3 may. 2007

Comboio
(Bieito Iglesias, El Correo Gallego, 3 maio)


Por volta destas datas -arredor do 25 de abril- acostuman celebrarse recordatorios varios da Revolución dos Caraveis portuguesa e non faltan, como é de lei, os cabodanos musicais en memoria de José Afonso. Un dos meus temas preferidos, dentro do repertorio do cantor, é aquel que di: "No comboio descendente ía toda a gargalhada..." Tal vez porque actualiza un fascinio infantil polo tren, que vén das primeiras viaxes con partida nun andén de Ourense-Empalme e destino na vella estación do Norte madrileña. Cada etapa desta odisea tiña a súa graza. Primeiramente abría a boca admirando o teito do edificio da estación ourensá, pintado con frescos folclóricos que evocaban cabaceiros, mulleres vestidas con dengue e muradana, homes de polaina e monteira, un enxebrismo falsario que me seducía xusto porque eu coñecía o campo galego e achaba aquelas estampas rústicas tan exóticas como os indios emplumados de América que cabalgaban nas enciclopedias ou nas tapas das novelas de vaqueiros.
Logo viñan as soidades mesetarias, as chairas de trigo rateño (cativo) con mapoulas que contemplaba de día, e a vista forzada de noite por se vislumbraba a través da ventaíña (entre as sombras de aciñeiras en fuga das devesas) un fato de touros máis bravos que o morucho de Osborne. Xa en Madrid, agardaba o oso polar do parque de feras do Retiro e a cama con sobreceo de Isabel Clara Eugenia no Escorial.
Todos estes gozos experimentados nos camiños de ferro (incluso no celuloide, botando carbón á paila con Buster Keaton, o maquinista de The General) precipítanse no pozo negro da desventura e da neglixencia dos xestores públicos, cando temos que enterrar vítimas duns anacrónicos pasos a nivel con ou sen barreiras. Nas últimas décadas, os sucesivos gobernos centrais presididos por González e Aznar deron en retirar estas ciladas mortais a paso de boi, a un ritmo tan pousón que aínda é hoxe o día en que moitos cidadáns arriscan o pelico ao atravesar as vías, como se cruzasen a Estixia infernal e tal que se os coches fosen barcas de Caronte.

14 comentarios:

Xosé M. González dijo...

Os clásicos para algo son clásicos. E o devir histórico do país segue ben suxerido por un poema de dezaseis versos. "A tea dos teus soños non se move".

Aínda que xa non aren bois, o pousón preside tantas cousas no país... Díaz Castro era un fenómeno.

Non, non estou derrotista, talvez algo evocador. Que o Leituga non diga...

Xosé M. González dijo...

Hai tanto tempo que non vou en tren, que nin sei ben os que pasan por Lugo. Coñezo que non podo ir, por vía férrea a Ourense nin a Santiago; ben, minto: poder, podo ir, pero vía Monforte ou A Coruña cadanseu, e con transbordo.

Nos tempos diversas veces aquí evocados, volvera eu un domingo para Santiago desa maneira; nevara tanto que era a única maneira de facelo. O tren ía atoado e a paisaxe era magnífica; a Terra Cha tiña alfombra verde toda ela e a neve chegaba, se non lembro mal, a Oza dos Ríos: de Cesuras pasaba.

De que boa gana faría algunha viaxe en tren sen présa e por lecer! Algunha excursión de verán, poño por caso. Pero o mesmo traslado á Coruña adoita ser bastante incordio.

Xosé M. González dijo...

A Terra Cha tiña aquel día, notoriamente, alfombra branca. Verde teña habitualmente, e no outono fermosos tapices en diversos tons de ocre.

A Terra Cha é fermosa; e eu un descoidado. Ningunha das dúas cousas resulta novidade.

Etxeokeai dijo...

O tren, o tren...
Seductor sempre ao ollos dos nenos. Hai uns aniños fun de Ourese a Monforte nun deses de carbón -cousa da asociación de amigos- e resultou evocadoramente sentimental... A maoría dos presentes traballaran na Renfe... foi moi fermoso.

O dos pasos a nivel. O dos garda raís e os motoristas... Cómpre cambialos, claro. Pero non podemos botar sempre todo o farelo no saco do veciño. Hai que andar con ollo, pasar con coidado, non adiantar un tractor e pasar sen mirar... Hai que andar a modo na moto... Cando un se esnafra contra o gardarail é que caeu da moto antes... e algo terá que ver a velocidade e o xeito de conducir... Hai que adaptarse ás circunstancias... Se chove, á estrada mollada, se neva, á neve... Se hai un cruzamento, parar e mirar. Se hai un paso a nivel, pois parar e mirar... Non podemos facer do individuo un irresponsable traspasando todo "ós demais". É durísimo, pero a hai que andar con ollo. Claro que hai que eliminar os pasos a nivel, claro... pero a xente ten que ser máis respònsable. En fin. Maldita sorte mala.

Xosé M. González dijo...

É certa unha cousa: a miúdo a persoa quere dimitir da súa responsabilidade. E non é así; a xente, o pobo, o electorado, non é un conxunto de meniños aos que haxa que ter permanentemente contentos.

O sistema democrático é outra cousa. O estado de benestar tamén.

Teñan todos boa noite.

arume dos piñeiros dijo...

Etxeokeai: tamén eu fun, hai ben pouco, de Monforte a Ourense nun deses trens antigos nunha excursión dunha asociación de amigos do tren, á escalofriante velocidade de 30 por hora. A paisaxe do Cabe, do Sil e do Miño a ese ritmo un día de comezos de verán foi inesquecible.
O meu curmán é maquinista: onte mesmo contaba os seus tristes casos de mortes na vía, algúns deles sin tan siquera darse de conta, e perdón pola crueza, ata chegar a estación seguinte e ver os restos espallados pola proa da máquina.

a.p.-c. dijo...

Ah, aquela canción mítica de Andres Dobarro: "O tren que me leva pola beira do río...".

Etxeokeai dijo...

Sr.APC... A canción de Andrés do Barro -letra do seu íntimo amigo Xavier Alcalá- figurou no top español como primeira varias semanas alá por 1965, tempo de Los Sirex, Si yo tuviera una escoba e Que se mueran los feos... Un motivo para a reflexión.
Creo que este "triunfo" do top, hai que valoralo no que foi. Desde logo non tanta "autoxenreira" como sempre se di.
Se cadra pasou que os impulsores dominantes da nosa cultura popular -como era Alcalá, de feito con esta intervención-, deixaron paso a outros impulsores pero da Cultura Nacional-Popular (U-A, tra-la-ra-la-ra-lá, o pobre Suso Vaamonde, etc.) e cagámola, con perdón da súa cara.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

No blog da Regueifa (http://aregueifa.blogspot.com/) hai unha lista de éxitos do ano 70. O comentario do propio blog é elocuente: "Como moit@s xa sabedes, a finais de maio ou comezos de xuño sairá á rúa un disco tributo a Andrés Do Barro no que máis de vinte bandas galegas levan ao seu terreno os seus clásicos. Vai ser un disco bastante especial, histórico, por moitos motivos así que para ir quentando o ambiente retomamos esta sección a modo de conta atrás até que saia o disco ao mercado.

E comezamos con esta listas dos máis vendidos na que fica ben claro quen cortaba o bacallao en 1970, sendo número 1 el mesmo -algo que conseguiria en varias ocasións- pero tamén colocando nas listas aos que o versionaban e imitaban, coma Andee Silver no 37 co seu Teño Saudade e Juan Pardo e María Ostiz no 10 e 12 respectivamente. Con estes fan catro os temas cantados en galego entre os máis vendidos no Estado en setembro de 1970, algo inimaxinábel hoxe en día. A verdade é que esta lista sintetiza ben a importancia da súa obra e o seu papel fulcral nos inicios do pop en galego."

a,p.-c. dijo...

De acordo totalmente con Regueifa: Andrés Dobarro is the One!

(Non sei por qué, pero sospeito que o señor Etxe no ano 1965 aínda había pouco que abandonara os cueiros)

Etxeokeai dijo...

Sería porque A.P.C. estaría Afacéndose á Primeira Comuñón, se cadra.

Etxeokeai dijo...

Anyway, recoméndolles
http://www.ghastaspista.com/historia/

Aí temos un pouco de memoria prestada da música galega deses tempos.

Etxeokai dijo...

Pois a ver se cos indicación do périto se pon a xeito a cousa

Merton
saúde

Etxeokeai dijo...

Deixenme facer outra proba ao enlace de Ghasta pista história, a ver como vai a cousa e logo dígolles
Preme aquí e vas onde digo