9 may 2007


GALICIA-EUROPA-NÓS (2)

Solicitouse aquí información da exposición Galicia-Europa-Nós, que se exhibe no Museo do Pobo Galego e que organizou a Fundación Otero Pedrayo.
Polo de agora, ofrecemos ós lectores o esquema de toda a mostra e os textos dos primeiros paneis (o panel 2, de seguido e os paneis da primeira parte en comentarios).

A nova da inauguración da mostra en Galicia Hoxe e en La Voz de Galicia. Foto Xoán Crespo, de Galicia Hoxe.
A mostra estará nos locais do Museo do Pobo Galego ata o 15 de xullo.


1. Portada e título da exposición. Presentacion.Créditos.
PRIMEIRA PARTE

2. A Galicia atlántica. Mapa das relacións da Galicia prerromana coa Europa mediterránea e atlántica. O comercio do estaño. A cultura dos megalitos. De Dombate a Carnac e Stonhengue.
3. Galicia na romanización e os suevos. Prisciliano, Hidacio, Exeria, etc.
4. O mito artúrico e Galicia
5. O camiño de Santiago e a arte románica
6. Poetas occitanos. Poetas galego-portugueses.
7. O colexio dos Irlandeses. Comercio das vilas marítimas co norte de Europa
8. Ilustrados e liberais. Relacións con Europa.
9. Galicia vista polos europeos. Románticos e viaxeiros.

SEGUNDA PARTE
10. O galeguismo e Europa. O discurso da xeración Nós
11. Castelao viaxa por Europa. As cruces de pedra na Bretaña. Diario...
12. Vicente Risco viaxa por Europa. Mitteleuropa...
13. Otero Pedrayo e Europa. Adrián Solovio e Arredor de si...
14. Plácido Castro no Congreso das Nacionalidades Europeas
15. A Xeración Galaxia
16. A BBC e os programas en lengua galega.
TERCEIRA PARTE

17. O nacemento da Nova Europa. Despois da segunda guerra mundial
18. Continuación
19. Declaración Schuman. 9 Maio. Día de Europa. O Discurso de Castelao en pro da federación europea (1948).
20. A evolución do mapa europeo dende 1957.
21. Institucións europeas. Presenza de Galicia nelas.
22. Continuación.

(2) Memoria de pedras e ouro (a Galicia atlántica).
A historia naceu, como nace o sol, en oriente. O paleolítico, do que tan pouco sabemos, iníciase nas terras do leste de África e pasa a Europa, hai centos de miles de anos. O neolítico, a produción dos alimentos e a sedentarización, acougar nun lugar, comezou nas terras do Tigris, Eufrates e Nilo, uns 10 mil anos atrás. Pouco e pouco foise achegando ás terras occidentais e atlánticas polo curso do Danubio e polo gran camiño aberto do mar Mediterraneo. Así, ao redor do terceiro milenio antes de Cristo, conviven as culturas megalíticas mediterraenas –Malta, Cerdeña, Baleares, Almería...- coas occidentais de Portugal e Galicia e, máis alá, de Bretaña e das illas Británicas. A posición de metade de camiño entre o Mediterraneo e o norte de Europa de que goza Galicia, fará que xogue un papel de relación entrambos mundos que só coñecemos de forma difusa, e que se vai aclarando a medida que avance o tempo. O Dolmén de Dombate, os menhires como a Lapa de Gargantáns, e os petroglifos de Campo Lameiro, terán as súas correspondencias nos outros fiesterres atlánticos como Carnac (Bretaña) Stonehenge (Inglaterra) ou Newgrange (Irlanda).
Os contactos de orixe fanse máis intensos e constantes desde a Idade do Bronce, pois as producións materiais –espadas, alabardas, etc- entre os fisterres atlánticos da Bretaña, Inglaterra, Irlanda e Galicia, son idénticas, e moi semellantes os tesouros aureos de brazaletes e vasos, como o de Caldas de Reis.
Naquela altura, sabemos que fenicios e tartesos percorrían os mares occidentais en busca do estaño que precisaban para a elaboración do bronce. No século IV a.C. Rufo Festo Avieno fálanos das antigas expedicións en busca das Casitérides, illas de localización difusa, no occidente atlántico. A Avieno tamén debemos a información duns novos poboadores -“saefes” – que se superporían a outro anterior, “oestrimnios”, máis antigos. Esta noticia dos “saefes” vén sendo interpretada como a única referencia escrita á chegada dos pobos célticos a Galicia en varias ondas a partir do século IX. Estes celtas, se cadra non foron moi numerosos pero si o suficientemente importantes para deixar fondas pegadas en varios campos da nosa historia. Na ourivería, os torques, arracadas, brazaletes... Na toponimia, Lugo, Coruña... e o propio nome de Galicia. No sistema de poboamento... “castros” para nós, “hill forts” para os ingleses... E sobre todo tamén, como pezas claves no proceso de construción dunha identidade mítica no século XIX, tal e como aconteceu con outras culturas todo ao longo da Europa daqueles tempos.

11 comentarios:

Anónimo dijo...

3. Nós, romanos de Galicia...
Galicia existe porque foi romana. Os varios miles de castros espallados por todo o territorio, aínda con rasgos culturais definidos –o que chamamos Cultura Castrexa- carecían non só dunha base étnica e lingua común senón, sobre todo, dunha organización de poder colectivo. Antes dos romanos este territorio era un fervedoiro de “populi” diversos.
A romanización de Galicia supón a entrada nun sistema de vida e nunha organización política ampla, de dimensións mundiais para o momento. Seguramente os indubidables avances asociados á presenza romana (escrita, lei, sistema monetario, posibilidades de buscar unha nova vida lonxe da casa por medio da integración na lexión), estarán na cerna do triunfo rápido e intenso dos partidarios da romanización. Ao lado de episodios lidos en clave heroica pola literatura romántica como o do Monte Medulio, existe a seguridade que en moitos lugares se propiciaron acordos entre as autoridades romanas e as indíxenas previas por medio de “tabulae hospitalis”, que recollían pactos de hospitalidade, en realidade de aceptación e integración no novo mundo.
Os romanos denomináronnos, colectivamente, co nome dun pequeno pobo do sur de Ourense os “gallaeci” e así, levamos xa máis de dous mil anos usando sen interrupción unha vella palabra prerromana para nos referir a nós como colectivo humano.
Tan importante é esta romanización que froito dela naceron varias culturas e varias linguas no sur de Europa. As nosas palabras, a nosa forma de expresar e de ver o mundo, nace, con personalidade de seu, dentro dunha das grandes familias culturais de Europa: a latina.
E os romanos que nos deixaron grandes vestixios arqueolóxicos asociados á produción de ouro e a vías de comunicación (pontes, murallas, acampamentos, faro...) trouxéronnos tamén o alfabeto, a palabra escrita e a posibilidade de viaxar por un mundo coñecido e seguro. Así entramos, da súa man, como protagonistas directos na nosa historia. Dous galegos, Hidacio da Limia, bispo de Chaves e Paulo Orosio, de Braga, chegan a relatarnos desde diferentes puntos de vista –o primeiro en negativo e o segundo en positivo- o asentamento dos suevos en Galicia a partir do ano 408, nunha época na que o cristianismo xa se espallara entre toda a poboación, grazas en parte á actividade do herexe e martir Prisciliano, a quen combateron. Ambos historiadores, xunto coa monxa Exeria, visitaron nos século IV-V o norte de África e Terra Santa e cimentaron fondas as raigañas do cristianismo galego. Son estes tres, dous homes e unha muller, os primeiros galegos que toman a palabra para falar de nós.

4. O mito artúrico en Galicia.
A primeira constancia que se ten do personaxe de Arturo vén da man do monxe e historiador galés Nennius, sobre o 826 d.C., en Historias dos bretóns, onde narra unha ducia de batallas contra os bárbaros (anglos, saxóns...) dun rei ao que sitúa entre fins do século V e comezos do VI. Século e medio despois, o mito rexorde na cronoloxía británica Anais cambrianos, de autor anónimo. Xa no século XII, o monxe William de Malmesbury menciona "ao guerreiro Arturo", e no 1139, Geoffrey de Monmouth, cóengo no colexio protouniversitario de Saint George, Oxford, e autor de Historia Regum Britaniae, é o primeiro que recrea a mocidade de Artur relacionándoo co seu protector e amigo, o mago Merlín. En 12 volumes conta a vida do heroe, de Xenevra, de Mordred, de Lanzarote, e de tantos personaxes míticos. Narra o nacemento do rei Arturo no castelo de Tintagel, concibido mediante un encantamento de Merlín que transformou o rostro do rei Uther Pendragon no do duque de Cornwall para enganar á súa esposa Ygema, da que Uther estaba namorado. Sendo aínda un mozo Arturo recibe a espada máxica Excalibur de mans da Dama do Lago, sacerdotisa da illa encantada de Avalon, e co apoio dos seus fieis Tristán e Cai, unifica as tribus de Bretaña baixo un único reino, casa con Ganhumara e instala a súa capital en Camelot. Despois de moitas fazañas, é ferido mortalmente polo seu sobriño Mordred e regresa a Avalon para ser curado.
Sobre esta historia, baseada en materias lendarios e de carácter procelta, pronormanda e antisaxona, produciuse a fixación literaria dunha serie de temas e personaxes marabillosos (os heroes, as aventuras, o misterio, as armas, o graal), que levou logo a Chrétien de Troyes a escribir as obras coñecidas como “Materia de Bretaña”, entre elas Li Conte del Graal. Novas obras en prosa proseguiron a saga dos cabaleiros á procura do misterio do Graal, entre elas La Quête du Graal, traducida á lingua galegoportuguesa no século XV co título A Demanda do Sancto Graal. Dende mediados do século XIII, a orixinal Materia de Bretaña comeza a xermolar en todas as literaturas nacionais europeas, aparecendo así, entre outras, a Mort d’ Arthur de Malory, o Parzival de von Eschenbach e unha Suite du Merlin galego-portuguesa.
Nas letras contemporáneas o mito artúrico e a Materia de Bretaña terá unha vizosa funcionalidade nas letras galegas. Lembremos a Doutrina e Ritual da moi nobre orde galega do Sancto Graal, de Vicente Risco (1923) e obras clave das nosas letras como Na noite estrelecida (1926) , de Ramón Cabanillas, ou Merlín e familia (1955), de Álvaro Cunqueiro. A xeira artúrica continuou despois, na nosa narrativa, en títulos como Amor de Artur (1982), de Xosé Luís Méndez Ferrín; Irmán Artur (1987), de Carlos González Reigosa e en diversas obras de Darío Xoán Cabana e doutros autores. Santiago Gutiérrez achegouse a este tema dende o campo da investigación no ensaio Merlín e a súa historia (1997).


O luar, fía que fía
na súa roca de prata,
cobre de rendas albeiras
o limpo cristal das ágoas,
a lonxanía do ceo
e os areeiros da praia.

Galahaz a Rei Artur
cingue a miragrosa espada,
Rei Artur a Galahaz
sobre do seu peito abraza,
e, queda quediñamente,
a tremer, rubindo a escada,
nun ardor de saudade
acesa a mística chaga,
da man da nobre doncela
entra esvaído na barca
que, en circo a escolta dos cisnes
e do misterio levada,
alónxase mar afora,
rumbo da ribeira sagra.

Locen no ronsel de escumas,
craridades de esmeralda,
e na seda do mar raso,
que a quilla firente esgaza,
as lumias de verdes ollos
e cabeleiras doiradas
erguen os místicos soes
da leda canción da Espranza.
Na noite estrelecida (R. Cabanillas)

Anónimo dijo...

Rxcelente pinta, Marcos. Como o de que a mostra veña a Lugo non pasa, seica, de hipótese, ¿poderías indicarme o calendario en Compostela? A idea é pasar por ela sen falta.

Anónimo dijo...

Ten boa pinta a exposición. Haberá que vela.

Anónimo dijo...

É de lei agradecer a xenerosidade de plasmar aquí o traballo. Como fun eu o que o pedira síntome un pouco sobrepasado por semellante exhibición. Moitas gracias, amigo. Sólo queda suxerirlles que na exposición de Santiago poñan vostedes un enlace con este blog: sección complementaria de debates.

Anónimo dijo...

Eu se podo irei mañá. E, se non, a semana que vén, seguro.

Anónimo dijo...

Panel 5. O camiño de Santiago e a arte románica.

Dende que, segundo a lenda, a comezos do século IX un ermitán descubrira o sartego do apóstolo Santiago en Galicia, milleiros de persoas vírense impulsadas a dirixirse a el para renderlle culto, procurar a súa intercesión, a expiación dos seus pecados, a curación dos seus males ou por simple desexo de aventura. Así foi como Compostela se converteu nun dos grandes centros de peregrinaxe do mundo, ó carón de Roma e Terra Santa. A toda Europa chegou a nova da existencia dun lugar remoto, próximo ó “fin da terra”, onde do ceo manaban remedios contra a peste, a pobreza e o medo a condenarse eternamente. No século XI a fe converteuse nun tormento e a salvación nun pesadelo, o que explica o florecemento deste camiño espiritual.
Os peleriños saen en grupos, para axudarse e defenderse. O día fixado para a partida xúntanse nunha cidade: Tourse, Vézelay, Puy, Arlés... En París os que van a cabalo danse cita na rúa Saint-Jacques, diante da igrexa de Saint-Séverin, onde se encomendan a San Martiño. Os ingleses embarcan en Portsmouth. Os alemáns baixan a Vézelay por terra ou descenden polo Ródano para xuntarse cos italianos en Arlés. Todos os camiños converxen en Puente La Reina, en Navarra, formando a primeira autopista espiritual do mundo cristián; dende alí seguen por Pamplona, Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada, Portomarín e Sobrado, lugares todos por onde se espallan igrexas, mosteiros, albergues e casas aldeás que ven pasar polas súas portas, durante varias xeracións, a Europa camiñante en busca do seu destino. É un duro traxecto, de case 800 quilómetros de perigosa ruta, que vai lindando a fronteira co mundo árabe. A igrexa e as ordes relixiosas e militares proporcionan asistencia ó viaxeiro e cobren todo o Camiño cunha sucesión de igrexas e mosteiros de impresionante presenza artística.
O culto compostelán chegou a ser tan importante que as autoridades eclesiásticas procuran por todos os medios eliminar toda posible competencia de calquera outro santuario milagreiro. Por iso o arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez, sustraiu os ósos de San Fructuoso de Braga, san Cucufate, santa Susana e san Silvestre. O Camiño vaise constituír ademais nunha poderosa vía de intercambio de influencias e síntese cultural: os froitos máis vizosos desa relación son o esplendor da arte románica europea (de Cluny a Compostela) e o florecemento da lírica galego-portuguesa, pois trobadores e xograres son quen de crear co seu repertorio autóctona e as pegadas de alén dos Pirineos un dos cancioneiros máis fermosos de Occidente. No ano 1135 era tanta a importancia do Camiño que un francés, Aimerico Picaud, redactou unha Guía do Peregrino, parte do Liber Sancti Iacobi ou Códice Calixtino, onde describe cada unha das etapas, as reliquias a venerar e os perigos da viaxe. Entre os moitos peregrinos egrexios que chegaron a Compostela xa no 1137 acode o duque de Aquitania, que morre de gozo perante a imaxe do apóstolo, como ben lembra o Romance de don Gaiferos.

Vén despois a terra dos galegos, pasados os lindeiros de León e os portos dos montes Irago e Cebreiro. É terra vizosa, con ríos, praderías, extraordinarios campos de maceiras, bos froitos e cristalinas fontes, pero de poucas cidades, vilas e terras de labor. Está falla de pan de trigo e viño, pero abundante en pan centeo e sidra, ben abastecida de gando e cabalerías, en leite e mel, e en pescados mariños grandes e pequenos; rica en ouro, teas, peles salvaxes e outras riquezas; ata é moi abundante en mercancías árabes de valor. Os galegos son o pobo que máis se asemella á nosa nación gala, entre os demais pobos de España, se non fose porque son moi iracundos e litixiosos.
Códice Calixtino

6. Unha lingua europea, de reis e poetas. Quero eu en maneira de proençal...

A medida que se vai fragmentando o vello latín para dar lugar ás linguas romances na Europa da alta idade media, ese marabilloso invento que é o alfabeto latino, irase adaptando ás novas linguas para que estas teñan, tamén, un modo de seren escritas. Así, de forma natural, producirase o relevo entre o latín e o galego, o castelán, o catalán, o italiano, as linguas francesas de oil e oc, e mesmo linguas non latinas –como o inglés ou o gaélico que empregarán este alfabeto- e usaranse tanto para cuestións documentais e correntes como para a tradución ou creación de poesía e prosa de autor.
Do mesmo xeito que existe unha unidade social e cultural baseada na organización do sistema feudal, e na transcendencia da relixión cristiá que se ve reflectida na arte románica e gótica, tamén, é facilmente recoñecible esa unidade cultural no mundo da creación literaria.
A cultura escrita en galego na idade media, frutifica de forma maxistral na confluencia de influencias exteriores e vellas tradicións. Ás formas de dicir antigas, máis vellas e propias, –cantigas de amigo-, xúntanse nos século XII e XIII as novas formas provenzais –cantigas de amor, pastorelas, etc.- dando lugar a unha das grandes literaturas medievais con máis de 1400 cantigas conservadas. E os camiños da influencia provenzal foron varios: uns trobadores tiveron que fuxir da cruzada contra a herexía albixense, outros acompañaban aos reis e nobres nas súas cortes itinerantes e mesmo en peregrinacións a Santiago e outros achegáronse ao mecenado de nobres españois.
O cosmopolitismo da nosa literatura medieval vivímolo tamén nas xeografías nas que se desenvolve a creación e nos espazos literarios. Entre os algo máis de 150 trobadores e xograres que coñecemos usan a nosa lingua, recoñecemos uns quince que se incorporan ao galego sen ter esta por lingua da súa terra. Así hai 11 doutros reinos da península e incluso 4 de fóra dela, (os occitanos Rimbaut de Vaqueiras, Arnaut Catalán, Picandon e o xenovés Bonifacio Calvo). Trobar en galego era cousa de Galicia e Portugal, pero tamén das cortes de León e Toledo. Mesmo existen varias composicións con xogos de linguas, onde se mesturan galegoportugués latín, occitano ou francés.
Pero sen dúbida son as’“Cantigas de Santa María” de Afonso X o Sabio, o maior expoñente da europeidade da nosa lírica medieval. As súas 427 composicións están realizadas recreando, en galego, milagres da Virxe contidos en coleccións e romances e libros de toda Europa – Francia, Italia, Inglaterra, todos os reinos da península Ibérica- de acordo, se cadra, con esa vocación imperial, culta e europea que sempre manifestou o rei Sabio.

Anónimo dijo...

7. OS CAMIÑOS DO MAR A EUROPA.
Os camiños do mar a Europa.

A partir do século XIII, coa incorporación da maior parte do sur da península Ibérica aos reinos de Portugal, Castela ou Aragón, rexorden con forza os intercambios comerciais entre a Europa mediterránea do sur e a do norte e atlántica. E Galicia está na encrucillada. Pontevedra orientouse sobre todo ao comercio con Sevilla e Lisboa, principalmente. Na cidade andaluza chegou a haber un peirao propio -Cal dos galegos- e coa capital portuguesa o concello de Pontevedra asinou mesmo un tratado de reciprocidade para exención de impostos de “ancoraxe” aos intercambios comerciais. A Coruña e os portos de Lugo orientáronse ao comercio cantábrico e ás relacións comerciais con Francia, Flandres e Inglaterra e mesmo coas cidades da Hansa báltica. Viños, ámbar, tecidos, peixe, sal, madeiras.. todo circulaba naquel comercio organizado.
Os vellos camiños eran coñecidos e estaban abertos. E xunto cos comerciantes viñeron peregrinos, modas e influencias. O propio escudo de Galicia parece ser unha invención inglesa e deberse á confusión entre Galice –en lingua anglonormanda o nome do noso país- e Calice –o obxecto relixioso-. Esta terra era coñecida de nome, pero non se lle apuña rei. E así imaxinaron que na península, os escudos todos levaban sempre un “emblema parlante”. Se Castela, un castelo; se León, un león; a nós íanos un cáliz. O que é certo é que a primeira representación do noso escudo aparece nun armorial inglés, o Seagers Roll, coetáneo das Cantigas de Santa María, e os primeiros de Galicia, nas cidades de Betanzos, Coruña, Noia e Santiago a finais do XV.
En calquera caso, o mar nunca foi unha barreira senón unha posibilidade de contactos sempre intensos. En 1210 o bispo de Dublín creou un Hospital para os peregrinos que agardaban o embarque a Santiago... e posteriormente Galicia serviu de refuxio aos bispos e nobres irlandeses durante as persecucións relixiosas, sobre todo, no reinado de Isabel I de Inglaterra (1533-1603). Así, centos de exiliados entraron por Coruña e Ferrol, Santiago foi asento dun dos catro Colexios de Irlandeses que houbo en España cos que os exiliados daquel país trataban de manter centros de formación de clero ante o peche dos seminarios católicos en Irlanda. O de Santiago, baixo a advocación de San Patricio asentábase na Rúa Nova e foi fundado polo xesuíta Tomás White nos primeiros anos do XVII e mantivo actividade ata 1770.
Esta vinculación atlántica de Galicia, rastréxase na biografía dun do galego máis influente da época, don Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, que exerceu de primeiro e eficacísimo embaixador en Inglaterra entre 1613 e 1622, e ao tempo, foi un cultivador constante da lingua galega nas cartas dirixidas aos seus familiares de Gondomar.

8. LUCES DE GALICIA. ILUSTRADOS E LIBERAIS.
Galicia non foi allea á Ilustración, un movemento renovación de ideas caracterizado polo racionalismo, a súa apoloxía do valor e da eficacia da razón que percorre a Europa do século XVIII. O pensamento ilustrado galego estivo representado por unha serie de persoas que se preocuparon de intentar arranxar os problemas do país, na agricultura, no mar, no comercio, na industria, e tamén na cultura. De feito serán estes ilustrados os que comezan a descubrir a identidade particular de Galicia, e un deles, o Padre Sarmiento, primeiro comentarista das Cantigas de Santa María e da documentación medieval, cultivador do galego nestes séculos escuros e iniciador da ciencia etimolóxica e da conciencia lingüística. Pero o máis grande pensador do período en España é, sen dúbida, o Padre Feijoo.(1676-1764). A súa obra enciclopédica, que inicia en España o xénero do ensaio moderno, bebía das fontes do pensamento europeo directamente, con referencias a Newton, Francis Bacon, os franceses Montaigne, Descartes, Bayle, ou os españois Pedro Mexia e Luís Vives e outros moitos. Feijoo tratou de botar luces sobre unha época de superstición, e proxectou en Europa a idea dunha España onde tamén se reflexionaba. Ao final do século das luces había xa traducións das súas obras ao francés, italiano, portugués, inglés e alemán.
Á marxe dos monxes bieitos, outros ilustrados galegos foron Pedro Antonio Sánchez, de Santiago, José Cornide Saavedra e o ferrolán Lucas Labrada achegaron as súas ideas aos gobernos a través dos seus traballos e informes específicos. Tamén desde sectores progresistas da sociedade civil e da igrexa, se constituíron asociacións promotoras dos avances como a Academia de agricultura del reino de Galicia (1765) ou a Sociedad económica de amigos del país de Santiago (1784) e Lugo (1785). Este mesmo ano, xorde en Coruña o Real consulado marítimo y terrestre de la Coruña, uns anos despois da pragmática que permitía a este porto comerciar coas colonias de América.
Neste ambiente de impulso ás luces do país, é de destacar a actividade de Antonio Raimundo Ibáñez, creador da siderurxia de Sargadelos, primeira fundición de ferro coado en proceso continuo de España así como das vellas cerámicas do mesmo lugar, aínda que o seu intento de explotalas conforme aos patróns de organización social do antigo réxime, deron lugar a revoltas e ó posterior fracaso do plano.

Anónimo dijo...

Como son un notorio e irrecuperable repunante, non me resisto a apostillar -seguramente errando de plano- á última afirmación do estupendo panel número 8.

Non teño nada claro que as revoltas populares contra Ibáñez fosen debido ao "seu intento de explotalas conforme aos patróns de organización social do antigo réxime".

Mais ben penso -repito: seguramente con craso erro pola miña parte- todo o contrario. Explícome.

A necesidade de madeira como combustible dos altos fornos -velaí unha das súas graves eivas técnicas- levouno, alén de empregar medidas en exceso coercitivas, a estragar toda a contorna florestal, sometendo á economía orgánica tradicional das comunidades campesiñas, dependentes en boa medida do auxilio dos recursos do inculto, a unha depauperación crecente.

Rachábanse, así, o pacto tácito típico das comunidades rurais do antigo réxime a prol dunha sorte de "economía moral" (por abusar, e non son o único, do célebre termo thompsoniano).

A reacción destas comunidades, espoleadas seica por determinados fidalgos montaraces e contrarios ao antigo importador de liño do Báltico, non se fixo esperar: o futuro marqués tivo, en ocasión crítica, que fuxir por pernas.

Anónimo dijo...

Se cadra ten razón, Sr. APC, e ten razón tamén o panel. Explícome. Que acabase coa madeira da contorna fodendo o sistema de vida tradicional, seguramente... que o facía con prestacións de traballo persoal -como se lle fosen sachar nos eidos ou algo así- seica tamén.
O caso é que o de escapar por pernas é algo intelixente cando lle andan a un con lume e unha "galleta" detrás.

Anónimo dijo...

En galego dicimos "apostilar".
Pa repunante, eu

Anónimo dijo...

Who knows where to download XRumer 5.0 Palladium?
Help, please. All recommend this program to effectively advertise on the Internet, this is the best program!