"O fillo abandonado", de Marina Mayoral La Voz de Galicia, Sabado 08 de septiembre de 2007
Vanity Fair publica unha longa reportaxe sobre o cuarto fillo de Arthur Miller, que padecía o síndrome de Down. Ese fillo foi recluído nun orfanato e borrado da vida do escritor, que nin falou nunca del, nin o visitou, nin o tivo en conta para nada, excepto no testamento redactado pouco antes de morrer, onde o equiparou aos outros tres fillos.
Os detalles da reportaxe son arrepiantes: a imposición de Miller contra a vontade da súa muller, a fotógrafa Inge Morath, que quería quedarse co neno; as deficiencias da institución na que foi internado; os prexuízos que isto ocasionou para o seu desenvolvemento intelectual; a negativa de Miller a que participase en ningún acto familiar, incluído o funeral da nai... Unha persoa que traballou no orfanato di: «Non era un sitio onde un quixese que vivise o seu can». E a propia Inge Morath, que visitaba regularmente ao fillo, dixo que era «como unha pintura do Bosco».
¿Como puideron facer algo así? ¿Como un home que foi considerado «o moralista da América do século XX» ( The Denver Post ), que se negou a dar nomes ao comité anticomunista, que defendeu nas súas obras o compromiso moral cos desfavorecidos, puido abandonar ao seu fillo por ser discapacitado mental?
¿E como Inge Morath, que tiña unha sensibilidade especial para captar a dor e reflectila, que sempre tivo unha ollada compasiva nas súas fotos, puido consentir en privar ao seu fillo do agarimo dun fogar? A resposta é sinxela: non eran deuses, só seres humanos capaces de grandes accións e de feitos miserables. Como todo o mundo.
6 comentarios:
Por algunha razón oscura,non consideraba ó seu propio fillo un "ser humán"...
Xa saben que en diferentes culturas ó longo da Historia consideráronse non-humán ós tarados de nacimento,e aos nenos moi pequenos (morrían tantos...).Na nosa sociedade actual, consideramos non-humáns ós fetos (aínda que sexan os nosos propios ¿fillos?).Eterno debate...
O título do post debería ser "O fillo abandonado " POR Marina Mayoral, e non "O fillo abandonado" DE Marina Mayoral. Obviamente crea confusión.
Non ten arranxo, POR tamén crea confusión.
Veño de repasar as preposiciós,que é unha das poucas cousas que sei de memoria,e penso que podería ser "...SEGÚN Marina..." XD
En galego sería "segundo", amigo XDC, pero tampouco queda moi bonita esa expresión. En calquera caso, ó ir separado por unha coma creo que non hai posibilidade de confusión. Para evitala, púxenlle tamén comiñas ó título do artigo e consta logo o xornal onde saiu. Supoño que todo o mundo sabe que a autora de Mondoñedo non ten ningún fillo abandonado.
Ok.Maxino que non podería ser ASEGÚN...XDDD
Publicar un comentario