15 may 2007



Tecnoloxía versus memoria
Andoliña 15 maio. Imaxe de P. Zokosky.


Os xornais publicaron estes días dúas novas diferentes, pero cun fío común: a tecnoloxía e a memoria. Na primeira, anunciábase que a Biblioteca Británica convida o público a crear un arquivo de correos electrónicos, que se irá almacenando ata un millón deles e que se conservarán durante un século (só unha mínima parte poderán ser consultados antes, borrado o remitente). Así se preservará unha parte da nosa historia que os sociólogos do futuro poderán esculcar de vagar, aínda que terán que ler moitas mensaxes intranscendentes polo camiño.
A segunda nova informaba dun programa informático que pode chegar a reconstruír os documentos da antiga República Democrática Alemaña (RDA) pasados polas trituradoras, pero que non deu tempo a queimar: 45 millóns de documentos, nin máis nin menos, e 600 millóns de anacos de arquivos que serán escaneados e ordenados: un traballo infinito de abordarse só con técnicas manuais tradicionais.
Non podemos saber como será a sociedade do futuro: é moi probable que coñeza tecnoloxías hoxe nin sequera imaxinadas. Pero sospeito que aínda daquela a obsesión pola memoria seguirá moi presente: velaí estes dous exemplos de hoxe. Para ben e para mal.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Engaioloume o contraste entre o lenzo de Zokosky e o contido deste interesante texto sobre as tecnoloxías que quen sabe a onde nos levarán (non creo que a bo porto, polo uso erróneo que lle damo). Quédome coa pintura, orixinal e tremendamente irónica.
Bico
Moralla

Marcos Valcárcel López dijo...

Querida Moralla: se esculcas un pouco en San Google, encontrarás cousas interesantes deste Peter Zokosky, algo obsesionado cos monos e cos temas macabros. Supoño que che gustarán...

Roi Buligan dijo...

Pois interesante esta reflexión sobre a necesidade da memoria, os humanos sempre tivemos a tendencia en deixar un ronsel de pegadas que os futuros han de descifrar. Como as cápsulas de memoria que enterramos no xardín.

Nuca dijo...

Sempre resultoume evocadora a relación da ciencia e a tecnoloxía ca memoria, tanto a colectiva coma individual. Nesta última é engaiolante imaxinar en dispositivos que poidamos implantarnos para incrementar as nosas capacidades. Pero coincido con M.V. que a primeira relación ten mais percorrido, ainda que penso que temos millores exemplos para ilustrala que o escollido dos 600 millóns de anacos. Un deles é de hai xa uns anos, trátase do proxecto xenoma humano desenvolvido por Craig Venter e a sua empresa Celera Genomics. Neste caso a tecnoloxía informática serviu para botar unha ollada a nosa memoria mais íntima e lonxana no tempo. No xenoma está resumida toda a nosa herdanza, dende o primeiro organismo unicelular ata hoxe.
Por certo que en Ourense temos grupos que están a traballar precisamente en sistemas para recuperar información.
Unha aperta

Da sibeira e do cuarto dijo...

O que xa posiblemente ninguén ha ver