22 jul 2007

Os bufóns.
Pan por Pan 22 xullo

O símbolo da revista “El Jueves” é un bufón e os bufóns están para cabrear, para molestar, para darlle a volta á realidade, en suma, para dicirlle ós poderosos que eles tamén son homes e non deuses. Por iso non se entende que a autoridade xudicial a emprenda contra un bufón gráfico como é a revista “El Jueves”, de consolidada traxectoria. Que se explique ben qué o que resulta inxurioso: o debuxo irreverente ou un texto impertinente? Pero as impertinencias son necesarias contra o poder: sexa este o Rei, o Papa de Roma ou Mahoma. E ós poderes non lles gusta a impertinencia: aquí, en plena democracia, secuestran unha revista; noutros lugares, cortaríanlle a man ou a cabeza ó debuxante. Para colmo do disparate, din que El-Rei Juan Carlos le esta revista cando vai de vacacións. Onte o monarca estreaba un veleiro patrocinado por un banco: pódese dicir isto, ou non?

26 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei se é o lugar máis indicado, pero alguén pode informar desta enésima movida dentro do BNG?

Irmandiños: unha alternativa no BNG
Beiras lidera a Coordinadora do Encontro, unha alternativa dentro do Bloque para evitar unha "nova frustración" no nacionalismo ante a ameaza de ficar no autonomismo
M. RODRÍGUEZ . SANTIAGO

O líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, durante o seu discurso, que serviu de clausura para a Asemblea Constituínte, celebrada en Santiago
FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Evitar unha nova frustración no nacionalismo galego, unha especie de Sísifo cargando cunha pedra que ten que erguer unha e outra vez, é a cerna da constitución do Encontro Irmandiño, un grupo liderado por Xosé Manuel Beiras que desde onte desexa ser unha alternativa real dentro do Bloque Nacionalista Galego.

O símbolo frontista, aclamado por un nutrido grupo de simpatizantes reunidos no Hotel Puerta del Camino de Santiago, encabeza unha candidatura de dez persoas elixidas onte por quorum total no seo dunha asemblea, o verdadeiro símbolo do funciomento do nacionalismo. Dirixíndose ós seus irmáns, como se referiu Beiras ós compañeiros, afirmou que xa é hora de deixar o "exilio interior nos tempos que estamos, nos que cabe a dúbida dunha nova frustración e que o petouto de Sísifo caia, pero sempre haberá alguén que o recolla e o leve ó cume, que é a emancipación do noso país".

Con humildade, fuxindo dun "protagonismo excesivo", o líder do Encontro Irmandiño chamou a "ser moitos máis", procedentes de dentro e fóra do Bloque, "para chegar a tempo e frear este proceso de caída", ante a eminente ameaza de que o partido dirixido por Quintana, coincidindo co seu poder na Xunta, "peche os seus horizontes no autonomismo e se conforme, polo tanto, no contrario do que pretendía". Neste punto, Beiras encargouse de lembrar que "só asume" o autonomismo como marco político xurídico institucional de traballo da política institucional, non da social.

Os obxectivos para a organización son claves: configurar o perfil baixo, o ideario de base asembleario e apelar "á ética do traballo conxunto de homes e mulleres e así esparexer a boa nova, conseguir que se integren máis compañeiros para ir deseñando estratexias de acción política dentro do Encontro Irmandiño".



Os modelos a seguir, os movementos de foros sociais

Nun discurso emocionado e "didáctico, "porque non quero facer un mitin", chanceou Xosé Manuel Beiras, houbo cabida para os modelos a seguir para o Encontro Irmandiño, inspirado nos foros sociais, e remontouse ós tempos das Irmandades da Fala, xa sustentadas nos principios de non ser só "compañeiros, senón irmáns", a Revolución Francesa e nesa traslación, chegou ata a Grecia de Pericles e o seu Partido dos Pobres, liderado por unha muller.

Por último, o nacionalista quixo remontarse ós tempos da creación orográfica de Galicia para ironizar que "o peor que lle pasou" foi o afundimento das terras que crearon as fermosas rías, "e un país así non pode desaparecer", sentenciou Beiras no discurso.

OS PROTAGONISTAS A cúpula dirixente foi elixida por unanimidade

A Coordinadora do Encontro Irmandiño foi elixida onte por unanimidade e está encabezada por Xosé Manuel Beiras, Cristina Amor e Luis Eyré ata facer un total de dez membros.

Á Asemblea Constituínte estaban convocadas preto de 200 persoas, aínda que se lle cursaron invitacións de carácter privado e persoal a outras cen máis, entre elas: o coordinador da Executiva do BNG e membro da UPG, Francisco Jorquera; o secretario nacional de Esquerda Nacionalista, Alberte Xullo Rodríguez Feixóo; o líder de Inzar, Xesús Veiga e o ex eurodeputado Camilo Nogueira.
AS FRASES Xosé Manuel Beiras

"Xa é hora de deixar o exilio interior nos tempos que estamos, nos que cabe a dúbida unha nova frustración e que o petouto de Sísifo caia".

"Debemos ser moitos máis, de dentro e fóra do BNG, para chegar a tempo e frear este proveso de caída, ante a ameaza de que o nacionalismo peche os horizontes no autonomismo".

"Hai que apelar á ética do traballo conxunto de homes e mulleres e así esparexer a boa nova, que se integren máis compañeiros para ir deseñando estratexias de acción".

Anónimo dijo...

Anónimo dijo...

Anónimo dijo...

Xa, grazas Anónimo por levarnos a unha web que leva case tres meses sen renovar. Pero eu pediría unha opinión con certo peso argumental e con menos nesgo propagandístico.

Anónimo dijo...

O divino Beiras é o único responsábel da súa situación e da do Bloque por moito que nas súas memorias seguro que descargará a responsabilidade en todo quisque e na U. O divino debía xubilarse xa e non rematar os seus anos nos como eses xogadores que non aceptan o paso do tempo e rematan dando un lamentábel espectáculo nos campos de futbol.

Im-Pulso dijo...

A verdade, sorpréndenme os comentarios referidos ao BNG nun "post" que fala do caso El Jueves.
Perdoen a interrupción...
Eu só quixera dicer que o texto de Valcarcel é un dos máis axeitados que teño lidos estes días, e que a referencia ao veleiro que ven de estrear o rei é moi oportuna.
Nada máis, poden vostedes seguir remexando nas tripas do BNG, aínda que paréceme un entretenimento pouco axeitado co que está a caer... O verán do 2007 xa está mollado dabondo.
Unha aperta a Valcarcel e as miñas desculpas aos "benególogos".

Anónimo dijo...

Os responsables pol�ticos deb�an ler o "Jueves" con atenc�n e paralelamente seguir a s�a demanda.
Se a revista fai un tipo de cr�tica e se vende moito significa unha cousa.Se co mesmo tipo de cr�tica se vende pouco,significa outra.A verdade � que � un "term�metro" do que pensa a xente.Calquer acci�n sobre a propia revista ser�a,visto as�,"matar � mensaxeiro"

Marcos Valcárcel López dijo...

Haberá que empezar a falar en clave por parte dos humoristas: xa saben o que facía Bagaría nos anos 20 cando se quería referir á monarquía, usar un loro como símbolo. Se volvemos ás metáforas e ás imaxes, como nos inicios da transición, ó mellor gañamos en linguaxe visual o que perdemos en dereitos democráticos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Moitas grazas, Félix Soria, pola súa participación e as súas opinións, neste caso gorentosas co meu artigo. (Do BNG falarei cando estea máis informado e teña máis ganas).

Anónimo dijo...

Tocante ao caso "El Jueves" reiterarei o dito en fío anterior, doutra maneira: a medida promovida pola xudicatura ten complicado encaixe en termos democráticos; ben discutibles son os argumentos esgrimidos en orde institucional; e en bufonadas, prefiro as daquel "Glorioso", de Charles o Temerario, que aparece na novela "Quintin Durward": bufón e intelixente, diría eu. O mellor do caso en termos de humor é, para min, a xustificación do debuxante, un tal Guillermo nonseiqué: os da portada eran Tom Cruise e Katie Holmes; ao mellor, se empezásemos por esa vía...

Tocante ao outro asunto: desculparán que lle diga ao ocasional participante que aquí temos costume de propor mudanza de conversa (ou subcorrente secundaria) cando lle acomoda a calquera; a proposta ten éxito ou non dependendo do seguimento. A min a do AP-C paréceme certamente interesante, co permiso do displicente disentidor, e ía entrar nela; con todo, igual é mellor outro lugar, non sei cal.

Anónimo dijo...

En efecto, aquí, e lonxe de calquera rixidez, adoitase facer como di González: alguén pode propoñer un novo tema ao acubillo doutro tema (e que ninguén teña a mala idea de que foi metido aposta o de Beiras nunha entrada que fala de bufóns, que conste), e este pode ser aceptado como tema de conversa ou non, dependendo da apetencia de cada quen.

Con este "procedemento" enriquécese moito o blog, dando lugar a algunhas entradas que paga a pena ler polas súas notorias aportacións.

E como o amigo González foi receptivo á miña proposta, quixera dicir algunha cousa ao respecto.

O que máis me chama a atención é que semella que todo este novo "tinglado" no BNG fundaméntase tanto en sospeitas e suposicións como en datos firmes e constatables. Todo nunha mestura indiferenciada que, máis que clarificar, o que aporta é máis confusión.

E que, sendo promovida esta corrente por persoas que están nas máis altas dirixencias do BNG, non deixa de constituír un paradoxo: "denunciar" algo do que se participa directamente.

En fin, que a cousa parece de abondo confusa e contraditoria.

Velaí información tirada de Vieiros:

NOVA CORRENTE DE OPINIÓN NO BLOQUE

Beiras promove o Encontro Irmandiño para mudar un BNG con problemas de "funcionamento" e "ideolóxicos"

"O BNG non pode supeditar a súa liña política á acción de goberno na Xunta nin debe converter a súa estrutura organizativa e por extensión a súa militancia, en simples espectadores, pasivos e inertes, da acción de goberno, por máis correcta que esta poida ser".

Así o recolle o documento fundacional do grupo O Encontro Irmandiño, creado a pasada semana e presentado formalmente este luns en Compostela, con Xosé Manuel Beiras como cabeza visíbel á fronte. Os seus obxectivos son "fomentar o debate interno" e o "pluralismo" dentro do BNG e facilitar unha "rexeneración democrática" da formación política.

"Non nos constituímos como corrente para un asalto ao poder, nin para ir en contra", precisou o propio Xosé Manuel Beiras ao respecto do colectivo, "procuramos facer as críticas dede dentro e cremos que a nosa proposta é a mellor maneira de recuperar o BNG", explicou quen fora durante longos anos voceiro nacional da formación.

Beiras opinou ao respecto que "o espírito do BNG" estaría "deteriorado" e que a dirección da formación nacionalistas tería renunciado nos últimos tempos a aplicar "o seu corpo ideolóxico" e referiuse a que "alén das críticas ao funcionamento hai tamén un problema ideolóxico". De xeito especial, os promotores do Encontro Irmandiño referíronse á revisión da dinámica asemblearia que reecntemente se propuxo desde a executiva. Os Irmandiños critican que a dirección do Bloque "practicou unha política de esvaciamento participativo e plural da organización" e láianse do que cualifican de "discurso triunfalista para o consumo dos medios de comunicación" e do "institucionalismo esaxerado", factores que segundo explican estarían motivando que o BNG "estea deixando de ser unha referencia política para importantes sectores sociais".

O Encontro Irmandiño presentarálle formalmente as súas iniciativas á militancia do BNG durante a próxima Asemblea Nacional da formación, e deixa abertas as portas para deica aquela tender pontes con outros movementos similares, caso da recentemente presentada A Alternativa. Con todo, de xeito explícito, Beiras viu difícil que esa interlocución se vaia abrir neste momento coa actual executiva e co voceiro nacional e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, toda vez que os responsabilizan dos problemas fronte aos que se crea o colectivo dos Irmandiños. "Non hai unha posición prefixada", recoñeceu Beiras ao respecto desa cita asemblearia, recoñecendo que podería chegarse a acordos para a elaboración de listas "sempre e cando teñan fundamento en coincidencias sobre a base do documento onde se expoñen as nosas liñas básicas".

Anónimo dijo...

Achégolle, AP-C, paráfrase persoal -e ben breve- sobre a situación.

O Bloque está en mudanza, e esta é lida dentro de forma diferente. A dirección actual (denominada, a falta doutra cousa mellor, "quintanismo") quere que sexa unha crise de crecemento, en número de efectivos, recepción social e influencia política; algún sector experimenta renitencia a medrar -ou horror vacui- e a perder capacidade de control político interno; algún outro experimenta renitencia a medrar -ou horror vacui- e a perder distinción cultural e ideolóxica (isto non é ironía); algún outro quere medrar pero non encontra sitio.

Non me parece cá organización experimente convulsión grave, como non entendamos así as dores polo estarricamento dos ósos; nin considero contraproducentes ou inútiles -para nada- estes movementos e constitución de tendencias internas. O relevante é que a medra se produza, e iso acontecerá a non ser que se decida, ou consiga, quedar para sempre coma o Oskar d' "O tambor de folla de lata".

Iso si, non sobraba que alguén fose concretando máis camiño e destino, e onde o camiño vello encontrou o novo. Supoño que é cousa de tempo e cocedura.

Anónimo dijo...

Cometín, sen querer, unha horrible falta de ortografía na mensaxe anterior: no penúltimo parágrafo, primeira liña, leáse "Non me parece QUE A organización...", co corrixido en maiúscula.

Anónimo dijo...

Pónseme un sorriso longamente escéptico ante esta iniciativa de Beiras. Habería moito que dicir, pero mellor calar e deixar facer, se é que son capaces de facer algo.
Respecto do secuestro do "EL Jueves", habería que ser coherentes, e recoñecer dunha vez o que a coronoa é. Cando Zapatero anunciu a reforma da constitución para que poidesen reinar mulleres, habería que pedirlle que fose a fondo no afán democratico, e que se reformase a constitución para derogar unha institución non democrática, herdeditaria, de privilexio de sangue.
Señor APC, lin noutro post , que colgou vostede un escrito sobre o libro "El misterioso caso alemán", que ao parecer pasou desapercibido, non podería colgalo de novo?
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Pois se hai moito que dicir, gustariame que dixese algo verbo da iniciativa de Beiras, amigo Jimmy, sobre todo para pulsar opinións. Estou, no esencial, de acordo co que apunta González, aínda que eu son moito máis suspicaz sobre as intencións das correntes: interprétoas máis como loita polo poder interno que como outra cousa.

Noutra orde de cousas, gústenos ou non, hoxe por hoxe non é posible reformar a Constitución nun sentido republicano, e Zapatero, loxicamente, nunca insinuou nada nesa liña. Daquela, non ten moito sentido esperar ningunha reforma que derogue a monarquía, para o que faría falta unha maioría moi cualificada que non hai nin ten trazas de haber nos vindeiros anos: habería que contar coa anuencia do PP.

E en relación ao libro "El misterioso caso alemán", prezado Jimmy, non colguei ningún escrito digno dese nome, tan só unha breve e primeira impresión motivada pola lectura das primeiras noventa páxinas. Non sei onde se atopa esa impresión impresionista (por aí andará nos arquivos) e, desde logo, considero que non paga a pena perder tempo en procurala. En todo caso, se vostede ten a ben facer algún comentario sobre o particular, eu estaría encando de lelo, xaora.

Anónimo dijo...

En relación coa institución monárquica, vin onte a película "The Queen" e é peza ben gorentosa. A linguaxe como marca, a interpretación (que papel o da Helen Mirren), posta en escena, recreación daquela semana; o avatar da monarquía ante un potente embate sociolóxico... Se non a viron, recoméndoa vivamente.

Anónimo dijo...

A min, sinceramente, hoxe por hoxe non me preocupa gran cousa o asunto monarquía vs. república. Coido que -repito: hoxe por hoxe- a "ruda adversidade urxente" está noutro lugar.

Anónimo dijo...

Eu creo que a postura doggy é o que máis impactou ao amigo Conde-Pumpido (sic): non creo que un misioneiro clásico alterara os miolos demasiado exhibicionistas do fiscal do estado.

Anónimo dijo...

E sobre o debate benegueiro, eu creo modestamente que quentar as orellas á figuras retiradas por mor dun pasado glorioso non está nada ben. Pásalle mesmo a Perico Delgado que aínda cre que corre o Tour por persoa interposta.
Por certo, etapón hoxe, con Vinokourov espléndido, uns ataques de Contador un pouco tolos pero entretidos e, por suposto, para non saírmonos do debate político, unhas paisaxes e unha ordeación do territorio que quitaban a respiración.

Anónimo dijo...

Está ben esa expresión de X.M.Glz.de "a linguaxe como marca".Un escritor inglés (non lembro cal) dixo: "Un inglés non pode falar con outro sen odialo ou sen desprecialo".I é que alá as "clases sociales" defínense polo acento e polas expresiós na fala máis que por calquera outra cousa.Os políticos téñeno difícil pra chegar a diferentes públicos nas súas alocuciós por esa causa.Churchill era un xenio pra iso,xa o saben...

Anónimo dijo...

Neste caso, da Coba, o received da raíña e familia dá xenio escoitalo; é tamén (case) de antoloxía a indicación que lle fan a Blair, escaleiras arriba do pazo cando vai formalizar a toma de posesión, sobre a correcta maneira de prounciar "ma'am" (madame), con e breve e non longo. No caso contrario, o ás veces case cockney dun asesor laborista, especialmente cáustico, marca o contrapunto; xunto coa, digamos, "reverencia" que a Cherrie Blair lle dedica á Súa Maxestade Imperial, por certo.

Arume, tanto gusto de "velo". O do Bloque, nin debate lle é de momento, penso. E o de Francia, xa sabemos o que pasa e ata extremos irritantes; dunha vez, nos Alpes, tiña eu necesidade de calzar a caravana e nnon daba cunha pedra... Non lle digo máis.

Anónimo dijo...

"...sobre a correcta maneira de prounciar "ma'am" (madame), con A breve e non longo", claro.

Anónimo dijo...

Por certo, que probablemente nese caso a diferenza en timbre sexa máis de abertura ca de cantidade; se hai algún especialista en fonética inglesa, recibiría unha lección de boa gana.

Anónimo dijo...

X.M.Glz. Ven vostede de lembrarme un amigo cókney,deses que se lhe quedan ó nacer pegados ós oídos os sons das campanas de non me lembro que igrexa..vóulhe mandar un correio...

Anónimo dijo...

Agora que andan co dos cockneys recoméndolles a biografía extraordinaria de Michael Caine: unha boa parte do libro ten que ver coa súa proverbial habilidade para os acentos, el, que procedía do Bankside londinense, a carón de The Globe e demáis lugares canallas ao outro lado do Támesis.
O do porto de hoxe, que ao parecer subían por primeira vez (fora asfaltado o ano pasado), foi espectacular: que paisaxe! E iso que hai que aguantar as parvadas patrióticas dos comentaristas.

Anónimo dijo...

Rectificación de El Jueves, a revista que sae o luns:
http://www.eljueves.es/revista/revista.aspx?numero=1574