Unhas eleccións municipais que, en Galicia, non van cambiar o mapa político
Non sei se viron vostedes, que andaban de "turistas" por aí (que diría o Risco), as enquisas que publicaron o domingo El Correo Gallego e Galicia Hoxe: velaí as súas conclusións.
Polo que eu vexo e se se confirmasen eses datos, as eleccións non van cambiar o mapa político, cando menos nas cidades, que é o voto que máis conta a nivel mediático. Vai seguir case todo igual: A Coruña, Lugo e Santiago con alcalde socialista; Pontevedra, con alcalde nacionalista; e o PP mantería as súas actuais alcaldías en Vigo e Ourense. Ferrol está máis dubidoso e rexistra máis cambios (por certo, caída sorprendente do BNG nesta cidade, de 6 a 2 representantes, pese á cantidade de iniciativas que sobre a comarca presenta Francisco Rodríguez no Congreso; o BNG perdería tamén votos e concelleiros en Vigo, caíndo de 7 a 4; Vilagarcía, A Coruña e quizais algo en Santiago). Segundo esta enquisa o pSdG subiría relativamente en varias cidades e, onde os socialistas suban, baixan os nacionalistas, coma sempre.
O de Vigo supoño que esixe perspectivas e matices moi locais para entendelo: eu xa me perdín hai tempo do que pasa por alí. O de Ourense é tamén "sangrante": despois de tantos anos, o PP pode revalidar a súa maioría absoluta de catorce concelleiros e os outros dous (PSOE e BNG) quedarían igual que agora. A min non me estrañaría, creo que xa o dixen, pero sería triste confirmalo. E despois de "todo o que choveu" nos últimos anos arredor do PP e Cabezas non valen as explicacións simples e exculpatorias de sempre. Algo están a facer mal PSOE e BNG para non dar remontado esta situación. Claro que ó mellor todo vai por outro lado e isto son só suposicións ...
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
40 comentarios:
Datos interesantes, pero quixera dicir dúas cousas: 1ª: As cidades que eu padezo: Santiago e Vigo, merecen unha ollada distinta; se ben entendo o inquérito sobre Compostela ( mesmo non comprendo como non caen máis PP ( patético) e BNG (coas súas leas internas); desconfío moito do prognóstico sobre Vigo: descorazonador sería unha maioría absoluta de Corina Porro ( ningunha mala palabra, ningunha boa acción ) como o aumento nun concelleiro do peor dos tres candidatos (Abel Caballero).
2ª: Ao fío do anterior; quero pensar que eiquí tamén se cumpre unha das máximas do Principio de Incerteza de Heisenberg, que dicía que a observación dun experimento inflúe sobre o seu resultado. Por iso, e tendo en conta quen pagou a enquisa, non desbotaría a posibilidade de que exista un alto compoñente de "declaracións de intencións" sobre Vigo no resumo dos seus resultados.
Dende logo, e aínda que entre os meus coñecidos estase a propagar o dito de que de ter que escoller entre Caballero e Porro preferirían a esta última (afortunadamente hai boas alternativas), no caso de maioría absoluta do PP en Vigo pensarei de novo noutro exilio polo interior da Galicia.
Pois se entre os coñecidos de Bouzafría estase a espallar a idea de que prefiren antes a Corina Porro que a Abel Caballero, o asunto está máis que claro: maioría absoluta para o PP. É así de lamentable.
Boa volta á casa para todos. Existe a seria posibilidade de que poida pasar pouco por aquí nos próximos días (causa: unha morea de exames sen corrixir). Déixoos descansar de min, logo, algo máis.
Só un breve apuntamento sobre o tema corrente: non son as de El Correo as enquisas que máis tenden a atinar; a de Sondaxe, hai varias semanas, presentaba algúns datos bastante diferentes. Pero veremos.
Por certo, no tema Valadés saberán que Quintana falou, aínda que seica non para gusto de todos; se cadra de ningún, eu que sei. Xa en Xornal dicía eu algo semellante na terceira entrega, e non son nin adiviño nin áulico, Poño isto aquí porque o outro fío vai xa ben abaixo.
Ben achado, amigo González.
Pero antes de se retirar a corrixir exames, cóntenos qué discos trouxo do Porto, qué descubrimentos fixo de música portuguesa (en especial de fado, xa sabe).
Sobre a actualidade viguesa, tamén eu escoitei o de Porro e Caballero. De SD, NS/NC. Claro que Toba e Castrillo puxerono doado.
E xa que estamos á espera das novidades do amigo González por terras lusas, esas viaxes polo interior das castelas de APC e a de leituga 1 polas catalunyas están agardando comentarios. E, por suposto, dos que andiveran por aí prostitu-indo (segundo Risco) polos mundos adiante.
Pois das miñas andainas polas Castelas, amigo Arume, só se me ocurren comentarios de "turista" e non de "viaxeiro".
En todo caso, quizais hai un dato aparentemente anecdótico do que vostede nos poida descifrar a súa significación oculta: en Toledo, as vallas metálicas móbiles non son da tradicional cor amarela: son de cor rosa, pero rosa, rosa. Rosa para un sorriso, acaso?
O caso d'El Correo mete medo. Non se pode pretender ser un xornal serio coa portada que puxeron. Poñer o PP en portada sen estar no goberno nin na Galiza nin no estado é de risa.
...mete medo.
...é de risa.
("Ría después de haber temblado", coido que se chamaba a vella sección aquela de "la Codorniz")
O que pasa é que os galegos somos moi fieis no voto, hasta cando nos equivocamos.
Eu relacionaría este seu post, señor Valcárcel, co anterior no que menciona o artigo de Ventoso.
Creo que a do comentarista da Voz é a percepción da maioría dos galegos e, polo tanto, facemos o que escribe o raposo antes ca min.
Saúdos.
Como Auria queda moi lonxe de Ferrol, como Galicia toda, unha pequena aportación: A caída do BNG en Ferrol non ten nada de sorprendente, menos aínda para o proprio BNG. Creo, con todo, que chegará aos 3 concelleiros. O BNG ten un pésimo candidato e unha mala candidatura, pero, por riba, o goberno das Xunta aínda non fixo nada (nada) pola cidade. Iso si, preguntan moito por ela no Congreso.
Amigo a.p.-c: Afortunadamente en Vigo non só se presenta o PP e máis o PSOE. Esos comentarios refírense a unha inexistente segunda volta, tipo presidenciais francesas. Ou o que ven sendo o mesmo: Nas miñas amizades Caballero non convence como alcalde e a súa candidatura da medo.
A miña impresión sobre Vigo.
Corina Porro fixo cousas (superficiais, pero rechamantes como a peatonalización de boa parte das rúas do centro) coa maioría en contra, con presupostos prorrogados. O equipo, malia seren todos incompetentes, conseguiu facerse un nome entre a cidadanía. E repiten experiencia. Se non acadan maioría (vade retro), andan perto.
Abel Caballero é un político demasiado soberbio. Non contento con presentarse en exhibición permanente, descabeza o grupo socialista. Prescinde de xente interesante e prefire homes e mulleres (salvo excepcións) de terceira fila que non lle fagan sombra. O autoritarismo cabaleiresco pode resultar funesto para o PSOE. Pode ser alcalde, pero non o vexo na oposición. E iso marca os probables votos.
Santiago Domínguez presenta un grupo xove. Soubo eliminar calquera pegada do anterior (e desatroso) equipo. Vai pagar polo pasado do BNG e polo apoio absurdo ao PXOM. De tódolos xeitos, non vexo a Santiago DOmínguez como un líder asentado. Pode ser bo xestor de asuntos secundarios (deportes), pero fanselle grandes asuntos de maior fuste.
Soto, con todo, pode sacar o típico voto renuente a PSOE e BNG. E pode ser decisivo. Mamma mia.
Amigo Bouzafría:
Non dubido de que haxa poderosas razóns para que Caballero non convenza.
Mais que si convenza Porro como candidata dá moito para pensar.
E que o BNG teña unha boa candidatura tampouco é, en principio, garante de nada.
Porque quen deciden son os electores, e, se a xente galeguista e de esquerdas que vostede coñece, prefiren hipoteticamente a Porro antes que a Caballero, non podemos logo botármonos as mans á cabeza porque a maioría dos electores prefiran o PP.
Non: Porro non convence nada. E menos aínda o seu equipo, con Figueroa á cabeza. Pensar que poidan ter as mans ceibes durante catro anos en Vigo prodúceme medo. Pero Abel Caballero non é alternativa seria. Ten toda a razón Arume no seu diagnóstico, teña en conta que os socialistas ándanse a matar entre eles, poñéndose podres publicamente mesmo os da propia lista. Polo ben de Vigo desexaría un bigoberno leal entre BNG e PSOE, pero non agacho que as miñas preferencias inclínanse moito máis por Domínguez que por Caballero como alcalde.
E fago miñas as opinións dos meus colegas: Teño a desgraza de coñecer a persoas que van na lista do PSOE en números altos: teñen idéntica ideoloxía que as do PP, pero alo menos estos non son hipócritas.
Si, o diagnóstico de Arume semella moi atinado.
Por outra banda, non teño datos para confirmar ou rebatir o que di, amigo Bouzafría, de certas persoas que van na lista do PSOE.
En todo caso, espero e desexo que na lista do BNG non vaia ningún dos que, amparados na turbamulta asemblearia, tentou linchar a Gómez Valadés hai poucos días. Porque, de ir, dígolle sinceramente que me merecen tanta ou menos credibilidade como a que a vostede lles dá a eses do PP ou do PSOE.
Non creo, amigo APC. A xente que forma parte do sector duro dos partidos tende a ser interesante para dar batalla nas asambleas, pero para poñer en fotos cara a galería e as eleccións dan mala imaxe. Os propios do partido o saben e buscan os rostros máis amables. Eles, os quintaesenciais (que en tódolos partidos, asociacións e sindicatos hai), nunca se presentan, porque xamáis sairían (agás nas listas pechadas que eles mesmos organizan). Gustan, logo, de andar tocando as narices e de marcar camiños aos que se presentan e, cando as cousas se torcen, son os primeiros en pedir cambios necesarios.
Nun respiro, informe de urxencia sobre o pedido. Con gusto e regusto.
Adquisicións fadistas: "Esta voz que me atravessa", Mafalda Arnauth; "Esta coisa da alma", Camané (con referencias clásicas de poderoso peso canto á autoría das letras: Antero de Quintal, Fernando Pessoa, Edmundo Bettencourt, entre outros); "Â flor da pele", Joana Amendoeira; "Aconteceu", Ana Moura. Todos pendentes de degustación en canto pasen os rigores inmediatos da avaliación.
Ademais, fóra xa do noso grandioso xénero, dúas grandes sensacións do mercado portugués: ""Você e eu", Teresa Salgueiro -ex-Madredeus- e o Septeto de João Cristal: canción brasileira con sutaque e todo, incluíndo clásicos coma "Tristeza" (do moi grande Vinicius de Morais) e "A banda" (Chico Buarque de Hollanda). Un recompilatorio de José Afonso (estamos no vixésimo cabodano), de dous CDs; pásmense, lido na prensa: disco máis vendido en Portugal á altura da semana pasada. Estes dous xa os escoitei: curiosa a Salgueiro no novo rexistro, grande sempre; canto ao Zeca, imaxinen a sensación do reencontro con cousas que un cantou moito, algunha despois deses vinte anos e ao mellor máis.
Se interesa, podemos falar máis adiante doutras cousas en relación coa viaxe. E da cidade do Porto, enorme exemplo da decadencia dos centros históricos. Saben que está en douscentos mil habitantes e posiblemente aínda baixando?
Municipais: esta enquisa de El Correo presenta tan notables diferenzas con respecto á de Sondaxe que resulta difícil de comentar. Como norma, cada vez leo as enquisas con maior serenidade e escepticismo.
Aquí, nas últimas dúas semanas Orozco estivo traballando duramente o voto conservador. Ha de haber dez días deulle polas Galescolas, un clásico na provincia para alcaldes do PSOE (hai meses fóra o de Foz, ese mesmo insubmiso urbanístico do que terán noticia pola prensa): os nenos de Lugo, seica, teñen que estudar castelán, inglés e ata chinés; tamén galego, claro, pero seica o das Galescolas lle parece algo excesivo ou así. Xa lle contestou Quintana, e o ton pareceume bastante adecuado; estanse a propalar tales parvadas que os panos quentes parecen neste caso escasamente indicados.
Nas portas da Semana Santa realizou -Orozco- pública homenaxe á bandeira (española) diante de representantes do exército. Na propia Semana non perdeu unha procesión nin misa relevante, cousa que non me parece mal, por certo, pero tamén debe saberse.
Teño pouco claro que será o que pode pasar nas eleccións neste concello. Igual lles parece estraño, pero é así. Tenme pinta rara todo, desde os comentarios en voz alta ata os silencios, pasando polas enquisas.
Xa que alguén falou de galeguistas e de esquerdas, non lles vai resultar fácil aos tales votar PSOE, aínda que é certo que no PSOE son máis de esquerdas que o PP, o que abofé non resulta difícil. No que atinxe a galeguistas nin o son uns nin os outros. O de homenaxe á bandeira, (de ¡Paña, claro) é un elo máis nesa tradición, que tan ben exerceu Pacu Lacu.
O pasado luns, luns de Pascua, ían pola rúa do paseo de Auria a insigne deputada Laura Seara e ese valor municipal en alza que se chama María Quintas (por certo, está mellor de morena que co cabelo tinxido dunha cor tirando a louro) a eso das dez da noite falando todo en castelán. Comentáballe ao día seguinte o caso a unha compañeira no traballo e contoume que coincidira pouco antes desa hora nun coñecido bar dos viños na rúa San Miguel coas dúas persoas citadas, e cunha chea de socialistas ourensáns como o subdelegado do goberno, o delegado de Educación, o deputado Fidalgo e outros que non coñecía pero que lle resultaba evidente que eran todos socialistas, e tamén me comentaba o mesmo en relación ao comportamento lingüístico de todos eles.
Ui, qué pecado máis grande e imperdoable: ían falando, entre eles e en privado, en castelán.
Por favor, sexamos algo máis serios.
(E dío alguén que é monolingue galego no 99,99% das ocasións dende hai algo máis de trinta anos)
Non home non, non se trata de que sexa pecado. É un síntoma do nulo compromiso persoal co galego dos cargos públicos do PSOE, o dato significativo era o que aportaba a miña compañeira de que TODOS non falaban outra cousa que castelán, e falaba de todos porque seica boureaban moito.
Si, home, é certo que moitos cargos públicos teñen, no plano persoal, un escaso (e, en casos, nulo) "compromiso persoal" co galego.
Pero o que a min me importa é o "compromiso público". E que este vaia a máis, por suposto.
Coido que, se se pensa ben, metérmonos no plano privado das persoas non é democrático. Penso que que se non discernimos entre o público e o privado, imos aviados.
Ademais todos coñecemos tamén casos de xentes do BNG (e do PP et al.) que, no plano privado, teñen un escaso compromiso co galego. Quizais non aconteza tanto en Ourense, de onde procede vostede, pero vaia a Vigo, por exemplo, e atopará conspícuos nacionalistas que tamén van de viños cos amigos e falan castelán.
E a min o plano privado do políticos, ou dos afiliados dos partidos, non me interesa.
No primeiro parágrafo quería dicir "... moitos cargos públicos do PSOE..."
Pois tenlle o seu aquel, AP-C, sobre todo cando, ademais de ser individualmente persoal, é colectivamente masivo.
Interesa polo que ten de significativo ou suxestivo canto ao carácter ou presumible ambiente ou tendencia interna. Que acaba, ineludiblemente, manifestándose cando -se, mellor- acadan o poder; o poder auténtico, fetén; todo o poder. Meu estimado contertulio, estou ben certo de que vde. ben lembra a longa executoria do felipismo, neses e noutros non moi edificantes ou positivos aspectos; sobre todo desque pasaron as sucesivas primaveras do cambio e se viu que Ciríaco de Vicente ou, verbi gratia, Ceferino Díaz non pasaban a peneira dos que manexaban cociña, algodón ou mango do rodo.
Que lle hei de contar, que lles hei de contar que non saiban, ilustre senado que peitea maioritariamente canas. E isto é todo un falar.
É que hai un malentendido de raíz: non lle podemos pedir a un "socialista ideal-típico" que se comporte como un "nacionalista ideal-típico". E viceversa.
Criticar que un socialista é pouco nacionalista, é como criticar que un do PP é pouco esquerdista.
Un socialista non é un nacionalista. Daquela, de que nos estrañamos?
(Celebro, amigo González, que estea xa libre da tediosa corrixenda de exames)
Non, ai, aínda quedan dezanove.
Polo demais, eu nin me queixo nin me estraño, só digo. Non é obriga ser galeguista, pero cando un declara ou pretende que pareza, non está de máis que outro puntualice.
Así, ao mellor, evitamos algunha suposición infundada ou sorpresa desagradable. Un ai futuro ou tarde piache, vaia.
Porque a cosmética electoral, en xeral o adubío político e posta en escena, é a caraba. No último e de momento, o señor alcalde desta miña cidade, dá clases.
Non será obriga ser galeguista, pero parece que algúns votan aos partidos en función de se falan ou non galego os seus dirixentes. E claro para eles só o BNG os pode representar, sexa cal sexa a idea do BNG sobre outros asuntos interesantes da política e mesmo sexa cal sexa a súa competencia nos temas que se tratan. Ou sexa unha especie de patente de corso que en determinados ámbitos funciona.
Por certo, velaí o enlace para que poidades ler a entrevista con Santiago Domínguez que aparece na Voz de Galicia de Vigo. O titular é "Teño moitos amigos que non falan galego; non elimino a ninguén": http://www.lavozdegalicia.es/ed_vigo/noticia.jsp?CAT=111&TEXTO=5707616
Unha maldade para acabar: onte nunha entrevista en televigo dixo o amigo Domínguez "chivo escapatorio". Para Manolo Rivas, que lle gusta coleccionalos.
Maxistral o de "chivo escapatorio".
Eu de vostede, amigo Arume, consideraría seriamente o voto e, se é este o caso, decantariame sen reparos por Santiago Domínguez. A vostede que, dalgún xeito, traballa coa lingua, non se lle pode escapar tamaño achado terminolóxico.
Pois miren, o do galego conta, madia leva a contar, sobre todo en convocatorias electorais lexislativas e sen ser materia irrelevante noutros comicios.
Notoriamente, hai xente que vota un grupo sempre, e ás veces sustenta a súa opción en detalle ben particular. Se o candidato vai ou non á misa, por exemplo; se o presenta Zapatero, é outra opción. Son probablemente millóns de votos -aquí, aló- e decántanse diga o que diga o grupo respectivo con respecto a outros asuntos, ou á marxe de que tales condicionantes ou elementos da vida cotiá merezan o favor dunha mirada.
É peor a galiciana lingua como factor desencadeante? Home, a min non mo parece. E no caso de considerarmos a motivación singular como anomalía ou atraso, a presente resultaría máis ben inocua en comparanza coas outras: non lles sei se serán/seremos moitos miles os impelidos por tal pensamento ou impulso cordial.
Xa lera a entrevista de La Voz. Santi Domínguez sabe ben onde pisa, se me permiten a metáfora sen moitas rexouba. Por outra banda, sen pretender consideralo unha eminencia en expresión lingüística supoño que aquela foi lapso inconsciente; debo supoñelo, e non por causa partidaria senón en virtude de respecto á formación profesional: é mestre. Iso non é coartada, pero eu, cando podo supoñer ben, normalmente tento facelo.
Xa marchaba, pero encontro isto: http://www.vieiros.com/nova/57583/marta-souto-sera-a-nova-directora-xeral-para-o-deporte, e paréceme relevante achegalo como dato.
O certo é que xa me tarda a dimisión e relevo de Domínguez; parece cousa lóxica, a máis de bo aceno de cara ao electorado o de concorrer aos comicios sen paracaídas. Seica non pensan igual nin Abel Caballero nin Vicente Irisarri.
Se len hoxe, teñan boa noite. Se mañá, xa falaremos, aínda que non sei cando. Os dezanove exames seguen aí.
Respecto ao compromiso público co galego que di ser o que lle importa ao señor Anónimo Político – Cultural o PSOE non sae precisamente ben parado. Falaba de Vigo e de militantes nacionalistas que en privado teñen escaso compromiso o galego, non poño en dúbida que máis de un, de dous e tres haberá, de feito hainos, pero seguro que non escoita nunha cafetaría de Vigo a un grupo de cargos do BNG falando castelán. No mesmo Vigo do que fala, O candidato do PSOE, Abel Caballero fai o mesmo uso do galego que a candidata do PP, Corina Porro, e dicir, máis ben pouco.
Para min o que pon en claro o comentario sobre os usos lingüísticos dos cargos públicos socialistas ourensás é o “galeguismo” do partido á vista do compromiso coa lingua dos seus cargos públicos. Se o compromiso público co galego ao que se refire o señor A. P. – C. é só cando teñen un micro ou unha cámara diante (e para iso pouco, caso de Caballero ao que facía referencia) ao final é so un uso litúrxico coma o latín dos curas.
Non penso que se trate como di o señor Anónimo Político - Cultural que non lle podemos pedir a un “socialista ideal-típico” que se comporte como un “nacionalista ideal-típico”, ou viceversa, a cuestión é que cando non existe ningún compromiso real coa lingua é porque non existe ese galeguismo no PSOE, a menos que aceptemos que galeguismo poida ser calquera cousa que se poña a tal etiqueta por que en ese caso e por ese camiño chegaremos a aceptar como galeguista a ese personaxe que baixo as históricas siglas PG se presenta a alcalde da (La) Coruña. Non lle parece?
O compromiso "real" -non de "boquilla"- do PSOE -non dos seus militantes individuais- co galego ten algunhas expresións claras que, se cadra, se deben lembrar por aquelo de non confundir as cousas:
-Constitución Española de 1978: recoñecemento do carácter oficial de catalán, galego e vasco nos seus territorios. Esta foi unha proposta impulsada por PSOE, PCE e CiU.
-Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981: oficialidade e recoñecemento do galego como "lingua propia de Galicia". Os socialistas, e aqueles señores galaxios de "Realidade Galega", algo tiveron que ver neste asunto. O nacionalismo do que hoxe é herdeiro o BNG pediu que se votase "NON" a este Estatuto, grazas ao cal hoxe é Quintana vicepresidente da Xunta de Galicia.
-Lei de Normalización Lingüística de 1982. Todo o mundo recoñece como determinante a achega do Grupo Parlamentario Socialista na redación desta Lei, elaborada en boa parte por Carlos Casares e Ramón Piñeiro, deputados galeguistas independentes nas fileiras socialistas.
-Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2003. Aprobado cos votos a favor do PP, PSOE e BNG.
-Conversión da Dirección Xeral de Política Lingüística na Secretaría Xeral de Política Lingüística. Proposta incluída no programa electoral do PSdeG-PSOE para as eleccións de 2005 e consensuada co BNG no acordo que dá orixe ao actual goberno da Xunta.
-Iniciativas presentadas polo eurodeputado galegos do grupo socialista do Parlamento Europeo, Antolín Sánchez Presedo, para o recoñecemento do galego como idioma de traballo da Unión Europea. Finalmente aprobada a pesar da oposición do PP e dunha primeira votación negativa. Camilo Nogueira desacredita a iniciativa dicindo que o galego xa é oficial na UE por selo o portugués.
-Uso por parte do Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, do idioma galego por vez primeira no Comité das Rexións da Unión Europea.
-Uso por parte do Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, do idioma galego por vez primeira nun Consello da Unión Europea.
-Elaboración e negociación por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia do decreto sobre uso do galego no ensino primario e secundario, que establece un mínimo do 50% das materias en lingua galega, sen establecer máximos. PP e BNG súmanse ao acordo.
-Proposta de reforma estatutaria do PSdeG-PSOE pola que se establece e garante a plena igualdade xurídica, a todos os efectos, entre galego e castelán.
Guste ou non guste, e á marxe de estereotipos e de accións de espionaxe de conversas escoitadas polas rúas e nos cafés, o certo é que en todos os avances habidos nos últimos trinta anos en relación co estatus, rango e promoción social da lingua galega está presente o Partido Socialista. Tamén é verdade que no PSdeG hai xente que fala galego e xente que fala en castelán. Como tamén é certo que o partido con máis votantes galego-falantes é o Partido Popular. E como tampouco é mentira que hai moitos militantes do BNG que na súa vida privada e nas conversas cos seus fillos falan castelán. A Vigo me remito, que é o que máis coñezo. E moitos dos que se esforzan en falar a lingua de Rosalía largan cousas do tipo: "Cho xuro que paseino de puta nai" (frase que podería ser típica de bastantes militantes nacionalistas vigueses).
Xa ven que veño arroutado e rufo da Semana Santa catalá.
Seguro que aló escoitou ben máis catalán en boca de socialistas ca galego entre os seus compañeiros de aquí. Sexa benvido, Leituga. E permita puntualizar algunha cousa innecesaria, por consabida.
Fíxese no moito de institucional que achega e no pouco de persoal e imprescindible. Non falta entre as súas referencias aceno simbólico, puramente puntual e de xornada única. Sen necesidade de entresacar detéctase en bo número de apartados a presenza de instancia compartida e con escaso selo galego (referencia lingüística no texto constitucional do 78); ou allea e asociada (independentes galeguistas, por exemplo) á que non lle faltou nin falta a emenda superior de procedencia partidaria: recurso contra a LNL do 1983, do goberno de González, que vostede elude citar. Elusión así mesmo do proceso que leva á actual proposta de Sánchez Piñón, onde a longuísima e constante acción social de organizacións escasamente relacionadas co PSOE -CIG-Ensino, por exemplo, e eminentemente Mesa pola Normalización Lingüística- debeu ter dabondo que ver, así como o feito de que o PSOE goberne conxuntamente o país, neste momento, con parte nacionalista.
Non, o PSOE de Galicia, de por si e cando só, non ten boa folla de servizo en materia lingüística. Vde. sabe ben cal é o perfil interno en modos e intencións, aspecto nada irrelevante e que agroma con toda nitidez cando sós, insisto.
Entendo a súa intención, Leituga, comprendo o seu empeño e, xaora, disócioo persoalmente desa maquinaria absolutamente inmerecente de confianza en materia lingüística. Dillo alguén que -expectante- louva e aplaude, como paso, o anuncio da Consellaría de Educación, aínda que ningún dos seus fillos galegofalantes se verá xa favorecido por ela na crucial Educación Infantil. E que así mesmo debe matizar: aquela mensaxe do Camilo Nogueira (persoal, que non partidaria) suxeriu potencialidades certas, pero a súa virtualidade político-simbólica era bastante incompleta. Hai, en efecto, xente en Vigo que fala así, e os peores non deben ser os do Bloque; por certo, recoñecerá comigo que tampouco non son os do Bloque os que menos galego falan. Por último: estou convencido de que no nacionalismo se ha revisar a avaliación de Piñeiro, como desde hai tempo se matiza a de Casares; non alcanzo a albiscar se a cousa abranguerá a Conde en vida, iso son outras gaitas; o bo do Benxamín Casal anda tan retirado que xa ninguén se lembra del, a máis de ser no seu día o máis discreto.
Xa ninguén debe falar dos "galaxios", Leituga, agás vostede cando nos lembra as vergoñas e se cadra algún vello combatente en conversa privada; que, en tal caso, resultaría ben menos suxestiva e hermeneuticamente relevante cás conversas anteriormente citadas.
Reitérolle o saúdo e espero lelo máis veces, en canto acabe cos exames.
Concordo co señor González na súa visión da relación do PSOE coa materia lingüística a prol do galego. Hai que ter en conta que todos os actos institucionais que menciona Leituga 1 como exemplos da aposta política do PSOE polo galego teñen lugar nun esceario onde o BNG non era máis cun grupo de presión nacionalista sen a representación política acadada na actualidade. Difícilmente, pois, o BNG puido protagonizar semellante traxectoria. Daquela condición de grupo de presión ven o acoso (polo de agora non derribo) da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde o primeiro momento (desde o mesmo nomeamento de Marisol López) e a decisión de promover as galescolas desde a Vicepresidencia cando tal tema corresponde, ao meu xuízo, á consellería de Educación. Claro que os recelos, por outra parte ben e certeramente explicados por González, cara o PSOE nesta materia poden explicar tal decisión política.
Non comparto a valoración e o alcance que lle dá o señor González ao que el chama "acenos institucionais". Nada menos simbólico, nada menos estrictamente testemuñal que o que aparece publicado no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia. Non se pode equiparar esa literatura, de efectos reais, con simples "declaracións institucionais" meramente retóricas.
Non hai dúbida que o BOE ou do DOG "xeran realidade".
Con todo, é obvio que moitos socialistas (agás casos) non teñen a mesma pulsión persoal a prol do galego que moitos nacionalistas.
É algo inevitable, case, porque son culturas políticas distintas, e iso non debería escandalizarnos.
Todo isto non empece para que, institucional e lexislativamente, os socialistas galegos tivesen unha actitude pulcra... aínda que, como di a canción, "todos queremos más".
Daquela, valoro máis eses feitos, que "xeran realidade", que a mera actitude persoal dos socialistas á hora de tomar uns viños cos amigos.
E igualmente valoro moi positivamente que os socialistas teñan aos nacionalistas como socios do goberno autonómico. É por aquilo dos "pesos e contrapesos": un goberno monocolor socialista ou un goberno monocolor nacionalista non serían do meu agrado. Prefiro que cada un aporte o que ten de mellor e que deixe na recámara o peor. Que de todo hai nesta viña do señor.
Dous ou tres apuntamentos, nun alto da angueira correctora.
Verán, son eu algo escéptico avaliando a virtualidade práctica dos diarios oficiais e materia contida. Segundo dicía Añón,
Se hei de curar con papel,
será do Banco de España.
Aínda que, desde logo, xeran realidade, a pouco que se lles faga certo caso. Puntualizo, logo, que eu dicía "aceno simbólico, puramente puntual e de xornada única" referíndome a intervencións ocasionais ante institucións -tal o Parlamento Europeo- con valor equivalente ao de primeira pedra ignorante de cando virá a segunda e, moito máis, se algún día haberá edificio.
Dicía, e digo, que outras cousas son produto de achega ou asistencia allea; o certo é que o país todo (e en materia lingüística de modo eximio) se viu favorecido polo impulso e esforzo catalán, é un exemplo. Cando o PSOE de aquí tivo poder como tal, ou o representou, a actitude lingüística quedou lonxe, non xa de pulcra, simplemente de presentable. Teño ben presente cando, dun mes para outro, non quedou aquí quen falase galego en público agás, para o caso, Xerardo Estévez; os comentarios irónicos en materia lingüística; a Touriño expresándose en estrito castelán ao presentar as autovías.... E tanta outra cousa, e tanta, e tanta...
Efecto do 23-F combinado coa directriz guerrista? Pois ao mellor; parecer parecía que non fose moito a disgusto. Tempo pasado? Xaora; non houbo ocasión equivalente de comprobalo para agora, e que nunca chegue. Entrementres, a experiencia vivida e o comportamento observado dan pé a suspicacia, cando non a convicción razoablemente asentada.
No tempo evocado, si señor, o nacionalismo presionaba sen máis, a ruptura política interna deixara o Bloque refundado e comezando de novo. Arestora tamén presiona, pero non sen falta de base: o caso que Marisol López lles ía facer aos representantes do BNG na "comisión paritaria" quedou clara desde o primeiro día: "Só respondo ante o Presidente da Xunta"; xa me dirán o que queda despois diso. O das Galescolas xestionado por Vicepresidencia supoño que obedece ao reparto de áreas de goberno; se non é así, non entendo como é posible.
Desculpen o remexido, élles o apuro. Xa falamos.
Ben. Estou disposto a asinar o que di o señor AP-C. Pero de aí non baixo.
No pasado mellor non remexer, amigo González. E non o digo pensando nos socialistas...
Así que "pelillos a la mar".
Déixeme que discrepe: sen pasado non dou ben colixido. Iso si, este tema probablemente xa se remexeu dabondo.
Volvo, logo, á miña cargada fin de semana.
Publicar un comentario