En poleiro alleo
Dolores Vilavedra: Nós, os europeístas (El País)
Galicia en Mondariz (Helena Villar, ECG)
Cara a autodeterminación de Escocia (Méndez Ferrín en FV)
"Yo solo sé que estoy entregada a mi destino", (a cantante Mariza nunha entrevista de FV)
A foto de Mariza é un agasallo ó contertulio e amigo APC.
9 comentarios:
Que lle parece, amigo Valcárcel, este artigo de
Benedicto sobre os premios da crítica no novo diario dixital Xeración Web:
Para comezar diremos que o acto alixeirouse, perdendo parte da pesades doutros anos, en que había innumerables discursos, a cal máis interminable. Polo tanto, que hai que felicitar ós organizadores que tomaron boa nota das suxerencias realizadas.
Tratábase de premiar ós seleccionados deste ano: o programa musical da TVG, Alalá; os trinta nos de percorrido da Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz; a Manolo Rivas, pola súa novela Os libros arden mal; a Fundación Granell e a Ricardo Gurriarán polo seu traballo de investigación Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), xa comentado nesta columna.
En nome dos cinco premiados falou Manolo Rivas, coa calidade e calidez a que nos ten acostumados, dedicando palabras próximas e amables a cada un deles.
Por último, fíxose entrega do premio de “galego egrexio” a un descoñecido Ramón Cacabelos, que ten e dirixe un centro de enfermidades mentais en Bergondo, que nos falou, entre pinceladas de autobombo innecesarias, da iniciativa privada, a súa, como a gran marabilla. Un, que a risco de pecar de “antigo”, segue a defende-los sistemas públicos, sobre todo en sectores sensibles como son a saúde e o ensino, quedou abraiado con este discurso.
Pouco que ver coa universalidade que no firmamento galego poidan representar calquera dos premiados en anos anteriores, desde Francisco Fernández del Riego ata Xosé Manuel Beiras, primeiro e último dunha constelación de 15 figuras indiscutibles do firmamento da cultura galega.
De Mariza, sempre unha canción (ou infinitas):
Meu fado
Gente da minha terra
(Dedicadas a González, gran amador do fado, a Arume, para que aprenda a extasiarse coa beleza, e a unha boa amiga recentemente galardonada)
Bem-haja, meu caro. Teña eu con que presentealos ao xeito en ocasión semellante.
Ó quite da proposta de Arume: xa lera ese artigo pois saiu tamén en Galicia Hoxe, creo que onte. Estou de acordo en xeral con el, pero non podo opinar no que di respecto a R.Cacabelos: confeso non coñecer a súa obra e personalidade abondo. En calquera caso, podo dicir que fixo un discurso bastante presentable e cun certo tono literario (o do autobombo supoño que se che fan "galego egrexio" é case inevitable). O tema público/privado abriría un longo debate: en xeral hai que apostar polo público, pero recoñezamos que hai campos en que iso non se fai e é preciso a colaboración da iniciativa privada (pero descoñezo as características peculiares do labor de investigación do doutor Cacabelos).
Para esta fin de semán, vai por todos:
Chaiyya Chayyia
Cada día que pasa abraianos vostede, amigo Arume, con afeccións tan peculiares que realmente son dignas de figurar nalgún relato de Borges.
Así que agora saiunos siareiro de Bollywood: é vostede unha caixa de sorpresas!
Cheguei a ela gracias a Martin Pawley e o seu interesante blog de Días estranhos.
Ben se ve que Ferrín, militantemente, non le a prensa de Madrid. Se fixese tal, aínda podería escribir un artigo algo máis documentado sobre as eleccións en Escocia e o independentismo escocés, sen complacerse en afirmacións tan rotundas e mesmo tan estrafalarias como as que fai neste artigo. Se non quere ler "El País", que informou abundantemente e mesmo editorializou sobre o recente proceso escocés, podería polo menos achegarse ás páxinas de "The Scotsman", excelente periódico de simpatías moderadamente nacionalistas e con foros dixitais nos que lectores de todas as posturas debaten moi civilizadamente sobre os pros e os contras da independencia.
O pobre Ferrín vai ter difícil ler algunhas das secións da edición en liña de "The Scotsman" se non se suscribe, e atopalo nos quiosques semella un tanto complicado...
O exemplo do Scottish National Party debería selo para o BNG. É a proba palpable de que o nacionalismo "left-of-centre" pode superar en votos aos "vellos" partidos estatais, disque laborista un e conservador o outro.
Todo isto non xorde do aire. Escocia deixou de ser canteira de man de obra barata para traballar no próspero (e favorecido) sur de Inglaterra. Contan ademáis con recursos enerxéticos (petróleo).
Efecto dominó para outras nacións? Ogallá.
Publicar un comentario