9 jun. 2007






NACIONALISMO E IDENTIDADE. NACIÓN E CONCIENCIA. Do pensamento de Manuel Murguía

Varios participantes neste foro pediron un post-debate sobre IDENTIDADES E NACIONALISMO. Vouno abrir con varias citas do pai fundador do galeguismo, Manuel Murguía, e dalgúns pensadores foráneos, Manzini, Renan, que puideron influír no seu perfil ideolóxico, segundo os rigorosos estudos de Ramón Máiz. Se estas son as bases ideolóxicas do nacionalismo galego, dende logo non son estrictamente reaccionarias, como ás veces se quere facer crer. Opinen, se lles parece.

“A Península Ibérica non constitúe unha entidade nacional, e, o que é máis grave, advírtese así mesmo que se acha dividida en tres grandes porcións territoriais que informan respectivamente o sangue e a tradición… O fondo da poboación, os costumes propios a cada un dos devanditos grupos, os pensamentos que abrigan, danlles fisionomía propia e condicións de verdadeira nacionalidade. Ata tal punto e con tal forza, que cada unha das agrupacións en que aparece entón dividida a Península dá vida a unha civilización e crea unha lingua, signo o máis característico e declarado de toda nacionalidade lexítima.” (Historia de Galicia, vol. IV)

“Nación é unha comunidade natural de homes unidos nunha vida común pola morada, a orixe, os costumes e maila linguaxe, que teñen conciencia desa comunidade” (“¿Qué es la nación?”, en La España Regional, Barcelona, tomo II, 1886)

“Nación, sociedade natural de homes con unidade de territorio, de orixe, de costumes e mais de lingua, dotados de comunidade de vida e conciencia social”. “A nacionalidade non é outra cousa que a explicación da liberdade”. (P.S.Mancini, “Della nacionalità como fondamento del diritto delle genti”, en Diritto Internazionale, Nápoles, 1873)

“A patria é unha Misión, un Deber Común. A Patria é a vosa vida colectiva, a vida que anoa unha tradición de tendencias a efectos conformados por tódalas xeracións que xurdiron, traballaron e pasaron sobre o voso chan... A Patria é, antes que nada, a Conciencia da Patria. Así, o chan no que pousan os vosos pasos e os límites que a Natureza sitúa entre a vosa terra e as estranxeiras... non son senón a forma visible da Patria: pero se a alma da Patria non palpita naquel santuario da vosa vida denominada Conciencia, aquela forma permanece semellante a un cadáver sen movemento nin alento de creación, e vós mesmos seredes turba sen nome e non nación; xente e non Pobo... A Patria é ante todo a Fe na Patria”. (P.S.Mancini, Ai giovani D’ Italia, 1859).

“O rexionalismo proclama moi alto que é por esencia réxime de liberdade; o máis grande e o máis necesario. Está unido estreitamente ós principios liberais e neles se informa. Pertence á nova sociedade... Os rexionalistas queren conserva-lo que é privativo do seu pobo e rexión... pero isto dentro das liberdades modernas, sen renegar da civilización actual, da que derivan as doutrinas que sustentan. Se somos fillos da nosa rexión sómolo tamén do noso tempo”.
(“El Regionalismo”, Eco de Galicia, Bos Aires, 1899)

Unha nación é unha alma, un principio espiritual. Dúas cousas que non son máis que unha, constitúen esta alma, este principio espiritual. Unha está no pasado, a outra no presente. A unha é a posesión en común dun rico legado de recordos; a outra é o consentimento actual, o desexo de vivir xuntos, a vontade de continuar facendo valer a herdanza que se recibiu indivisa. A nación, como o individuo, é a consecuencia dun longo pasado de esforzos, de sacrificios e de arelas. O culto aos antepasados é o máis lexítimo de todos; os antepasados fixéronos o que somos. Un pasado heroico, grandes homes, a gloria (refírome á verdadeira); velaí o capital social no que se asenta unha idea nacional. Ter glorias comúns no pasado, unha vontade común no presente; ter feito grandes cousas xuntos, querer facelas aínda, velaí as condicións esenciais para ser un pobo. Ámase en proporción aos sacrificios soportados, aos males sufridos. (...) Si, o sufrimento en común une máis que a ledicia. En punto aos recordos nacionais, os dós valen máis que os triunfos, pois impoñen deberes, ordenan o esforzo en común.
Unha nación é pois unha grande solidariedade, constituída polo sentimento dos sacrificios que se fixeron e os sacrificios que aínda se está disposto a facer. Supón un pasado; resúmese, non obstante, no presente por un feito tanxible: o consentimento, o desexo claramente expresado de continuar a vida en común. A existencia dunha nación é (perdóenme esta metáfora) un plebiscito de todos os días, do mesmo xeito que a existencia do individuo é unha perpetua afirmación de vida. Ernest Renan, Qu’ est-ce que’ une nation?, 1882.

30 comentarios:

Xabier dijo...

Como eu fun un dos que solicitou o post-debate, véxome case na obriga de inaugurar este novo post. Efectivamente os textos que nos pon Marcos pertencentes a Murguía reflicten os conceptos clásicos que sobre a nación se manexaban no S.XIX. O primeiro dos textos fala da lingua, dos costumes propios etc que darían fisionomía a nación e atópase relacionado co que Herder claramente pensaba segundo o cal habería un espíritu nacional que daría lugar a todo iso. O segundo dos textos vai moi na liña de Fitche que falaba desa comunidade natural de homes unidos nunha vida común e que daría lugar a nación. A nación sería polo tanto algo natural. Mazzini acepta iso (sociedade natural de homes etc)e entende que a lingua e os costumes son esenciais pero sempre e cando haxa vontade de ser nación. Feita esa analise entrarei máis no fondo da cuestión xa que non imos a falar só de nacionalidades senón tamén de identidades. Suponse, ao parecer, que nun lugar determinado as persoas actuarían máis ou menos dun xeito similar. Habería como unha especie de homoxeneización. Acontente que cando analizamos con atención esas pautas de comportamento que se tratan de delimitar vemos que non son acotables e que por riba, cambian continuamente. Entendemos a cultura dun pobo como algo auténtico e verdadeiro cando en realidade todo son construccións intelectuais que só describen as accións do home. En relación con iso aparece a habitual preocupación pola perda da "identidade" en gran parte culpa da globalización. Debemos ter moi claro que ningún pobo e polo tanto a súa cultura se atopa illada. Non hai culturas pechadas. Todas reciben influencias doutras e a vez influén elas mesmas. Incluso unha cultura pode ir acumulando máis doutras ao longo do tempo que o producido orixinalmente. O perigo está en confundirmos, en pensar que os elementos traidos de fóra sexan autenticamente nosos. E moi recomendable ler neste senso o libro que Hobsbawn e Ranger escribiron sobre a "invención" das tradicións e segundo o cal moitos deses costumes e tradicións "antiquísimas" non superan la liña dos dous séculos. ¿Que nos queda por tanto?. A lingua. De ahí que os defensores do nacionalismo se aferren a ela como signo de identidade dicindo que forma un xeito de ver o mundo etc. Persoalmente non creo nada diso. Por outra banda négome a pensar que polo feito de nacer nun determinado lugar a miña personalidade quede xa "definida". Iso só merma a miña liberdade e capacidade de elección.

Xabier dijo...

Imaxino que xa moitos terán lido a entrevista que hoxe viña en El Pais a Amartya Sen (Nóbel de Económia). Quédome con estas liñas:

"En nuestras vidas normales, nos consideramos miembros de una variedad de grupos; pertenecemos a todos ellos. La ciudadanía, la residencia, el origen geográfico, el género, la clase, la política, la profesión, el empleo, los hábitos alimentarios, los intereses deportivos, el gusto musical, los compromisos sociales, entre otros aspectos de una persona, la hacen miembro de una variedad de grupos. Cada una de estas colectividades, a las que esta persona pertenece en forma simultánea, le confiere una identidad particular. Ninguna de ellas puede ser considerada la única identidad o categoría de pertenencia de la persona.
Muchos pensadores comunitaristas tienden a afirmar que una identidad comunitaria dominante es sólo una cuestión de autorrealización y no de elección. No obstante, resulta difícil creer que una persona, en realidad no tiene opción para decidir qué importancia relativa puede asignarles a los diversos grupos a los que pertenece, y que debe "descubrir" sus identidades, como si se tratara de un fenómeno puramente natural (como determinar si es de día o de noche). Todos estamos siempre haciendo elecciones, aunque sea de modo implícito, acerca de las prioridades que debemos asignarles a nuestras diferentes filiaciones y asociaciones. La libertad para determinar nuestras lealtades y prioridades entre los diferentes grupos a los que pertenecemos es peculiarmente importante, y tenemos razones para reconocerla, valorarla y defenderla"

Leituga 1 dijo...

O que di Amartya Sen vai na mesma liña que o que afirma Amin Maalouf no seu libro "Identidades asesinas", poñéndose el mesmo como exemplo de múliples identidades dadas e tamén de múltiples identidades escollidas.
¿Existe unha "identidade galega"? Con todas as cautelas e outorgándolle a esta expresión unha dimensión enormemente vagarosa, eu diría de todos modos que si, que seguramente existe. Pero non sería unha identidade marcada exclusivamente, nin sequera de forma prioritaria pola lingua nin pola cultura, dous elementos, sobre todo o segundo, alleos ou secundarios para unha boa parte dos galegos, que non problematizan estas cuestións como o facemos nós. Hai máis verdade "identitaria" probablemente en frases tópicas como esas de que o galego responde a unha pregunta con outra, ou que non se sabe se baixa ou sobe na escaleira que en afirmacións do tipo "a lingua é o principal sinal de identidade de todos os galegos", ou "somos galegos pola nosa lingua e a nosa cultura". Estas últimas afirmacións son ideolóxicas, programáticas e desiderativas, cuxo valor performativo, á vista do caso que a xente lles fai, resulta cando menos dubidoso. As frases tópicas, en cambio, derívanse duns hábitos perceptivos e condutuais transmitidos de xeración en xeración, inconscientemente, desvinculados de calquera programa identitario pero capaces de crear non un "carácter nacional", pero si unha maneira matizadamente singular de estar no mundo e de tratar con el.
Os meus barrenes son gratis, así que tampouco fai falta que os tomen moi en serio.

a.p.-c. dijo...

Eu creo que a mellor definición identitaria galega é aquela que, a finais dos sesenta/comezos dos setenta, puña un autocolante que levaban moitos Seat 600 no cristal da parte de atrás, a carón dun canciño que, enriba dun tapete de ganchillo, movía a testa como dicindo "si, si":

"Ser galego, unha carreira.
E de Ourense, catedrático"

arume dos piñeiros dijo...

Ou aquela: "Ponferrada, ciudad amante del pimiento picante"

arume dos piñeiros dijo...

Ou aquela de Lugo, que hai pouco tempo aínda a puiden ver na estrada vella que vai do cementerio cara o río: Para comer,... Lugo. Cos puntos suspensivos incluso.
Pero como a identidade, igualiño cá caridade, comeza por un mesmo e acaba no próximo, o refrán era moldeable para aldraxe da vila que un quixera con aquela prolongación: "Para comer, Lugo, e para ca..., [a vila en cuestión]. Para os de As Pontes, Vilalba. Cousas [amables?] da identidade.

Leituga 1 dijo...

O cuño identitario de Benavente tampouco é gran cousa: "Benavente, buena villa, mala gente". Xa non digamos a de certa vila rioxana: "Navarrete, caga y vete".

marcel swann dijo...

Cutre-slogan dos 60:
- La Coruña, ciudad en la que nadie (incluídos os que falan galego?) es forastero.

E velaquí outros cutre-slogans dos 80:
- La Coruña, Ciudad de Cristal, ciudad sonrisa, alegre y cordial.
- El balcón del Atlántico...

Evaluación del producto "La Coruña":
Ventajas: todas.
Inconvenientes: ninguno.

marcel swann dijo...

Un par de cousas contestando a xabier:
Os elementos "problemáticos" que vostede ve nas definicións de cultura non son tales. Efectivamente, non hai nada "natural" na cultura. Todo é construción humana, e costumes que criamos que nos deran os antergos lonxanos ben puideron nacer hai un par de xeracións. Con todo, eu non "problematizaría" este feito, senón que o aceptaría. Ademáis, as culturas non aceptan mimeticamente, senón que seleccionan e adaptan o que vén de fóra, de xeito que o van facendo propio. Non hai culturas "puras", polo tanto, así que tampouco me vale a afirmación que fai vostede de "¿Que nos queda por tanto?A lingua." A cultura e a forma de ser dos galegos ten entidade propia. Empezando pola paisaxe (modificada polos galegos a través dos séculos) e terminando na lingua.
Eu si creo que a lingua é un xeito de ver o mundo e que "fala" por nós (aínda está recente neste blog unha cita de Cortázar sobre os galegos a este respecto). E xa non só polo feito de empregar ese dialecto neo-latino.
Tendo como temos un mundo e unha lingua propias, do que aínda carecemos é da conciencia de ser diferentes. Isto ten causas históricas, económicas, culturais e xeográficas. Nesa entrevista que lle facían a Álvaro Cunqueiro (que si tiña claras estas cousas), afirmaba que os galegos non tiñan sentido da historia, e isto téñoo comprobado moitas veces.

arume dos piñeiros dijo...

En portada do diario La Repubblica: Tosatura delle bestie

marcos valcarcel dijo...

Magníficas fotografías. Sábese quen é o fotógrafo, galego ou italiano?

a.p.-c. dijo...

A "rapa das bestas" (ou os curros ou o que sexa) tamén forma parte da identidade galega?

(Por certo, Arume, quixera facerlle unha pregunta técnica, que seguramente sabe un rapaz de bacharelato, pero eu non)

Xabier dijo...

Vaia por diante primeiro a dificultade que por si mesma entraña a definición da palabra "cultura". Posiblemente sexa un dos vocablos máis complexos do diccionario. Así falamos da cultura galega ou europea ou da cultura do deporte, da violencia etc. Estamos dacordo en que non existen culturas puras e estudos antropolóxicos incluso en pobos supostamente illados así o veñen demostrando. Unha cultura pura por outra banda sería algo ben pouco motivador xa que a riqueza está sempre nas misturas. Vostede fala desa entidade propia que temos os galegos, da influencia da paisaxe, da lingua como xeito de ver o mundo, mais eu atopo todo iso como inquedanzas intelectuais abstractas. Mire, a xente en xeral elle máis prosaica e o mundo percibeo en función dos seus intereses persoais. Son moitas máis as cousas que as uniformizan e que merman toda esa identidade que vostede quere darlle. Vexa o que consumen na cola de calquer hipermercado, como visten as mesmas modas, como ven as mesmas películas, como len os mesmos libros, escoitan as mesmas músicas etc etc. Agora desprácese a calquera outro punto xeográfico de España ou Europa e entenderá mellor por que Zara vende máis ou por que Dean Brown bate records en vendas, por poñer uns simples exemplos. ¿Onde está esa conciencia de ser diferentes?. E non digo que sexa iso mellor ou peor. Non entro nesas valoracións. Un saúdo.

arume dos piñeiros dijo...

Moi interesante (e divertida) observación, coma case todas as súas, de María Yáñez da vida social en Galicia: entre nós, escribe mellor en español que en galego.

marcel swann dijo...

Sinto, Xabier, que o tema da identidade non dera para máis debatir. A uns dalles igual, e outros non cren res de res en tal cousa. E aínda hai outros que cren que está a desaparecer, pois xa bebemos cuecacuela e papamos hamburguesas, como todoquisque.

arume dos piñeiros dijo...

Pois sí, amigo Swann, acertou. Polo menos no meu caso.

Xabier dijo...

Non se preocupe amigo e non tema tanto. Eu en todo isto son máis positivo. É verdade que debemos ir mentalizándonos, guste ou non, que o mundo en xeral avanza imparable hacia un estado no que os localismos van a minguar. E ningún pobo por moito que se empeñe en conservar a súa "identidade" vai quedar a marxe deste proceso. Uns irán máis rápido e outros máis de vagar, pero irán. O caso e que eu non percibo iso como negativo. As culturas son organismos vivos e así deben ser tratadas. O que sí vexo negativo é ise empeño en querer conservar a "autenticidade". Claro que non vou a por en dúbida que o vivir nun determinado espazo xeográfico non teñamos cousas en común (lingua, relixión, problemas etc). Pero penso que ese "común" está nun segundo plano respecto do que cada un de nos como individuo pode aportar. Que o individual e persoal é moito máis rico e heteroxéneo que o colectivo. O concepto de "identidade colectiva" paréceme incluso perverso, alineante, limitador pois trata de anularme como individuo que libremente pode e debe elexir. Vexa o que acontece aquí mesmo coa rede. Agora podemos construir unha identidade cultural propia segundo as nosas preferencias. Eu mesmo participo neste blog e veño de facelo noutros moitos noutros idiomas dun xeito inimaxinable hai poucos anos. Xa non me limita a lingua ou o territorio e moito menos os costumes, as tradicións ou a paisaxe. Incluso ata se pode sentir como unha liberación chegado o caso. Agora é o tempo de coñecer outras linguas e outros espazos. Non temamos tanto esa americanización de todo pois igual as forzas non son tantas. Teño por aquí un longo texto de Samuel Hutington titulado "El Reto Hispánico" onde pon o grito no ceo polos perigos que suporá a continua chegada de inmigrantes hispanos a EE.UU e como iso entrará en conflicto cos valores angloprotestantes. Iso igual tamén é globalización e tamén é un proceso lento pero imparable. Un saúdo.

marcel swann dijo...

Todo isto da globalización, a "mobilidade dos traballadores", a "adaptación a novas formas de traballo" está moi ben. Pero sabe o que está ocorrendo? Que esa pretendida liberación das ataduras dos localismos, esa nova riqueza do "indidual e persoal" que apunta vostede, vainos facer aínda máis escravos que cando dependiamos da comunidade.
Vexo que a vostede gústalle ese mundo. A min gústanme as ventaxes, pero como todo nesta vida hai moitos inconvenientes que hai que ter en conta. Onde vostede ve liberación, eu vexo despersonalización. E aquí están as grandes cidades, coas súas historias de seres desnorteados.
Faime graza que vostede mencione o tema da emigración dos mexicanos aos EEUU, e que contemple o feito desde o lado americano. Eu doulle a volta, e póñome na pel do inmigrante: non é a emigración unha forma radical de perda da identidade?

a.p.-c. dijo...

Non necesariamente. Non sempre a emigración supuxo unha "forma radical de perda de identidade". Antes ao contrario: hai exemplos a eito.

Leituga 1 dijo...

Eu metín un post ao principio por aquelo de colaborar e animar o debate. Pero, en realidade, e xa que Xabier e Arume o confesan, teño que dicir que eu tamén detesto o concepto de "identidade" cando se aplica aos colectivos, nacionais ou de calquera tipo. ¡Non teño claro quen son eu nin de que vou e queren que teña claro quen son "como galego"!
A palabra e a idea que, en cambio, si me gusta é a de "singularidade". Esta palabra non pecha nin encorseta, non impón nin cohibe. Ao contrario, individualiza e xoguetea, é permeable e móstrase dispoñible para o encontro con outras singularidades. E, ademais, singulares somos todas, máis ou menos. E podemos ser distintamente singulares cada día. Con Galicia igual: Eu non quero que Galicia teña Unha Identidade, pero si que teña moitas singularidades e que siga sendo moi singular. Porque a reunión de singularidades é sempre plural. Pero o apego a unha identidade é sempre un coñazo.

a.p.-c. dijo...

Quizais, en todo caso, poderiamos admitir unha sorte de "identidade líquida", nunca suturada e sempre aberta a novas recreacións e reformulacións.

arume dos piñeiros dijo...

Afinidade gaseosa, sería aínda millor.

Anónimo dijo...

Vale de ben pouco o que digamos nós.Os novos homes,a xeración que hoxe tén vinte anos xa se ven a eles mesmos como unha comunidade global.Viron as mesmas películas,visten a mesma roupa,leeron os mismos ¿livros? comen a mesma comida,xogaron ós mesmos videoxuegos.O das identidades nacionales pronto se quedará en unhos poucos símbolos diferenciadores pra organizar festas temáticas ou crear contextos ambientales de venta nos centros comerciales.

Imaxino que leron o capitulo correspondente a ese tema en "No Logo" de Naomi Klein.

O Troll ágrafo

Leituga 1 dijo...

Non me parece que a cousa sexa tan sinxela, señor Troll ágrafo. Os anos inmediatamente anteriores á Primeira Guerra Mundial fórono tamén de moi intensa globalización e, porén, xurdiron nese tempo identidades nacionais a esgalla. No momento actual ocorre algo parecido: a globalización, que non é un proceso liñal nin unívoco, xera os seus propios antídotos. E un deles é o regreso ao particular, ao non mediado, ao senlleiro e único, cousa que eu vexo moi ben. Outra cousa é como xestionemos politicamente este agromar das singularidades. Nos anos anteriores á Primeira Guerra fixérono fatal.

leituga 1 dijo...

E nos anos posteriores, tamén fatal.

Xosé M. González dijo...

Mantívenme, aposta, fóra deste fío por resultar demasiado denso para alguén da miña profesión e a tales alturas do ano. Felicítoos polo frutífero intercambio, onde xorden hermenéutica e apetencia, cuestionamento de fosilizacións, sentido dinámico da historia, pertenza simultánea a comunidades diversas, dilemas da globalización e cuestións gasosas.

O incomodo con termos e conceptos (non direi que carecendo de razóns, mesmo históricas, para tal sentimento) leva a evitar termos ou propoñelos novos; "identidade" parece ser un dos antipáticos. Como non é o meu caso (a identidade nacional, como as outras, a min afírmame, constitúe base fecunda para o diálogo universal), ao mellor son inxusto propoñendo confort e certeza; quero, con todo, dicilo abusando de cita: eppur è qualcosa, tuttavia c'e qualcuna.

Tan inevitable como o acento galego; xa o teñen os alumnos chineses que viñeron hai dous anos, para gusto meu e posible incomodo de globalizadores intencionais. Desculpen a miña trivialidade.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

O idéntico (sic) caso de Paco Vázquez, que, mesmo habitando o palazzo da praza de España, fala un italián de Catro Camiños (Four roads, para os seus adentros) ben evidente. O acento galego é o que ten: célula de identidade ata o infinito e máis alá. Como dicia Buzz Lightyear.

Xosé M. González dijo...

Paco Vázquez non ten amaño: home dunha peza; pero déalle catro días. E fala xa italiano, realmente?

Anónimo dijo...

Boeno...en Madrid coñécennos ós galegos por varios detalles.Un deles: que nos sentamos no asiento de diante nos taxis... XD
O Troll ágrafo

Anónimo dijo...

Para leituga1:
Tén seguramente razón neso de que están por chegar fenómenos de singularización como reacción ós procesos globalizadores.En realidade,eso parece ser unha constante teleonómica.A alternancia entre procesos de integración e diferenciación dase na Historia,na Socioloxía,na Bioloxía,na Cosmoloxía e hastra nos procesos atómicos...
O que xa non estou tan seguro é que eses procesos vaian a ter algunha relación con parámetros geográficos (con "G",do grego) ou históricos.Hoxe en día a xente vese a sí mesma "clasificada" mediante infinidad de criterios alén das raíces históricas ou nacionales,e a explosión das comunicaciós debilitan a importancia de eses parámetros.De tódolos xeitos,eu,coma vostede,permanezo atento ós acontecementos...
O troll ágrafo