Rigorosa exclusiva: Premios da Crítica
Sairá mañá nos xornais, pero voullelo adiantar ós meus lectores/as. Reuníronse hoxe todos os xurados dos Premios da Crítica de Galicia, no Balneario de Mondariz.
Tocoume no de Creación Literaria e podo anunciarlles xa que o gañador foi a extraordinaria novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal, cunha mención ademais para o poemario Parábola do incrédulo, de Manuel Álvarez Torneiro.
Se non estou errado, noutras categorías houbo premios para Francisco Sampedro, Ricardo Gurriarán, Os Xérmolos de Guitiriz e o programa musical Alalá, da TVG. Noraboa a todos eles por tan merecido galardón.
E podo engadir, cheo de orgullo, que, non sei cómo nin proposto por quén (entereime de esguello no xantar posterior), estivo a debate no apartado de Iniciativas Culturais este humilde blog, As uvas na solaina, que facemos entre todos e todas nun clima de tolerancia e bonhomía. Aínda que desta vez non caiu o premio, é evidente, como xa temos falado outras veces, que hai moita xente que nos segue e nos escoita con atención. Graciñas a todos e todas.
Sairá mañá nos xornais, pero voullelo adiantar ós meus lectores/as. Reuníronse hoxe todos os xurados dos Premios da Crítica de Galicia, no Balneario de Mondariz.
Tocoume no de Creación Literaria e podo anunciarlles xa que o gañador foi a extraordinaria novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal, cunha mención ademais para o poemario Parábola do incrédulo, de Manuel Álvarez Torneiro.
Se non estou errado, noutras categorías houbo premios para Francisco Sampedro, Ricardo Gurriarán, Os Xérmolos de Guitiriz e o programa musical Alalá, da TVG. Noraboa a todos eles por tan merecido galardón.
E podo engadir, cheo de orgullo, que, non sei cómo nin proposto por quén (entereime de esguello no xantar posterior), estivo a debate no apartado de Iniciativas Culturais este humilde blog, As uvas na solaina, que facemos entre todos e todas nun clima de tolerancia e bonhomía. Aínda que desta vez non caiu o premio, é evidente, como xa temos falado outras veces, que hai moita xente que nos segue e nos escoita con atención. Graciñas a todos e todas.
(De agasallo vai unha foto de Manuel Rivas, iso si, un pouco máis noviño, como é obvio)
34 comentarios:
Noraboa a Manuel Rivas. Aínda non lle lin a novela, pero deste verán non pasa. Como está escrita por el, estou seguro de que o premio é absolutamente merecido, como todos os que lle están caendo.
Noraboa tamén ao meu amigo Paco Sampedro. Non sei aínda que foi o que lle premiaron. Supoño que será unha desas comunistadas filosóficas nas que anda (talvez a da "violencia excedente"), pero dáme igual. Alégrome moito por el, que é un bo rapaz.
Gaudeamus igitur. Sen ningún tipo de intención excluínte; a ocasión ben merece unha frase ilustre.
Noraboa a todos os premiados e a nómina tería sido máis completa de estar tamén "As uvas na solaina".
Parabéns a todos os premiados, con mención especial a Manuel Rivas.
E concordo, como non podía ser doutro xeito, coas xustas palabras de Amigo.
Pois si, Manolo Rivas ben merece o premio por moitas cousas. Sobre todo por boa xente desde que de bolseiro levara no coche a Margarita Ledo a Portugal alá nos avoltos tempos do rei que rabiou.
E pola reivindicación de Casares Quiroga, tan doestado polo pensamento oficial nacionalista galego e franquista.
Ademais tamén polo fermosísimo discurso que ha dicir o día da recepción do premio en Vigo. Que se grave. Que o transmita a TVG en directo. Non todo van ser galas de cantantes.
Sr. Ribas -viva a etimoloxía- Saúde e grazas por existir e ser así.
Rivas merece todos os premios que poida haber. Non só pola súa extraordinaria última novela, senón pola súa carreira completa, un exemplo ben admirable do que debe ser un artista do seu tempo. Etxeokeai celebra a súa reivindicación de Casares; eu, a ubicación do anarquismo no mapa político da Galicia republicán. O grande esquecido.
E, Amigo Valcárcel, non desespere: para a vindeira. Está obrigado. E nós a vostede por todo o que está a facer.
Tampouco foi doado, non pensen, chegar ata ese premio a M. Rivas. Só lles podo dicir (son obvias as razóns) que eu o defendín dende o principio ata o final e quizais con contundencia: dixen alí (algo así está na acta) que OS LIBROS... é unha das grandes novelas galegas das últimas décadas, que enlaza co fío narrativo de Blanco Amor e subsume os mellores valores dos autores da NNG, e unha gran novela europea do noso tempo. Como o penso.
E para complementar a penúltima entrada de Arume, unha pequena lembranza a outra boa novela, doutro amigo, "As rulas de Bakunin" de A. Riveiro Coello, quizais a primeira que con certo peso abordou a historia do anarquismo en Galicia. E tamén é certo que lembro, creo que algúns meses antes do libro do limiao, un artigo de Rivas chamando a atención sobre a necesidade de levar ás nosas letras o mundo do anarquismo.
Así o conta hoxe, GALICIA HOXE:
O último xurado en dar a coñecer a súa decisión foi o de creación literaria, cuxos compoñentes acordaron por maioría simple darlle o galardón, tras un intenso debate, á obra do escritor Manuel Rivas Os libros arden mal, por considerala "unha gran novela europea que resume os mellores valores da narrativa galega contemporánea". Na acta recóllese que o corpo narrativo da novela "constitúe un universo que conxuga a fermosura literaria das súas páxinas cuns eixes temáticos e emocionais que nos enfrontan coas coordenadas do fascismo hispano e europeo e invita a unha reflexión inevitable". Este mesmo xurado realizou unha mención especial a Parábola do incrédulo de Manuel Álvarez Torneiro pola "profundidade emotiva e a mestría de expresión do seu autor". Consideran que este poemario "de madurez plena que constitúe unha longa visión elexíaca da existencia".
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=160650
Nos dous aspectos aquí referidos (Casares e anarquismo) Rivas actúa como coruñés, dada a transcendental importancia de ambos factores nas décadas vinte e trinta do século pasado. En tal sentido, estirar ambos ata o ámbito nacional non resulta, dese o meu punto de vista, totalmente atinado, porque o caso da Coruña é peculiar.
Por suposto que non nego a procedencia de reivindicar a don Santiago, sobre todo como figura representativa dun certo perfil político e ideolóxico. Nin a de situar o anarquismo no mapa político da Galicia republicana; lembremos, por certo, o ámbito espacial d'"As rulas de Bakunin".
É curioso que no mundo narrativo de Rivas non teña cabida o galeguismo, con núcleo fundacional potente na Coruña; supoño que se debe á sen dúbida menor implantación social e electoral, e probablemente tamén a circunstancias persoais e sentimentais do propio Rivas.
Por certo: pode ser dura de levar esa referencia coincidente -en mensaxe anterior deste fío- a nacionalismo galego e franquismo, "pensamento oficial" mediante. Diría eu que leva intención e se non è vero...
Por certo, amigo Valcárcel, xa sabe o afeccionados que somos os galegos a dimes e diretes.
El non podía, sen descubrir cartas alleas, contar algo máis das "interioridades" do galardón de literatura?
Parabéns tamén a Xesús Rábade Paredes por obter o premio Blanco Amor.
E igualmente a Xavier Navaza e a Manuel Rivas (vaia carreirón leva a súa novela!) por obteren o premio Losada Diéguez en cadansúa modalidade.
(Por certo, que os concellos que patrocinan o Blanco Amor aporten individualmente tan só 360 euros, é dunha cutrez abraiante)
Ás veces, ser candidato a un premio é en si mesmo un premio tamén. Rivas merece cantos premios haxa, si señor! E ti Marcos tamén! Fíos invisibles neste caso tamén que o premio chega no momento no que Rivas está en Bos Aires. Apertas e Parabens!
APC: creo que se trata de Gonzalo e non Xavier Navaza. Gonzalo, aparte de escritor de éxito, é onomásticólogo (se se di así) e por ise traballo lle deron o premio.
Por qué é curioso, amigo González, que a obra de Rivas non teña cabida o galeguismo? Cales son esas circunstancias persoais e sentimentais que impiden a Rivas adentrarse polo proceloso camiño do galeguismo? Sorprendido estou con esa afirmación.
"na obra" quixen dicir. Perdón pola errata e pola fe de errata.
Grazas, Arume, trabuqueime de nome. Gonzalo, por suposto. É que, ás veces, cométense erros... e tánatos.
Amigo, APC, non me tire da lingua, que non podo nin debo. Só dicirlle que houbo un longo debate, división de opinións e varias candidaturas (máis que as citadas na acta). E ten razón na cutrez dos 360 euros por concello do premio Blanco Amor: é a cutrez propia deste país e as súas institucións que seguen pensando que a cultura é cousa gratuíta e de pouco interese. E grazas que o premio sobrevive, que houbo momentos en que se pensou que desaparecería...
Xa me temía unha resposta así por parte súa, amigo Valcárcel. É o que ten ter tan pouca malicia: gañase en bonhomía pero pérdese en maledicencia.
Pero, amigo Valcárcel, sen comprometer a súa proverbial bonhomía, podería contar que criterios foron os que puideron arrebatarlle o merecido premio a Rivas (seguro que outros tamén o merecían, xa se sabe).
Pero creo, se non me trabuco, que a curiosidade malsán de APC (que comparto) preguntaba por se houbo algún comentario improcedente(político) non a favor (permítaseme a litote) de Rivas.
Ei, ei, que o meu era só por enredar.
O galeguismo está presente na obra de Rivas. Aquí só me refería a "Os libros arden mal", aínda que se cadra o podiamos ampliar a outras obras situadas na época: "A lingua das bolboretas", máis coñecida probablemente como película ca como libro "Que me queres, amor?"; e tamén en parte a "O lapis do carpinteiro", onde -por caso- do Pintor, galeguista de seu, tal condición supoño que carece de función literaria explícita.
Libre me vexa, ao respecto, de suxerirlle ou criticarlle nada ao Manolo Rivas, sabendo como sabemos que algunha vez ten lido, e posiblemente siga lendo este blog. Digo que o galeguismo foi un factor político relevante na Coruña, como xaora o foi A Coruña no galeguismo. Xa indico que se Rivas non o inclúe como factor literario será porque quere realzar o "republicanismo burgués" e Casares, por unha banda, e o anarquismo (popular) pola outra.
Iso pódese deber a unha destas dúas cousas (tamén ás dúas conxuntamente, ou a outras): Casares e o anarquismo eran moi relevantes da Coruña do 1936; Rivas ten na familia, veciños, coñecidos, etc. xente que procede de tales ámbitos e forma parte, dalgún modo, da súa biografía sentimental. Son suposicións; algunha se cadra gratuíta, pero dubídoo, tendo en conta a presenza de Elviña n'"Os libros...". Como for, certezas non as teño.
Non, a respecto do que apunta Arume, quero que conste que non houbo ningún comentario improcedente, de ningún tipo, a propósito da obra de Rivas e todo o mundo recoñeceu a súa excelente calidade literaria. Había outras obras importantes, sen dúbida, e o debate xirou arredor da pertinencia duns ou outros criterios para adxudicar o premio, vencendo ó final, niso rematamos todo de acordo, o criterio da calidade literaria por riba de calquera outra opción posible.
Aclarado. Aínda que, como curioso impertinente, queda implícito no seu comentario, amigo Valcárcel, que hai outros criterios distintos da calidade literaria para outorgar un premio literario. É así?
O Pintor de "O lapis..." é, como saberán todos vostedes, unha sentida homenaxe a Camilo Díaz Baliño. Daquela, o galeguismo si que está presente.
En todo caso, ausente ou presente esta ou aquela alternativa ou ideoloxía, o importante é a calidade literaria, non se hai ou non un catálogo completo de partidos, ideas ou personaxes.
Sospeita que supoño, AP-C, logo do dito excluída no que me toca. Ou?
De todos modos, ollo. Como se sostiña nas vangardas, o valor dunha obra de arte é o que teña de artístico. Pero se o tema é histórico, por caso, resulta bastante razoable que falemos de historia.
Pois eu creo que por moita historia que lle botemos, un libro de ficción é un libro de ficción. Mesmo a historia o é, por moita convención de verosimilitude ou, mellor dito, de veracidade que quereramos botarlle.
A razón que lle falta, Arume, ten dimensión microscópica. Non esquezamos, así e todo, que aquí se está a suscitar unha reparación a Casares Quiroga; e iso, historia é.
Eu creo que a reparación de Casares ven despois, por fóra do libro. No libro hai, ao meu xuízo, unha fixación nese persoaxe porque outorga simbolismo á confrontación abismal entre o poder ilexítimo das armas, da xenreira e do lume enceso e un home de estampa fráxil, tildado ademáis de cobarde (entre outras aldraxes) pola súa mesma hoste. Porque esa persoaxe, eminente, sen dúbida, é unha máis das moitas víctimas, tomadas de un a un, dun sistema fascista. O que quere plantexar Rivas é a usurpación moral, persoal, que supuxo a violenta conculcación política dun réxime democrático.
Concordo con esta apreciación, tan atinada, de Arume.
Hai máis matices, penso. Tan importante é narrativamente, por exemplo, a figura da filla coma a do pai. María Casares é o elo que relaciona A Coruña burguesa e republicana coa popular e, aquí, anarquista. Por outra banda, as condicións de crianza e educación da rapaza din moito sobre o perfil social e histórico que representa o pai: ciencia e ilustración.
No xogo de dicotomías non é irrelevante a simboloxía do lume, os seus axentes (queimadores) e pacientes (propietario eminente de obxectos queimados).
Pero é obvio, tamén, que a historia está aí. Por moito simbolismo que haxa.
Concordo en que a novela de Rivas é unha das grandes obras da narrativa galega contemporánea. Só por iso, era merecente dos premios que levou. Verbo da pertinencia de reivindicar a memoria de Casares Quiroga, teño aí as miñas dúbidas. É discutíbel dende unha posición galeguista. O repúblico coruñés foi un paradigma de ascensión dende o ámbito do poder local ao estatal en tempos da II República (cando á política madrileña chegan unha chea de "provincianos", no bo senso da palabra), mais de oportunismo político e de camaleonismo asemade. Alguén que fixo o posíbel por atrancar o proceso autonómico galego mentres non tivese seguro que el sería o presidente ou cando menos o que manexaba os fíos da Galiza autónoma? (endalí que os galeguistas tivesen que o "puentear" para acudir directamente a Azaña). Alguén a quen lle montan un golpe de Estado nos seus narices e non reaxe a tempo? Sinceramente, unha cousa é a condición de perseguido e exilado, e outra o reivindicar dende o galeguismo a Casares. Pero como aquí todo vale e todos son retrospectivamente bos e xenerosos, pois moi ben. Ao mellor ata falaba galego na intimidade.
Desde o galeguismo, desde a esquerda, desde calquera lado a figura de Casares é digna de crítica. Ninguén o puxo en dúbida. Como lle acae, por outra parte, a todo o mundo (Indalecio, Azaña, Largo, Filgueira Valverde, Otero, estes galeguistas, que sairon noutros posts). Pero neste caso estamos a falar da novela de Rivas onde ese asunto preséntase ou ben como central, como afirma González, ou ben coma simbólico ou sintomático (xa que son os libros de Casares os que sofren a queima) da represión no instante do levantamento militar. O que se está a reivindicar é que un home, non precisamente de esquerdas (un señorito de Coruña), non precisamente galeguista, non precisamente dos máis radicais (de aí a condea explícita de traizón), tamén puidera ser obxecto dos foleóns infames do golpe de estado. Como decía Quevedo: "yo no te lo canonizo", pero a súa vida ben pode ser motivo de literaturización eminente como é o caso da novela de Rivas polas ricas contradiccións e ambigüidades que pode amosar e de feito amosa.
Moito me gusta polo ben que se explica. E moito xabón lle dou eu ultimamente, aínda que non sei se estou dacordo no que vde. di que eu considero "central"; non acabo de precisalo.
Alégrome de que o Isildur lembre aquí outro asunto que ten a súa relevancia: resulta difícil considerar a Santiago Casares Quiroga (non por nada, supoño, chamado "Casaritos") un xenio da política ou ollo de lince.
Publicar un comentario