16 jun 2007




ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé Manuel González)

(Imaxe: San Roque, bastantes décadas antes. Seguramente, a corporación municipal vai cumprir o voto ao santo. Sería, logo, 16 de agosto. Do Arquivo Castro Freire. Tomada da web http://personal1.iddeo.es/palvez/glugo.htm)

1. A cen metros de San Pedro.
A lembranza máis antiga trae unha imaxe de nena declarando que xa tiña sete anos; inquirido, retruco eu con medio imitada resignación que sigo en catro. Pola conta, debeu ser no 1958. Fico no limiar da casa, temos á fronte o lateral da Capela de San Roque e non hai vía pavimentada: camiño de terra, sen nome, conduce desde a rúa do santo ata a de Ramón Montenegro, facendo curva que deixa á dereita un campo onde pace o cabalo do carboeiro, miña nai pon a roupa ao clareo e nós xogamos con pelota ou o que cadre.

Era verán. Dous nenos fóra da escola, en hora bastante ceda e mañá medianamente luminosa; ata non sei se o arrecendo do xardín, para alá da igrexa, non mandaría no ambiente. Pouca xente pasa, e ningún coche pola rúa que é sen aínda eu sabelo a N-VI, estrada que seica vén de Madrid á Coruña. A radial vence a costa, igualmente anónima, que desde a Tolda deixa á esquerda As Pedreiras e logo á dereita o cuartel de cabalaría das Mercedes; pasa o fielato, vólvese recta cuxo primeiro treito se chama -de hai pouco- Muñoz Grandes e por onda as casas de Méndez asume o vello nome de San Roque, dous ou trescentos metros antes do número trinta e sete onde eu estou e a estrada non para, camiño da Muralla e a Ronda de Castela.

Poucos anos deberan pasar deica a segunda instantánea, pero xa mudaría a década. É inverno agora, se non nevou logo o fará, e hai matanza. Temos horta a douscentos metros da casa, e bichos. De alí traen a cocha, que vai a onde miña nai a chama e moita pena lle dá; co bo tempo, ás tardes sacabámola por fóra e tiña costume de achegarse á dona atal un can. Vai a marrá pola rúa de San Roque e case non estraña; algún transeúnte se cadra aínda viu carros transpoñendo o muro romano para retirar estrume dos cortellos. O matachín actúa alí perto e a min non me levan; quizais demasiado cruento para un neno, e iso que na cociña da casa un xa está familiarizado coa morte de polos e coellos. Tamén sinto mágoa, pero comerei frebas e filloas sen remorso. Nas vacacións de Nadal, a mamá vai facendo nos chourizos ao tempo que avía casa e xantar.

Miñas primas e eu somos os primeiros da familia que nacemos en Lugo; coma cas doutra xente. As construcións do barrio adoitan ser populares e vellas, con raro enclave burgués e dous grandes edificios: a igrexa e o antigo Mesón dos Toldaos, onde se debeu hospedar o difusor da Biblia George Borrow, agora convertido en dúas vivendas e morada para o popular ex-alcalde Portela. Conta meu pai como fora pasar aló algunha noite, pois había ameaza expresa do maquis ou noticia de incursión; o pai é garda municipal, e completa ingreso a cobrar recibos e representar firmas comerciais: así se pagará a miña carreira e algunha longa viaxe, pero de momento ninguén sabe nada diso. Transcorre o tempo de lecer entre a lectura (os Capitán Trueno e Jabato que troca a Carmiña no portal-libraría, algún raro libro, canto prospecto apaño), o trato cos mozos que a nai ten de pensión (nesta casa, todo o mundo traballa seguido), o irmán e os do meu tempo que encontro fóra.

Deles, dúas portas por medio vive Cheché Real; nin concibe presidir unha Asociación de Empresarios de Hostalaría que aínda non existe. Un triciclo seu, azul, embalado costa abaixo e que me envorca, terá moita responsabilidade en que eu nunca chegue a andar en bicicleta; estou vendo, mazado e na terra, como o Cheché apaña o meu sombreiro en papel de cores, pono na cabeza e sae apalillando, o moi paspán, coma se riba miña non quedase o triciclo; coma se en San Roque non houbese pais, nin lei nin orde.

Polas rúas de abaixo mora o Xosé Manuel Sarille, rapaz con pelo mesto que de seguro non cavila para nada en normalizar o uso da lingua galega. Cando en xullo e agosto baixo co porrón de arxila, baleiro, cara á fonte dos Paxariños, el a miúdo está por onda o taller do Lombao. Posiblemente segue alí cando subo de volta co porrón cheo, mais a miúdo non estou para detalles. Vémonos e coñecémonos; trato, naquela altura, pouco.

Bole San Roque, hai tendas de comestible (a do señor Gabino e algunha outra), chacinaría, estanco e despacho de pan, tabernas, farmacia... Na beirarrúa da esquerda, a penúltima casa antes da prazuela é nova e ten moi amplo baixo; será garaxe, pero antes albergou concorridísimas xornadas artísticas con ballet. Á praciña mencionada chamámoslle A Mosquera e xa case linda coa Muralla, catro ou cinco casas polo medio. No portal da última á dereita senta unha velliña, con touca e pano de loito, que ofrece mercadoría de melindres e outras lambetadas, disposta nunha cesta; loce sorriso desdentado e permanente.

Por alí e apegados ao propio monumento (éo, Monumento Nacional, desde o 1921) a ambos lados da
Porta de San Pedro, a Perrucaría de Saavedra, cafés e tabernas onde se botan a parva e a partida: o Riveira, Bar Lugo, Asuero... Neste, posiblemente coinciden Antonio Rosón e Ramón Piñeiro; xaora, a Manel, a min, que non me pregunten. Van chegando os 25 Anos de Paz.)

16 comentarios:

Anónimo dijo...

Aínda que ao meu amigo lle pareza mal, non podo máis ca felicitalo, amigo González, por esta marabilla. Xa me tarda o vindeiro sábado.

Anónimo dijo...

Estou vendo, en branco e negro de Rosellini ou de demais neo-realistas italianos, ao amigo González con pantalón curto e coas canelas esfoladas a causa do embale imparabable do triciclo.

Parabéns por texto tan extraordinario. Non esperabamos menos, xaora.

Anónimo dijo...

Moitas grazas pola recepción e o apoio. Teño serias dúbidas sobre a miña capacidade, e a das propias lembranzas, para poder levar adiante a empresa. Irase vendo.

Anónimo dijo...

O que está escribindo leva todas as trazas de formar parte dunha autobiografía, ou non ando no certo? Introduce a un par de persoas supoño que co obxecto de retomalas máis adiante, e adianta xa cousas da súa vida (a súa carreira).

paideleo dijo...

Fermosa lembranza.

Anónimo dijo...

En principio non é esa a idea, Swann. Elixín (ou veume) aquí o estilo autobiográfico como forma de aproximar un tempo no espazo natal. Os dous personaxes representan dalgunha maneira un conxunto; por outra banda, acontece que o primeiro é hoxe figura bastante coñecida en Lugo; pasa cousa semellante co segundo, só que en ámbitos relevantes da cultura nacional e particularmente nesta casa. O que poida vir a partir de agora é unha incógnita, xa dixen, inda ben cargada de interrogantes.

AP-C tivo un reflexo semellante a outro meu: cando eu vira "Novecento", e mesmo "Amarcord", aquel mundo afastado non era estraño. Supoño que á semellanza doutros mozos a fins dos setenta ou comezos dos oitenta.

Anónimo dijo...

Ese mundo dos barrios da periferia xa pasou á historia con minúscula. É o mundo desa emigración “interior” que durou desde os sesenta até inicios dos 80 e da que moi poucos sociólogos, historiadores ou narradores nos teñen falado. Eles saberán por qué.
Algúns dos máis novos que foreen por aquí vivirono nos 70 e entrados os 80. Ir de compras á tenda do barrio e traer de paso a garrafa de viño e a gasosa. As mercerías (moitas delas chamadas pomposamente “Creaciones...” , ulas son?). Os bares onde se botaba a partida. Coches, escasos, como escaso era o transporte público que alí non chegaba. Moitos rapaces xogando nas rúas, impensable hoxe. Economías obreiras. Rodilleiras nos nocellos dos pantalóns e nos cóbados dos xerseis, para poder xogar ao fútbol. Modas feístas dun pobo que tiña o nivel económico do Marrocos de hoxe. Abós dándolle a merenda aos rapaces: bocadillo de xamón e margarina, ou mortadela cando non había tanta sorte. Os edificios rodeados de solares sen aínda construír. A un cento de metros, o campo, con labradores que aínda empregaban o arado romana e a parexa (que non parella) de vacas, e tiñan uns cortellos para gardar galiñas.
Non hai moitos anos...

Marcos Valcárcel López dijo...

Súmome ás gabanzas dos participantes anteriores. Estou vendo xa un libro ven fermoso, novo "Cartafolio de Lugo", tal como aquí se suxeriu. O milagre é qué ó cabo todas as infancias se parecen, sexan nun barrio de Lugo, na Auria dos 60 ou nos planos de "Amarcord": velaí o milagre da arte.

Marcos Valcárcel López dijo...

E deixo recado tamén para Marcel Swan. Gustáronme esas liñas entre o apunte literario e o sociolóxico. Sobre todo ás referencias ós bocadillos: por aquí os máis gorentosos eran os bolos de pan cunha gran onza de chocolate Chaparro dentro. Por suposto, esta casa estaría aberta tamén ás súas lembranzas en forma de serie, como no caso do amigo XMG., se vostede gustase dese reto. En que cidade habería que imaxinalas?
A mesma proposta é extensible a outros amigos/as que por aquí nos visitan a cotío: quizais APC nos podería dar perspectivas valiosas da vida dun mozo nun barrio ourensán, por exemplo.

Anónimo dijo...

Excelente texto, González. Gustoume todo, pero especialmente o da "mañá medianamente luminosa" (revivín, de súpeto, unha miña mañá infantil) e o episodio da "cocha", como din por Lugo, que é unha magnífica descrición, sobria e sen aspaventos, desa aproximación ambivalente á morte que todos os rapaces experimentamos diante do sacrificio dun animal querido destinado a converterse en suculento manxar. Case lle collo eu cariño a aquela marrá tan boa e mandadiña.

Anónimo dijo...

Efectivamente, Marcos. Como aquí supoño que non os moitos os que naceron nun chalet dunha zona residencial, os nosos recordos deben de ser parecidos. A primeira imaxe que me vén á cabeza dos anos da infancia é a do meu barrio. Todos os barrios eran igual de grises. O único interesante era a xente, que tiña un trato moi cercano, pero tampouco convén idealizala. Era unha sociedade sutilmente clasista, dun clasismo que se extendía de pais a fillos. O termo máis apropiado era o de "fachenda". Logo tamén estaban os de "querer e non poder"...

Anónimo dijo...

Aínda segue habendo moita señorita (e moito señorito) de "caldo a la merienda".

Anónimo dijo...

A daquela era, en efecto, tamén unha sociedade clasista. Sobre todo nas cidades provincianas e nacional-católicas.

A miña tía, cando era unha simple empregada de comercio, foi considerada compaña non grata para unha "señorita de caldo a la merienda" por parte do seu pai, un antigo galeguista conservador, por certo. Mais cando se fixo propietaria do negocio no que traballaba, daquela levantouse a prohibición.

Anónimo dijo...

Señor Swann.Non creo que lle oíra falar nunca a un labrador de "parexa" de vacas,senón de "xugada" ("yunta").E,por se non é vostede alguén criado na aldea coma mín,direille que as vacas teñen a súa lateralidade no xugo:hainas destras e xordas.Moi poucas xunguen "a dúas maus",e cotizábanse moito nas feiras.
O Troll ágrafo

Anónimo dijo...

Na súa de vostede dirán "xugada", porque son separatistas. Na miña din "parexa".

Anónimo dijo...

O.K.
Touché
Na miña soio lle chaman parexa á da Guardia Civil.XDD

O Troll ägrafo