15 abr 2007


Primo Levi (Pan por Pan 13 abril)

Cumpríronse 20 anos da morte de Primo Levi, vítima do nazismo, testemuña indeleble do alegato contra o Holocausto. Na súa lembranza, estes seus versos:
Se isto é un home/ os que vivides seguros / nas vosas casas caldeadas/ os que vos topades, ao volver pola tarde,/ o xantar quente e os rostros amigos: / considerade se é un home/ quen traballa na lama/ quen non coñece a paz/ quen loita pola metade dun panciño/ quen morre por un si ou por un non. / Considerade se é unha muller/ quen non ten cabelos nin nome/ nin forzas para lembralo/ baleira a mirada e frío o colo/ como unha ra invernal. / Pensade que isto aconteceu: / Encoméndovos estas palabras. / Gravádeas nos vosos corazóns/ ó estar na casa, ó ir pola rúa,/ ó deitarvos, ao erguervos;/ repetídeas aos vosos fillos. / Ou que a vosa casa se derrube,/ a enfermidade vos imposibilite,/ os vosos descendentes vos volvan o rostro.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Hai uns poucos meses, fixera eu un amplo comentario sobre Primo Levi nesta mesma bitácora. Por aí andará no arquivo.

Sería moi pretencioso pola miña parte recuperala. Pero vaia aquí o meu recordo para unha figura insustituible na historia contemporánea, de quen tanto aprendimos e de quen tanto aprenderemos. Sempre.

Anónimo dijo...

Vou ser eu quen poña esa intervención de AP-C, con permiso de todos.

..................................................
Quixera, para finalizar e para non cansalos, falar moi brevemente de Primo Levi. Hai moitas obras testemuñais e de reflexión sobre a entidade do Holocausto e dos xenocidios. Moitas, e case todas dignas de mención. Pero as obras deste xudeo italiano que, capturado pola milicia fascista a finais de 1943, deu sobrevivido ao exterminio nazi (en especial a súa triloxía de Auschwitz: “Si esto es un hombre”, “La tregua” e “los hundidos y los salvados”, as tres traducidas en Muchnik Editores), son das máis capitais para “entender” o Holocausto e recoméndoas moi vivamente. Tal é así que Tzvetan Todorov (“Memoria del mal, tentación del bien. Indagación sobre el siglo XX”, Barcelona, Península, 2002) non dubida en falar do “século de Primo Levi”. Especial interese ten o que Levi chama “a zona gris”, termo que utiliza para penetrar con inusitada clarividencia na esencia do mal e na natureza humana en situacións extremas e os seus comportamentos (a vida e as relacións humanas no “lager”). Primo Levi, como di Todorov, “non vocifera, senón que fala a media voz, sopesa os pros e os contras, lembra as excepcións, procura as explicacións das súas propias reaccións. Non ofrece para os feitos do pasado explicacións estrondosas nin adopta as entonacións do profeta directamente conectado co sagrado; fronte aos extremos, sabe permanecer humano, sinxelamente humano”. E así é. En palabras do propio Levi: “… antepoño a xustiza ao odio. Por esa mesma razón… usei a linguaxe mesurada e sobria da testemuña; non a lamentosa linguaxe da vítima nin a iracunda linguaxe do vengador: pensei que a miña palabra resultaría tanto máis crible canto máis obxectiva e menos apaixoada fose; só así a testemuña cumpre nun xuízo a súa función, que é a de preparar o terreo para o xuíz. Os xuíces sodes vós”.

Leamos, pois, a Primo Levi, un bo antídoto contra os totalitarismos e os xenocidios que, en efecto, aínda están aquí entre nós. Porque, como el mesmo nos recordou, “Un oprimido pode convertirse nun opresor. E a miúdo faino”. Nós somos os xuíces e debemos condear activamente a todos os opresores, de todas partes, de todos os signos, con todas as nosas forzas.

Boa noite a todos.

Anónimo dijo...

Gusto de reler aquela reseña do AP-C. A ela permítome engadir a novela "Cristo si è fermato a Eboli", publicada no seu día por Xerais ("Cristo parou en Eboli"), expoñente do neorrelismo e sobre a cal Francesco Rosi realizara no seu día un filme ben do meu gusto, con Gian Maria Voloté, Lea Massari, Irene Papas e outros.

Novela e película probablemente serán recomendables para entrar na cuestión do Mezzogiorno ou Italia como dualidade en termos sociais e económicos. Hai que posiblemente, aínda nese sentido, haxa máis de dúas italias.