16 may 2007







Voces Ceibes.
Andoliña 17 maio




Hai corenta anos nacía a Nova Canción Galega. Exactamente un 9 de maio cun concerto de Raimon no estadio da Residencia de Estudantes de Santiago de Compostela. Presentou aquel encontro o poeta Manuel María, que logo lle dedicou un poema ó músico de Xátiva (“Mensaxe a Raimon”, no libro “Remol”, 1970). Poucos meses despois púñase en marcha todo ese movemento cultural que concentrou nomes como Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Vicente Araguas e unha chea de escritores que fixeron textos para eles (Celso Emilio, Lois Diéguez, Alfredo Conde, etc.). Vicente Araguas contou esa historia no libro “Voces Ceibes” (1991) e agora Xan Fraga acaba de engadirlle un capítulo ben gorentoso cun traballo sobre Voces Ceibes e a censura franquista que aparece no último número de “Grial”.
No noso país, xa o dixen outras veces, non hai aínda moitos estudos sobre os estragos da censura. Nin na literatura nin na música nin noutros campos. Este documento serve para ver a precisión obsesiva do autor do informe ó elaborar estas fichas biográficas e o seguimento polo miúdo de 20 concertos entre 1967 e 1970. E, polo que se ve, non estaban nada mal informados estes “secretas” melómanos ...

Fichas policiais.
Andoliña xoves 17 maio

Son escasos os traballos sobre os estragos da censura na nosa cultura. Por iso é ben interesante o documento policial que recuperou Xan Fraga sobre Voces Ceibes, do que lles falei onte neste recuncho. Recolle información polo miúdo dos 20 concertos celebrados entre 1968 e 1970 por cantantes como Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso ou Miro Casabella e tamén fichas biográficas curiosas. Con datos polo xeral bastante atinados: o policía manexaba as técnicas propias dun xornalista ou dun historiador aínda que con fins nidiamente represivos.
Algúns dos fichados son tachados como "galleguistas filo-marxistas": así Vicente Araguas ou Lois Diéguez. De Celso Emilio Ferreiro, do que se tiña constancia da súa relevancia como poeta, dise expresamente: "Catalogado de siempre galleguista contrario al Movimiento Nacional" e logo acusáselle de escribir, co pseudónimo Arístides Silveira, poemas con "insultos, incluso, al Jefe del Estado español". En cambio, o policía redactor marca distancias coa canción galega "comercial" que facía entón Andrés Dobarro. Quizais máis despistada está esta atribución de Carlos Casares, estudante en Compostela, como un destacado activista "comunista filo-chino".

9 comentarios:

Anónimo dijo...

En xaneiro pasado, o Instituto Lucus Augusti (antigo Masculino) organizou un acto conmemorativo dos corenta anos da Nova Canción Galega. Houbo unha mesa redonda (con Benedicto, entre outros) e un recital no que actuamos antigos alumnos do centro que dalgún modo participaramos no movemento. Non está mal a nómina: citarei a Mini e Mero (d' A Quenlla), varios de Fuxan os Ventos, Jei Noguerol, Miro Casabella, Antón Campelo (do grupo O Carro) e tamén estaba un servidor; aparte dalgún outo probablemente menos coñecido de vdes., tamén estivo Cuchús Pimentel, que non foi da Nova Canción pero si é ex-alumno e figura musicalmente ben coñecida e recoñecida.

O caso é que acaba de saír un DVD que recolle todos os actos, e aproveitando a circunstancia onte xuntáronnos en Telelugo (de Localia) a Manel Celso Matalobos (vicedirector do Lucus), Xoán Fuertes (ex-Fuxan, membro fundador), Antón Campelo e a min. En case unha hora démoslle unha boa volta ao asunto, e é mágoa que non sexa retransmitido a outras emisoras da cadea.

Dígoo porque Lugo desempeñou un papel peculiar en todo aquilo, e ademais con perfís particulares. Aparte da relevancia dos grupos (O Carro, Fuxan e despois Tangaraño e outros) fronte aos solistas das VC, unha instrumentación algo máis completa, nalgún caso o beber na música tradicional e outros asuntos confírenlle á música e músicos de aquí un selo que as conmemoracións arredor das VC deixa fóra. Supoño que inevitable, tamén é mágoa.

Penso que xa o dixen algunha vez, pero repítoo agora: o meu comezo na música foi cun dúo que se interesaba por músicas varias, non todo galego nin moito menos socialpatriótico. Remóntase aquilo ao 1970, eu tiña dezaseis anos e o meu amigo e compañeiro trece; chamábase e chámase Rodrigo Romaní.

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas polas súas achegas, XMG., para min novidosas e creo que para moita máis xente. Seguiremos tirando deste fío en futuros artigos... Parece mentira que xa vaian aló 40 anos (da fundación) ou uns poucos menos (do apoxeo da NCG) de todo isto!!!

Marcos Valcárcel López dijo...

Ah! Lembro ben cómo Rodrigo Romaní causaba sensación (a moitos efectos, falo tamén das rapazas) nos comezos do 76 en Compostela: cando os peches de Fonseca. Antón Seoane era o psiquiatra serio e máis intelectual (despois veu o lío aquel de Conxo) e Romaní estudaba pedagoxía e brillaba coas súas artes musicais e cantorais no mundo nacionalista.

Anónimo dijo...

Lin o artigo publicado en Grial. As valoracións que se fan nas fichas policiais de cada un dos músicos mesturan paternalismo, xuízos de tipo ideolóxico e observacións sobre antecedentes familiares tipo "es sobrino de exiliado". Afortunadamente, non constan informacións de tipo máis privado.
Eu alédome de que ademáis de recordar o papel xogado por Voces Ceibes se apreze por fin o valor musical e reivindicativo da obra de Andrés Do Barro, malgré algún comentario illado que lin sobre el dalgún dos voces ceibes.
Dobarro era tan "clase media de derechas" e tan "neofalante" de galego coma a meirande parte dos ceibes.
Que as letras non eran comprometidas? Non estou de acordo. O que si transmitían, sobre todo a medida que avanzaba a súa incomprendida carreira, é esa sensación de non encaixar, de non ser aprezado nin por uns nin por outros. Se cadra é a iso ao que se refiren cando din que eran un "blulff" (algún voz ceibe dixit). Pero ese é, foi e será o sino dos mellores creadores.

Marcos Valcárcel López dijo...

Andrés Dobarro foi víctima da ideoloxización que existía naqueles momentos: el e outros cantantes semellantes tiveron un gran éxito ó finais dos 60, na miña infancia e primeira mocidade, pero eran considerados como cantantes burgueses e descomprometidos polos artistas máis próximo á oposición ó franquismo. Probablemente de forma un tanto inxusta. Lembro ver na Auriense unha colección da revista CHAN, que facía Borobó en Madrid e promovía claramente a xentes como Dobarro e outros similares. Pero algúns dos nosos mestres daquela xa nos dixeron entón que iso non era revolucionario e detestaban a revista Chan tamén, porque era bilingüe e non admitían tácticas posibilistas a este respecto. En cambio, e isto sorpréndeme, si se apoiaron as misas en galego na Catedral ou a Festa da Árbore á que ían Otero e Ferro Couselo.

Anónimo dijo...

Estou interesado, señor Valcárcel, na revista "Chan", que coñezo só de oídas. ¿Podería fornecerme dalgunha información sobre ela? Se lle resulta engorroso ou lle parece inapropiado metela aquí, pode mandarma ao meu enderezo electrónico. Agradézollo.

Anónimo dijo...

E por que non haberá un alma caritativa que escanee todas esas revistas e as colgue na rede? Por que non temos unha biblioteca "nacional" ou o que queiran galega que faga este labor? Por exemplo, números atrasados de Chan, de Teima, as vellas de ANT, as publicacións en galego da diáspora, etc, etc.
En Cataluña Google Books e a Generalitat chegaron a un acordo para poñer todos os fondos antigos da Biblioteca Nacional de Catalunya en Internet.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Leituga: de CHAN, a revista de Borobó, hai unha referencia naGran Enciclopedia Galega. Publicouse entre 1969 e 1971 e nela publicaron varias xeracións de autores: xentes como Ben-Cho-Shey, Ferrín, Blanco Amor, Carballo Calero, Fdez. Ferreiro, Paz Andrade, Otero, Freixanes, Rábade Paredes e Perfecto Conde. Era ilustrada, con moitas fotos, mesmo a color, e bilingüe, con maioría en castelán. Tiña seccións de humor gráfico de Siro López, Tomé e Lavandeira.

Anónimo dijo...

Gracias, señor Valcárcel. Ben sei que é vostede unha hemeroteca bípeda.