4 may 2007


Humor: as ausencias da TYG.

(Pan por Pan 4 maio. Fotografía de H. Ritts)

Somos terra de grandes humoristas, de Castelao a Julio Camba, de Fernández Flórez a Cunqueiro. Lembra Celestino Fernández de la Vega que hai quen encontrou humor na obra do Padre Sarmiento ou do ilustrado Francisco Sánchez. E temos grandes humoristas gráficos (velaí o Carrabouxo, por exemplo). Pero creo que nos falta algo. A cotío chéganme vídeos da televisión vasca, sobre a realidade política e social de Euskadi, moitos para escachar coa risa. Na tele catalana teñen “Polònia” e “Minoria absoluta”, dous programas con prestixio no xénero satírico. Non hai ese tipo de sátira na TV galega. E non teño nada contra os Tonechos. E ata me caen simpáticas as garotas de Ribeira. Pero existen moitos tipos de humor. E falta ese rexistro na pantalla galega: un humor culto, satírico, provocador, etc. Hai artistas que o farían de marabilla. Non estamos aínda maduros para iso?

23 comentarios:

bouzafria dijo...

a) Os Tonechos: envéxolles as súas contas correntes, pero si que teño algo contra deles: Nunca me fixeron rir, nin sequera sorrir.
b) Artistas que farían un humor culto, satírico, provocador: Algúns si que hai: Quico Cadaval e Mofa e Befa; Magical Brothers; Cándido Pazó; Carlos Blanco ( polo menos son os que eu escollería).
c) ¿Estamos maduros para iso? Non.
d) ¿Por qué non? Non me imaxino aos que levaron aos Tonechos a seres líderes de audiencia vendo aos artistas que eu escollería.

Anónimo dijo...

Non me gusta moito o Carrabouxo, non. E non me gusta sobre todo cando o autor usa e abusa do que a miña tía denomina "chabacanería": un humor tirando a rancio e que cheira a represión sexual. Non todos son deste teor, pero os que si o son non me gustan nada nadiña.

Anónimo dijo...

Hai moitas MULLERES que tamén teñen intelixencia e ironía dabondo para facer humor deste tipo, Ou que???

Anónimo dijo...

De que tipo?

Anónimo dijo...

De todo tipo, mais eu refírome ao contido do artigo de Marcos Valcárcel (se vostede o liu). O eixo da cuestión é "humor satírico, provocador, relacionado con temas cultos" (véxase política, literatura, arte etc.)Ten unha referencia nos Muñeguotes do Guiñol, ou mesmos ás veces nos Simpson ou ás veces en Mofa e Befa. Ímonos ter que xuntar as mulleres...mais eu penso que o ideal é que haxa unha mistura de homes e mulleres nos grupos cómicos. Por que non? Así é máis doado criticar un pouco de todo. Ate no humor estamos separados por un muro.

Anónimo dijo...

Coincido na apreciación do señor Valcarcel do baleiro de humor "culto, satírico, provocador" da nosa televisión e coincido tamén co señor Bouzafría na selección de humoristas que el faría para a televisión, cando menos todos os que el citou cumpren cos requisitos.
Eu si penso que estamos maduros para eso, a cuestión é unha vez máis a tele que arrastramos do fraguismo que malia ás melloras non acaba de ser diferente. Un programa como "Vaya semanita" da ETB seguro que sería moi ben recibido pola audiencia.
Respecto aos Tonechos, eu detéstoos, tampouco me fan acenar un sorriso e por riba se regodean nese castrapo co que non lle fan ningún favor ao galego.

Anónimo dijo...

Levado pola miña filla (unha incondicional) vexo estes días no YouTube monólogos do Carlos Blanco procedentes daquel "Somos unhs potenzia". Na casa escachamos coa risa, uns máis ca outros, pero vexo tamén que as señoras do público, se acaso, botan algún sorriso.

"Somos unha potenzia" decaeu por falta de audiencia, non sei se debida en parte ao horario. Estamos preparados? Non o sei. "Pepe o Inglés", non exento de humor, si que tivera éxito.

Subscribo a conveniencia, a necesidade e a posibilidade.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Mentres na galega están os tonechos, na BBC está Little Britain: http://www.bbc.co.uk/comedy/littlebritain/. Eso si que é diferencia. Nota: Carlos Blanco, non. Por favor.

Anónimo dijo...

Estou de acordo cun anónimo anterior: non hai en Galicia nin en España un dúo (ou trío ou cuarteto) de humoristas formados por homes e mulleres. Agás o dúo Pimpinela, pero que non chega a escarlata.

Anónimo dijo...

Coincido en parte cun intervinte anterior: Quico Cadaval ou Mofa e Befa serían os axeitados para un programa de humor do tipo de "Polònia". Non estou tan certo verbo de Carlos Blanco. Programas radiofónicos como aquel "Corre Carmela que chove" tiveran grande éxito de audiencia, mesmo entre os caricaturizados (Paco Vázquez, p. ex., sempre o escoitaba e gostaba moito del).

E, dende logo, que quiten os Tonechos. Fomentan unha asociación implícita do galego coa paifocada e mais o humor chocalleiro (coma o de Moncho Borrajo, p. ex.) dificilmente sostíbel hoxe en día. Por moito que no pasado algún asisado comentarista d'A Nosa Terra concluíse que os Tonechos eran a quintaesencia do humnor nacionalpopular, só desprezados por señoritos castelánfalantes, imbéciles e escuros.

Seique no Goberno actual non querían un programa de humor político. Touriño, dende logo, non semella ser un namorado do sentido do humor. E Quin é demasiado inseguro como para aturar que lle fagan un monicreque. Mágoa de clase política que temos, polo menos para algunhas cousas...

Anónimo dijo...

Personaxes coma Os Tonechos e incluso series tipo Pratos Combinados etc veñen a confirmar o parvo que pode parecer un falando galego (cosa que no sucede si hablamos el castellano, claro). Fraco favor lle fan a nosa lingua dende logo. Polo día a Xunta inviste na educación dos nosos rapaces e pola noite dalles circo coma no tempo dos romanos. Na TVG temos os dous extremos, o galego aséptico dos presentadores dos telexornais e logo toda esa chabacanería. Cuns poucos minutos de publicidade faise a transición sen complexo algún. E cómo será que nin o cambio de goberno pode mudar esas cousas.

Anónimo dijo...

HUMOR SUBLIMADO. HENRIQUE ALVARELLOS (gALICia hoxe 10-III-2007).

Vencemos a soidade cantándoa e vencemos a debilidade individual burlándonos dela". Ramón Piñeiro teorizaba así, nunha cita recollida por Celestino Fernández de la Vega no seu histórico ensaio "O segredo do humor", sobre ese disfrace que tapa melancolías e pretende, subvertendo a realidade, prolongar a nosa existencia: o humor. Cómpre rescatar o humor intelixente agora, que acaba de morrer José Luis Coll. Teño diante unha das moitas edicións (a sétima) de El diccionario de Coll esa, exitosísima obra que o cómico publicou en 1975 e que condensa todo o seu bo facer, todo o seu surrealismo.
Ás veces un pensa que o mellor da arte quedou ancorado na estética e na filosofía das vangardas. Porque Tip y Coll non facían outra cousa que vangarda pura. Artellaban o seu humor como André Breton podía ter escrito un poema, nos anos vinte, en París... Eis a súa grandeza. Tip y Coll dentro da censura franquista caneaban mellor os atrancos do réxime e sublimaban a intelixencia do espectador con máis luces que a maioría dos humoristas que logo os seguiron (os mellores sketches da época gloriosa de Martes y Trece son fiel copia deles, surrealismo puro). No Diccionario de Coll, Cela asina o limiar e Tip o epílogo. Don Camilo achega, como prato de apertura, algunha verba extra: "Telepollas: Gilipollas a sueldo que presta su cara para comunicar a los televidentes que el señor obispo de Coria inauguró un orfelinato". E Luis Sánchez Polack conclúe: "Y este hombre que ha sido capaz de inventar cerca de dos mil palabras, merece mi aplauso, mi abrazo, mi tabaco, mi nuera, mi crobio, mi asma y mi opía".
En tempos coma hoxe, nos que o humor que ceiban polas teles é vulgaridade suma, falta total de inspiración, e mesmo escatoloxía varia, un estraña moito, moitísimo, ese xogo intelectual dos grandes artistas.
Tip era un xenio da escena, lanzal e vitorioso coma un gentleman tolo; e Coll a súa réplica comprimida, de perdedor, de Sancho. Facíano todo, falábano todo sen ter que dicilo expresamente, cando Franco aínda mandaba. A metáfora. Eran os reis da metáfora.

Anónimo dijo...

Non hai país para iso.
Non hai lugar ningún para a autocrítica nin para rirse dun mesmo.
Quen critica é inimigo eliminable.
Por iso, a chabacanería tonecheira triunfa. Non se rin de ninguén... máis ca do pobo como conxunto risbile... que se identifa e ri...
Mal vamos.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Tampouco é para tanto. Os meus sogros, os meus tíos políticos e un grupiño máis foron o outro día convidados ao chou (en directo, ollo) dos tonechos. E viñeron encantados. Déronlles de comer, foron atentísimos con eles e botaron a rir toda a noite. Qué máis se pode pedir? Ah si: foi gratis.

Anónimo dijo...

Ten razón. Riamos logo.
Non hai porque se pór transcendentes que vén o bo tempo.

Anónimo dijo...

Por suposto que como pobo estamos capacitados parar rirnos de nos mesmos e mais dos políticos, dos docentes, dos intelectuais e de todas as profesións, ...e tamén para o xogo provocador.... iso si, pode que a moita xente non lle faga gracia un tipo de programas de humor o outro ou ningún ...(e o meu caso, abúrrenme rápido)

¿Sabe alguén onde poderíanme preparar para que me gusten ese tipo de programas que se auto-nomean humor intelixente?... e ... ¿xa que esa tipoloxía de humor se reclama como humor intelixente ó outro chamarémolo humor parvo e inculto? e xa postos ¿Débense de considerar simples, parvos e pouco preparados, aínda que sexa solo un pouco, aqueles que prefiren o humor do tipo tonechos?...

Non sei.... pode que os argumentos dirixidos ó grao de "autoestima" non sempre deban, nin podan, utilizarse...(e ademais nos medios anónimos de consumo, como son os de comunicación de masas, moitas veces non dan bo resultado..)

as responsabilidade da mala programación e de quen programa a grela...pero ¿hai mala e boa programación?... O relativismo e a nosa perdición.....xa o di Sarkozy

Anónimo dijo...

A min Os Tonechos son unha das cousas que máis me gustan na TVG. Talvez é porque eu cando prendo a tele non o fago con ánimo de cultivarme, nin sequera de informarme, senón máis ben de distraerme un pouco. E, por outra parte, debo recoñecer que me encanta o humor groseiro, basto e tabernario cando está ben feito. Ou sexa cando é groseiro, basto e tabernario. Neste aspecto encontro aos Tonechos un pouco "lights".

xesus dijo...

Eu penso que non hai audiencia para o humor "intelixente". É mais, ¿que carallo é iso do humor intelixente? ¿é mais listo o que se rí dun chiste sobre política que o que o fai doutro dos tonecho? Veña, superemos os complexos, o humor dos tonechos gusta, ahí están as audiencias para confirmalo, e o outro, mais "intelixente" non.
Que lle imos facer.
Ah, e a tele é interactiva, non hai por que vela, non é unha obriga. Con premer o botón encarnado (o de apagar) xa está. As audiencias son as que dictan a programación, se queremos que non emitan un programa con non velo está feito.

Anónimo dijo...

Dearest Marcos: Na Televisión catalana non hai programa que se chame "Minoria absoluta". Minoria absoluta é o nome do colectivo que fai "Polònia". As fontes son para empregalas mellor e non só para beber a morro.

Anónimo dijo...

Home, Miki, non se poña así que tampouco é pra tanto. A morro bebemos todos moitas veces e tampouco se esfarela o mundo. O importante é non pegarlle ás vellas.

Anónimo dijo...

Prezado Leituga: se me pegan as vellas, eu devólvolles o golpe.

Anónimo dijo...

Vostedes piden moito humor intelixente, político, intelectual e tal, pero ¿imaxinan o cristo que se montaría se houbera na TVG un programa de humor satírico e autoparódico, ao estilo dese "Polònia" catalán? En certos ambientes, e hai varios posts aquí que van por aí, o humor concíbese como un instrumento de política lingüística ou para a transmisión dunha determinada imaxe de Galicia. Non como algo substantivo, autoxustificado e hedonista.

Anónimo dijo...

moncho borrajo, genio del humorismo gallego