13 abr 2007

O SORRISO DA DESILUSIÓN
La Región 9 abril 2007

A través do cine e os debuxos animados, recuperouse hai uns anos a lembranza de Wenceslao Fernández Flórez, o creador de “O bosque animado” : hai traducción desta novela ó galego, en versión de Xela Arias, en Xerais, na coleccción Xabarín, 1987. Foi un personaxe curioso don Wenceslao, como suliñou Haro Tecglen: cronista parlamentario e home de dereitas, monárquico de “ABC” e, ademais, antimilitarista e partidario do amor libre. E un dos mellores escritores de humor en castelán de todos os tempos, relegado hoxe quizais por estar fóra das modas a literatura de humor e polo pouso do seu conservadurismo, mesmo escribiu –el, que sempre foi alcumado como señorito- unha dura sátira contra a República “de señoritos” (“Aventuras del caballero Rogelio de Amaral”, 1933). Pese a iso, Haro Tecglen, nas antípodas ideolóxicas do escritor, comentaba unha vez a sorte que tiñan os xoves que se achegasen por primeira vez ás súas novelas e relatos, porque así poderían descubrir aínda un auténtico tesouro literario.
Noutros tempos o cine deulle os éxitos merecidos e colaborou coa nova arte facendo diálogos e guións adicionais das súas propias novelas. Desa xeira sairon películas de Rafael Gil, de Antonio Román, de Edgar Neville, Nieves Conde, etc., que marcan toda unha época do cine español: “El malvado Carabel”, “El hombre que se quiso matar”, “Intriga”, “Huella de luz”, “Ha entrado un ladrón”, etc. Da presencia de Fernández Flórez no cine hai un amplo estudio coordenado por José Luis Castro de Paz e Jaime Pena (Festival de Cine Independente de Ourense 1998). Antonio Simón co seu “Fendetestas” e José Luís Cuerda con “El bosque animado” tamén contribuiron a facer medrar ese universo.
Pero quero compartir hoxe con vostedes a miña divertida relectura de “El hombre que compró un automóvil”, novela de 1932, unha visión alucinante do mundo moderno onde o narrador coruñés xoga con todos os rexistros posibles do humor, a ironía, a caricatura, o absurdo, o sarcasmo e a parodia: velaí a crónica do suicidio dun caracol, o episodio contra as urbanizacións de chalés adosados fóra das cidades, a imaxinación desbordante dunha viaxe en tren (por certo, de vacacións á casa dunhas tías en Nogueira de Ramuín), en fin, humor de primeira. Humor como o “sorriso da desilusión”, tal como teorizaba o propio Wenceslao e como lembra nun estudio J.C. Mainer: “O humorista ten que ser a compresión un pouco bondadosa da alma humana, con todo o que hai nela de dor e de pracer, de virtude e malicia. Hai unha frase, que me parece acertadísima, que chama ao humorismo o sorriso dunha desilusión”. A cita de Fernández Flórez non está moi lonxe daquela de Mark Twain que tanto citou Castelao: “Debaixo do humorismo hai sempre unha grande dor; por iso no ceo non hai humoristas”. Aínda que, na obra que citamos, con quen máis dialoga o escritor coruñés é co humor desde o sarcasmo tal como o entendera o Vicente Risco de “O porco de pé” (1928) e “Os europeos en Abrantes” (1927): sería doado facer paralelismos entre o ourensán e Fernández Flórez e fixar múltiples coincidencias ideolóxicas na súa peculiar visión do mundo. Remata a noveliña de don Wenceslao cun apéndice, “Colofón fantástico”, en clave de ciencia-ficción (Verne, H.G.Wells), que mesmo anticipa as novelas e películas de máquinas asasiñas: “O asasiño invisible” (E.Silverstein, 1978); “O díaño sobre rodas” (S.Spielberg, 1972); “Christine” (J.Carpenter, 1983), etc., ata productos televisivos menos violentos como “O coche fantástico”. Si, paga a pena recuperar para os lectores de hoxe a Fernández Flórez.

5 comentarios:

Ana Bande dijo...

¡canto se aprende por aquí! Grazas Marcos por compartir tanto.

Anónimo dijo...

[Chamo a atención aquí sobre un interesante moi recomendable comentario sobre a recentísima novela de Jon Juaristi, autor do que falamos aquí algunha vez. Véxase, sen demora, o seguinte blog: http://manuelharazem.blogspot.com/]

Anónimo dijo...

Séguín esa pista, amigo AP-C, pois o outro día vin na librería a novela de Juaristsi e estiven a punto de comprala. Moi interesante e curioso todo o asunto: o artigo de Núñez Seixas, o relato de Castilla del Pino, o propio artigo de Juaristi... Eu non tiña nin a máis remota idea desa participación vasca na defensa final de Berlín nin, desde logo, das andanzas deste interesante personaxe, o cura Arizubieta.
Por certo, un excelente blog o de Manuel Harazem.

Anónimo dijo...

Unha historia fascisnante (e fascistoide) a do cura Arizubieta, en efecto. E tamén moi curioso o asunto da novela de Juaristi: como "intertextualiza" do excelente artigo de X.M. Núñez Seixas (que tivo unha gran acollida entre moitos intelectuais do País Vasco polos seus descubrimentos que facía dun cura tan trabucaire) e das memorias de Castilla del Pino.

Celebro que lle gustase a pista. Se non o fixo, lea o artigo de Núñez Seixas: non ten desperdicio.

Anónimo dijo...

Gardeino no ordenador. Cando teña algo de vagar, lereino. Tamén teño para ler as "Memorias" de Juaristi.

Por certo, señor Valcárcel, no último número de "Revista de Libros" aparece un comentario de Enric Ucelay-Da Cal sobre a recente reedición por Destino de "La Segunda República", de Josep Pla. Hai no artigo algúns comentarios sobre Fernández Flórez e Julio Camba que lle poden interesar.