GALIZA-EUROPA-NÓS (3)
(Segunda parte da exposición: A Xeración Nós. Otero. Risco. Castelao. Plácido Castro. Xeración Galaxia. Galician Programm BBC. Os textos dos paneis van nos comentarios.
Fotos: Franz Marc. Mariñeiros irlandeses preparando as nasas, 1928, de P. Castro. Merlín e familia, de A. Cunqueiro)
Cada aldea desde os abrentes humáns labra e recrea nos eidos, nas casas, nos cantares, nas lendas un pouco da vaga materia orixinaria –corpo material e esprito inmorrente- ofrecida por Deus á actividade ceibadora da Raza. Europa non ten pra nós ren que nos adeprender. Somos Europa, traballamos no cerne europeo. Sen definilo nin expresalo a Galicia sempre desenvolveu o seu “leit motiv” de ceibe estilo europeo. Pola ceguedade de certas antinomias histórica puido figurar Galicia estraña á Europa. De feito o arredamento de Portugal e a política castelán detiveron o íntimo progreso galego e puxéronos unha máscara de morte. (...). Esgotadas as forzas criadoras dos grandes pobos europeos, triste a “Europe aux grands yeux” do probe e grande poeta Chennevière, a Irlanda vencedora do estupor da inspiración e da dúbida angustiosa do porvir sabe salvar a honra de Occidente. O soio pobo orixinal. O non mordiscado polo positivismo. Ao igual que Galicia non se pode explicar polos métodos do materialismo histórico. ¿Será moi aventurado predicir un novo estadio no que a mente e a man dos pobos céltigos señan a guía da Europa renovada?
Otero Pedrayo, Morte e Resurrección, 1932.
A invención do corpo do Apóstolo -¿Prisciliano ou Santiago?- fixo da nosa Terra un centro de universalidade. Nos camiños que conducían a Galicia crúzanse as culturas do mundo antigo e fórmase a unidade espiritual de Occidente. Por estes camiños entra Europa en España. Ao mesmo tempo xorde unha poderosa cultura galega, que adquire independencia e vida propia. Velaí a arte románica, culminando no Pórtico da Gloria, e velaí a poesía lírica, culminando no Cancioneiro da Vaticana.
As artes da construción callaron en Galicia no estilo románico, que perdurou por enriba do gótico, deica enlazarse co barroco. O gótico, por ser unha arte lóxica, non puido aclimatarse no noso país, pero do barroco fixemos, pode dicirse, un “estilo nacional”. Porque tendes de saber que hai un “barroco galego” e que, neste estilo, creamos exemplares que son fitos na historia da arte.
Castelao, Sempre en Galiza, 1944.
Otero Pedrayo, Morte e Resurrección, 1932.
A invención do corpo do Apóstolo -¿Prisciliano ou Santiago?- fixo da nosa Terra un centro de universalidade. Nos camiños que conducían a Galicia crúzanse as culturas do mundo antigo e fórmase a unidade espiritual de Occidente. Por estes camiños entra Europa en España. Ao mesmo tempo xorde unha poderosa cultura galega, que adquire independencia e vida propia. Velaí a arte románica, culminando no Pórtico da Gloria, e velaí a poesía lírica, culminando no Cancioneiro da Vaticana.
As artes da construción callaron en Galicia no estilo románico, que perdurou por enriba do gótico, deica enlazarse co barroco. O gótico, por ser unha arte lóxica, non puido aclimatarse no noso país, pero do barroco fixemos, pode dicirse, un “estilo nacional”. Porque tendes de saber que hai un “barroco galego” e que, neste estilo, creamos exemplares que son fitos na historia da arte.
Castelao, Sempre en Galiza, 1944.
11 comentarios:
10. GALEGUISMO E UNIVERSALISMO: O DISCURSO DA XERACIÓN NÓS.
Arredor da revista Nós, “boletín mensual da cultura galega”, que se publica entre 1920 e 1936, vaise formar un grupo de intelectuais máis compacto, homoxéneo e fértil de toda a historia cultural galega, como o ten definido Ramón Villares: a Xeración Nós. Lectores de poesía estranxeira, amigos dos temas exóticos, de aparencia dandy e inconformista, o grupo estivo liderado por Vicente Risco e el mesmo o definiu nun ensaio autobiográfico titulado “Nós, os inadaptados” (1933). Alí explica o propio Risco as características do roteiro intelectual do seu grupo xeracional: rematan por ollar a Galicia despois de moito peregrinar por mundos estraños cando se decatan de que “ser diferentes é ser existentes”. Son inadaptados, entendendo esta expresión na liña estética e intelectual tan frecuente entre os intelectuais europeos de entreguerras. Otero Pedrayo vainos dar a súa versión desta viaxe intelectual dende a súa novela Arredor de si (1930), onde Adrián Solovia, o seu protagonista, percorre media Europa en procura dunha resposta á pregunta esencial de “quen son eu”. E a resposta é retornar á Terra, volver ó acougo espiritual e ó compromiso moral co propio país.
As bases ideolóxicas da Xeración Nós teñen tamén moito que ver co romanticismo e co historicismo alemán na definición dos pobos en función dunha cultura propia e da vitalidade do seu espírito nacional (o Volkgeist). Aínda que a súa formación intelectual foi basicamente autodidacta, os homes de Nós, con Otero e Risco á cabeza, beben profusamente da pegada da cultura francesa (como amosou hai anos Nicole Dulin) e con certas parentelas ideolóxicas, apunta Villares, co pensamento conservador e vitalista, decadente e individualista, de autores como o romancista Huyusmans, o filósofo Bergson ou o xornalista e pensador Maurice Barrés, alén dos clásicos románticos e da época da Ilustración, nomeadamente os alemáns da contrailustración. Dende esa perspectiva foron quen de introducirse no coñecemento do mundo das vangardas estéticas, como demostran os exemplos de Risco e Manuel Antonio ou o labor de Otero Pedrayo como traductor parcial do Ulysses de James Joyce na revista Nós, xa á altura do ano 1926.
11. AS VIAXES EUROPEAS DE CASTELAO.
“A gran praza de Bruxelas deixoume coa boca aberta. É unha praza chea de carácter cos seus edificios de pedra con dourados e as tendas de flores no medio. Logo aquilo fálanos, ó esprito, dos tempos idos, cando o traballo estaba cheo de dignidade e cando a liberdade administrativa e o arredismo cultural chegou a ter os seus mártires. O Hotel-de-Ville máis grande e máis fermoso que a Maison du Roi, edificada por orde de Carlos V, e despois as Maisons des corporations todas magníficas e cheas de riqueza arqueolóxica. Naqueles tempos aínda non houbera a tan gabada revolución francesa e xa morrera Roma e os homes que traballaban eran uns felices burgueses que somente sufrían a tiranía dos estranxeiros. Ó chegar a esta praza resucita en nós a Idade Media e sentimos a morte de tódalas verdadeiras civilizacións e sufrimos o engullo das novas ideas que entraron en Flandes co nome de “civilización francesa”.”
Castelao, Diario 1921
Castelao compartiu co conxunto da Xeración Nós unha visión europea da historia e do mundo. Esa visión plasmouse nunha serie de viaxes polo continente que tiveron a súa primeira cita no ano 1921: nesa data, Castelao viaxa por Francia (París), Bélxica (Bruxelas, Gante, Bruxas e Anveres) e Alemaña (Berlín e Munich) cunha bolsa de nove meses facilitada pola Junta de Ampliación de Estudios. Non chegou a viaxar á Gran Bretaña como tiña previsto inicialmente. Resultado desa viaxe é o volume Diario 1921, no que Castelao resume as súas impresións sobre a arte europea, a través das obras vistas nos museos, igrexas e catedrais, á vez que descobre os novos movementos de vangarda. Reafirma ó longo do periplo a súa idea dunha arte popular, coas raíces no folclore, e manifesta a súa distancia coas vangardas do momento, aínda que con simpatía pola escola expresionista alemana. No ano 1929, cunha nova axuda da Junta de Ampliación de Estudios, viaxa cara a Bretaña francesa a pintar e estudar os cruceiros franceses, poucos meses despois da morte do seu único fillo Afonso Xesús, ós catorce anos. Castelao logra así superar a depresión provocada polo desgraciado acontecemento e volve reiniciar o seu labor como escritor, debuxante e artista. Ese esforzo creativo recóllese logo no volume As cruces de pedra na Bretaña (Seminario de Estudos Galegos, 1930). As últimas andainas europeas de Castelao prodúcense xa na guerra civil, en 1938, cando viaxa dende Londres a Leningrado e Moscú, para logo visitar a Ucraína Occidental e Azerbaixán, e logo en 1946 cando Castelao é designado ministro sen carteira do segundo goberno do exilio de Giral, o que lle obriga a desprazarse de novo a París e residir alí durante un ano escaso en función das súas responsabilidades políticas.
PANEL 12. RISCO EN MITTELEUROPA.
Risco opina sobre os turistas
“A explotación do turista é unha das cousas máis xustificadas que hai; o turista foi creado para isto, para tirarlle os cartos. Xa que o aturamos, cómpre que pague. Porque o turista é o becho que derrama tódolos panoramas, e que emporca tódolos lugares históricos. Un turista onda un monumento é coma o produto dunha defecación riba dun sofá. O turismo é fundamentalmente profanación; tivo que nacer no tempo en que o home se deu a brincar con tódalas cousas sagras e con tódolos misterios, e foi a consagración da impiedade (...) E nembargante, o turismo é o máis inmoral dos negocios; é o que máis se asemella á prostitución. Cómpre ver ben o que significa de perda de pudor e de vergoña. Cando un monumento se abre ós turistas, cómpre lembrar aquilo de que se non deben botar margaridas ós porcos, porque o turista é por esencia a incapacidade de comprender, xa non digo a de amar.”
Mitteleuropa
No pensamento de Vicente Risco a reconstrución da personalidade cultural de Galicia aparece intimamente vinculada á súa tese do atlantismo ou dunha civilización atlántica como “fórmula da era futura”. A defensa do celtismo e atlantismo, que el considera como unha nova forma de romanticismo, é tamén un xeito de negar a civilización mediterránea, cualificada por el mesmo como intelectualista. Nese atlantismo dous países teñen un papel esencial a desenvolver, ó carón de Galicia: Portugal, polas súas evidentes connotacións de proximidade lingüística e cultural, e a Irlanda que loitaba nos anos 20 pola conquista da súa independencia.
En maio de 1930 Risco é pensionado para estudar Etnografía e Folclore en Alemaña. Viaxa en tren, dende a estación de Ourense, o 14 dese mes, e escribe as súas experiencias de viaxe europeas rimeiro nas crónicas da revista Nós que levan o título de “Da Alemaña” e logo no volume Mitteleuropa, que publica a Editorial Nós en Santiago en 1934. Risco dá conta detallada dos lugares por onde viaxa –Hendaia, París, Colonia, Bonn, Berlín- e expón, co seu coñecido humorismo satírico, as súas impresións de viaxe: fala o mesmo dos turistas que dos xeitos de vestir, do marxismo como do fascismo, da liberdade dos costumes e da vulgarización do freudismo no Berlín dos anos 30, do mundo dos cafés e dos concertos europeos, dos seus prexuízos ante os xudeus ou da obra de Rabindranath Tagore. Risco volverá da Alemaña moi radicalizado nos seus sentimentos católicos e un algo asustado polo avance do marximo en Europa, elementos todos que condicionarán a súa progresiva deriva cara posicións máis conservadoras no galeguismo da Segunda República e que mesmo anuncian dalgún xeito as súas liñas políticas a partir de xullo de 1936.
13. OTERO PEDRAYO: ADRIÁN SOLOVIO “ARREDOR DE SI”.
Ramón Otero Pedrayo é o mellor exemplo de intelectual galego que á súa vez encarna os grandes valores dun intelectual europeo. A idea dunha Galicia europea está presente de xeito constante en toda a súa obra, tanto na súa narrativa como nos ensaios e no xornalismo. Traduciu ó galego varios capítulos do Ulysses de J. Joyce e puxo a Europa no centro de varias das súas novelas culturalistas: Arredor de si (1930), A romeiría de Xelmírez (1934) e Fra Vernero (1934). Esta última obra, por exemplo, é unha densa evocación da Europa entre os derradeiros lustros do século XVIII e a primeiros do XIX, das ideoloxías e os homes do momento: nela está ben presentes personaxes como Goethe, Hölderlin, Schelling, Hegel, Kant, Hoffmann, Fichte, Schlegel, Mozart, Voltaire, Rousseau, Chateaubriand, Madame Staël e Stendhal, entre outros.
Esta visión da europeización de Galicia, dende a perspectiva oteriana, ten unha perspectiva singular, como apuntou Ramón Villares no seu último ensaio: é un elemento sustancial e sistemático na Xeración Nós, para a cal “a redención de Galicia, co camiño estrelado de Santiago coma referente, era posible grazas a este vencello con Europa”. Pero non se trata, como no caso español, dun debate intelectual entre dous modelos: a Galicia “arcaica” e vella fronte á Galicia “moderna” e nova, porque os homes de Nós nunca falaron das dús Galicias: o debate en Galicia non era sobre o camiño a seguir, senón sobre o ser ou non ser.
“Adrián, sentado na pequena fonda do porto diante dun vaso de branco espadeiro, imaxinaba o futuro mapa de Europa. As fronteiras non eran liñas de aduanas senón vitais zonas de transición entre as harmoniosas conciencias dos pobos. A voz das terras do Rhin non precisaba pasar por Prusia para oírse no mundo. O alpino do lago de Como non se avencellaba co ardente calabrés baixo a mesma etiqueta do Estado. Mellor que Estado cada terra era un ceibe conxunto de municipios e ninguén dominaba a ninguén. Como consecuencia natural, de seguida parar o medrar monstroso e contra natura das grandes cidades. A catolicidade cristiá fora moitas veces equivocada e crebada nas políticas dos Estados. Para ser verdadeira, eficiente, abranguería un mundo de clans modernos, xa superada a superstición da mecánica, da Economía, do poder, nunha fraternidade de pequenos pobos ditosos, de vivir sinxelo, quizais gobernados por unha caste de filósofos da que algúns antigos –manto fronte a toga- e algúns modernos, puidesen ser considerados como unha anticipación imperfecta.
En Santiago, Adrián sempre se coidaba na Europa e máis galego que nunca. A sensación do Estado español estaba para el ausente da cidade. Liberdade das prazas sen tendas nin quioscos, liberdade e cosmopolitismo do capitel románico feito para o pobo e traballado en linguaxe que adopta o falar de cada patria. Compostela non merece o seu ditado de apostólica, só pola reliquia do Apóstolo, senón por un apostolado universal de cidade franca”.
R. Otero Pedrayo, Arredor de si (1930).
“Esta insistencia sobre a europeización coma sinal de identidade, que no caso dos intelectuais españois tampouco estaba de todo ausente, limitou o relato que se estaba a construír sobre Galicia á descuberta do seu ser, deixando nun segundo plano o debate sobre os camiños a seguir. O importante era saber quen se era, coma lle acontecía a Solovio, e non que facer, coma dirán os seus discípulos, entre eles Dumbría. Por iso a posición do grupo do Seminario de Estudos Galegos ten analoxías moito máis claras co institucionismo e coa aposta pola ciencia como instrumento de modernización cultural e de apertura ao mundo. En cambio, o grupo Nós ficaba aínda un paso atrás. O seu europeísmo ficaba vencellado á restauración dunha sociedade tradicional, de base campesiña e de fonda devoción católica, e non a unha sociedade urbana e industrial, atenta aos adiantos da ciencia e máis aberta ao mundo. Se con ser galego xa se podía ser europeo, sobraban máis distingos (...). Só Viqueira, por razóns familiares, formación europea e militancia nas primeiras Irmandades da Fala, podería ter feito a amalgama de institucionismo e galeguismo”.
Ramón Villares Paz, Fuga e retorno de Adrián Solovio, 2006.
15. A XERACIÓN GALAXIA.
A Xeración Galaxia –ensaístas, poetas, narradores, homes da cultura galega- foi dende as súas raíces esencialmente europea. Renovou o compromiso de diálogo cultural con Europa que 30 anos antes formulara a Xeración Nós e incardinou a idea europea no labor de restauración cultural do país. Nesa liña a política editorial de Galaxia apostou pola normalización do idioma galego traducindo obras de autores europeos de prestixio, como a conferencia de Heidegger “Da esencia da verdade”, traducida ó galego, despois de catro de dilacións e dificultades coa censura, cando se conseguiu o permiso gubernativo en 1956. Antes aínda, en 1951, Galaxia publicaba o Cancioneiro da poesía céltica, do escritor checo Jules Pokorny, traducido ó galego por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro cun traballo premiado ademais no concurso de traduccións convocado por “Bibliófilos Gallegos”. O propio piñeirismo ten sido definido como o intento de suscitar a galeguización efectiva da sociedade galega mediante unha actuación cultural, á marxe dos partidos políticos nacionalistas, en combinación coa adopción dun federalismo europeo a ultranza que tiña as súas raiceiras no federalismo humanista cristián xurdido nos anos 30 (Mounier, L’ Esprit, Alexandre Marc, Denis de Rougemont). Como indican X.Beramendi e X.M. Núñez Seixas, este federalismo europeo postulaba unha federación de “comunidades básicas” culturais como estrutura dunha futura Europa, partindo da afirmación individualista da liberdade humana. Nesa liña os piñeiristas (Ramón Lugrís, X. L. Franco Grande, etc.) defendían a organización parroquial galega como unha fórmula plenamente acorde, dende o secular individualismo galego, co “espíritu europeu”.
O galeguismo e o futuro de Europa
“1º. É absolutamente preciso superar o “nacionalismo”.2º Galicia debe entrar a formar parte da organización europea de acordo cos outros pobos da Península. Quero dicir, que non podemos continuar a facer do galeguismo unha doutrina nacionalista porque a convivencia de Galicia como comunidade natural –e polo tanto social, política e económica- pende da sorte de toda Europa. Se Europa non acada a salvación, Galicia non se salvará. O nacionalismo (...) pechou o seu ciclo histórico. Foi unha invención dos homes, e como tal suxeita a caducidade. As circunstancias que axudaron a división nacionalista de Europa xa non teñen vixencia no mundo de hoxe. E falo tanto dos nacionalismos centralizadores –tipo español, ou francés- como dos disgregadores –ao xeito do galeguismo, catalanismo, etc. (...) O galeguismo é algo moito máis fondo, moito máis auténtico que calquera teoría política”.
Ramón Lugrís, “Cartas a un amigo emigrado. Galicia e o galeguismo no mundo actual” (1955).
16. O Galician Programm of the BBC
A serodia chegada da radio a Galicia unida á debilidade do movemento galeguista nas primeiras décadas de século e o case inmediato estalido da guerra civil, imposibilitaron que se producise unha incorporación normal da lingua galega á programación das emisoras de radio nos anos da II República. Así pois, o primeiro programa estable en lingua galega da historia da radiodifusión, terá que esperar ata o ano 1947 en que saltará ás ondas o “Galician Programm” da BBC de Londres.
A historia é ben fermosa. Un catalán –Josep Manyé- e un galego –Alexandre Reimundez- coinciden, a mediados dos anos corenta e como exiliados, no Servizo Español da BBC. Xuntos soñan a realización de programas semanais nas “outras” tres linguas de España, para que cataláns, vascos e galegos, manteñan viva a esperanza de tempos mellores. A BBC, grazas ao director da seccion española, George Hills, autoriza o seu comezo. O 14 de abril de 1947 sae ás ondas o primeiro programa en galego cunha colaboración do xornalista Felipe Fernández Armesto titulada “Relaciós culturaes entre Inglaterra e Galicia”. Durante dous anos estará só Alexandre Raimundez procurando colaboracións de ingleses amadores de Galicia e xentes do interior, onde funcionan como enlaces Leuter González Salgado, desde Ourense e Francisco Fernández del Riego, desde Vigo. O primeiro dos textos que chegan da Terra será un de Otero Pedrayo -“Os feitizos do outono”. A continuación, e ao longo dos nove anos que durou, chegarán máis colaboracións de Otero, pero tamén de moitos outros intelectuais de Galicia: Francisco Ferández del Riego, Leandro Carré, Fermín Bouza Brei, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Florentino Cuevillas, Aquilino Iglesia Alvariño, Anxel Fole, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Pura Vázquez, Ben-Cho-Shey e un longo etcétera. En 1949 sumarase á organización e locución dos programas o cosmopolita xornalista e tradutor, Plácido Castro del Río, co que os programas gañan en calidade. Desde alí, prestan as súas voces os ingleses Stephen Recket, Frederick Fuller, e a escritora Nina Epton, así como o musicólogo español residente, Eduardo Martínez Torner. Como voces galegas, aparecería a de Rafael Dieste, profesor en Cambridge daquela, e varias gravacións feitas en viaxes a Galicia; por Nina Epton en 1953, a Pura Vázquez e Celso Emilio Ferreiro, e por George Hills en 1955 a del Riego, Fermín Bouza Brei, Emilio e Xosé María Alvarez Blazquez, Alvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón González Alegre, Xosé Díaz Jácome, Sebastián Martinez Risco. O 23 de xaneiro de 1956, despois de 83 programas, finaliza esta épica historia da nosa comunicación.
Moitos anos despois, marabillosas voltas da vida, George Hills participou nos inicios da montaxe da Radio Galega, orientando e instruíndo aos futuros locutores.
14. PLÁCIDO CASTRO.
Intelectual humanista, liberal e cosmopolita, Plácido Castro simboliza moi ben as arelas de universalidade do nacionalismo galego de preguerra. Educado en Gran Bretaña, dandi e librepensador, foi publicista e músico, político e escritor, erudito e xornalista, tradutor e profesor de inglés, astrónomo e ademais a voz galega da BBC nas emisións da cadea británica cando o franquismo converteu en silencio toda a Galicia interior. Foi tamén coautor, con Lois Tobío e Delgado Gurriarán, das traducións do volume Poesía inglesa e francesa vertida ó galego (Buenos Aires, 1949). A súa militancia galeguista esténdese dende as Irmandades da Fala ata o Partido Galeguista onde foi Secretario de Relacións Internacionais e como tal representou ó galeguismo no IX Congreso das Nacionalidades Europeas (C.N.E), presentando a Galicia como unha nova nación europea no concerto mundial. Este evento celebrouse no Hotel Savoy de Berna os día 16, 17 e 18 de setembro de 1933 e o seu obxectivo fundamental era a protección e defensa dos dereitos elementais das minorías nacionais. A prensa galeguista deu conta abondo do acontecemento, moi relevante nun momento en que a Galicia se lle negaba aínda un estatus autonómico, e tamén a prensa europea se fixo eco da participación galega en Berna. Na intervención de Plácido Castro, lida primeiro en galego e logo en inglés, afirmábase que Galicia era unha nación e reivindicaba o dereito innegable do pobo galego a dispoñer de si mesmo. O documento foi acompañado dunha memoria elaborada por Vicente Risco e dun informe recollido polo periodista estonio Edwald Ammende, Secretario Xeral do Congreso, convidado por Otero Pedrayo a visitar o noso país. Tralo congreso o propio Plácido Castro escribiu en El Pueblo Gallego: “Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa Terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación” (“Galicia, nacionalidad europea”, EPG, 10 outubro 1933). O escritor galeguista residiría posteriormente en Inglaterra, entre 1949 e 1955, e definiuse sempre como un demócrata convencido e pacifista que esixía reclamar as responsabilidades dos políticos que facían estoupar os conflitos armados.
O pensamento de Plácido Castro
En Galicia, os que teñen un espírito internacional e universalista son os nacionalistas; o que defende unha España unitaria é quen pretende pechar as fronteiras a todo o universal. (...) A verdadeira cohesión é a que teñen as asociacións voluntarias de pobos libres e non a falsa unidade imposta por un Goberno a rexións diversas.
Un galeguismo sensato non impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, un contacto máis íntimo que o que manteriamos por medio das traducións das ideas europeas que nos presentan os pensadores madrileños.
A declaración galega (no Congreso das Nacionalidades Europeas), feita de maneira que reservase ó pobo de Galicia a absoluta liberdade de dispor dos seus propios destinos, fai patente, sen embargo, con enteira claridade o espírito universalista do nacionalismo galego, apartado de todo separatismo posto que afirma a nosa vontade de colaboración cos outros pobos que habitan España e de formar parte dunha Federación, calquera que sexa a súa amplitude. Federación hispánica, ibérica, europea ou mundial, con todas se declara compatible o nacionalismo galego.
Preciosas aportacións. Para meditar durante moito tempo. Moitas gracias, amigos.
Lin na prensa que, para a ocasión, se fixera unha edición especial de "Arredor de si" e que se publicara un ensaio de Touriño, non sei se separado ou como introdución.
Que hai disto, amigo Valcárcel?
Tamén pregunto se se fixo, ou se pensa facer, algún catálogo co gallo da exposición.
Do catálogo non se falou e non creo que se poida facer xa: quizais sexa demasiado para o carácter da mesma, máis divulgativo. Ogallá puidese, si, facerse itinerante.
E si, hai unha edición facsímil do Arredor de Si que se entregou en Trasalba cun breve folleto, no mesmo estoxo, de P. Touriño. O problema é que o día 11 só daban un por asistente. Pero quizais algún amigo da Fundación O.P. lle poida facer chegar un, espero...
Eu creo que un catálogo, reproducindo alomenos os paneis, coas fotos e os textos, aínda están a tempo de facelo, e tampouco sairía tan caro, penso eu. Sería un xeito de perpetuar a exposición alén da súa desaparición física. Fale con teña que falar, suxírolle eu.
E a ver, a ver se algunha alma caritativa me consegue o estoxo ese.
Grazas pola información.
Eu quixera comentar o último párrafo do último texto de Castelao, sobre o románico, o gótico e o barroco. Este tipo de argumentación é moi típica dunha época. Tivo moita aceptación porque procede cáseque do romanticismo, moi inclinados a pensar a arte en función dun espíritu nacional (o volksgeist) que determinaría as súas tendencias. Eu creo superada completamente esta cuestión; sen embargo, aínda vexo nalgúns escritos en pleno século XXI, sen nengún tipo de base razonable, explicacións desta natureza. Eu entendo que gusta, que resulta atractiva unha tese destas características, pero non resiste ningunha aproximación seria. Castelao escribe o que ten que escribir un home desa época; hoxe convén contextualizalo.
Pois eu escoiteille dicir a un alto funcionario de Relacións Exteriores que os da Xunta quedaron tan contentos coa exposición e co acto de Trasalba, que van editar o catálogo e mesmo a ilustrativa charla de Villares en casa de Otero.
Sería unha boa noticia: a edición de ambos materiais, dende logo non sobra. En honra de Otero, de Galicia e de Europa, se se quere.
Non sei se o comentei xa, moi elegante Villares esoutro día citando a Camilo Nogueira, presente no acto, como eurodeputado que cría na condición europea de Galicia dende unha perspectiva nacionalista.
Publicar un comentario