CINE, CINE, CINE... Entre as películas destes últimos días estas dúas que aquí figuran.
Roma, città aperta, de R. Rosssellini, revisitada despois duns 30 anos, máis ou menos. Paga a pena achegarse a ela só por ver a ese monstro actoral que foi Ana Magnani. Do resto, o espectador menos informado debería saber algo das imposibles condicións en que foi rodada, sen medios, nin estudios, etc. Creando case da nada o Neorrealismo cunha epopea da Resistencia italiana. De 1945, a película tardou moito en verse en España non só por ser antifascista: o papel do crego (Aldo Fabrizi) ere moi difícil de entender dende a óptica nacional-católica do franquismo. Por iso pode sorprender a insistencia no punto de vista do párroco detido e logo fusilado: en cine, a plasmación do famoso compromiso histórico entre comunistas e demócrata-cristiáns.
A outra película,
Atando cabos, de Lasse Hallström, ten unha fasquía ben diferente, pero de suficiente capacidade fascinadora. Sobre todo no que significa de percura das raíces: que sucede cando as raíces só ocultan o sufrimento e a ignominia?
21 comentarios:
O mellor de ROMA..., esquecín dicilo, o plano final dos nenos volvendo á cidade tralo fusilamento do crego.
Creo que se trabuca, amigo Valcárcel.
O filme de Rosellini non pode ser a plasmación do célebre "compromiso histórico".
Entre outros motivos porque Berlinguer, o secretario xeral do PCI e promotor da idea, non era aínda cargo relevante do partido.
A política de "compromiso histórico" é algo dos anos setenta: Compromiso histórico.
O que vostede quería dicir, penso, é que o filme é plasmación do "compromiso antifascista". Que non é exactamente o mesmo que o "compromiso histórico".
En realidade, Berliguer non foi secretario xeral do PCI até 1972, aínda que iniciase a súa carreira política xa ben antes: Berlinguer.
Casualidades do "bloggerworld", onte quedei petrificada con Truffaut e hoxe leo este post seu...Non foi todo ouro o que brilou, había moito peñazo nos cine clubes, pero se ainda emociona por algo será ¿non? O dito: hai que voltar aos clásicos
Corrección parcial.
Debería dicir, máis precisamente, "consenso antifascista", e non "compromiso histórico" nin "compromiso antifascista".
O compromiso histórico -agora podemos dicilo- era un anzó do PCI para chegar ao goberno con garantías no que a DC nunca picou. Andreotti era polo menos tan listo como Berlinguer. E bastante máis fillo de puta, con perdón. O PCI sabía que, aínda protagonizando o "sorpasso", non lle sería doado manterse no goberno de Italia sen a forza e o respaldo da DC, ou cando menos do seu sector máis progresista. Un goberno de esquerdas podía, no mellor dos casos, durar uns meses e ser abatido por algunha manobra daquel Parlamento enormemente atomizado. No peor dos casos, poderían producirse alianzas entre neofascistas, militares, servizos secretos e terrorismo que convertesen Italia nun caos e mesmo fixesen posible un golpe de estado.
Unha boa metáfora (ou símbolo, segundo se mire) do que representaba o compromiso histórico aparecía ao final de Novecento, con aqueles marabillosos De Niro e Depardieu, Alfredo Berlinguieri (?) e Olmo Dalcò, xa de vellos, rifando perto das vías do tren.
Eu teño especial predileción por Kevin Spacey e Julianne Moore; dito o cal, "Atando cabos" paréceme que ten un punto fascinante pero non é unha película redonda. De "Roma ..." tamén me impresionou cando a vin, hai moito tempo, o "martirio cristiano" do comunista.
Do cine italiano teño especial cariño a "Miracolo a MIlano" de Vittorio de Sica, completamente distinta nas formas a esta de Rossellini, pero coido que cun fondo semellante.
Roma, cittá aperta é realmente unha grandísima película feita con ben pouco.
Coincido con bouzafria no seu especial cariño por Miracolo a Milano de De Sica pero tamén me gustaría incluir na lista outro filme de Rossellini que forma parte da súa triloxía e que non se pode esquecer: Germania, anno zero (1948). Aquí non é a Roma da posguerra senón a Alemaña da posguerra vista polos ollos dun neno. Desgarradora e tráxica.
Saúdos.
Admitida a crítica conceptual: Consenso antifascista é o correcto. O compromiso histórico foi moito despois (aínda que algo bebería nese consenso da posguerra, non?). Do neorrealismo italiano, creo que quedan cousas por dicir aínda. Non influiu moito, na literatura e no cine, no noso xeito de ver o mundo, mesmo dende a España franquista de posguerra? Por suposto nestes lares era inconcebible un cura fusilado por pasar cartos á Resistencia, aquí ós guerrilleiros por ex. (habería algún nese caso?). Teño gañas de revisitar algúns títulos: Umberto D, de V. de Sica, vista hai unha eternidade. "Ladrón de bicicletas" aínda pode emocionar. "Stromboli" segue sendo magnífica. E case todo Visconti. E "A moza da maleta", con Claudia Cardinale, creo que de Valerio Zurlini. Moi de cando en cando as TVs pasan algunha película da chamada comedia italiana (Comencini, M.Moniceli, Nino Manfredi, etc.) e ás veces descóbrense auténticas xoias. Con actrices como a Cardinale, Sofía Loren, Stefania Sandrelli, Gina Lollobrigida, etc. Todo isto sen falar dos grandes xenios como Fellini, o citado Visconti e os que viñeron despois.
Cando inauguren o AVE en Ourense, eu propoño que, como na película de Monicelli, Amici miei, vaiamos ao final do andén e agardemos alí a darlle unhas sonoras e sorprendentes labazadas ás persoas que se despiden e que sacan a cabeza pola ventaniña (se é que o AVE ten ventaniña para sacar a cabeza). Unha homenaxe gamberra a un dos xéneros máis fermosos da historia do cinema. Cando Leituga 1 falaba de "sorpasso" eu recordaba aquela película titulada así, de Dino Risi, con Gassman e Trintignant, un filme polo que sinten unha especial devoción os italiáns.
Penso que algunhas (non todas) películas de Visconti, vistas desde hoxe, resultarían un tanto indixestas.
Amigo APC: agás o gatopardo, que aínda se papa ben, as demáis efectivamente precisan un proceso de deglución un tanto lento. Eso non quita para que algunha sexan efectivamente difíciles mesmo de rematar. Non lle axudaba moito a elección do estomagante (e siguen as metáforas dixestivas, pobre Visconti) Helmut Berger como icono. Pero, con todo, os que aprendimos a ver cine con el, cóstanos afirmar todo o anterior.
Opino exactamente o mesmo, prezado Arume. O "guapo" de Helmut Berger era insufrible, pero todos sabemos das debilidades do señor Visconti. Menos mal que para "O Gatopardo" elixiu a Alain Delon, que, ademais de ser máis guapo, non era tan cargante.
Nas películas de Visconti eu adoitaba pasar o tempo mirando para decorados e interiores. Sobre todo cando estaba na mili: facíalle a un evocar a vida corrente, aínda que non fose a de un.
O Gatopardo é excelente, pero dura, e dura, e dura...
¡Carallo para a idea que tiña vostede na mili da "vida corrente", señor González! Eu daquela quedaba pampo con eses decorados e interiores viscontianos, con tanta madeira nobre, tanto retrato do tatataravó, tanta moldura e tantos sillóns de espléndida é artesanal tapicería.
Eu recordo que fun ver Morte en Venecia, en cine-clube, en Santiago, e quedei totalmente durmido. Non pasaron duas sonatas máis sen que a miña novia de entón me deixara. Houbera resistido mellor que o seu mozo fose confidente da policía. Concordo co que se dixo de Visconti: agás O Gatopardo, que é magnífica, a maioría das demáis eran confusas, pretenciosas. E non digamos a moda de calificar calquera cousa "fina" e "eleguante" como "viscontiana". Un horror.
"...vida corrente, aínda que non fose a de un", Leituga, vexa a segunda parte. Direille, con todo, que na primeira viaxe á casa, con un mes de campamento enriba, o sofá-cama de meus pais foi leito de emperador.
Hai outra película de Visconti, menos coñecida, que a mín me gustou moitísimo e que non lembraba: Senso. Unha das películas máis románticas que teño visto, cunha Alida Valli que namoraba con aqueles vestidos oscuros iluminados por unha lúa de cine.
Aínda que repasando as pelis de Visconti hai outras, anteriores ao Gatopardo (O Leopardo, en versión portuguesa, non sei ben por que), tamén interesantes. Como Bellissima ou Rocco e os seus irmáns. As últimas pelis non son as que máis gustaron, aínda que foron as que marcaron de forma tópica o seu estilo. Na derradeira etapa Gruppo di famiglia in un interno cun impresionante Burt Lancaster (coma sempre, por outra parte) salva o seu periodo megalómano.
Como se pode ver, foi xuízo meu demasiado rápido o de deixar o Gattopardo como única peli salvable.
Eu de acordo con Arume: hai moito Visconti que defender, non só O Gatopardo.
Do adxectivo "viscontiniano" como sinónimo de elegancia e cultura, nos mediados dos 70 había unha coñecida parella de poetas da Frente Cultural da AN-PG que entre nós chamabamos "viscontiniana": de seguro que acertan na adiviña.
Eu tampouco soportéi nunca "morte en Venecia".O libro aguantéino algo máis,o rolho psicolóxico narrado é outra cousa.Pero a todalas rapazas embruxábaas ise filme...¿Por qué sería?
Mr Troll ágrafo
Publicar un comentario