10 abr. 2007


En todas partes...
Cocen fabas, claro. El País publicaba onte a necrolóxica de Hans Filbinger, "el terrible jurista", asinada por José Comas. Que chegou a primeiro ministro democristián de Baden-Wurtemberg e lolgo tivo que demitir ó descubrirse que dictara penas de morte en tempos dos nazis. Pero iso foi en 1978. Antes fixo unha carreira política e profesional normal e non pasaría nada se non se empeñase no seu caso o dramaturgo Rolf Hochhuth, que foi quen o desenmascarou. En fin, que aquí tivemos a Fraga e a outros, que se integraron na democracia sen nunca pedir perdón polo seu pasado totalitario. E, en moitos casos, sen sequera arrepentirse do feito antes. Non sei se é para consolarse comprobar que estas cousas pasan tamén en Alemaña...

12 comentarios:

Xabier dijo...

Non cabe dúbida que estamos ante un tema delicado. É dificil ter unha opinión plenamente obxetiva. Non só Fraga se integrou na democracia senón que esta permitiu a convivencia pacífica de outras persoas coma Serrano Suñer, A Pasionaria ou Santiago Carrillo que a súa maneira tamén representaban réximes totalitarios e, que eu saiba, nunca pediron perdón por defender unhas ideas que, materializadas, supuxeron a morte de millóns de persoas. Non quero incomodar a nadie, simplemete ser obxetivo, insisto.

Anónimo dijo...

Coido que Neruda nunca se volveu atrás pola sua Oda a Stalin nin García Marquez polo seu agarimo por Castro, nin tantos e tantos dende Sartre que loaron a liberdade de expresión na URSS dos 50 ou a revolucion cultural china ou chamaron nazismo tropical ó xenocido de Camboxa...ben está o recordar os feitos destes autoritarios que viñeron da dereita pero hai un mundo de esquecementos da outra beira que ninguén lembra..e hai que facelo tamén... se queremos entender o que está a pasar e o que pode vir...

Mr Tichborne dijo...

Tema peliagudo en Alemaña, non hai tanto que Günter Grass "saíu do armario" neste sentido hai pouco... de todos xeitos, pódolle asegurar que aquí non hai rúa ningunha adicada a Hitler, Himmler ou Goebbels, nin na Alemaña do Este a Stalin ou Lenin.

a.p.-c. dijo...

A depuración do nazis na Alemaña de postguerra -que a houbo- non chegou nin de lonxe a todos os escalafóns da xerarquía nacional-socialista.

Entre outros motivos porque, de porse moi estritos, se cadra habería que depurar a unha alta porcentaxe da poboación alemá e dos países e réximes que estiveran asociados ao III Reich.

Daquela, foron centos, moitos centos, os que se libraron de ser encausados por delictos contra a humanidade e que se poideron reintegrar sen demasiados problemas nas novas institucións, entre elas a xudicatura e a administración, dado que se necesitaban cadros para dirixir o novo estado. Puro pragmatismo, pois. Ademais, non poucos foron quen de borrar, con maior ou menor fortuna, as pegadas delictuosas do seu pasado.

Por outra banda, estaba a nacer un novo fenómeno: a Guerra Fría. De feito, non poucos destacados militares e técnicos nazis foron reclutados tanto polos servizos secretos norteamericanos como polos soviéticos, cobizosos dos seus coñecementos.

A partires dos anos sesenta e até hoxe foron saíndo á luz pública multiples casos destes nazis ou filo-nazis “emboscados durante o día”, tanto en Alemaña como noutros países europeos. Uns, habendo probas tanxibles, foron condeados en maior ou menor medida. Outros, non habendo probas suficientes, sairon de “rositas”.

A historia real é moi fodida, amigos.

Como era aquilo de Shakespeare? “A historia é un conto cheo de ruído e furia contado por un idiota”, ou algo así.

Ana Bande dijo...

Forma parte na historia/natureza do home. A maldade...Logo da IIGM e do exterminio nazi moito se ten escrito sobre esto. Na propia casa temos entre os nosos represores e reprimido e ¿quen pediu perdón? ¿e que se solucionaría de facelo? Dende que mo dixo Kapuscinski teño claro que de cando en vez toca ábrese a espita da guerra e do odio e se te toca estar aí pois só che queda sufrir ou inflixir sufrimente, as causas seguramente veñen de lonxe, algunha falcatruada dun antepasado de alguén ou a humillación que o teu pobo sufriu hai un par de séculos...o máis triste e que as persoas como pobo, como masa non son reflexivas e a pouco que nos chisquen un ollo xa ímos coller o coitelo para poñernos ao servizo dunha causa.

Etxe dijo...

Non quero que ninguén pida perdón.
Nin os da ETA. O perdón sitúa nun escalón ao que o pide sobre o que o ten que outorgar... E o que o tería que outorgar non ten posibilidade de negación. ¿Vai Fraga pedir perdón por ter sido ministro de Franco? ¿A quen? ¿Vai Carrillo falar de Ceacuscu?
Vai Fco Rodriguez pedir perdón polos berros de "gora eta militarra" da Quintana en milnovecentos oitenta e poucos.
Sigamos o exemplo irlandés. Calar. Construír. Ao primiero non darse nin a man. Logo, un día tomaran un café e dirán... mira que cousas fixemos... Descubrirán que ambos teñen dor... Eu que sei...
Gustoume a transición española, porque non houbo actos nin autos de fe declarada. Foi todo normal. Unha época pasara. Outra estaba nacendo, etc.

Maite dijo...

Yo si exigo perdón o mejor justicia o me conformo con que se abran las ventanas para que se cierren en verdad las heridas. La transición, un nuevo acto de generosidad de los perdedores, bonita transición.

Leituga 1 dijo...

"Un conto contado por un idiota, cheo de ruído e de furia, que non significa nada"

a.p.-c. dijo...

Moitas grazas pola frase exacta, amigo Leituga 1. Eu citaba de memoria e intuía que a miña non era precisa de todo, ademais de darme preguiza ir confirmala ao anaquel.

Celebro que estea xa de volta e que non quedase cos cataláns. Ten que dicirme se, á fin, foi a Port Bou a presentar os seus respectos a Benjamin, Walter.

arume dos piñeiros dijo...

Agora que vostedes citan a Shakespeare, non está mal lembrar aquelas verbas de Shylock no terceiro acto de O comerciante de Venecia:
"Non ten o xudeu ollos? Non ten o xudeu mans, orgaos, medidas, sentidos, afectos, paixóns? Ceibamonos co mesmo alimento, ferimonos coas mesmas armas, suxeitos ás mesmas enfermidades e curados cos mesmos remedios, quentados e enfriados polo mesmo verán e polo mesmo inverno coma un cristián. Se cravan en nós, non sangramos? Se nos fan cóxegas non rimos? Se nos envelenan non morremos? E se nos fan daño, non nos vingamos?"

arume dos piñeiros dijo...

Puxen ceibamonos, cando é cebámonos. E desculpas por tan lamenteibol traducción.

Leituga 1 dijo...

"¿Non ten ollos un xudeu? ¿Un xudeu non ten mans, órganos, proporcións, sentidos, afectos e paixóns? ¿Non se alimenta coa mesma comida, non se fire coas mesmas armas, non está exposto ás mesmas enfermidades, non se cura cos mesmos remedios, non se quenta e colle frío co mesmo verán e co mesmo inverno que un cristián? Se nos pinchades, ¿non sangramos? Se nos facedes cóxegas, ¿non rimos? Se nos envelenades, ¿non morremos? E se nos facedes mal, ¿non nos imos vingar?"

Esta é a tradución feita por Miguel Pérez Romero, excelente tradutor de Shakespeare ao galego, no ano 1989. A súa, Arume, non ten moito que envexarlle...

Non cheguei a Port Bou, AP-C, que ía chegar... E iso que o levaba na cabeza. Pero a chuvia estragou o plan.