4 may 2007


o sal da Terra
Pídenme colaborar na difusión desta mobilización. En www.verdegaia.org
figura o manifesto, os obxectivos e os asinantes da mesma.
É obvio que é chegado o momento de mirar cara a Terra: sempre o foi, pero este país precisa de moita atención e respecto co seu medio natural.

15 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Supoño que esa manifestación inclúe un apartado contra o PXOM de Vigo, exemplo conspicuo do que chaman "urbanismo disparatado". Supoño, pero non sei.

Anónimo dijo...

A asociación que se opón á urbanización da ladeira sobre o MIño (www.parquerosalia.es) está na mobilización; non sei se tamén estará a asociación de veciños "O Carballo", que se opón á afección do parque urbano "Marcos Cela", resto do que algúns damos en chamar aquí "a carballeira primixenia".

Non só é a "marbellización" na beiramar. Está o Courel (http://www.vieiros.com/nova/57835/sos-courel-denuncia-que-folgoso-vai-ser-declarado-concello-mineiro). E Lugo tamén existe!

Anónimo dijo...

Polo que din os xornais, Vigo foi tema recurrente na manifestación. Pero parece ser que polos recheos de Bouzas, as intervencións na costa en Teis, pola segunda ronda, pola xunqueira, supoño, do Lagares, e non sei por que máis. Sen embargo, do PXOM nada. Pero, por qué? Eu pregúntome, por qué?
E por riba agora co Nouvel hotel.

Marcos Valcárcel López dijo...

El País comenta hoxe a ausencia case total de políticos nesta concentración, agás o caso de Beiras (pero é Beiras político? foino algunha vez, no sentido convencional da palabra?). E dá conta ademais da sorpresa dalgúns (Suso de Toro) e do cabreo doutros (Mabel Rivera) por esta ausencia das forzas que no seu día ían ás manifestacións de NUnca Máis e que agora colaboran no goberno.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Si. Sobre esa crónica baso eu as miñas sospeitas, pero é que tamén as asociacións que alí foron manteñen cos partidos vencellos que non podemos agochar. Esa é unha situación esquizofrénica: os partidos non están (porque non queren estar), pero están asociacións afíns. Eso que se dá en chamar sociedade civil, que e igual á outra, pero que parece termo como máis elegante. Ou é que os partidos políticos non son sociedade civil?

Anónimo dijo...

Todo semella indicar que en Galicia dase un fenómeno aparentemente paradoxal: non é da sociedade civil de onde parten demandas aos partidos e ás institucións, senón que son os partidos e as institucións os que colonizan a sociedade civil. Alomenos en determinados ámbitos.

Así, a sociedade civil permance inerte ou atada a intereses políticos curtopracistas.

Anónimo dijo...

Con todo, teñamos en conta un detalle: os dous grupos do bipartito, agora, teñen basicamente que gobernar.

A manifestación de domingo debe valer de aguillón para unha política progresista en relación co territorio. Eu alégrome ben do seu éxito.

Con todo, debo tamén dicir algo: fun (aínda son) de Nunca Máis, fun a todas as manifestacións, incluída a última. E este domingo atendín outras prioridades. Aí me teñen como síntoma; eu son sociedade civil.

Anónimo dijo...

O curioso deste asunto é que a primeira manifestación contra a desfeita urbanística, paisaxística e medioambiental xeral, non limitada ao asunto concreto da marea negra do Prestige, se produza só agora, cando está á fronte de Galicia un goberno que por primeira vez converte estes asuntos en prioridades da súa axenda política. Talvez na convocatoria da manifestación teña algo que ver a necesidade de saída á luz pública de Verdegaia. É unha mera hipótese.
Mabel Ribera, a excelente actriz a quen os medios de comunicación confunden cunha rigurosa analista eco-política, di que "non cambiou nada". Evidentemente, eu non estou de acordo cunha afirmación tan tallante, tan pouco matizada, tan mal informada. Se Mabel Ribera cre que non variou "nada" a actuación da Consellería de Ordenación do Territorio dende Cuíña e Núñez Feijóo ata María Xosé Caride, a min só me queda pensar que é Mabel Ribera quen non se entera "de nada". Antes valía todo e a Consellería dedicábase fundamentalmente a botar placas, comprar ladrillos e meterlle cemento, un pouco sen ton nin son. Agora, as noticias que xurden da CPTOPT adoitan ter un carácter máis ben restrictivo, que van dende a anulación ou suspensión de plans xerais municipais ata a elaboración de medidas como a Lei dos 500 metros famosa ou a prohibición de que Pescanova monte unha megapiscifactoría en Cabo Touriñán, cos custes mediático-políticos que todo iso leva aparellados neste país de plaquistas. ¿E que dicir de Medio Ambiente? Pasou de ser unha consellería "maría", un adorno moderno dos gobernos fraguistas, a ser un departamento activo, inversor e presente no territorio. ¿Non lles importa a Mabel Ribera e a Suso de Toro que se vaian investir máis de 200 millóns de euros no saneamento integral da Ría de Vigo? ¿Tanto lles ten que se estea elaborando unha Lei da Paisaxe? ¿Ou as decenas de depuradoras que, despois de tantos anos, se están tramitando, presupostando e empezando a construír? ¿Ou a ampliación dos espazos da Rede Natura, con apoio extraordinario incluído para os concellos "perxudicados"? E o mesmo que digo destas dúas consellerías socialistas, fágoo extensivo a dúas rexidas polo BNG, como Medio Rural e Vivenda e Solo. ¿Non "cambiou nada" tampouco nas políticas destes departamentos en relación coa sostenibilidade ou coa rehabilitación?
A min dáme a impresión de que hai xente que confunde a dimensión crítica do intelectual co célebre "apuntarse a un bombardeo".

Anónimo dijo...

O que pasa é que vostede, amigo Leituga 1, é un malpensado. Ademáis, o de ser un integrado ten os seus riscos: vende vostede menos ca un apocalíptico.

Marcos Valcárcel López dijo...

Con todo, ten razón Leituga. Eu advirto eses cambios na acción de goberno e nesas consellerías. Pero a xente agarda cambios radicais e inmediatos, cousa que é case imposible. (Outra cousa é que non estaría mal que algúns políticos, con despacho en San Caetano, fosen a Compostela por aquilo da solidariedade mínima coa súa base social. Entendo que a manifestación inicialmente tampouco era convocada como protesta directa contra o goberno, ou non?).

Anónimo dijo...

Dígolles a verdade: o que máis me molestou desta manifestación non foi a manifestación en si mesma, que chega tarde e a destempo, que é ambigua na direción das súas protestas, pero que é expresiva dunha moi positiva sensibilización social en torno a estes asuntos, sensibilización coa que, por certo, ten polo menos tanto que ver Verdegaia como a continua incidencia que o goberno está a facer nos temas urbanísticos, medioambientais e de desenvolvemento sostible, un concepto que o goberno anterior nunca manexou.
O que me molesta, francamente, é a descarnada frivolité de artistas metidos a intelectuais sabelotodo como Mabel Ribera e Suso de Toro, eses dous pozos de ciencia política, ecolóxica, económica, cultural, deportiva e o que lles boten. Pois por min como se lles botan unha placa.

Anónimo dijo...

A min non me pareceu mal a manifestación, xa o dixen. Non sei se forma parte dunha campaña de lanzamento social de Verdegaia -organización con moita menor envergadura e acción social ca ADEGA-, pero tampouco non me importaría.

O goberno, se considera que está a desenvolver políticas adecuadas, débeo tomar como aguillón; e á fin e ao cabo, non encontrei eu na mobilización posición agresiva con respecto ao propio goberno, senón determinación de pór e manter a defensa do territorio na axenda e actualidade mediáticas. Iso o goberno nin o pode nin o debe facer, a súa é función diferente.

Eu non teño totalmente claros os propósitos reais da actual Xunta de Galicia: a música é boa, a letra por veces cambia e non sempre para ben. Gústame a determinación da Caride, non me fío tanto do Pachi, Teresa Táboas é realmente rigorosa, lástima que o moi eficaz Alfredo quedase tan queimado.

Sei, iso si, que non teñen nada que ver a actual situación e ambiente cos do 2003. Que participen na manifestación figuras como Beiras, partidario pero de simbolismo máis lato, estímoo positivo; debería haber máis con carácter semellante. Pedirlles un esforzo organizativo aos partidos en vésperas dunha campaña electoral parece un tanto excesivo; déixenme parcializar: ao BNG, polo menos, xa lle debeu chegar co realizado no aludido 2003 e, partidariamente, boa parte do tempo case en solitario.

Anónimo dijo...

Estou de acordo, en termos xerais, co que din Leituga 1 e Valcárcel.

Opino, non obstante, que quizais falla unha política de comunicación máis contundente e eficaz das consellerías aludidas, que poñan en valor, e en coñecemento da cidadanía, os seus proxectos.

Anónimo dijo...

Houbo alternancia. O que xa non teño tan claro é se está habendo alternativas, cambios.
Paréceme ben que Rivera, Suso de Toro, etc., estiveran alí. Se estiveron contra Fraga durante o Prestige non vexo mal que estean tamén contra o goberno actual.

Anónimo dijo...

A min non me parece mal que estean contra o goberno pasado, contra o presente ou contra o futuro. Eu, particularmente, estou case coma eles, pois vou contra o do pasado e contra o do futuro. O que realmente me parece mal é que contribúan tan afoutamente a converter a figura outrora respetable do "intelectual crítico" nunha caricatura grotesca e sen fiabilidade.