25 may 2007

EIRE

Cando chegou, eu xa tiña 31 anos e andaba en plena campaña electoral, nas autonómicas do 89, a fondo co PSG-EG. Pasou polo hospital case toda a candidatura de compañeiros a felicitarnos, a María e a min. Aquela cousa pequeniña e encantadora, que nin sequera deu a lata polas noites, acabou por converterse nunha moza de case 18 anos que onte rematou o Bacharelato. E como vostedes, ademais de amigos, son case da familia, tómome a liberdade de contarlles que onte ás dúas e media da madrugada (viña da cea e festa de despedida) Eire me contaba, eu aínda medio dormido, que sacara unha media no segundo curso de 9,7 (seis 10 e tres 9) e matrícula de honra. En fin, que a rapaza merece todos os parabéns e na casa hoxe estamos todos moi contentos. Se todo vai ben, dentro duns meses andará por Compostela a empezar os seus estudos de xornalismo (Si, é evidente: ímonos facendo vellos…).

35 comentarios:

Roque Soto dijo...

¡Noraboa Marcos e familia!
Saúde e sorte a Eire no xornalismo. De seguro que a moza vai a cumprir con creces nese eido tan interesante das letras e pensamento, como o fai seu pai dende fai anos.

Anónimo dijo...

Noraboa, señor Valcárcel, a vostede e a Eire. Imaxino como debe sentirse vostede porque eu xa pasei por algo parecido o ano pasado (a miña filla máis vella ten un ano máis que a súa). Se agora lle entra sensación de "facerse maior", xa me contará cando a leve no coche a Santiago, co maleteiro cheo das súas maletas, e a deixe alí, e volva a familia a Ourense sen ela...
Eu xa o pasei. É un rito de paso do que ninguén me falara nunca.

Anónimo dijo...

Ai! Que ben! Parabéns para Eire e para toda a familia!
Mais suprima vostede iso de que "ímonos facendo vellos". Dentro duns aniños, as crónicas de Eire superarán ás súas (é broma)
Moitos bicos e noraboa
Moralla :-)

Beluka dijo...

Moito sorrín con este post... Recordoume a meu pai (naquela época, tamén no PSG-EG), aínda con cariña de neno... E anos máis tarde tamén levou a unha filla a Santiago facer xornalismo (unha Iria no canto dunha Eire...fermoso nome, por certo); tres despois, levou a esta Sabela a Vigo e agora intento imaxinar se se sinte maior ou só ben. Penso que ben. Iso vese nos sorrisos de orgullo cando acadamos algo. Nuns anos, vostede daralle co cóbado ao que teña ao lado e diralle "Ja! Esa é a miña filla!!".
Apertas.

Anónimo dijo...

Maduros, Marcos, imos maduros.
O meu fillo tamén rematou pero non che digo a que hora veu, para non sentar precedentes.
Comenzamos a vivir unha segunda xuventude por eles, revive a nosa esperanza que se abre na súa xenuina experiencia do mundo que comenzan. Facémonos un pouco tradicionais e tentamos que aprobeiten a nosa experiencia nos erros e nos acertos, e abrímonos con eles a universalidade, a universidade.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Parabéns -por esta orde- a Eire, a María e a Marcos, polos inmellorables resultados. Os tres rematan de escribir o mellor capítulo do mellor libro colectivo.

Como non quero caer máis no sentimentalismo, non farei mención ao Tempo, ese cabrón que fuxe irremediablemente.

Anónimo dijo...

Permítasenos, aos que non temos nenos, ter nostalxia do que non temos. Parabéns a Marcos Valcárcel e á súa familia.

Anónimo dijo...

(Aclaro que fixen xerarquía para salientar o papel insustituible -e tamén abnegado, por qué non dicilo- da Nai, de María neste caso, que é tamén un xeito de recoñecer a todas as nais: abenzoadas sexan!)

Anónimo dijo...

Maureen and John: noraboa pola felicidade (misturada co melancólico sentir do paso do tempo) de ver que a filla, orgullosamente independente, vaise de Innisfree.

Anónimo dijo...

Joder. Noraboa, Sr. Valcarcel. Eu inda ando moi lonxe (vostede dirá: si, si, xa verás como corre o tempo) de deixar as miñas fillas en ningures. Lembro non obstante cando deixei ao meu irmán maior en Santiago, na Moure, e volvín cos meus pais para a vila. Aquela mestura de emoción por el e de tristura por min. Unha filla debe ser inda algo peor (ou mellor).
Noraboa de novo, de verdade. Espero chegar alí.

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas a todos/as, de corazón. E totalmente de acordo con APC e a súa xerarquía. Foi María quen lle axudou durante moitos anos, dende a Primaria a ESO, mesmo algunha vez co Latín no Bacharelato, día a día, en todo o que precisase. E quen lle atende os seus problemas escolares e ansiedades (que tamén as ten). Eu só aportei a miña biblioteca (sobre todo, Arte, Historia, Literatura española e universal, Literatura Galega), pero iso ten moito menos mérito.

Anónimo dijo...

A súa biblioteca, o seu exemplo e o seu cariño. O que non é pouco.

Anónimo dijo...

Noraboa, Marcos, a ti e máis á
rapaza. Da gusto ver como vos ides facendo maiores e tendes fillas tan mozas. A miña ten catorce anos, así que me sinto un rapaz. Aproveita estes meses.Sienmo porque si ben a miña ten catorce, as súas irmás froito da primeira convocatoria, xa non cumpren os trinta e xa me deron catro netos. Aproveita estes mesiños. Unha aperta.

Anónimo dijo...

E agora unha cancionciña de felicitación, como ten que ser:

Parabéns

(Aínda que é de cumpreanos, pode valer. A intención é o que conta)

Anónimo dijo...

Amigo Marcos, recordo perfectamente a campaña da que falas, case que eu era un rapaz e recordo andar a repartir pegatinas e algunha outra cousa o teu carón. Parabéns para Eire, para María e para tí, de "tal pau tal astilla".

Anónimo dijo...

Que gusto...
Remansos de paz, de felicitacións e de contento no axitado mundo blogueiro...
Pola orde que establece como xa canónica o A-PC, parabéns, felicitacións, saúdos, bicos e beixos.

Anónimo dijo...

Unha foto, unha foto

Anónimo dijo...

Parabéns, e non lle fagan demasiado caso ao Sr a.p.c, seguro que virán mellores capítulos. Sigan escribindo e sigan a ser felices, que é do que se trata (e unha magoa de que vostede tampouco poderá ir ver a súa filla, de estudante, no AVE, pode que eu.......).
Unha aperta moi forte

Anónimo dijo...

Tí e mais a Maria, por Eire podedes decir:"Noso Lecer", con toda a Felicidad do Mundo.
Sabes tamen que o NOSO LECER, esperabos en Baiona pra cando vos apeteza (Haber si este Verao!).

Anónimo dijo...

Parabéns para a filla do pai. E irse preparando para a festa da licenciatura; seguro que logo chega.

Unha demanda de solidariedade: cando ao meu fillo menor lle toque acabar a ESO, a Eire fará vinte e oito anos; e seguramente o pai asistirá a brillantes ou esperanzadores comezos profesionais, afrontando a expectativa da propia jubilatio.

Que sexa todo con ben.

Anónimo dijo...

Reparo, coma incontables veces, o absurdo da primeira frase: Parabéns para a filla e o pai.

Anónimo dijo...

Mágoa, amigo González, que seu fillo non teña uns poucos aniños máis. Haberiamos de falar vostede e máis eu seriamente... :-)

Marcos Valcárcel López dijo...

E logo APC? Non quererá concertar os casamentos como os chineses, a 20 anos de distancia? deixen os rapaces e as rapazas que xa eles saben desenvolverse nesas cousas... ó seu tempo...

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Etxetokeai:
O da foto quedará para outra ocasión (xa saira unha de Eire a inicios de setembro 2006, cos cadros de Barjola detrás). Sobre todo porque ela non sabe nada deste post e, se se entera, tal como é, podería botarme de casa...

Anónimo dijo...

Despois de non sei cantos meses trafegando por este extraordinario blog, esta última revelación de Marcos Valcárcel é a máis impresionante de todas. INCREÍBLE.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois é totalmente crible, amigo Arume. A miña rapaza é abondo reservada e remisa a calquera tipo de acto social: de feito nin quería ir á ceremonia do seu Instituto de fin de curso e está un pouco aborrecida de que profesores ou alumnos lle digan que teñen un libro do pai ou que o len no xornal. Eu respecto no que podo a súa discreción, pero non puiden evitar meter este post: cousas de ser pai, supoño.

Anónimo dijo...

Eu comprendo perfectamente a súa discreción e a súa incomodidade diante desa situación: eu faría o mesmo. Pero o seu, ás agochadas, faime gracia, que lle quere. Tarde ou axiña vaino saber. Supoño. Eu teño un cuarto na miña casa. Por se acaso.

Anónimo dijo...

É que eu sempre lle fun moi maoísta, señor Valcárcel. :-)

Marcos Valcárcel López dijo...

Algo diso xa sabía eu: pode que ata alguén garde papeis dalgunha mocidade de pegada maoísta neste país con curiosos e egrexios dirixentes ...

Anónimo dijo...

Eses papeis, segundo a lexislación vixente, só poden ser desclasificados dentro de cen anos. Ande con ollo, que o Arume ao mellor fala coa Xustiza e lle meten un puro. :-)

Anónimo dijo...

Este blog está cheo de pais progres modélicos. Teño que vir máis por aquí, a ver se me dan consellos para que o meu fillo poida deixar a play, o castelán e o botellón.

Anónimo dijo...

Moitos parabens a Eire e mais aos seus pais. E moita sorte na carreira de xornalismo. Que tenha coidado con alguns dos profesores, que son bastante pesadinhos eles...

P. D. Escribo dende Inglaterra nun teclado sen enhes nin tiles, non me convertin en reintegracionista.

Anónimo dijo...

Será moita indiscreción Sr Valcárcel, e sen que a opción merme nen un ápice a valía da súa rapaza ,preguntarlle de que tipo é o centro no que Eire fixo os seus estudos: privado , público ou privado concertado?

Marcos Valcárcel López dijo...

Non, amigo Anónimo, non é indiscreción: de feito, pensei que xa o puxera. A miña filla fixo os dous cursos de Bacharelato, moi contenta, no Instituto Otero Pedrayo de Ourense, un centro con bastante prestixio (creo que merecido) nesta cidade: de feito ten unha longa demanda para entrar. De neniña estudou nun concertado, iso si, totalmente laico e independente de ningunha orde relixiosa ou cousa similar (é unha cooperativa de ensinantes), porque o tiñamos ó pé de casa; despois quixémola cambiar (e non porque estivésemos especialmente descontentos), pero eu prefería que fose a un centro público. Pero ela non quixo, tiña a súa vida afeita a aquel colexio e deixámola ata que cambiou xa para facer o Bacharelato. Non tivo ningún problema co cambio e adaptouse de inmediato (como tamén me pasara a min no seu día).

torredebabel dijo...

Parabens para Eire xa que ás veces ser filla de páis cheos de prestixio é unha tarefa dura e ingrata. Ben se ve que ela soubo e sabe quedar co mellor desa situación privilexiada e non amargarse coas esixencias que outros adoitan poñer dende fora da familia (e por qué non, dende detro tamén).
E, dende logo, parabens para os páis de Eire (sinto Marcos, hoxe ela é protagonista) porque de todos os traballos posibles, o de ser pai ou nai é esforzado, feliz e inquietante. Chegar a bo porto non sempre é doado.
E non teñas medo, como podería ela saber deste post? se so foi lido por medio Ourense, medio Galiza e tamén na diáspora ;-))