3 may. 2007

Materias Letras Galegas 2007

Chegaron ós centros de ensino, como todos os anos, os materiais do Día das Letras Galegas. E como outros anos, entre eles figura unha Unidade Didáctica de Educación Secundaria (non sei se tamén se fixo para Primaria) sobre María Mariño.
Esta Unidade contén uns datos biográficos mínimos e unha serie de entrevistas a escritores galegos sobre a escritora homenaxeada, ademais dalgunhas actividades e u
nha escolma de poemas.
Máis ou menos como todos os anos: noutras ocasións había máis traballo de investigación (e, sobre todo, de documentación fotográfica) no lugar das citadas entrevistas a escritores (nove autores/as, supoño que escollidos ó chou).

Como vostedes lembrarán, o ano pasado este tipo de Unidades (que daquela faciamos AVM e eu mesmo) eran un despilfarro inútil de fondos públicos e materias pouco valiosos e proveitosos. Por iso mesmo, supomos, Carlos Callón e os dirixentes da MNL acudiron ó rexistro da Xunta a devolvelos, eles moi indignados ante tamaña ignominia. Non lles importou por iso desprezar dese xeito o autor homenaxeado (daquela Lugrís Freire) e, ademais, ós seus familiares e ós autores das unidades (tanto no plano teórico, nós, como no técnico e de deseño).
Pois ben, as unidades deste ano son moi semellantes e se lle poden aplicar os mesmos improperios e lamentacións daquela hora. Na filosofía dos protestantes de onte, con isto non se dignifica a cultura galega e só se malgastan os cartos públicos.
Os que así pensaban, antes, supoño que seguirán pensando o mesmo: por iso agardo que un día destes de novo C.Callón e os seus amigos/as acudan solícitos ó rexistro da Xunta a devolver os materiais das Letras Galegas 2007.
E, en aras da xustiza equitativa, sería bo que chamasen de novo polos medios e enchesen os xornais de fotos da súa indignada cólera...

40 comentarios:

a.p.-c. dijo...

Non sei se farán o mesmo este ano. A clave está en quen sexan os autores desa UD e cales os escritores entrevistados (circunstancias ambas que ignoro).
Se son da "casa", perda coidado, señor Valcárcel, que daquela nesta ocasión non sería tirar os cartos, senón un "labor patriótico".

Isildur dijo...

Sen dúbida, cadaquen fala da feira segundo lle vai, amigo AP-C. E xa se sabe que para os da casa é moi doado dicir que se é puro cando non se tiveron oportunidade de ser impuros...

Pero abramos un novo debate, amigo Valcárcel: Non sería talvez máis beneficioso para a cultura galega, e para a produción cultural galega, que se suprimise o costume de adicar cada ano o Día das Letras Galegas a un autor ou autora? É realmente vergoñento ver como cada ano todas as editoriais e institucións rivalizan por ver quen publica máis sobre o autor homenaxeado. E as diferentes sensibilidades teiman en levar a auga ao seu rego: uns din que fulanito/a era nacionalpopular nas súas esencias íntimas e aínda que non se lle notase, outros fano o contrario, e a maioría non di ren orixinal e limítase a repetir o xa sabido ad nauseam. Ás veces o autor ou autora dá para moito (Blanco Amor, poñamos por caso). Outras veces, trátase de autores/as con moi escasa obra en galego: foi o caso de Lorenzo Varela ou é o caso de María Mariño. É como unha Liga de fútbol na que os adestradores só aturan un ano. Non lin todo o que se publicou sobre María Mariño, descoñezo a súa (máis ben escasa) obra, e ignoro se os estudos publicados son rigorosos e fornecen novas achegas, enfoques ou preguntas. Témome, porén, que non.

Sería mellor ceibarse dos cabodanos e Días das Letras e deixar que a creación e a investigación abordasen os autores/as da nosa literatura e ensaio con maior acougo e profesionalidade. Os froitos serían bos para todos. Cantos libros feitos ad hoc sobre un escritor homenaxeado o Día das LG resiste o paso do tempo e fica como un bo estudo monográfico? Algún haberá, sen dúbida. Pero máis ben poucos.

marcos valcarcel dijo...

Pois por min empezamos o debate, se vostedes queren, arredor do Día das Letras Galegas. A miña opinión: o DLG foi unha das grandes ideas, das máis exitosas e fecundas, da cultura galega. Basta ver o que era o páramo cultural en 1963 e o que significiou. Ou o esplendor da data nos anos 70. O que fracasa, se así fose, non é tanto a idea desa celebración, como as formas concretas en que sexa ou non levada a cabo.
Dos escollidos, como todo é discutible. Pero os grandes das letras galegas, de Rosalía e Castelao a Otero e Celso Emilio, por suposto, están aí. Algúns celebráronse en datas ben difíciles, como Castelao (1964), que nin xequera xenerou estudos naquel momento, por cuestións políticas e de censura.
Hai "nomeados" máis discutibles, pero sempre houbo razóns dun xeito ou doutro detrás desas decisións: o de María Mariña ten que ver, por suposto, coa invisibilidade das letras femininas; noutros momentos había que chamar a atención sobre escritores "paseados" (como Blanco Torres, excelente poeta ademais) ou exiliados como Seoane, L. Varela e outros. Ou sobre figuras capitais da construcción da nosa arquitectura cultural, aínda que non sexas autores "literarios" de primeira fila: casos de Lugrís Freire, Eladio Rodríguez, Ferro Couselo ou Xoaquín Lorenzo.
Creo que,con todas as súas eivas, o DLG está a cumprir cos seus obxectivos. Pero non se pode supoñer que o DLG vaia resolver todos os problemas da lingua e da cultura deste país: sería pedir demasiado.

Anónimo dijo...

O de María Mariño non está dando grandes obras de estudo e análise da súa vida e obra. Iso dedúcese polos libriños breves que se lle están adicando. Tanto o de Carme Blanco, que enche páxinas con paráfrases dos poemas, como o de Pilar García Negro, con só 85 páxinas no que se inclúe tamén unha escolma. Unha de dúas: ou a autora non dá para máis ou os seus supostos estudosos(as) son uns preguiceiros.

Anónimo dijo...

E o de Fran Alonso, como disque é para nenos, mellor xa non comentalo.

marcos valcarcel dijo...

A obra de María Mariño é escasa e non pode dar moito de si,como é obvio. Pero iso non lle quita nada no que respecta á calidade (pouca obra en galego teñen Blanco Torres e Manuel L. Acuña, e son excelentes poetas).
Pero os libros do 17 son sempre parecidos, mesmo por interese editorial. E digo MEA CULPA... que eu fixen varios, nesa liña. Aínda que penso que, con todo, son necesarios.
O que sucede é que, cando hai poucos datos, hai que repetirse e ó cabo é evidente que moitos terán que dicir máis ou menos o mesmo: non son investigacións a fondo, ás que se lles poidan dedicar varios anos. Pero houbo algúns traballos excelentes neste campo como a biografía de Avilés de Taramancos de Aurora Marco ou a moi exhaustiva de Clodio Gzez Pérez sobre o Xocas ou o inmenso material fotobiográfico recuperado por Monxardín de Xocas... Son traballos nacidos no interese editorial do 17-V e non por iso deixan de ter un gran interese, indiscutible.

a.p.-c. dijo...

Non lin nada de María Mariño nin tampouco nada sobre ela. O panorama non pinta moi alentador que digamos.

marcos valcarcel dijo...

Non se preocupe, señor APC: a prensa dará boa conta da súa vida e obra arredor do 17 V. Eu mesmo, como é lóxico, dedicareille algunhas andoliñas baseándome nos traballos que xa se acaban de citar (C.Blanco, P.G.Negro, F.Alonso) e outros que aínda non vin (X.Agrafoxo, etc.).
Ademais, en datas próximas, se anda vostede perto de Ourense, teremos no Liceo unha charla de Carme Blanco sobre a autora e un recital poético o 15 de maio. Queda convidado.

a.p.-c. dijo...

Home, Valcárcel, tampouco se flaxele. O que fixo sobre o Xocas estaba moi ben, e a versión infantil moi clariña e didáctica. E o de Otero era máis que notable e segue a ser un título de referencia.

Lembro agora tamén a magnífica biografía de Gonzalo Allegue sobre Blanco Amor. O de Xavier Seoane sobre Luis Seoane era correcto. O de Alonso Montero, tamén sobre Seoane, estaba ben. O de Salgado sobre Varela igualmente.

E se seguimos pensado, seguro que aparecen libros de aceptables a bos, a pesar de que se fixeran máis ou menos por encargo.

Porque un libro se faga por encargo non ten por que ser necesariamente mediocre. Depende da capacidade, das gañas e do traballo do seu autor.

a.p.-c. dijo...

Grazas polo convite, amigo Valcárcel. Pero vai ser moi raro que poida andar por Ourense neses días. Lerei, claro está, as súas Andoliñas, tan breves como xeitosas.

Por certo, pódenos informar sobre as xornadas de feísmo (que palabra máis fea!) que se van desenvolver nestes días en Ourense?

marcos valcarcel dijo...

Quixen poñer algúns exemplos de libros arredor do DLG con valor evidente: non me parecía axeitado autocitarme, pero grazas polas súas xenerosas consideracións, amigo APC. Do feísmo non lle podo informar porque non asistín: si podo contarlle que o concepto de "feísmo" non gusta nas actuais esferas gubernativas: refírome á propia palabra, que prefiren non usar como tal. Por certo, hoxe Rivas escribe en El País sobre este tema.

Isildur dijo...

Certo é que o DLG en orixe foi unha grande iniciativa. E haber hai razóns para a escolla duns e doutros autores. Paseados, xénero... De acordo. Con todo, Delgado Gurriarán probabelmente era merecente dun DLG no canto dalgúns que o precederon. Ou, xa postos, por que María Mariño si e Francisca Herrera Garrido (dígoo por provocar un pouco) non? Doutra banda, semella haber un certo consenso en que algunhas cousas dignas se fixeron co gallo das encargas editoriais do DLG. Un pode lembrar a belida biografía de Blanco Amor de G. Allegue, por exemplo. Mais unha porcentaxe superior ao 70%, sendo xenerosos, son libros de ocasión sen produndidade ningunha. O acougo da pescuda precisa máis tempo. Por poñer un caso: cando foi o ano de Blanco Torres, publicáronse biografías meritorias. A mellor e máis completa do ponto de vista documental, porén, saíu do prelo dous ou tres anos despois nunha editorial pouco coñecida, porque como xa pasara o ano RBT ninguén a quería publicar. Foi un efecto colateral do DLG.
En todo caso, e ao que vou: o DLG é unha herdanza dun discurso e dunha praxe resistencialista da cultura galega, en tempos difíceis. De acordo. Pero: ten senso mantelo hoxe? Eu considero que xa non. E, dende logo, aforrariamonos todos os libros ad hoc sobre persoeiros das letras galegas cos que nos asolagan cada ano. Un dato: no simposio adicado a Lugrís Freire do ano pasado, cuxos relatorios verán a luz nun volume editado pola Xunta que non lerá ninguén nin terá distribución ningunha, non esaxero nada se digo que un 80% dos relatorios se limitan a contar exactamente o mesmo (Lugrís Freire en Cuba; Lugrís Freire e o rexionalismo; Lugrís Freire e "A Gaita Gallega"... e así sucesivamente). O resultado editorial só será un atentado máis á Amazonia, témome.

Xosé M. González dijo...

Non penso que o Día das Letras Galegas sexa prescindible. É data na que adoitan concentrarse enerxía e atención sobre un feito que se volveu máus social, pero non exactamente normal canto á prevalencia.

Si que vai sendo necesaria unha mudanza de enfoque institucional. Os animadores culturais, programadores políticos, sociólogos actuantes desde perspectiva galega... poderían (deberían) repensar a data e a súa relación cunha sociedade xa non mobilizada, e que en todo caso recibirá o produto cultural como obxecto de goce e realización, sen que estea excluído o (auto)recoñecemento identitario.

Desculpen a aparente monserga, é unha das miñas teimas. No que toca ao particular, no instituto xa se volve un mico para facer algo ao xeito. Este ano, conferencia (de Esperanza Mariño), presentación en Power Point con música (grazas, Valcárcel), concurso e happening final, dramático-poético-musical. Moito non será, pero polo menos chega a todos, agás os de 2º de BAC, xa os pobres en fin de curso.

Da María Mariño, por 1970-71 cantaba eu "Tiven medo", no dúo que despois sería grupo; gusto particularmente dalgúns paradoxos que me lembran outros portugueses. E, por certo, a Francisca Herrera dedicóuselle o DLG no 1987.

Ah, e que o quiten de festivo

a.p.-c. dijo...

Non, por favor, o festivo que non mo toquen.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

O debate sobre o DLG ou a SLG xa está suficientemente elaborado. E como nas asambleas, sempre hai un tempo para decidir cambialo o mantelo como está. Cando chega ese momento, nada muda. E entón volve o círculo vicioso. O DLG convírtese en festivo, a RAG propón o nome dun/ha tipo/a relativamente (por non decir completamente nalgúns casos, por moito que digan) descoñecido/a; as editoriais recorren a un par de tipo/as adicados/as (por encarga ou motu proprio) á celebración correspondiente; e os concellos e demáis familia chaman a un grupiño de xente que vai de xira durante eses días por todas as bisbarras cantando as loubanzas do/a escritor/a celebrado/a durante quince minutos (porque a cousa non dá para máis) para despois falar de calquera cousa tocante á lingua ou á literatura galega. A ceremonia é perfectamente intercambiable dun ano para outro e dun lugar para outro. Un rebumbio da ostia (as portadas dos xornais en galego e os columnistas reconvertidos ao galego que comentan o mal que vai o idioma) completa o día. Mentres tanto, se hai bó tempo, as praias ata á bandeira azul, de selo caso. Esta é a realidade, que non cambia e non cambia e non cambia.
Pero este debate está a agochar as notas críticas do noso amigo Valcárcel sobre as dúas varas de medir DLGs. E APC apunta o concepto "os nosos" ou "da casa" para suliñalo. Van por aí os tiros? Os que non temos casa, preguntámonos o mesmo desde hai varios anos.

a.p.-c. dijo...

Vostede sempre tan incisivo, amigo Arume. Non se lle despista nin unha.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

E todo sen comentarmos a ilustración do amigo Valcárcel.

a.p.-c. dijo...

En efecto, unha ilustración abondo significativa. Quizais unha metáfora do que está a pasar?

Xosé M. González dijo...

Se me desculpa, direi un par de cousas sobre os apuntamentos do Arume: primeira, eu mesmo tendo a estar, o 17 de maio, dedicado a outras cousas: non é inhabitual que coincida coa "Xuntanza do Campismo Galego" á que non se faltou, desde o 1996, máis ca un ano, e pola moi comprensible razón de parto inminente; acumulado iso ao feito de que as celebracións previstas rara vez me reclaman. Segunda, discrepo canto ao interese das figuras seleccionadas: cando non é o alcance ético é o interese colateral, e se non, ambos. Dá para ben máis, Arume; alomenos para min, que adoito dedicar algún tempo a procurar entre a faramalla.

O outro tema dá que debullar. En principio, non me parece que sexa estritamente caso de nosos e alleos, queira dicir o que queira dicir.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Está ben, amigo González, de acordo: vinte minutos. Non lle dou máis.

Xosé M. González dijo...

Tome, logo, por se quere usar catro ou cinco deles con certo fundamento.

Cando soupen que era meu
o que de lonxe alumaba,
a esperanza en min teceu
o que xa eu comenzara.

Logo de min saeu texto
que inda ninguén atopou.
Quedáronse co seu verso
que en cantiga se trocou.

Si a Verdade ben soupera
que o home di que a buscou
e que inda non dou nela!

Baixaría o Ceo á Terra.
O Sol non daría o que dou.
Non sería a Terra estrela.
(María Mariño)

E teñan boa tarde, que hoxe toca saír.

arume dos piñeiros dijo...

Amigo González: convén ser moi piadoso con esto que parece poema.
En todo caso, para animarmos a tarde, esta xoia da crítica cinematográfica. Imaxinen vostedes todo o traballo, todo o esforzo, miles de entrevistas nos xornais, mesmo conferencias de prensa de Reixa e Hotel Tívoli, sen contar os cartos das productoras, das distribuidoras, das subvencións da Xunta de Galicia (http://www.culturagalega.org/avg/produccion.php?Cod_prdccn=594&busca=Hotel%20T%C3%ADvoli) e nun día, nunha tarde de venres, un tipo na súa casa, a punto de saír para ir ver unha película le esto en escaso medio minuto:
"Cada semana la crítica cinematográfica se encarga de intentar reflexionar sobre la supuesta calidad de productos finalmente certificados como más o menos buenos, regulares o malos, ya sea para el arte, para el espectáculo o para el simple negocio. Pero hay días en los que al cronista se le acaban los adjetivos y las argumentaciones porque las palabras normalmente aplicadas a los picos por abajo le vienen enormes a películas que, más allá de ser deficientes, habitan en el estrato de lo inconcebible, tanto formal como narrativamente.
Es el caso de la coproducción, aunque con mayoría de capital español, Hotel Tívoli, que pretende ser un retrato sociológico sobre el estado del amor en pareja en medio mundo, narrado a través de la acumulación de una docena de historias de poco más de cinco minutos cada una.
Penosamente filmada (los flash backs son tan innecesarios como involuntariamente cómicos, y la introducción visual de la narradora se acerca más a la aparición angelical que al apoyo narrativo), y aún peor escrita (hablar de clichés sería regalarle un piropo), la película está dirigida y coescrita por Antón Reixa, el autor de la nefasta adaptación de la novela de Manuel Rivas El lápiz del carpintero, o cómo un lapicero va recolectando historias a medida que pasa de mano en mano. En su segunda película, Hotel Tívoli, Reixa une sus relatos gracias a un mechero con publicidad del establecimiento del título, que va de bolsillo en bolsillo.
La imaginación y la originalidad, al poder.
Non teño máis que engadir. E nós rifando por un saca de alí un DLG.

Isildur dijo...

Descúlpome polo lapsus da Herrera Garrido. En efecto, adicóuselle o DLG no 1987. O que xa non lembro é se tamén se lembrou a súa etapa post-1936.
E, en todo caso, suxeriría unha cousa: que os DLG teñan outro carácter máis mobilizador e imaxinativo, aínda que apoiado dende as institucións. Imaxinan a Touriño correndo nunha "Korrika", como fixeron Garaikoetxea ou Ibarretxe? Ou unha promoción de videoxogos sobre figuras da literatura galega? En fin, algo que non soe ao vedraño das sesións solemnes da RAG, malia ser certo que esta derradeira mudou bastante nos últimos tempos.
O do festivo: non o suprimamos, cambiémolo polo 17 de decembro, día de Pardo de Cela. Menos clerical que o 25 de xullo e máis reivindicativo. E non irá tempo de praia, aínda que con isto do cambio climático difícil é prever...

a.p.-c. dijo...

Demoledora esa crítica da nova película do Reixa. Eu non a vin e, polo tanto, non podo opinar.

No que si concordo co crítico é que a adaptación que fixera da novela de Rivas era nefasta.

Esperemos que nesta ocasión aprendera o suficiente de narración cinematográfica e que o crítico non leve razón.

Etxeokeai dijo...

Isildur:
A Pardo de Cela cortáballe eu tamén a cabeza de boa gana...
Seica dixo que o probelma aquel dos "irmandiños" se solucionaba "enchendo de vasallos os carballos". Ou sexa colgándoos.
O berro irmandiño de "Viva el Rei" amosa unha actitude popular positiva á centralización do estado: mellor depender dun rei lonxano e case mítico que dun cabrón dun nobre ao pé da casa...
Vale para os mitos fundacionais da nación que circularon no XIX e primeiros anos do XX... Pero somos todos maiorciños... E o Pardo de Cela era un desagraciadiño...

a.p.-c. dijo...

O de pendurar os vasalos dos carballos creo que o dixo Pedro Madruga. Pero non me faga caso, que eu de historia medieval nin idea. E de historia medieval mítica aínda menos.

Etxeokaei dijo...

Non. En absoluto. Recollido no pleito Tavera Fonseca, por exemplo di un tal Xosé Lois Losada
na revista da EOI de MAdrid:


Os Irmandiños foron derrotados despois de tres anos de poder. A derrota deveu pola alianza entre os nobres galegos, que foran expulsados da Galicia, o arcebispo
Fonseca e nobres estranxeiros -castelás e portugueses- avalados polo rei de Castela, o mesmo reino que ratificara a actuación
dos Irmandiños en contra dos nobres que poderían supor un perigo para a súa coroa.
A derrota foi cruenta, houbo moitas execucións, máis a represión foi maior que a
mesma eliminación física dos combatentes.
É paradigmático o diálogo entre dous grandes de Galiza, o Conde de Lemos e o Mariscal Pardo de Cela; este era partidario de axustizar os derrotados, e cando llo propuxo
ao Conde, dicindo que había que
encher os carballos de vasalos, o Conde respondeulle: "Non me han de dar de comer os carballos".

a.p.-c. dijo...

Pois nada. Xa dixen que non me fixera caso.

Isildur dijo...

Home, etxeokeai, un pouco de retranca, hom. Se nos poñemos a iso, tamén Rafael Casanova subsistiu á caída de Barcelona, morreu de vello na súa cama e con moitos cartos, gañados grazas á posibilidade nova para os comerciantes cataláns de faceren negocio coas Indias, inaugurada pola opresiva monarquía borbónica. E a maioría dos mitos do nacionalismo basco son, en orixe, construcións elaboradas pola historiografía fuerista para defender a españolidade primixenia dos biscaínos e o seu dereito a postos na Corte fronte aos conversos. E así sucesivamente...

De todos os xeitos, canto a Pardo de Cela, quédome coa grande interpretación que facía San Paco Rodríguez, adubada por algún artigo medio historiográfico e medio agit-prop do Anselmo Carreira: o "contexto dialéctico" Galiza-Castela xustificaba que, cabrón e todo, Pardo de Cela fose un heroe nacional. Se o dixo San Paco, ten forza de dogma de fe...

Leituga 1 dijo...

Pero San Paco, ao defender a pardo de Cela, incorre nunha flagrante contradición entre os seus dous polos de referencia ideolóxico-políticos: o "nacional", que estaría miticamente representado por ese nobre de forca e coitelo, e o "popular", que encarnarían os irmandiños, os "vasallos" que Pardo quería ver pendurados das árbores todas da comarca. Pola miña parte, cada vez que paso por Pontevedra e vexo o rótulo da rúa Pardo de Cela, co subtítulo aclaratorio "Morto en defensa de Galicia", non sei se rir, chorar ou ir ao xulgado a poñer unha denuncia contra o Concello por falsificación de documento público e atentado contra a memoria histórica.

Etxeokai dijo...

Se cadra o noso labor é desmitificar.
Promover a iconoclástica radical desde un foro de "intelectuais", pero sabendo que para construír nación precisamos mitos referenciais é un pouco complexo... pero hai que facelo.
Se cadra mitos como os Irmandiños, e unha boa man de fidalguos que se sumaron á revolta, mellor co PArdo de Cela... Eu que sei. É todo moi complicado

Leituga 1 dijo...

Non vexo eu, señor Etxeokeai, "iconoclastia radical" ningunha en negarlle a Pardo de Cela a categoría de "defensor da liberdade de Galicia". E tampouco vexo a necesidade de mitificacións artificiosas "para uso del pueblo llano". Ademais, tal como se plantea moitas veces, o asunto este da "necesidade de mitos para a construción nacional" aseméllase máis a unha deliberada creación de mentiras patrióticas e á falsificación da historia que a calquera outra cousa. Se non aceptamos, e mesmo nos parecen impresentables, os mitos de autolexitimación construídos polo nacionalismo español, ¿por que darlles o visto bo aos galegos?
Ilustración é o que nos fai falta...

arume dos piñeiros dijo...

Desde logo, amigo Leituga 1, que preguntas fai? A épica é consustancial ás patrias. Xa o dicia o noso ilustrado Feijoo, que aínda non ten, creo, moitas rúas por Galicia adiante.

Isildur dijo...

E digo eu: acaso non haberá persoaxes e feitos na Historia de Galiza que poden ser elevados á categoría de símbolo (eu tamén arrenego dos mitos) con máis dignidade que Pardo de Cela et al.? Hai unha boa chea deles. E obviamente, amigo Leituga 1, disto moito de crer na capacidade de San Paco para facer milagres, moito menos no plano teórico. Aínda que en termos organizativo-políticos leva feito uns cantos...

Leituga 1 dijo...

Niso dos milagres organizativo-políticos de San Paco doulle a razón, señor Isildur. E por aí non lle quito mérito ningún ao noso santo prohome. Nin por aí nin pola extraordinaria actividade desenvolvida como parlamentario en Madrid.
En canto ao dos símbolos, arrenego de Pardo de Cela e quédanme moi lonxe Roi Xordo e Alonso de Lanzós. Xa non digamos Prisciliano, convertido en pasto de esoterismos e fantasmadas. Non simpatizo nada co Apóstolo Santiago, pois o catolicismo non é cousa que me mole, pero adorrro o Camiño que leva o seu nome e a cidade por el e para el creada. Toda a matraca esa de Cristóbal Colón galego regálolla a quen a queira: pura chatarra. En cambio, case ninguén coñece aos grandes personaxes altomedievais que por aquí andaron: Martiño de Dumio, Hidacio, Rosendo de Celanova... Xelmírez foi un tipo importantísimo e o Mestre Mateo deixou unha obra extraordinaria.
Tamén creo que están pouco reivindicados dende a galeguidade o Conde de Gondomar, Martín Sarmiento, o padre Feijoó, Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Pablo Iglesias, Casares Quiroga e Rafael Dieste. Ultimamente incluso Rosalía parece ceder posicións diante do empuxe de Castelao...
E é unha lástima que a figura de Carballo Calero estea hoxendía tan sectarizada por causa dos acentos circunflexos.

Isildur dijo...

Totalmente de acordo, Leituga 1. Home, establecería matices na nómina (non sei se Casares Quiroga é tan reivindicábel), pero Rosalía é un valor a manter e enxalzar. Tampouco non temos que ir á Idade Media para atoparmos símbolos de galeguidade e ata de galeguismo.
E si, San Paco fixo o seu mellor labor cando puxo os pes na terra. Na terra das Cortes madrileñas. Paradoxos da historia...

Xosé M. González dijo...

Parécenme demasiados nomes en tan pouco espazo, e desculpen a aparente impertinencia.

Aínda hai que transmitir, con carácter previo, que Galicia ten historia de seu. E non falo da sociedade en xeral, senón dos mesmos alumnos da ESO, cuxo currículo carece de materia ad hoc e non anda moi sobrado de contidos "transversais" ao respecto.

Na historia, as figuras singulares son cousa importante, se ben con carácter xeral non se edifica a partir delas. Habería que empezar, en todo caso, polas institucións, e en concreto pola chamada reino.

Direilles, polo demais, que considero a épica unha das grandes construcións culturais europeas, clave como factor de civilización. E lamento, unha vez máis, a escasa disposición persoal para mellores achegas.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Amigo González, como a lírica, a comedia ou a sátira, tamén claves como factor de civilización, de sabermos que pode ser iso. Pero de todas esas construccións, a épica é unha das máis perigosas.

Xosé M. González dijo...

Négome a falar de perigo en relación coa arte; ben sabemos que a cousa pende do uso.

Non foi a épica o que puxo tolo (ou o que fose) a Hölderlin; que constitúa exemplo de alcance particular resulta, para o meu ver, pouco substantivo. A sátira pode destruír, a dramática ten mobilizado. Que diriamos -desculpen a posible frivolidade- en relación co tabaco ou a prensa...

Estou convencido: no caso seu -quizá tamén o do Leituga- o desapego da épica é cousa de pulsión: que no los pone, vaia. Se atino, ad libitum. Ora que seguirei pensándoo: mágoa.

Leituga 1 dijo...

A min si que me pon a épica, amigo González. Pero trato de distinguir entre a historia e a literatura. Aínda que xa sei que non sempre é doado.