas e conservadores non o hai no mundo.

Anónimo dijo...

Que obsesión cos galaxiáns!

Benvido, Marcel. Hai tempo que non sabiamos nada de vostede. Celebramos que se encontre ben.

Anónimo dijo...

Bon, Blanco Amor tiña unha especial capacidade para se levar mal con case todo o mundo, galaxián ou non. En boa parte por ser un intelectual librepensante, e en boa parte tamén porque para el o máis importante a partires do 36 fora a lexitimidade republicana, e non sempre o nacionalismo. E porque o seu galeguismo sufrira unha evolución peculiar. Tampouco non hai que ver a sombra maligna de Galaxia atrás de todo.

Anónimo dijo...

É certo que Piñeiro nunca lle deu a "A esmorga" o valor que é habitual darlle hoxe. Non lle parecía unha gran novela. Aínda así, publicouna, igual que fixo con "Xente ao lonxe", "Os biosbardos" e o "Teatro prá xente". E será ese tamén outro pecado nefando dos moitos que se acugulan sobre as cinzas de Piñeiro? Que non lle chistase moito "A esmorga"?

Anónimo dijo...

A través dunha serie de prólogos publicados en novela así como de artigos, o sr. Piñeiro espuxo desde comezos dos anos 50 un xeito de teoría de como debía ser a novela galega. Hai por aí artigos e até algún libro que falan de todo isto.
As opincións de Piñeiro ao respecto contaban, e moito, pois dábase a casualidade de que el era o director literario de Galaxia, a única editorial que publicaba novelas en galego naqueles anos. Se non che publicaba Piñeiro, non che publicaban en Galicia. De tal xeito que algúns autores, especialmente os novos, chegaban a manter reunións con Piñeiro nas que este os "sondaba" sobre o tipo de literatura que podían producir.
En todo caso, temos que lle agradecer ao sr. Fernández del Riego que animase Blanco-Amor a publicar en galego, cando puidoo facer, perfectamente (e de feito tívoo que facer por razóns alimenticias) en castelán.

Anónimo dijo...

Algún día haberá que contar a importancia dos editores (e editoras) na construcción dunha historia da literatura (póñase o idioma que se queira). Polo de agora valen suposicións (máis ou menos fundadas) sobre o poder omnímodo que algúns acadaron. E non falo de Piñeiro, do que non teño nin idea.

Anónimo dijo...

En realidade, de Piñeiro non se debe falar peor de morto do que se falou cando vivo. Que non valorou "A esmorga", que non lle gustaban os comunistas e outras concepcións e manobras medio parecen conto pasado. Con todo, insisto, é figura cuxo valor está pendente de aquilatarse.

Probablemente a tese de Miguel Barros poñerá o asunto sobre o tapete académico.

Anónimo dijo...

Levo tempo esperando ler esa tese. Espero que sexa, cando menos, unha tese que enxuicie desde un punto de vista rigoroso os frutos tanxibles da súa obra como pensador, "animador" cultural e político de última hora.

Anónimo dijo...

"Político de última hora" Estache bo o conto! Tan bo como o de apoñer a razóns puramente "alimenticias" a obra en castelán de Blanco-Amor...

Anónimo dijo...

Pois si: político de última hora. Ou é que militou nalgún partido político despois de 1936 ata que se presentou nas listas do PSOE? Ou foi que estivo militando "en exilio interior" no Partido Galeguista até 1980?
Se cadra a literatura que Blanco-Amor escribiu en galego escribiuna alimenticiamente, non, Leituga? Primeiro animárono a escribir en galego, e logo esquecéronse del.

Anónimo dijo...

Swann, fala vostede tanto e con tanta profusión de Ramón Piñeiro que, polo menos, debería coñecer os trazos básicos da súa biografía. Debería saber, cando menos, que Piñeiro participou na reconstrución do Partido Galeguista nos primeiros anos 40, despois da Guerra. Non só andaba por alí: foi tamén elixido polos "irmáns" secretario político do Partido, cargo que desempeñou con entrega e enteireza ata que foi detido e encarcerado no ano 1945. Por outra parte, paréceme un pouco reducionista -e creo que vostede coincidirá comigo, se o pensa un pouco- limitar a actividade política á militancia nun partido. Vostede é moi libre de terlle a Piñeiro toda a xenreira do mundo, pero iso non debe levalo a negar a evidencia de que Piñeiro -malgré lui, certamente- desempeñou durante toda a súa vida unha actividade que o 99,99 por cento da poboación mundial non dubidaría en calificar de "política".

En relación con Blanco-Amor, dáme a impresión de que vostede non me entendeu ben. Cando eu cuestiono a súa afirmación de que a literatura en castelán de EBA se deba exclusivamente a "razóns alimenticias", nin se me pasa pola cabeza trasladar esa afirmación á súa produción en galego. O único que quero dicir é que Blanco-Amor sempre tivo unha aspiración lexítima a triunfar como escritor en castelán, unha lingua na que se manexaba moi ben e que sempre tivo como tamén súa.
A miña valoración de Blanco-Amor como escritor -aquí non concordo con Piñeiro- é moi alta. E, ademais, considero que o seu compromiso co galego foi enormemente meritorio.
Respecto ao "abandono", volve falar vostede de xeito algo lixeiro. Os galeguistas, daquela, podían caerse mellor ou peor os uns aos outros, pero eran certamente "irmáns", axudábanse os uns aos outros e non se facían putadas, como se estila agora. Se quere, tamén podo proporcionarlle dalgún dato concreto sobre ese particular.