9 may 2007


EUROPA, GALICIA E A XERACIÓN NÓS
Andoliña 9 maio . Imaxe de Castelao, "Versión dun retrato de Cranach", no Diario 1921)

Vaise inaugurar hoxe en Compostela, coa presenza do presidente da Xunta, a exposición “Galicia, célula de universalidade. Europa e a Xeración Nós” que organizou a editorial Galaxia e que se exhibirá no Museo do Pobo Galego. Afonso Monxardín e o que escribe somos os responsables do comisariado da mesma, convidados para ese labor por Víctor Freixanes. Agardamos que esta mostra e as actividades paralelas que se van facer en Compostela e en Trasalba chamen a atención sobre a íntima vinculación que o galeguismo histórico tivo dende sempre coa idea de Europa. A Xeración Nós foi o momento central desa relación e na obra de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao ou Plácido Castro faise ben patente esa comunicación: todos eles beberon na cultura europea e definiron a idea deste país dende as súas máis fondas raíces como unha ponla do edificio cultural que naceu arredor do mito artúrico, o Camiño de Santiago e a arte románica.
Europa non ten pra nós ren que nos adeprender. Somos Europa, traballamos no cerne europeo”, escribiu Otero Pedrayo con orgullo e clara conciencia de que o futuro da cultura galega era inseparable da nosa identidade europea. E niso andamos aínda.

105 comentarios:

Anónimo dijo...

Felicidades pola idea e a súa executoria. E, efectivamente, niso andamos aínda.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Que Europa era a que reivindican estes homes da Xeración Nós? Cales son as súas características máis salientables? Non é pregunta capciosa: quixera sabelo por ver se, no momento en que eles escriben, os que non pertencen a esa Xeración están de costas a Europa ou teñen outras ideas ao respecto. O amigo Valcárcel apunta ciclo artúrico, camiño de Santiago, arte románica. Hai outros rasgos definitorios igualmente europeus?
En calquera caso, habería colisión de intereses en publicar neste post algunhas das reflexións que figuran nos paneis da exposición?

Anónimo dijo...

O tema era necesario e o comisariado promete; farase logo por ir. Con todo, leo na prensa (posta en boca dun alto cargo) a transcrición de idea abusiva: conexión de Nós (Castelao incluído) e a actual Unión Europea como precedencia.

Non falo para os comisarios, obviamente: o europeísmo é unha cousa, a concreta construción política de Europa -se é dado falar aínda diso- asunto diferente. Non debería servir o primeiro think-tank do nacionalismo galego (ou segundo, de situarmos a Murguía, estritamente, aí) como fonte de lexitimación indiscutible para un proxecto concreto abocado a reformulación.

Antes de que a abusiva formulación cobre algún rigor, e haxa que deconstruíla, direi que a demanda do Arume semella máis ca adecuada: sendo a conexión europea fulcral para Nós, u-las claves do seu europeísmo?

En principio (insisto en que non estou para grandes teses nin sínteses) aos trazos anotados engado cristianismo e atlantismo. Pode dar para seguir debullando.

Marcos Valcárcel López dijo...

De todo iso que falan vostedes, fálase tamén na exposición, coa síntese necesaria. A montaxe quedou moi fermosa e estase pensando xa na súa itinerancia Galicia adiante. Pensei eu tamén en publicar aquí algunhas citas ou partes dos paneis, aínda que fose de forma reducida. Agora estou fóra de casa pero nestes días irei incluíndo materiais: esquema da exposición, algúns textos, etc.

Anónimo dijo...

Pode ter algunha razón o señor González cando usa o adxectivo "abusivo" para enfocar o discurso que se está a facer estes días en torno á relación entre a Xeración Nós e Europa. E digo, cautelosamente, que "pode" ter "algunha" razón, porque as palabras escritas por Castelao en 1948, e que figuran no tomo III da súa "Obra Completa" (Galaxia, 2000), saudando moi esperanzadamente os primeiros andares do movemento a favor dunha unión europea, están aí e non teñen volta de folla. Agora ben, "pode" que Castelao non estivese conforme coa andaina posterior dese movemento, culminado primeiro coa creación da CEE e anos máis tarde da Unión Europea. Pode que lle gustase o invento ou pode que non. Eu, dende logo, non sei que pensaría Castelao da UE. O único verdadeiramente real e fáctico do que dispoñemos son os seus textos. A partir de aí podemos facer as conxeturas que queiramos, abusivas ou non. Hai xente que di que se Castelao vivise hoxe sería do Bloque. Pero, como todos recordarán, Fraga dixo que, de ser o Guieiro tan lonxevo, militaría sen dúbida no PP. En fin...
E en canto aos seus temores, señor González, sobre un posible intento de "lexitimar" a Unión Europea a través da Xeración Nós... pois que quere que lle diga. Tarde piamos...

As preguntas que propón o señor Arume atópoas moi pertinentes, pois a reelaboración que se está a facer hoxe da relación entre a Xeración Nós e Europa concéntrase sobre todo no programa europeizador da cultura galega no que se afanaron os de Nós. Villares dedicoulle a este asunto o seu discurso de ingreso na RAG, que titulou "Fuga e retorno de Adrián Solovio": seguindo o roteiro xeográfico e intelectual do protagonista de "Arredor de si", Villares procede a un excelente exercicio de recomposición das fontes formativas de Otero, poñéndoas en relación coa evolución ideolóxica, política e intelectual do propio Otero e da Xeración Nós. Pero, sen necesidade de ler a Villares, simplemente lendo a Risco, é fácil decatarse de que o europeísmo do autor de "O porco de pé" está estreitamente relacionado co seu "etnicismo" tirando a racista e coa súa ansia de demostrar a non españolidade de Galicia e mesmo de establecer unha radical incompatibilidade entre Galicia e España. Sería a "Euroiberia" (do Douro e o Ebro para riba) fronte á "Afroiberia" (do Douro e do Ebro para baixo). Como semellante cousa non admite demostracións racionais nin empíricas, Risco bota man da especulación, da elucubración, da sensación, dos dualismos un pouco arbitrarios e mesmo maniqueos que tanto lle gustaban.
Otero Pedrayo segue moito a Risco, pero é, ao meu modo de ver, máis matizado e menos hostil. Politica e ideoloxicamente, os dous son xentes neo-tradicionalistas, continuadores en boa medida da veta inaugurada por Alfredo Brañas: para eles a clave é o catolicismo e a preservación da "raza" (celta) e da "terra" (campesiños e señores). Nunca terían daquela aceptado o calificativo de "demócratas", porque de feito non o eran, non só dende o punto de vista actual senón tampouco do que atalora se estilaba. O curioso destes dous célebres ourensáns é que sendo politica e socialmente dous reaccionarios (no sentido máis estricto e rigoroso da palabra), eran cultural e intelectualmente dous homes dabondo avanzados, pouco proclives á reclusión enxebrista e moi ubicables na cultura "antiburguesa" que tan intensamente cativou a unha parte dos intelectuais, escritores e artistas europeos da primeira metade do século XX. Claro que a tirria antiburguesa, contra os "filisteos", de Risco e de Otero non ten nada que ver, ou polo menos non se resolvía do mesmo xeito, co desprezo co que tamén observaba á burguesía a intelectualidade de esquerdas nesa mesma época.
O caso de Castelao, home moito máis implicado na vida política real e cunha sensibilidade política e social distinta, é diferente. Pero que siga outro, que a min xa me doen os dedos de tanto tiki-tiki. E disculpen a extensión deste carrete...

Anónimo dijo...

Fuga e retorno de Adrián Solovio

Anónimo dijo...

Que marabilla! Dende que aprenderon a manexar a cousa esta dos enlaces, isto é a Biblioteca de Babel. Eu, con tanto botón e tanto clic, quedei coma un parvo no medio das explicacións.

Anónimo dijo...

Desculpe, Leituga, pero non lle entendo ben a intención no que me toca. Que Castelao saudase a aparición da Comunidade do Carbón e o Aceiro ou o que fose que lle suscitou esperanza, non confire aval para situalo como devanceiro do actual aparello; que se manifestase a prol dunha unión europea non lexitima para consideralo avanzado galego da Unión Europea. Ollo coas voltas de folla para quen, por motivos obvios, non escribiu máis desde o 1950.

Segundo aspecto. Xa que vde. pon entre comiñas unha expresión miña, se cadra non é improcedente sinalar determinada evidencia: eu non deslexitimei nada. Admito que, afinidades políticas puntualizadas, se poida suscitar receo ou sospeita en relación co meu particular pensamento político en relación con Europa. Porén, como de certas deferencias infiro que vde. non me considera desprovisto dalgunhas luces, farame o servizo de non sospeitar que eu, á miña propia expensa, sitúo en dúbida a vixencia da Unión Europea.

Outro conto sería, tratando sobre vixencias, o referido a textos constituíntes, constitucións e outras miudezas dese xénero; que aí o galiñeiro non anda unánime, Castelao nin chío e non vaia algún entusiasmo (descoido?) pór in pectore de quen non debe cousas nunca sospeitadas; e non aludo a vostede, por se o equívoco retorna.

Canto á noción da europeidade... algunhas cousas do seu escrito resultan indiscutibles, non tanto outras. Fronteiras e ríos aparte, Risco non carecía de bagaxe antropolóxica nin cultural; a dependencia teórica dos outros con respecto a el non só é clara, foi tamén recoñecida. Estou para poucas fonduras, pero indico, en todo caso, que para min o europeísmo de Nós ten dous aspectos: un, o da situación da nación galega en esquemas e taxonomías de validez sedicentemente permanente (xenial, útil, discutible); outro, o das querencias e tendencias, vivido, temporalizado e onde agroma a modernidade básica dos ourensáns e Castelao entre, digamos 1916 e os anos corenta, ben a gusto: e aí agroman Francia, o vangardismo e outros aspectos altamente significativos.

Para min non é curioso, é orixinal; iso é o que foron. Nunca lles chamo eu reaccionarios cando falo da súa significación cultural, particularmente naqueles anos. E resúltame duro ler que Otero non era, obxectivamente, un demócrata; sutilezas conceptuais aparte.

E desculpen a espesura.

torredebabel dijo...

Parabens para ti Marcos e para Afonso! Escoitei hoxe a Victor Freixanes entrevistado por Ana Romaní no Diario Cultural e dende logo merece a pena cada minuto adicado a visitala. Esa mirada sobre Galiza é, dende logo, non so necesaria de revision e locemento senón que reveladora para os tempos nos que vivimos.

Anónimo dijo...

Ten boa pinta a exposición. Haberá que vela.

Anónimo dijo...

Perdón. O comentario era para outro lugar.

Anónimo dijo...

Amigo González: se le con atención a parte primeira do meu comentario, poderá decatarse de que dicimos practicamente o mesmo en relación con Castelao. Repito o que xa escribín alí: eu non sei que pensaría Castelao da UE, polo que tampouco o considero avalista nin, por suposto, "devanceiro do actual aparello", honra que lle reservo a Churchill, Schumann, Monnet, Adenauer e De Gasperi.
Non hai intencións atravesadas pola miña banda, aínda que me permitise un ton lixeiramente irónico diante da súa advertencia sobre posibles intentos de utilizar á Xeración Nós para lexitimar o actual proceso de construción europea. Se lle resultei molesto ou descortés, dígolle sinceramente que o lamento e rogo me disculpe.

Marcos Valcárcel López dijo...

O tema xa se discutiu e non quero insistir. Pero creo que hai un salto moi grande entres os conceptos "conservador" ou "neotradicionalista" e a idea de "reaccionario", como sostén Leituga. Sobre todo, porque tal ubicación política, hai que contextualizala e, dende logo, ata xullo de 1936, Otero estivo no bando dos demócratas e non no dos reaccionarios. Máis aínda, sufriu unha forte hostilidade e ataques dende estes eidos. Sería unha Galicia reaccionaria a que soñaba Otero nos seus artigos como ideal? Como se plasmaría iso? Difícil resposta cando só se basea en hipóteses...

Anónimo dijo...

Leituga 1 está acertado no caso de Vicente Risco (quen nos anos da II República entraría nunha deriva certamente reaccionaria), pero desacertado no caso de Otero Pedrayo (quen era un conservador demócrata).

Anónimo dijo...

Todo aclarado, Leituga, sen reparo nin, xaora, necesidade de desculpa.

Eu achegaría un extremo canto a Otero: dise a miúdo que el botaría de menos a Galicia do Antigo Réxime, baseando o argumento no ton e algúns aspectos intencionais d'"Os camiños da vida". Considero obvia a nostalxia, debedora se cadra da súa orixe de clase e certas herdanzas; pero probablemente é máis sentimental ca ideolóxica, en termos isto de construción. Véxanse, paralelamente, un par de detalles: os liberais son personaxes máis empáticos (o fidalgo da Pedreira, o tío do estudante), teñen un vigor que lle falta ao señor da Seara, non así ao crego carlistón. E non se concibe o tempo en clave saudosa: véxase como remata, e o simbolismo do estudante; tan semellante, por certo, ao de Adrián Solovio.

Anónimo dijo...

Aos especialistas de Otero, que son todos vostedes: que significa esa precisión administrativa que figura en tantas biografías de que foi restituido na súa cátedra de Instituto no ano 1949 (algúns apuntan ano 1948)? Que pasou?

Anónimo dijo...

Aínda non fun ver a exposición, que dende logo promete a teor do anunciado e do guieiro da mesma, e por tanto calquera conclusión pode ser precipitada. Con todo, penso que é excesivo ver en Castelao (e na xeración Nós) un devanceiro da Unión Europea. No seu artigo de 1948, Castelao fala da necesidade de unión do continente, si, algo que xa estaba no galeguismo dos anos vinte e trinta, botando man ben do etnicismo (o que despois se chamaria Europa dos Pobos) de fontes xermanas, ben do federalismo: este permitiria ás nacións sen Estado un artellamento continental. Era obviamente unha maneira de fuxir do marco do Estado-nación.
Ora ben, diga o que diga a prensa, o artigo de Castelao é circunstancial: responde aos primeiros movementos (congreso da Haia etc.) intelectuais europeístas da posguerra, nos que participaba o PNV e aos que este convidara aos catalanistas, mais pasaran olimpicamente dos galeguistas, que á final conseguiron mandar a unhas xornadas de estudo celebradas na capital francesa no 1949 (coido lembrar) ao único que tiñan a man por París, que era César Alvajar -un republicano que de galeguista pouco tiña, aínda que no exilio matizara as súas posicións antiestatutistas dos anos 30. Estaria Castelao de acordo coa deriva posterior do proxecto europeu, coa CECA, a CEE, a UE, etc.? Imposíbel sabelo. O máis probábel é que, como fixo o PNV e fixo á súa maneira Piñeiro, se refuxiaría nunha imaxe ideal da construción europa para uso interior (ver nela unha posibilidade de federación das auténticas patrias etc., aínda que fose só nun futuro indefinido) e participaria no que había, aínda que fose consciente de que a CEE de De Gaulle etc. non daba ningún espazo a outras entidades que non fosen os Estados-nación, e apoiaria á liña "federalista" que acabaria nun Joschka Fischer, no Comité das Rexións etc. Ora ben, non todo o galeguismo do exilio seguiu ese roteiro: lémbrense as desputas de Manoel Pedreira con Lugrís nas páxinas d'ANT nos anos 50, ou algunha carta de X. B. Abraira nos 60 a D. Manuel Beiras, onde lle recomendaba que despexase dos "toleiráns" dos novos galeguistas -o Beiras junior entre eles- a fe nunha Europa da que non había nada que agardar.
Ora ben, non sei como aparece tratado este tema na exposición. E, dende logo, os titulares dos xornalistas non sempre fan xustiza aos contidos auténticos. Así que agardemos a ver. De todos os xeitos: dubido de que Castelao tivese pregoado un Non ao referendo sobre a Constitución europea.

Anónimo dijo...

Por se pode ter interese para precisar algúns dos asuntos a debate, copio e colo fragmento dun texto inédito que citei noutros posts (neste caso con permiso expreso do seu autor).

************

Por outra parte, Otero non renega, total e radicalmente, dos postulados políticos liberais, aínda que é case seguro que fose un dos redactores dunhas inéditas Bases para la Constitución del Estado Federal Gallego elaboradas con anterioridade á discusión e aprobación da Constitución de 1931. Nestas Bases deseñábase unha sorte de democracia orgánica, ó falarse de “federalismo orgánico”, ó excluirse o individuo da nómina das “unidades políticas básicas”, ó establecer dereitos corporativos e ó non mencionar o papel dos partidos, entre outros aspectos nada liberal-democráticos (Máiz, 1991; Beramendi e Núñez Seixas, 1995).

Certamente, Otero non parte dos argumentos teóricos do liberalismo, senón que -máis próximo ó conservadorismo liberal dun Edmund Burke que ó tradicionalismo reaccionario dun Joseph de Maistre ou dun Louis-Ambroise de Bonald- posúe un criterio historicista á hora de avaliar as institucións e as constitucións. E, sobre todo, Otero admite e asume na práctica a realidade política liberal-democrática como unha oportunidade para facer da defensa da liberdade o mellor instrumento de consolidación e desenvolvemento do catolicismo e da súa concepción de Galicia, polo que a súa posición ben podería definirse como unha sorte de catolicismo liberal: Dieu et liberté por dicilo ó xeito dos católicos liberais do século XIX (Álvarez Tardío, 2000). Sen ningún xénero de dúbidas, asumiría como súas as palabra ditas en 1902 polo francés Marcel Sagnier: “o catolicismo contén as forzas morais e relixiosas que a democracia necesita” (Mosse, 1997: 52). Non é nada raro que, ó longo da súa traxectoria política durante a II República fixera oídos xordos ós cantos de serea de sectores católicos para que apoiase á nacente CEDA, e que non dubidase en descualificar o uso partidista da relixión e expresarse contrario á identificación dereitas-diñeiro-catolicismo (Quintana e Valcárcel, 1988). E tampouco é nada estraño que, a carón do comunismo, tamén rexeite o fascismo por ser a “dictadura de un partido que quiere regenerar la nación y suspende las libertades políticas” .

Anónimo dijo...

Por certo que o suxestivo texto de Villares, do que pon o enlace Arumes, é o que leu no acto de recepción como membro da RAG.

Mais trátase dunha síntese dun texto moito máis longo (161 páxinas, incluídas fontes e referencias bibliográficas, e a contestación de Víctor Freixanes), que foi o ofrecido na publicación ad hoc e que se pode adquirir a través da editorial Galaxia.

Nel, Villares demórase con mestría nalgunhas das principais claves para comprender a "educación sentimental dun intelectual galeguista", tal como reza o subtítulo, utilizando como guía o intinerario, interior e exterior, de Adrián Solovio, o que lle leva a percorrer a época e os referentes europeos, intelectuais e culturais, que marcaron a toda unha xeración.

É, sen dúbida, un ben artellado ensaio de historia cultural, que fornece ideas e suxestións moi a ter en conta.

Anónimo dijo...

Eu sigo pensando que Otero non era, ideoloxicamente, un "demócrata". E o texto que cita o señor AP-C, as "Bases" das que dá conta Beramendi no seu relatorio sobre o nacionalismo galego na II República (nun libro publicado polo Consello da Cultura e Siglo XXI), outórganlle non pouco fundamento a esta afirmación. Por suposto que tampouco era un fascista nin un ultradereitista. Pero si un neotradicionalista católico, un "reaccionario". Enténdase este calificativo non como un insulto ou un menosprezo, senón como un termo epocal co que se caracterizaba ás persoas renuentes ou contrarias á "revolución" liberal e aos valores que esta incorporaba e que Otero en gran medida non compartía.
Iso non quere dicir que Otero fose un apocalíptico, como Risco, nin que non presentase o seu espírito unha maior labilidade para ir afacéndose aos cambios históricos.
Tamén ás veces prodúcese certa confusión consistente en identificar a actitude digna e insobornablemente antifranquista de Otero cunha postura ideolóxica democrática igualmente inequívoca.
De todas formas, penso que o debate sobre o carácter democrático ou non de Otero e tamén de Risco inscríbese nun único eixo polémico dereita-esquerda que é inevitablemente reducionista cando falamos destes dous persoeiros e mesmo do conxunto da experiencia galeguista previa á Guerra Civil. Direi máis: hai aspectos do pensamento de Risco inscribibles no seu "reaccionarismo" que hoxe son non só interesantes, senón de necesaria reciclaxe por parte dunha esquerda que pretenda seguir sendo transformadora.

Anónimo dijo...

Engado outra cousa: un dos problemas do chamado "pensamento reaccionario" é que aporta suxestións moi interesantes para unha esquerda renovada, xa non identificada exclusivamente coa ideoloxía do "progreso" e da "revolución".

Anónimo dijo...

Na miña opinión, cómpre distinguir planos, cando menos o doutrinal e o práctico, e establecer os precisos matices.

Ademais, hai que situalo todo no seu preciso marco epocal, e non como xustificación de calquera cousa, senón para ver as modulacións e as hibridacións que se producen.

Porque houbo algunha vez un demócrata "puro"?

Marcos Valcárcel López dijo...

Comunícolles que o incansable Ramón Villares (onte tiven a sorte de comer con el) está a punto de sacar un novo libro en Galaxia. E logo Artola aínda lle di que tiña que publicar máis libros e menos artigos ... Pero, se non para de sacar ensaios suxerentes e ben valiosos!!!

Anónimo dijo...

Ao mellor Artola referíase a máis libros de "investigación".

Pode informar que libro é ese?

Anónimo dijo...

Obviamente, os adxectivos "democrático" e "demócrata" levan experimentado mudanza na súa carga semántica; por exemplo, o Partido Demócrata español, que eu coñecín a través do libro "A evolución ideolóxica de Curros Enríquez" (Francisco Rodríguez), tiña un carácter ideoloxicamente ben restritivo; antes, as posicións explicitamente "democráticas" na Asemblea Nacional revolucionaria de Francia non serían probablemente xeneralizables ao conxunto dos deputados e correntes de tal institución.

Supoño que en termos de teoría política, sobre todo se un escolle vocablos e semántica desde particular postulado histórico e xurídico, se pode soster que don Ramón Otero Pedrayo, propiamente, non foi un demócrata. Se, pola contra, aceptamos a conveniencia de obxectivizar e preservar os sentidos compartidos no tocante a certos conceptos e expresións clave, penso que de ningunha maneira se lle debe negar o recoñecemento.

Onde radicaría aquí o sentido compartido? Arestora, no noso ámbito xeopolítico e de civilización, desbotadas no uso máis público e social as concrecións "democracia burguesa" e "democracia popular", supoño que a idea común é a que nos vén fundamentalmente dos pais da Constitución dos Estados Unidos: liberdades individuais e tolerancia. Penso que é complexo moi mellorable, pois algunha referencia colectiva debe haber e, ademais, elúdese habitual e interesadamente o "dereito á felicidade" que o completa; ende ben ou ende mal, o concepto funciona.

Sería consitucional ou sobrevido, doutrinario ou pragmático (e terán gran transcendencia, máis alá da hermenéutica especializada, tales distincións?), pero que Otero actuou coma un demócrata paréceme dabondo claro. Paradoxos? Os que se queiran, nin a vida é concepto nin a razón consciente clave única do ser humano. Por certo, "Os camiños da vida" volve ser fonte suxestiva: non me parece o seu autor moi hostil á Ilustración.

Anónimo dijo...

Canto saben vostedes? Sen dúbida é un privilexio aprender tantas cousas en tan pouco tempo e sen necesidade de asistir ás aulas. Agora, tentarei retirarme a modiño e aproveitarei para visitar no sucesivo o "oráculo de delfos", que son as súas aportacións diarias neste espazo de cultura e liberdade. Ao mesmo tempo, pasarei por esa exposición que tanto promete. Parabéns a todos/as vostedes, sabios da palabra.

Anónimo dijo...

Magnífica ironía a do señor Fraga.

Anónimo dijo...

Bueno, no que estaremos de acordo todos, máis alá de sutilezas definitorias e distingos un pouco repunantes, é en que Otero era un tipo cojonudo, se me permiten a licencia. E non teño máis que dicir.

Anónimo dijo...

Estásenos a parecer a Fraga, querido amigo Leituga 1. Dígoo pola súa "intertextualidade" final. :-)

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Eso que é, amigo Leituga 1, ironía?

Anónimo dijo...

Magnífica discusión oteriana, que ergue paixóns . Non coincido no de contextualizar tanto a etiqueta de demócrata, porque a fin de contas Otero vivía nunha época na que os modelos de democracia burguesa/participativa/representativa estaban ben á vista, e dentro do seu partido había xente a eito que os defendía. Coincido en que, no seu comportamento, foi un demócrata: velaí a súa decisión de ficar no PG, malia non compartir a alianza estratéxica coa FP, e a súa negativa a esgazar seguindo a Risco.
Volvemos falar de Europa? O Sr. Fraga agarda moito de nós...

Anónimo dijo...

Ilústrenos, por favor, sobre Europa, amigo Isildur. Sospeito que vostede tennos moito que dicir da Alemaña (da de Staël e da de Risco).

Anónimo dijo...

Non, non era ironía. Era por ver de cambiar un pouco de tema e non enlearnos nunha discusión sobre o que significa ou non significa "demócrata". Aínda que, por suposto, se queren seguir seguimos... En calquera caso, agardo que o señor Isildur corresponda ao convite de AP-C e nos ilustre sobre Europa e os lonxanos reinos, estados, nacións, repúblicas e principados que ese nome concentra.

Anónimo dijo...

Antes de que o interpelado recolla o suxestivo convite (ao que me sumo), permítanme un detalliño sobre Otero: a máis dun peito coma un lobo e costas de cavador, debeu gozar de xorne vital aprezable. Tocante a gastronomía e coquinaria, por caso, fóra do famoso poema aludido e reproducido aquí polo inverno, detecto en carta a Franco Grande (rematida desde o retiro de Trasalba) posible melancolía nas expresións -non literais- "algún chourizo", "nada máis un vaso de viño" alusivas ao consumo corrente; competencia a Cunqueiro, probablemente, non lla faría, pero mal conviva non había ser.

Xa o dixen aquí noutra ocasión: naqueles derradeiros anos escoiteino falar unha vez. O certo é que a conferencia fora dura de seguir, se ben un non puido deixar de experimentar o efecto do torrente; se cadra unha boa parte dos asistentes, de idade semellante á miña, que ateigaban o Salón do Artesoado de Fonseca, experimentaron sensación non moi disímil.

Desculpen o interludio e, Isildur, cando queira.

Anónimo dijo...

Sinto repetir a pregunta: qué quere dicir, desde un punto de vista administrativo, restitución na súa cátedra de Instituto en 1948? Que cousas cambiaron para que fora reintegrado ao seu posto? No libro de Mainer sobre a filoloxía no Purgatorio explícase moi ben como insignes autores, pertencentes á xeración da república, algúns moi comprometidos co réxime democrático, foron retidos á xeito de corentena ata que volveron ser admitidos, a cambio dun silencio, unha tácita retirada do mundo da política ou dunha especie de participación neutra nas revistas literarias ou culturais, no mundo académico. O caso de Dámaso Alonso, do que falamos noutro lugar hai tempo, é paradigmático: incluso cítase o seu libro San Juan de la Cruz desde esta ladera no 1942 (pouco antes de Hijos de la Ira) como un exemplo de asimilación/participación da/na nova situación. Pero hai moitos outros, tamén no eido universitario, que ben poden ser análogos ao caso de Otero, con tradicionalismo, cristianismo ou defensa dos valores familiares (é dicir cunha afinidade ideolóxica co novo réxime) incluídos.

Anónimo dijo...

Gravosa encarga. Europa éche ben grande... Pero tratábase da visión que dela tiñan os galeguistas e da imbricación do galeguismo nun proxecto continental, non si?

Así que esquezamos a Hölderlin, Schumann e Kafka, e mesmo as Ruritanias e os castelos transilvanos, e fagamos un xogo de historia comparativa e virtual. Algúns visitantes foráneos ficaran impresionados, alá polo 1933-34, cando logo de chegaren nunha longa viaxe a Galiza e encontrárense cos galeguistas, que eles tiñan por unha presada de sabios provincianos de "société savante" francesa en pequeno, deron cun grupo de intelectuais bastante ben informados co que ocorría alén os Pireneos. No 2000, cando o intelectual soberanista quebequés R. Seymour (promotor da plataforma "Intellectuels pour la Souverainété") coincidiu nunha mesa redonda cun salientado líder nacionalista galego, ficou abraiado... de que aparentemente aquí seguiamos con esquemas de pensamento dos anos 60 ou primeiros 70. O mesmo ocorreu cando un prominente membro do Scottish National Party visitou Galiza en datas semellantes. Québec non é Europa, pero como se o fose. Na cultura política do galeguismo e do nacionalismo galego actual Europa perdeu peso substantivo. Gañárono os terceiromundismos de diverso signo (principando pro Cuba e agora rematando no chavismo), se ben non en todas as tendencias do galeguismo, nin en todos os seus líderes ou partidos no pasado. Talvez sería o intre de recoller o legado europeísta da Xeración Nós e darlle un novo pulo. Como? Acéptanse suxestións. Podiamos comezar como afirma Habermas: inseríndonos na esfera pública de discusión continental con ideas propias e construtivas.

Anónimo dijo...

Dolores Vilavedra: Nós, os europeístas

Anónimo dijo...

Constato, simplemente constato (para que logo non me "baneen" con malos modos), que os monsieurs leituga1 e arume dos piñeiros seguen, como quen non quere a cousa, pero de xeito constante, a eito os dous, e a feito, coa súa teima desacralizadora de Otero.
Eu quédome coas suxestións de Isildur, no sentido de que alguén (se cadra o nacionalismo) ten que recoller o legado europeísta da Xeración Nós.

Anónimo dijo...

É que hai algúns que son malos malísimos.

Anónimo dijo...

Non teño especial interés en desacralizar oteros. O meu europeísmo naceu fóra, moi fóra, de Xeracións Nós e cousas polo estilo. E podo asegurarlle que hai non menos de cen maneiras de chegarmos ao concepto que queiramos de Europa, sen termos que pasar por nacionalismo/s. Un viaxe de xoven por Europa fai máis ca moitas lecturas máis ou menos intelectuais. Dolores Vilavedra, cuxo artigo acheguei e que, a verdade, non entendo moi ben, di algo, sen embargo, fundamental: o Erasmus fixo máis pola conciencia europeísta ca moitas sesudas reflexións ao respecto.

Marcos Valcárcel López dijo...

Respondo a dúas cuestións moi concretas que se plantearon:
(1) O libro que anunciei de Villares en Galaxia é en realidade unha edición revisada e quizais ampliada do seu discurso de ingreso na RAG, que seica xa está esgotado.
(2)Do tema da restitución na cátedra, non podo responder agora con certeza, que non teño documentos, pero sei que houbo moitos intentos para volvelo a reingresar no corpo. Algúns deles protagonizados por Filgueira Valverde, consta nas cartas entre ambos, ós que Otero respondeu en latín: "non compulso" (entendo eu a cita como non me obriguedes a iso).

Marcos Valcárcel López dijo...

E engado aínda: acabo de chegar dun acto galeguista-europeísta en Trasalba, presidido por Pérez Touriño e no que falaron Villares e Freixanes. Creo que o acto respondía a todo o que comentamos aquí nestes días: restituír ese lazo entre galeguismo e europeísmo que estivo presente dende as orixes de Nós ata Castelao e Ramón Piñeiro.
Mágoa que, entre as moitas autoridades presentes, non asistise ningún representante do BNG nin do goberno-ponla BNG, aínda que estaban convidados. Só fixo acto de presenza, supoño que a nivel persoal, o amigo Camilo Nogueira, que mereceu ademais unha gabanza no propio discurso de Villares.

Anónimo dijo...

Eu tampouco entendín moi ben o artigo. En todo caso, os últimos parágrafos son impagables, desde a reivindicación que se fai a unha "cruzada da imaxinación" (?!)"de moito proveito para a saúde espiritual de Europa!", até a referencia que se fai da "práctica estival de idiomas no estranxeiro".

Anónimo dijo...

O que penso é que fan falla menos "paraulas" bonitas e coller o exemplo de Irlanda ("érguete e anda"), que pasou de ser un país atrasado e de inmigrantes, a outro punteiro en investigación científica e niso que chaman "industria cultural".
Para iso habería que empezar a abrir un pouquiño certos portelos burrocratizantes e deixar que circulen os airiños da miña terra...

Anónimo dijo...

Home, Irlanda non é o mellor exemplo para o nacionalismo, porque o despegue dise país (reserva espiritual do católicismo) débese en gran medida á aportación estadounidense, ou sexa a posibilidade de investimento de capital norteamericán (de irlandeses que controlan certos sectores importantes da economía dos EE.UU.). Un meu amigo que se dedica á exportación de pizarra pode falar de cómo invisten os americanos en IRlanda en urbanizacións de luxo (con pizarra galega) con campos de golf incluidos. Bill Clinton é un deses propietarios.

Anónimo dijo...

Tampouco eu entendin moi ben o artigo de Vilavedra, fóra das brétemas e da poesía. O tema de Europa, o máo que ten, é que ás veces serve para un allo que para un bugallo. E coincido en que o Erasmus e as viaxes fan moito máis que as leituras. Pero unha cousa non pode ir sen a outra: ser viaxeiro sen información e sen preocuparse por aprender algo dos países que se visita acaba volvéndoo a un un turista español e Praga no verán.
Con todo, é significativo que ningún político visíbel do BNG asistise a Trasalba a reivindicar o europeísmo da xeración Nós. Entrementres, en Vieiros anúnciase un vídeo sobre a pegada galega en Venezuela cun máis que evidente sesgo prochavista. Velaí están os referentes: populismos soi-disant esquerdizantes latinoamericanos, parece ser. Menos mal que a Ferrín lle tira a vea celtista e se fixa no triunfo do SNP en Escocia.

Anónimo dijo...

Escocia é un modelo perfecto: unha cidade enxebre, fermosísima, turística, de servicios, como Edimburgo ao leste; unha cidade postindustrial, enérxica e poderosa, chea de emigrantes irlandeses, coma Glasgow ao Oeste. Ambas cidades ao sur do país, a menos de 100 km de distancia, nunha franxa onde viven case todos os escoceses. Ao norte, nas Highlands unha paisaxe intocada, salvaxe ma non troppo, territorio perfecto para o contacto coa natureza. Non me estrañaría nada que McFerry faga esa gabanza a unha terra onde sempre gañaban os laboristas. Gordon Brown, o novo líder laborista, é de Glasgow.

Anónimo dijo...

Moito levan falado desde que falto, imposible pórse ao día.

É tema que me interesa particularmente, pero as obrigas dun xefe de departamento en Semana das Letras Galegas (ou véspera) son calquera cousa menos clementes. Catro detalles, logo.

Penso que eu si algo percibo sobre a intención da Dolores Vilavedra. O nacionalismo debe reformular o seu discurso europeísta, en época na que o pseudópodo que foi un Risco con bolsa de estudos se ve substituído por unha morea de Erasmus en potencia; a través doutra na que algúns privilexiados (sen faltar) como o Arume, excepcionais e todo, xa establecían contacto directo, con maior fluencia -e se cadra menor consistencia- cá advertida en "Da Alemaña" e "Mitteleuropa".

Víñanos ben outro "Nós"; dío a Vilavedra, seica, e tamén o Isildur. Complicado está repetir un grupo onde coincidiron tres educacións esmeradas, relación de amizade e sincronizada conversión ao galeguismo; aínda máis que se sume un excelente artista plástico, bo ademais para a oratoria, a relación social e, como ramo, de orixe e sensibilidade popular. Por pedir, así e todo...

Nun artigo xa mencionado nesta casa, eu establecía certo parangón entre o amo dela e Otero Pedrayo. Marcos Valcárcel é, en efecto, caso de intelectual galeguista e europeísta actual; por iso precisamente, pouco de mellor se poderá atopar para comisariar a mostra que nos serve de pretexto. Con todo, obviamente non forma grupo nin probablemente -espero non faltar ao respecto- se dá ben nel ou outros condición semellante á dos da rúa da Paz, Cuevillas e Castelao.

Seguimos,logo, precisando quen formule discurso europeo e suxira estratexia galego-europeísta. Quero crer, por certo, que a ausencia do Bloque (en nivel representativo) do acto de Trasalba, ou outros, algo terá que ver con necesidades e apuros dun proceso electoral; combinado, ao mellor, con determinadas tiranteces da relación bipartita: probablemente, tampouco Touriño ou o PSOE terían na práctica moito que ver na mostra "Nazón de Breogán"; é un exemplo, hai outros casos que non fará falta puntualizar.

E enténdase ben, non o suxiro con carácter exculpatorio en ningún sentido nin grao. Porque unha situación lamentable en ningún caso compensaría outra lastimosa.

Anónimo dijo...

En cuestións célticas: penso que o "milagre irlandés" presenta fasquía e certas claves que nos interesan; o tamaño e certos trazos sociolóxicos así mo suxiren. Iso si, sen rebaixas canto á garantía laboral e outras consecucións do Estado de Benestar; considerando, por outra banda, que o idioma inglés e a conexión norteamericana foron para eles factor irrepetible para nós.

Con Escocia, pola contra, encontro máis problema de homologación. É un bipaís de signo diferente; e mira que me caen ben.

Anónimo dijo...

Pois eu creo que hoxe en Galicia hai xente dabondo para facer o que vostede, amigo González, demanda. A miña tese é que estamos en condicións de crear ese discurso sen termos que comparar con outras épocas. Noutros posts saíron os famosos laios sobre a perda dun guieiro espiritual, intelectual e cousas semellantes. Eu creo que non precisamos de darlle voltas sempre á mesma noria. Aquí hai talento, material, coñecementos de sobra para encetar e rematar ese famoso discurso e moitos outros. Eu, e nono digo por pelotería de ningunha clase, creo que unha persoa como Marcos Valcárcel, como moitas outras neste país, compite e mesmo gaña ás figuras aquí tidas como modelos de imitación. Un repaso por unha librería hoxe dos traballos publicados en Galicia nos últimos anos sobre o noso país constata que non houbo na historia xente cun nível intelectual. Estou un pouco canso de discursos lastimosos: aquí en Galicia hai materia vigorosa para construir o que faga falta.

Marcos Valcárcel López dijo...

Amigo XMG, vostede nunca falta ó respecto, co seu estilo mesurado e atinado. Pero falta á precisión científica cando establece ese paralelismo gabancioso co señor da Casa Grande de Trasalba: quedo tan avergoñado e de cores tan vermellas na cara que non sei se hoxe me atreverei a saír á rúa. A súa xenerosidade é monumental...

Marcos Valcárcel López dijo...

Cando escribín o anterior, aínda non lera o comentario último de Arume: o mesmo digo pola súa parte. Pero si estou de acordo con el que existe hoxe xente en Galicia para facer ese discurso que una galeguismo e europeísmo e o talento e material necesarios. O seu optimismo é fecundador, creador no sentido máis exacto da palabra.

Anónimo dijo...

Hainas, si, e evidentemente o anfitrión é unha delas.
O que pasa é que é posible que haxa outras que estean ocupando postos que non lle corresponden. Ás veces tres ou catro postos ao mesmo tempo. Hailles moito "pavero".
Dicía Pedrayo, nunha entrevista que lle escoitei (publicada logo pola Fundación) que, na súa época, moitos dos rapaces se sumaran ao estudo sobre Galicia deixárano co tempo porque naquilo "non había futuro". Referíase evidentemente a que o futuro profesional, laboral, nese eido.
Agora as cousas (algunhas) cambiaron, e xa non hai desculpa. A traballar toca. E se é gratis et amore, e non hai un terceiro que reciba beneficio económico do noso esforzo, tamén.

Marcos Valcárcel López dijo...

Concretemos máis. Nun campo que coñezo algo, a Historia Contemporánea de Galicia. Perdón polos posibles esquecementos, que os haberá e serán inxustos...
En que momento da historia do país houbo unha xeración como esta (os primeiros nomes denotan unha certa xerarquía intelectual):
Ramón Villares, Xosé R. Barreiro Fernández, Pegerto Saavedra (de Moderna), Xusto Beramendi, Xosé M. Núñez Seixas, Ramón Máiz, Xavier Castro, Xosé R. Quintana, Xulio Prada, Lourenzo Fernández Prieto, Lois Domínguez Castro, Emilio Grandío, Xesús Balboa, Isaura Varela, Manuel Gzez. Probados, Dionisio Pereira, C.Velasco, Emilio X. Insúa López,Jesús de Juana, Raúl Soutelo, X. Agrafoxo, Luís Lamela, Xosé M. Cid Fdez. (pedagogo), B. Maiz, Xosé M. Suárez Martínez, David Simón (Hist. medicina), María X. Souto, Domingo R. Teijeiro, A. Valín, A. Giráldez, X. Das Airas,Bieito Alonso, etc.
Sendo obxectivos (e obviando que moitos deles sexan amigos), creo que hai aí unha fornada realmente excepcional: nin nos tempos do SEG houbo un equipo semellante a estudar a historia do país (e só falo da h. contemporánea)
(Repito as miñas excusas polos posibles esquecementos, en calquera caso involuntarios...)

11:19 AM

Anónimo dijo...

Hai de todo, amigo Valcárcel, e coido que non se trata de citar nomes, e non só no eido da Historia. Tamén noutras ciencias sociais e humanas (a Filosofía, a Lingüística, a Ciencia Política, a Xeografía, etc.). A cuestión é se o talento potencial se pode converter en investigación aplicada cun rendemento tanxíbel nalgún eido. E se ese talento potencial se pode exportar. Aí teño as miñas dúbidas: expórtase pouco e mal. E dende fóra (non falo dende Madrid nin dende Barcelona: falo do que a Otero e a Solvio lles interesaba: París, Berlín, Londres, Milán...) a cultura galega é aínda pouco visíbel como algo diferente. E a nosa condición de supervivencia só pode ser a dos islandeses, aínda que sen soberanía política (polo de agora): producir I+D intelectual e creativo en proporcións maiores que noutros sitios. Xa sei que o termo non gosta a moitos, pero iso resúmese en: competitividade. Cito Islandia, que só é independente dende 1944, como exemplo porque teñen un idioma con menos falantes aínda que o galego -é dicir, non teñen a vantaxe comparativa dos irlandeses co inglés- e porén manteñen identidade e competitivade ao mesmo tempo. Os galeguistas históricos ollaban ás veces cara a Dinamarca, que poderia ser outro exemplo. Ou cara á emerxente Eslovenia, poderiamos ollar.
Non sei se todos os nomes citados e citábeis realmente están niso, ou están a lucir o palmito, a producir páxinas que ninguén lé en revistas e editoriais que non espallan as súas producións, e a pensar só en amorear papel, e non en difundir coñecemento. O futuro pasa por isto último, non en publicar grandes volumes con institucións oficiais.

Anónimo dijo...

Concordo con Isildur, sen dúbida un dos grandes achegadores de novidosas ideas a este blog. O asunto é produción de I+D, competividade e exportación. Pero non hai unha "marca Galicia" recoñecible internacionalmente.

Por outra banda, recoñezo a miña total ignorancia -o cal non deixa de ser sintomático- sobre o posible exemplo islandés, de quen só coñezo un pouco a esa cantante un tanto estrafalaria da que non sei nin reproducir o nome.

Anónimo dijo...

Non creo menor cousa que a Historia de España da Editorial crítica e Marcial Pons sexa coordinada por Villares.
Pero Isildur plantexa o problema da divulgación da producción científica. En Galicia hai, no terreo das humanidades, moi bós intelectuais, recoñecidos fóra das nosas fronteiras, máis do que moitos poden sospeitar, pero non son capaces, polo que se ve, de seren profetas (con perdón) na súa terra. Pero estou seguro de que a nivel académico (escaso consolo) hai unha marca Galicia sen ningunha dúbida.
Todos vostedes ben fan unha Galicia de puta madre, ou non?

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois, aínda así, vou ampliar a lista anterior. Na historiografía contemporánea hai tamén traballosos valiosos de (non todos son historiadores profesionais) xentes como Joám Carmona Badía, Edelmiro López Iglesias, Xaquín Fernández Leiceaga, Xosé Chao Rego, Francisco Carballo, Alonso Montero, Camilo Nogueira, Herminio Barreiro, Alberto Martínez López, Narciso de Gabriel e Antón Costa Rico, entre moitos outros.
Non é cousa de nomes, sen dúbida, pero entre as xentes que se achegan a este blog quizais non todos/as coñezan este esplendor da historiografía contemporánea, que este listado de nomes (incompleto) creo que exemplifica ben.

Marcos Valcárcel López dijo...

Se lles parece ben, gustaríame facerlles chegar ós sres. Xosé M. González, "Marcel Swan" e "Isildur" un traballo que xuzgo que será do seu interese (outros contertulios xa o teñen). Se queren que llo mande, poden dirixirse ó meu correo particular (marvalcarcel@edu.xunta.es) e, á volta da mensaxe, xa o reciben. Saúdos.

Anónimo dijo...

Podemos ser un pouco malos, malvadísimos, e lembrar cál é o único volume da Historia de España de Crítica (no que están case todos os membros do Consello Editorial de Marcial Pons, pois é unha coedición) escrito por dous autores, e adivinarmos o porqué.
Pero sigo a ter dúbidas de que exista esa marca Galiza. Hai marcas individuais, de investigadores ou pensadores, talvez algunha escola en concreto sobre temas concretos. A cuestión non só é "cubrir ocos" e facer en Galiza con retraso o que se fai noutros sitios. Está en achegar ideas frescas, perspectivas novidosas, interpretacións orixinais e formas de pensar o global dende o local. E non só en estudar dende as diversas ciencias sociais Galiza como obxecto.

Vou ser descarnado e ata ferinte. Se o pouco ou moito que poida haber de orixinal non sempre é profeta na súa terra, moitas veces é por unha razón de fondo. O mercado cultural (xa sei que soa neoliberal, pero chamémolo así) galego está sobreprotexido, institucionalmente pero tamén por mecanismos reflexos dunha cultura de resistencia: todo o que se fai aquí é bo. E non é así. Pero ese anceio de sobreproteción crea falla de competitividade e escasa valoración da orixinalidade: un mercado con medos busca reafirmación, non que lle acrecenten as dúbidas e lle plantexen preguntas. Quere respostas rápidas. Resultado: todo vale e é loubado, máis ou menos. E é unha vella lei da economía que a moeda mala expulsa a boa. Quen pode competir noutro eido acaba canso, moitas veces, de críticas sectarias, parroquialismos territoriais/políticos e capeliñas. Engadamos a iso, no caso de que se publiquen libros, o non excesivo respecto polo autor que teñen moitas editoriais galaicas. A igualación pola base é o resultado. E a valoración dos traballos non pola súa orixinalidade, senón pola súa cobertura xeográfica ou cronolóxica. Orixinalidade? Vaiase vostede a paseo e procure achegar o ombreiro na causa colectiva, compañeiro.

O resultado adicional: unha cultura que se quere nacional, pero que é fondamente provinciana e acomplexada. E así a perceben nun 90% dende fóra. Se a iso se engade que Galiza, en xeral, vende pouco como marca a non ser que un se adique a xogar cos tópicos, aínda que sexa para os dignificar e lles daren a volta (como fai con grande intelixencia e talento Manuel Rivas, por exemplo), pois complétase o círculo.

En fin, hoxe non teño o día optimista. O 4-0 do Getafe ao Barça deixa secuelas...

Anónimo dijo...

Seguindo na liña de malo malvadísimo inaugurada por Isildur, tamén podiamos dicir que para ese volume de Hª de España (Crítica/Marcial Pons) podía perfectamente buscar o noso prócer un coautor galego: X.R. Veiga Alonso é tan bo ou -iso penso eu- mellor que o madrileño J. Moreno Luzón.

Patria tamén se fai promociondo fóra de Galicia a autores galegos, sempre que sexan de igual ou superior calidade que outros que non son galegos, non si?

Anónimo dijo...

Vostede, amigo Isildur, afectado coma mín pola debacle e polo fin dun ciclo, explica moi ben as razóns desa falta de proxección. Eu non incluín na miña optimista visión de Galicia que moitas destas investigacións teñen como obxecto algo que aparentemente pertence a un ámbito non galego. Exemplos hai e moi próximos que demostran que en Galicia hai sectores de prestixio dentro das humanidades, capaces de competir en pé de igualdade en calquera ámbito. COmo non quero ser enigmático, poño o caso de Filoloxía en Santiago, unha das facultades de recoñecido prestixio no mundo mundial. O Barça, vamos, non o Getafe.

Anónimo dijo...

Amigo APC, Veiga Alonso é mellor que Moreno. E de feito é ao meu ver un dos historiadores galegos menos coñecidos dentro e que mellor publicaron no ámbito español. Tamén é certo de que non é plan de chegar coma Montero Ríos a Madrid e colocar a todos os parentes, amigos e paisanos.

Sen dúbida, A. dos P0. En Filoloxía e noutras facultades. Xa non digamos en Ciencias "duras". Ora ben: percébese como cultura/ciencia/investigación feita "en" Galiza, ou como "cultura galega"? Un filólogo de recoñecido prestixio coma Guillermo Rojo, poñamos por caso, xoga no campo español. Futbolisticamente é Amancio, non Fran. Son os dous xogadores "galegos"? Que é cultura "galega"? Unha pregunta máis.

E xa que de temas serios falamos, por que o Barça perde sempre a Copa Catalunya? Pois porque logo de xogar contra do Liverpool ou o Chelsea, non motiva o mesmo ir a Sabadell xogar nun campo chego de lama, con defensas rivais que dan patadas e chuspen, e co risco de romper un xeonllo nuna mala postura. Ninguén dubidará, porén, de que o Barça fai máis servizo á "marca Cataluña" cando xoga co Milan e 500 millóns de persoas o ven por TV, e non cando xoga co Sabadell. Apliquemos esta metáfora ao mundo cultural: entre nós hai moitos (non digo entre os participantes neste blog) que pensan que o verdadeiro servizo á cultura galega se fai xogando co Lalín e co Becerreá. E xa gostaríamos de que o Depor ou o Celta tivesen contado, nos seus tempos de esplendor recente, con tantos galegos nas súas ringleiras coma o Barça, e xa non digamos cun Oleguer...

Anónimo dijo...

Coincidimos no diagnóstico de Veiga Alonso vs. Moreno Luzón, amigo Isildur.

E eu non falei de facer como o Montero Ríos da Restauración, senón como un Montero Ríos da democracia actual, enténdaseme ben.

Eu opino que os galegos que son realmente notables ou sobresalientes no seu eido -e non son tantos como os que Marcos cita, dito sexa de paso- hai que "botarlles unha man" -cada un ao seu nivel, claro- para coadxuvar a proxectalos cara fóra, sen complexos de ningunha caste. Pero ollo, facéndoo sempre cun insubornable criterio de calidade: só aos notables e sobresalientes, non aos simples aprobados e menos aos suspensos.

Coido que o que falla neste país é, entre outras cousas, un acaído criterio de cualificación.
Eu cando alguén realmente sobresaliente vai adiante alégrome de veras, porque, antes que nada, recoñezo o criterio da valía (intelixencia + formación) e do esforzo que culmina nun traballo dignamente ben feito e capaz de mirar con naturalidade de ti a ti -e por iso sen ínfulas provincianas- a moitos seniors internacionais.
Non é o lucimento de palmito (por usar un termo seu, amigo Isildur), o que eu máis admiro. Coido que me entende ben.

Anónimo dijo...

Sen dúbida, amigo APC. Pero ás veces produce certa pena, e de certo que coincidirá comigo, ver como quen poderia empregar algo mellor o seu tempo e talento acaba por caer engadado polas redes da "cultucaldereta" e das merendiñas culturais. En fin, Messi ten que marcar goles ao Milan,e non ao Getafe. Aí Maradona foi moito máis grande.

Anónimo dijo...

¿Poderían informar algo sobre Veiga Alonso? Son bastante afeccionado á historia, pero descoñezo, lamentablemente, o traballo deste home.
Polo demais, creo que Isildur fai un diagnóstico moi certeiro e lúcido de certos problemas de fondo que aqueixan a ese complexo que chamamos "cultura galega".

Anónimo dijo...

En efecto, Isildur sitúa o conceto, que diría o Manquiña. Sen dúbida, temos no país historiadores de mérito, e filólogos; todos eles poden achegar para conformar proxecto de país en si, no contexto europeo e interncional. Pero Nós foi outra cousa: proveron, ante todo, arquitectura para o sistema, en sentido sincrónico e diacrónico.

En efecto, nunca tanta formación superior houbo no país; iso equivale a moitos profesionais e unha pléiade de Erasmus en potencia. Ora ben, o proxecto nacional pode que dalgún modo se vaia intuíndo, ora ben, non se verbaliza; e de aí non é difícil sentirse un pouco perdido.

Islandia, en efecto, ese posible referente. Parcial, en todo caso: a posición excéntrica que posiblemente dificultou o seu progreso mediante intercambio, hoxe pode ser vantaxe para eles; trescentos mil habitantes (se chega), con escasísima densidade e magnífica conservación do medio, non se compadece coa nosa morfoloxía.

Irlanda, Dinamarca, Islandia... bos modelos para estudar. Pero ante todo, mirar arredor de si, pensar e actuar para nós.

Anónimo dijo...

Eu creo que o comentario de Isildur vai en contra completamente do que apunta o amigo González. É precisamente esa teima por construir ese proxecto nacional o que impide avanzar. Eu creo que sería boa cousa, sen desprezar as achegas destas xeracións, de construir con outros materiais. Pode facerse a proba. Eso é o que creo apunta Isildur. Se entendo a analoxía futboleira.

Anónimo dijo...

Veiga Alonso, amigo Isildur, é un moi bo especialista sobre o clientelismo político na Galiza do século XIX. A súa tese de doutoramento, publicada hai uns anos pola Deputación de Lugo, versa sobre o Conde de Pallares. É autor ademais de numerosos artigos, en revistas galegas (AT deOuro, coido que tamén Grial), españolas (Historia Social, Hispania...) e portuguesas, con reflexións máis xerais sobre o clientelismo político na Galiza e na España da Restauración. Analista fino e intuitivo. Mora en Foz e dá aulas en Lugo, razón pola que é un tanto "periférico" nos circuitos culturais galegos (o eixo atlántico Santiago-Vigo e mais o enclave ourensán).
Unha anotación: a xeración Nós seguramente foi irrepetíbel. Eles pensaban, creaban e actuaban politicamente. Eran "actores multifuncionais". Hoxe é difícil actuar nos tres eidos ao mesmo tempo. Xa non digamos en política: os partidos non gostan precisamente da xente que pensa e cultiva o pensamento crítico.

Anónimo dijo...

Obviamente, no post anterior quería dicir "amigo Leituga 1".

Marcos Valcárcel López dijo...

Máis de 70 entradas nun debate que empezou con algo tan pouco mediático como as relacións entre o galeguismo, Europa e a Xeración Nós: é para estar realmente sorprendidos. E satisfeitos...

Anónimo dijo...

Até onde eu alcanzo, Xosé Ramón Veiga Alonso é o mellor historiador especialista que hai en España (ou no "Estado Español"), e por suposto en Galicia, sobre o clientelismo político (vulgo: caciquismo), tal como apunta Isildur.

O feito de que a súa máis que excelente tese ("O Conde Pallares e o seu tempo, 1828-1908. Aproximación ó activismo das elites na Galicia decimonónica", 1999) estea publicada pola deputación de Lugo, cuxa distribución é penosa, impediu que fose coñecido alén de reducidos círculos. E o mesmo pasa cos seus artigos publicados nas mellores revistas académicas citadas polo amigo Isildur e en actas de congresos.

Por outra banda, aínda sendo prof. titular de historia contemporánea da Universidade de Santiago, pero vivindo onde vive e dando clases onde dá, ao que se engade o feito de ser unha persoa discreta que non vai pola vida co obxectivo de acudir a saraos culturetas, fan que Veiga Alonso sexa un perfecto descoñecido neses ambientes. Outro tanto lle ocurre a Miguel Cabo.

Despois de Xosé Manuel Núñez Seixas, por evidentes méritos propios a gran estrela ascendente(no mellor sentido do termo) da historiografía contemporaneísta galega e tamén da española, e a que goza hoxe de maior proxección internacional, Veiga Alonso e Cabo son os dous mellores e máis finos analistas que temos en Galicia neste eido, sen que dicir isto sexa desprezar a ninguén.

Hai bimbios cos que facer un bo cesto. Mais non temos cesto. Así son as cousas.

Anónimo dijo...

Estaría ben que os demais contertulios trouxeran á palestra, e nos ámbitos dos que estean máis informados, outros nomes e, sobre todo, as súas caracterizacións cualitativas, para facermos un panorama acaído.

Anónimo dijo...

Hoxe, como é domingo e toca Celta e Barça, ando con moitos recelos: por iso, tamén eu lembro, á luz do que solicita APC, que hai unhas cantas rémoras en certos lugares centrais do sistema cultural (editoriais, profesores universitarios, escritores de certa sona, directores xerais, xornalistas) que impiden mover con xeito a embarcación. Non van ser todos os días festa.

Anónimo dijo...

Tamén estaría ben que se fixeran achegas á análise desas "rémoras" que impiden mover a barca, tal como di Arume. Non é necesario dicir nomes, pero si describir tentencias, actitudes e tipos humanos.

Eu propoño un tipo humano: o que non come nin deixa comer.

Anónimo dijo...

Pois, Arume, non lle discutirei sobre o concepto do Isildur e a súa intención, estando el diante.

Como algo fomos sabendo neste último ano, tampouco non me estraña que "proxecto nacional" e outra terminoloxía a xeito non sexa do seu gusto, mesmo ata o punto de considerala "teima". Así e todo, é inevitable arquitectar se de algo colectivo falamos. Déixeme fóra no posible, prégollo, de neuroses e apriorismos. E non perdamos de vista que o tema é Galicia-Europa; para min, obviamente, equivale a unha nación-no seu marco: non é obrigada tal visión, pero si, se así é formulada, a bipolaridade directa, desde visión de país.

Fago este comentario algo obrigado, pero se cadra o mellor é que continúen o fío no eido histórico encetado, do que eu lerei e aprenderei gustoso. Certamente, no ámbito da filoloxía e os estudos literarios poderíanse dicir cousas; gustaría eu dalgún achegamento ao medievalismo -no ámbito indicado-, pero probablemente dea máis xogo seguir por onde van.

Anónimo dijo...

Pois eu, señor González, penso que o binomio Galicia-Europa non se dirime hoxe en termos de afirmación nacional, tal como entendemos habitualmente esa idea. En realidade, a lóxica europeísta é anti ou post-nacional, se entendemos "nación" como un corpo político que, ou ben é xa un Estado anulador da súa diversidade interna, ou ben unha nación que aspira a facerse Estado. Ambos casos, o dos Estados nacionalistas e o dos nacionalismos sen Estado, participan dunha mesma lóxica, aínda que invertida. Esquematizando un pouco, para os grandes Estados-Nación un Estado ten que corresponderse cunha Nación única e cunha lingua e unha cultura tamén únicas. Os nacionalismos subestatais utilizan a mesma ecuación, só que invertida: unha lingua é unha nación e unha nación ten dereito a ter o seu propio Estado. Esta é a visión que, implicitamente, pretende superar o proxecto de construción de Europa. De feito, poucas veces na literatura oficial da UE se fai referencia ás "nacións". Fálase de Estados, Rexións e Municipios, co que se quere sinalar tres realidades obxectivas, tres marcos de convivencia e toma de decisións efectivas, que conforman en conxunto o que se chama "goberno multi-nivel" caracterizador da arquitectura política dunha Unión Europea que lle concede máis importancia ao concepto de "interdependencia" que ao xa bastante desfasado de "soberanía nacional". Un dos problemas para a comprensión da Europa actual que ten o nacionalismo galego é que, neste aspecto, segue aferrado aos principios wilsonianos xurdidos a partir da Primeira Guerra Mundial. Quen entendeu moi ben estas cousas, e que me disculpe o señor Swann, foi Ramón Piñeiro.

Anónimo dijo...

Cincoo puntualizacións ao seu interesante contributo, amigo Leituga 1, e que a fin de contas tamén teñen que ver coa relación entre o espírito de "ultraportos", como escribira unha vez Villares, e as correntes de pensamento galegas:

1. Ao meu ver, o paradigma que máis prima hoxe en día na UE non é o federalista da gobernanza multi-nivel, senón o da cooperación interestatal. Os Estados reteñen a capacidadede de deliberación e decisión na súa maioría.

2. Nese esquema que se foi impondo, as esperanzas de as "comunidades básicas", por resucitar aquel termo caro a Piñeiro, poidan dispor de ampla marxe de participación política son reducidas. Non inexistentes, pero os Interreg, as asembleas de rexións e concellos etc. demostraron ser o chiculate do loro.

3. Nese contexto, a aposta do SNP ou de ERC ten a súa lóxica: só se pode contar dentro da UE se se é un Estado nación. É a pequena diferenza entre a pequena Malta e a grande Cataluña ou a mediana Galiza.

4. As lóxicas do nacionalismo foron esas (non hai que culpar ao pobre Wilson, porque este non pensara nos seus 14 pontos en promover nacionalismos irredentos, senón en resolver un problema xeopolítico; outra cousa é como o interpretaron) ao longo do XIX e XX. O desafío hoxe é duplo: que o nacionalismo sexa "postnacional", no senso de conxugar a afirmación de soberanía política e plena recuperación de culturas minoritarias (se é o caso) para territorios sen Estado, cunha doutrina que poña énfase na toleranza e na diversidade como valor a preservar, na pluralidade de identidades e mais na primacía dos elos cívicos sobre os étnicos. E na letra miúda e quizais non sempre tan visíbel, iso é o que afirman moitos partidos nacionalistas e teóricos asemade.

5. Outra cousa é que polas Fisterras anden aínda algúns coa "contradición fundamental" e as fases da revolución nacionalpopular a voltas. Hai unha transición pendente en amplos sectores dos nacionalismos sen Estado, certo, cara a un patriotismo constitucional (galego, catalán, bretón ou o que sexa). E hai outra tamén pendente nos nacionalismos de Estado, a pesares das moitas mudanzas que houbo en varios destes. Gostaría eu de saber se o Sr. Salvador e o sr. Pérez-Reverte son consecuentes co seu discursete do outro día, segundo o cal impor unha lingua "universal" (seique se referían ao castelán) é menos lesivo normativamente que impor unha lingua "local", e por tanto van a Puerto Rico a pregoar a asimilación ao inglés da poboación hispanofalante, ou a Nova York a arrincar os cartaces en castelán das rúas.

Anónimo dijo...

Completo o post anterior.
No horizonte máis ambicioso dos máis europeístas está a creación dunha entidade unida -"Europa"- na que talvez sobrevivan os Estados, pero en calquera caso, como xa se está a facer hoxe, desprovistos de moitas das que foron as súas competencias clásicas "de toda la vida". Nesta direción, a creación da moeda única é un avance espectacular, pois os Estados ceden unha das súas máis caracterizadoras atribucións. E o mesmo ocorre coa abolición das fronteiras interiores no espazo da UE. Agora deberán producirse outros progresos, aínda hoxe tímidos, na aceptación dunha política exterior e de seguridade común, que incluirá a creación dun exército único europeo.
Este proceso de cesión de soberanía por parte dos Estados cara a Unión, debe completarse coa asunción dun papel maior na gobernanza diaria e na participación na toma de decisións comunitarias por parte de Rexións e Municipios.
A clave do proceso non está, pois, na persistencia das vellas ecuacións soberanistas estatais e nacionais, senón na súa superación a través de criterios como os de cidadanía, diversidade, dereito comunitario e goberno multi-nivel (o famoso "principio de subsidiariedade", central para entender a Europa actual).

Anónimo dijo...

É que o termo "proxecto nacional" pode prestarse a equívocos e a patrimonializacións, mesmo a groseiras manipulacións, amigo González. Daquela, son comprensible as reticencias fronte ao mesmo.

Eu entendo perfectamente o seu enfoque e comparto dun xeito parcial e heterodoxo a filosofía que o inspira, amigo González, pero concordará comigo en que habería que precisar o contido do termo.

Se partimos de que estamos nunha sociedade radicalmente plural e heteroxénea, un “proxecto nacional” non pode ser algo deseñado a priori e desenvolvido por uns poucos seguindo uns ríxidos patróns que todos deberiamos obedecer inexorablmente, senón que aquel ten que ser o resultado, consciente e inconsciente, da concurrencia de moitas liñas de forza diferentes que poden confluír nunha mesma dirección.

Daquela, quizais o termo proxecto nacional non sexa o máis acaído, sobre todo cando as "lóxicas clásicas" do nacional (non uso a palabra "vellas" por carga pexorativa) están a ser cuestionadas, tanto na teoría como na practica que Leituga 1 describe en parte.

Ben, expliqueime fatal, pero ao mellor enténdese algo do que quixen dicir.

Anónimo dijo...

Vaia, escribín este último post sen ler antes o escrito polo señor Isildur, que significa un paso adiante neste debate. Seguirei logo, que agora non podo.

Anónimo dijo...

E eu, que tampouco non podo agora, direi tamén que gusto da música da última mensaxe do Isildur, a tal punto diríase que referencia fáctica dos que seguimos este fío.

Da letra falaremos noutro momento, pero aventuro pouca dificultade para pórmonos dacordo. Se non entendín mal, así a lectura rápida.

Anónimo dijo...

Aparentemente poden non ser rémoras, porque adoptan posicións políticamente correctas, pero, a longo prazo, constitúen pola súa capacidade de decisión filtros ou peaxes que deben pasar os que queren ser algo neste mundo cultural. Os famosos mandarinatos que con boa fe e mellor intención buscan unha posición de forza do sistema cultural galego poden, sen pretendelo, servir para o contrario.

Anónimo dijo...

Construir un colectivo pode facerse sobre a base dunha constitución (sexa o estado que sexa) nas que se establezan as normas para os cidadáns dese país. Cunha constitución de Galicia como Estado, rematará o nacionalismo ou teremos que seguir a construir un proxecto nacional? Eu non entendo máis nacionalismo ca aquel que conduce á constitución dunhas normas para os cidadáns que viven nun territorio que a propia lexislación establece. Por iso mismo non entendo esas saídas patrióticas do Salvador ou de Pérez Reverte ou de tantos outros con respecto ao español e o seu carácter intocable. Non entendo, e perdónenme vostedes, as identidades nacionais. É máis: non entendo nin siquera o concepto identidade. Pero debe ser que vexo todo en termos tan políticos que as outras cuestións de orden cultural, antropolóxico, histórico ou o que sexa, sen dúbida interesantes para a vida política e que para moitos definen un país, non deixan de ser para mín ingredientes accidentais que importan pouco ao establecemento dun marco constitucional nun territorio determinado.

Anónimo dijo...

Prezado Arume dos PIñeiros: dende o comezo dos constitucionalismos, as cuestións antropolóxicas e culturais importaron, e moito, á hora de definir cál era o demos. E sen este non había suxeito político constituínte, e por tanto non habia constitución. Non digo que teña que ser así. É que foi. E seguramente será. Constitucionalistas puros sen mácula cultural, antropolóxica, histórica, etc., pouquiños de verdade houbo e hai. Ao mellor os haberá.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Non, se a miña idea é unha utopía irrealizable. Son plenamente consciente. Pero fronte aos que opinan que eses factores (culturais, antropolóxicos, históricos...) constitúen a esencia das constitucións, eu inclínome para o outro lado e trato de minimizar daños.

Anónimo dijo...

Da miña viaxe de Semana Santa a Cataluña trouxen un libro titulado "Catalunya sota Espanya", escrito por Afons López Tena, que foi membro do Consello Xeral do Poder Xudicial a proposta de CiU. López Tena avoga pola constitución de Cataluña en Estado a partir de argumentos moi semellantes aos que expón o amigo Isildur: o proceso de ampliación da Unión Europea ata 27 membros viría reforzar o papel dos Estados na Unión e a facer máis evidente aínda a situación subalterna na que se atoparían países como Cataluña, que terían que contemplar, entre o abraio e a desazón, como a lingua maltesa (300.000 falantes) goza dun estatus superior ao do catalán (7 millóns) nas institucións comunitarias. A razón deste disparate estribaría, según López Tena -non na miña opinión-unicamente en que Malta é un Estado e Cataluña non.
López Tena, porén, contempla, se ben sen moitas esperanzas, a posibilidade de conversión de España nun "Estado plurinacional" como alternativa á independencia. Claro que ese Estado plurinacional, de carácter confederal, tería que xurdir dunha reformulación moi fonda da actual Constitución Española e, sobre todo, tería que contar cuns consensos políticos e sociais dos que hoxe non dispón no conxunto do territorio español.

E probablemente tampouco na propia Cataluña. Noutro libro de recente edición, "Entre una España y la otra", asinado polo líder de UDC, J.A. Duran i Lleida, preparatorio quizais da súa non oculta aspiración ao Ministerio de Asuntos Exteriores, escribe Duran: "Durante años creí ver en la Europa de los pueblos el futuro nacional de cataluña. Hoy no he perdido la fe, pero el proyecto europeo nunca avanzará, a mi juicio, considerando a Cataluña como un Estado equivalente al francés, al alemán o al austriaco, entre otros muchos motivos porque los propios franceses, alemanes o austriacos se encargarán de que no sea así (...). La necesidad de rectificación de la política catalana exige, más allá del reconocimiento del valor de las utopías, un proyecto basado en la realidad (...). Ofrecer a nuestras jóvenes generaciones un futuro radical e irreversiblemente ajejado de la realidad es tanto como suscribir una póliza de segura frustración, que es el peor de los cánceres colectivos que un pueblo puede sufrir. Sé que es mucho más excitante y, sin duda, mucho más atractivo desde la radicalidad nacional, de verbo y gesticulación, ofrecer un futuro de independencia y presentarlo como semejante al de cualquiera de las repúblicas bálticas, las que en su día integraron la Federación Yugoslava o las restantes que comprendía la URSS, o equipararlo con el que Eslovaquia ha desarrollado, con la consiguiente desaparción de Checoslovaquia. Como en tantas ocasiones he dicho, Cataluña no es Lituania, ni Estonia, ni Eslovenia, ni Croacia, ni Chechenia. Ni España es como era antes la URSS, la Federación Yugoslava o la misma Checoslovaquia. Ahora es en Escocia donde toma fuerza el proyecto independentista. No caigamos en la tentación de volver a verbalizar la emulación de un tercer país. Tampoco Cataluña es Escocia y, sobre todo, España no es Gran Brteaña. Cuidado de nuevo con los espejismos. Acaba de conocerse el plan del mediador internacional para Kosovo donde se señala su futuro entre la independencia encubierta y la soberanía controlada: el despliegue indefinido de las fuerzas de la OTAN, tutela política de la UE, creación de siete municipios serbios con amplia autonomía, protección del legado histórico serbio... Sobran comentarios".
Duran i Lleida escribe estas liñas despois de facer unha serie de reflexións sobre España como nación, como estado e como sentimento nacional, que o levan a concluír que é necesario aceptar e respetar o feito de que hai moitos cidadáns cataláns que teñen como referencia nacional a España e aínda moitos máis que militan na dobre referencia nacional Cataluña-España. De aí que pense que "quienes identifican erróneamente autodeterminación con independencia deberían saber que cuentan con la gran suerte de que no pueda convocarse un referendum para autodeterminarnos, porque estoy convencido de que, a lo sumo, conseguiríamos dividir la sociedad catalana en dos mitades, división que nunca puede provocar quien desde la realidad la ame sensatamente".
Esta perspectiva "realista" que Duran introduce, sen abxurar en absoluto da afirmación nacional catalana tamén presente no libro, ¿fai posible pensar nunha Cataluña convertida en estado independente dentro da UE? Eu creo que non. España, fronte aos "mapas" nacionais que debuxan algúns nacionalistas, é unha nación transterritorial, se se me permite dicilo así, na medida en que o sentimento nacional español está presente, en maior ou menor medida pero sen dúbida con amplitude, tamén nos territorios onde existen movementos nacionalistas potentes: en Cataluña, no País Vasco e xa non digamos en Galicia.
Eu creo, en cambio, que si se pode e se debe avanzar cara a un Estado que articule mellor o binomio unidade-diversidade, que perfeccione os mecanismos bilaterais e multilaterais de relación entre as comunidades autónomas e a Administración Xeral do Estado, e que constrúa ou mellore as instancias institucionais desde as cales as nacionalidades e rexións poidan contribuír á formación da vontade e das posicións españolas na Unión Europea. E, por suposto, un Estado cuxas leis internas fagan posible que catalán, galego e vasco teñan na UE consideración oficial estrictamente similar á do castelán, o portugués, o inglés e, como non, o maltés.
O PP, a Igrexa Católica e a dereita en xeral é unha remora moi importante neste proceso. Pero pouco a pouco vaise facendo camiño. Aí está o Estatut...

Anónimo dijo...

Reléome, e vexo que onde dixen, inicialmente, "proxecto nacional" debía querer dicir "lugar deste país en Europa", xa que de galeguismo e europeísmo tratamos; se cadra, logo, disparáronse as alarmas sen moita necesidade.

Non me vou pór ao seu nivel, porque é tema ao que, notoriamente, lle teño dedicado moito menos tempo "de calidade" ca vdes. Reitero, con todo, idea moitas veces formulada: fácil é falar de europeísmo post- ou anti-nacional desde un proxecto nacional concluído (pretendida ou realmente) que procura marco superior. Pero aquí falamos de Galicia-Europa, non é? Insisto que de conexión directa, non mediatizada; logo, de evitarmos saltar no baleiro, algo hai que falta.

Eu non penso que o nacionalismo galego actual estea aferrado a principios vellos, no tempo da Soiedade das Nacións; máis ben acontece que o proxecto estratéxico para Europa está pendente de definirse, e vexan que non lle fago ao Bloque ningún favor. Iso si, algo teñen claro e tamén o teño eu: non é a UE o único marco ou canle de proxección internacional, e o proxecto estratéxico de unión militar, cesión de soberanía, goberno executivo... iso que formula o Leituga e manifestan diversos gobernos e correntes como desideratum (ou desiderata?)... desde hai dous aniños e medio aparenta non ser para cedo, senón obxecto de renegociación, reformulación, repensamento, e quen sabe cantas operacións de reflexión e feed-back.

Mire, Leituga, non sei se chegaremos a entendernos: dígolle, con todo, que non me soou mal a música en "Catalunya: de l'identitat a l'independència" (Rubert de Ventós); eu mesmo digo que pretendería para este país toda canta independencia sexa posible no século XXI e na UE. Por iso afirmo que nos é necesario un proxecto nacional (non lle encontro outra expresión, AP-C; non exclúe a súa idea de base xurídica e cívica, Arume) e acepto como síntese aproximada a mensaxe, en cinco puntos, que puxo o Isildur ás 2:40 PM. Con algún distingo: non lle escoito a ninguén falar aínda en termos de fase revolucionaria ou nacional-popular (acepto que haxa quen manteña a idea ou se arrole con ela); si noto renitencia con respecto á "Europa do capital" e, con toda lóxica, atención ao que pasa no mundo e a forza ética e política das correntes chamadas de anti-globalización.

Isto comezou tratando sobre Nós: segundo suxire Villares, eles sentíanse plenamente europeos; pero tamén procuraron lexitimar o galeguismo, vincular o futuro e progreso da nación ao seu marco xeográfico, histórico e prestixioso. Non creo que a nación teña acadado nin grao de desenvolvemento nin de progreso suficientes como para fiar en Europa como idea e descansar no demais: tan ociosa e viciosa é a subvención económica coma a mental. Se me entenden a, se cadra, non moi afortunada metáfora.

E desculpen a falta de rigor, xa digo que o meu, de ser algo, sería a poesía trobadoresca.

Anónimo dijo...

Leo agora a mensaxe, do Leituga, previa á miña. Paréceme excesivo situar a Igrexa Católica, aliñada co PP, como inimigo fundamental dun novo proceso de descentralización do Estado; sería materia, en todo caso, para desenvolver con certo pormenor. Indico, coa urxencia do sono, algunha outra pega para o seu proxecto: as forzas centrípetas no Estado Español, poderosísimas no sociolóxico, moi poderosas no partidario e non só, xaora, dentro do PP; as dificultades de impoñer na UE medidas propostas por un único estado, no caso de que a proposición chegue a formularse.

Aí está o Estatut, en efecto. Considerablemente "retallat", con Maragall dicindo o que di e non sen base. Panorama de escasa confianza; pero xa falaremos.

Anónimo dijo...

A Igrexa católica aínda funciona por dióceses e archidióceses (véxanse os valdeorráns e o arcebispado de Astorga) e nalgunhas delas hai algúns membros decididamente partidarios de distintas formas de autodeterminación. Xa se sabe: a Igrexa aínda anda polo escolasticismo e, con esas prendas, monta tanto as teses coma as antíteses. Aínda que por veces os extremeños tamén se tocan.

Anónimo dijo...

Máis ben diría eu: a Igrexa, como institución universal, en cada parte ten compoñentes nacionais, iso implica ideoloxía e, con certa frecuencia, tamén política; nada estraño nin amoral. Tamén ha pasar, por exemplo, no Pen Club, se me permiten a absolutamente inadecuada comparanza, coma todas.

Anónimo dijo...

Eu si que considero amorais determinadas actitudes da Igrexa. E, por desgraza, son máis de unha esas actitudes.

Anónimo dijo...

Un documento recente da Conferencia Episcopal, elaborado por Monseñor Cañizares e respaldado por Monseñor Rouco Varela, califica a unidade de España como "bien moral" e arremete contra o proceso de reformas estatutarias iniciado durante esta lexislatura a partir dunha concepción da "nación española" -que nacería con Ataulfo, se non antes- coincidente coa sustentada polo pensamento integrista español, inventado por eles e os seus acólitos, dende o século XIX. Hai pouco o bispo de Granada, creo, suxeriu a posibilidade de votar nas eleccións municipais a partidos como Falange ou Alternativa Española, ambos de ultradereita, por seren partidos confesionais e católicos.
O catolicismo e a Igrexa católica, señor González, á marxe das crenzas que poida ter cada quen, foi nestas terras hispánicas durante moito tempo o inimigo número un da liberdade individual e da democracia política. Agora, despois duns anos de dubitativo "aggiornamento" e baixo o liderazgo neo-escurantista de Woitila e Ratzinger, parecen querer volver ás vellas e tristes andadas. Pero desta vez... ¡non pasarán!
Xa vai sendo hora de que os crsitianos españois volvan os seus ollos cara ao protestantismo europeo e abandonen dunha vez este absurdo e servil catolicismo, que non é máis que o cristianismo en versión para analfabetos e nenos pequenos.

Anónimo dijo...

Foi o de Pamplona, pero tamén hai que recordar os outros cregos, da abadía de Monserrat ou do jesuitismo peneuvista, que andan por semellantes vieiros. Xa o decía a miña familia en estraña e compracente unanimidade: non hai cura (xa non digamos máis altas xerarquías) bó.

Anónimo dijo...

Amigo Leituga 1: Coincido plenamente con vostede. Eu non expreso a independencia en Europa como un desidératum (en todo caso coma un soño irrealizábel, pero sen utopías non hai nada en política), nin como algo que estea á volta do recanto. Que España é un Estado nacional imperfecto, e que os proxectos nacionais (chámenlle X) alternativos tamén o son, na medida en que ningún deles desfruta de hexemonía absoluta en ningún dos seus territorios, é evidente. Ren que obxectar. Cómpre o pragmatismo máis absoluto. E aí Duran sempre tivo as ideas ben claras.
Ora ben: ollo ao piollo. Ningún lituano cría no 1988 que hoxe en día o seu país sería un Estado membro da UE. E ningún checo pensaba seriamente no 1913 que o imperio austrohúngaro desaparecería. Xa sei que Europa occidental non é o bloco soviético, nin España é a URSS. Pero o que poida acontecer dentro de vinte anos é impredicíbel.

Anónimo dijo...

Amigo Isildur: o meu lema é "la vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida". Ben sei que pode pasar calquera cousa e que a historia non é predecible. O século XX europeo é o máis acaído exemplo disto: abonda con ir vendo os mapas políticos do continente case década a década para nos cerciorarnos desta verdade.

Anónimo dijo...

Xa intuía eu que Pedro Navaja era un dos seus heroes favoritos, amigo Leituga 1. :-)

Anónimo dijo...

Pedro Navaja e Pedro Picapiedra, máis incluso este último.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Este post é para igualar o outro sobre as eleccións e para que poda Marcos Valcárcel dar as gracias, facer un pequeno discursiño sobre o moito que escribimos e o pouco que sabemos e os pesados que chegamos a ser. Encher, como vedes, un post é moi doado. O difícil é aguantarnos. A todos e a todas os que nos len, segundo asegura Valcárcel, un saúdo desde este vértigo dos 99 comentarios e a piques de chegar a esa superstición do sistema métrico decimal que é supoñer que o 100 é un número distinto.

Anónimo dijo...

Pois non imos ficar ás portas do cento, non? A fin de contas, xa reinventamos Galiza, Europa, o galeguismo e mesmo o nacionalismo. E de paso redescubrimos o xenial Pedro Navaja.

Anónimo dijo...

Falto hai días, e o que diga agora apenas terá vixencia polo salto do fío. Deixemos, logo, un detalliño: advirto que a mesura, calidade bastante habitual deste foro, esvara un pouco pola aba do monte cando a frase "Igrexa Católica" é pronunciada.

A min non me pillarán, pero cadaquén ao seu.

Anónimo dijo...

Home, non, amigo González, non esvara só por iso. Vostede non cairá nesa, pero noutras non dirá que non.

Anónimo dijo...

E logo, amigo González, el non nos será vostede consentidor cos desmáns e despropósitos nos que tanto se prodiga a levantisca e trabucaire xerarquía católica nos últimos tempos?

Anónimo dijo...

Non o queira Deus, AP-C; referinme máis arriba ao compoñente nacional como un dos factores incidentes na política eclesial (xerárquica, vde. ben fala aí), nuns lugares dando lugar a patriotismo e noutros a chovinismo. Arume, tento manter a mesura non direi en cada momento da existencia, pero si particularmente cando falo con vdes. Conseguilo é outro asunto e, de calquera maneira, repréndame que prometo análise e, se cómpre, emenda.

Teño un minutiño, estou a pasar algunhas lecturas e ciscar -con perdón- tres ou catro comentarios. Tempo haberá de falarmos. Pasen boa Semana das Letras.

Anónimo dijo...

É vostede un traballador nato, amigo González: tanto curre pola Semana das Letras en poucos lugares se terá visto. Non sabe que o traballo é un castigo divino? Mais, castigo ou non, que lle sexa leve e grato se o fai con gusto. Volva pronto, que o esperamos.