10 abr. 2007


Frases de campaña nas rúas
Andoliña 10 abril. Imaxe de Max Pechstein (1910).
A publicidade electoral funciona coas mesmas claves dos anuncios convencionais: nalgúns casos os estrategas que nos venden este ou aquel político son os mesmos especialistas que traballan para as multinacionais do motor ou para colocar un novo perfume no mercado. Esta publicidade política imita nos seus deseños a comercial e tamén busca no espectador a mesma reacción: crear necesidades de consumo. Neste caso o consumo que se espera exprésase a través do voto. E todo vale para chamar a atención: vexan dous exemplos.
O PP colocou en Auria varias grandes vallas co lema "Centrados en ti" que supoño que apela á proximidade co elector e, de paso, quere presentar a esa forza política como un grupo de centro: algo ben contraditorio coa súa práctica nos últimos meses.
E o BNG de Vigo usa un rechamante "Súmate á Revolución" sobre fondo verde, que tamén desconcerta: non está hoxe o Bloque pola Revolución dende logo. Hai anos unha marca de automóbiles usou ese slogan sobre fondo vermello: pretendía só impresionar a sensibilidade dos paseantes. Pero pode semellar frívolo que o faga un partido que debería saber ben o que son as revolucións de verdade.

2 comentarios:

XoséM. González dijo...

Santiago Domínguez, Marcos, é un político peculiar. Aínda que nunca falei con el, somos case veciños no verán, porque paramos no mesmo cámping. A súa popularidade é certa, é "moi vigués" (concepto se cadra merecente de comentarios outro día) e parece percibirse como cercano.

Un bloqueiro non demasiado convencional. E a súa campaña é propia, distinta: empezando polas cores (lembro o que dicía Pepe Barro hai trinta anos, cando traballabamos n' "A Nosa Terra"), pasando polo lema e a súa implicación (nada que ver coa acepción, digamos, clásica de "revolución"), acabando pola estratexia. Sinto carecer, arestora, de tempo e espazo para máis concreción.

Anónimo dijo...

O primeiro que me veu a cabeza cando vin o lema do bloque en Vigo foi que se referian á revolución verde (medioambiental, vamos) e unha grande interrogación plantouse nos meus miolos, e iso que Santi Dominguez me cae ben, e creo que é do mellor do bloque en Vigo.
Estou contigo, cada vez gustanme menos as campañas políticas, somos consumidores, non cidadans, claro que os politicos xurden da sociedade, e esta sociedade so nos quere consumindo e producindo