15 sept. 2007

A Porta do Bispo Izquierdo

Entre hortas e portas (10).
Urbs e rus. Por Xosé Manuel González
Aos de Lugo pouco, á forza de velo xa nin caso facemos. Pero ao foráneo, observador atento da Muralla, igual hai un sitio que lle chama particularmente a atención: alí onde coinciden o único mirador restante e un recanto estilo Vauban. É a Mosqueira, espazo cuxo nome, e a persistencia de locais que serven ante todo polbo, denotan que posiblemente un recinto feiral non andou lonxe; denotarían, máis ben, se a lembranza dos maiores de corenta non convertese en prescindible a dedución.

En fronte do Reduto e a Porta do Bispo Izquierdo vense arestora, respectivamente, a Estación de Autobuses e un xardín cuxas árbores non esconden ben as dependencias da Policía Municipal. A traza desa construción permite crer que antes foi cárcere, e de feito aínda moitos lle chamamos “do Cárcere” (ou “da Cárcel”) a Porta e xardín; igual ca hai catro décadas, cando o arboredo lucía o nome dun senlleiro aviador franquista, García Morato. Cando non había terminal de transporte humano, senón explanada que coutaba un muro: o Campo da Feira. Lugar cheo de vida que fornecería aos reclusos ora distracción ora saudade no tránsito diario ou pesa do gando; no periódico bulir do mercado e o trato; na ocasión única, anual, da gran convocatoria pública para as xentes luguesas: San Froilán.

“Y digo que no tiene Galicia, por el dorado otoño, fiesta más feliz que el ‘Domingo das Mozas’ en Lugo, y digo rosas cuando digo mozas”; este era Cunqueiro no 1958, e abofé que non toda a cidade estaba conforme. En outubro é San Froilán, o día cinco, e chamámoslle das Mozas ao domingo seguinte: de costume, polo Patrón viñan os patróns á feira, domingo as rapazas -e rapaces, xa que logo- pois a atención á facenda non era dispensable. Ambos días, e mais outros, rebordaban en xente campesiña, con lecer e pouco afeitos ao catálogo da urbanidade. Algún de aquí en vez de rosas vía pailáns, seica prevendo apertón e pisadura receaba a mestura co paisano. Con pintoresquismo, antigo aldeán había que o sábado advertía: “mañana no se puede andar por la calle”.

Pero andabamos, madia leva se non andabamos. Á mañá tiraban os foguetes, viñan gaiteiros cos xigantes e cabezudos e botábase un da cama sabendo que o levarían aos churros, escoitar a banda, que á mediodía tocaría ir polo polbo onda o caseto da Manola, pola tarde á carreira de motos arredor da Muralla e sobre todo, ante todo, ás atraccións chamadas aquí barracas. E logo, habiamos pasar sen xogar na tómbola, tirar no tiro, subir nos caballitos, nos coches eléctricos, naquilo chamado montaña rusa? Sen o Barriga Verde mentres veu? Habían deixar os maiores o Muro da Morte e mailo “Teatro Argentino”, do que nós oïamos pero non nos contaban? Pola casa tiñamos parentes, coñecidos, devolvíanse os convites recibidos durante o verán das mil festas; na aldea, xaora, dixesen o que dixesen. Porque da aldea, no fondo, eramos todos, e case todos riamos co Pelúdez de paraugas colgado no lombo, chamándolle ao polbo “cienfalópodo”, cargando coa Filomena e o seu castrapo a miúdo inverosímil.

As atraccións do San Froilán, daquela humildes e auténticas barracas, estiveron primeiro tras do concello, despois en Santo Domingo. Pasaron máis tarde ao Campo da Feira, cando a dos bichos se foi indo e aumentaban as instalacións de diversión. Da feira feira pasou a haber Feira-Exposición, os labregos seguiron vindo e a nosa festa quedou como refuxio urbano, arrecendo ao que algún día foran as grandes do país. Paralelo a este noso manter e o alleo cambio ou decadencia, a sona multiplicouse derivando en aluvión. E velaí: un posto de cestos e varas, como lembranza do antigo mercadeo; Pelúdez e familia, os pailáns, con monumento e todo; as barracas, aínda no centro da cidade; casetas que son restaurantes portátiles, baixos como instalación improvisada, caldeiros cocendo polbo en Lugo enteiro declaran o triúnfo definitivo da tradición nun negocio moitas veces millonario. Libros publicados, concertos masivos, o aire da novidade... e algunha voz, aínda e sempre, demandando que leven lonxe tal batifondo.

Eu, que teño gozado profundamente o San Froilán, comido quilos de polbo e de churros, xogado á tómbola, tirado ao tiro; que fun cabezudo, bailei -para desgraza súa- con Rosa e María, Chus e Belén, montei en coches, cabaliños, norias e montaña rusa... asumo agora a obriga de transmitilo, levar os fillos ao santiño, á ofrenda a Rosalía, seguir a cadea. Sen parar de vivir, xaora, nin de medrar coa festa. Grande, galega, humana e fráxil, se esquecemos o que somos.

19 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

Excelente texto, como é habitual no seu autor, e ben fermosas as fotos do San Froilán antigo (madia leva se non andabamos).

jimy de rairo dijo...

Eu con estes testos quedo algo pampo, sabedor de que teño algo pendendente, para min as cidades mais entrañabeis son Ourense e Pontevedra, pero teño que engadir xa Lugo, que apenas coñezo, que verdadeiramente non coñezo, ou que coñezo xa mediado por estes escelentes textos con afeites de nostalxia. Estiven este ano unha tarde por alí e ten un sabor, inconfundibel, unha reminiscencia de conto, de tempo non definitivamente ido, teño algo pendente...

Xaime dijo...

Poderiase contar doutra forma, pero o texto e indiscutiblemente bó. Noraboa, amigo.
Xaime da Pena que nón Dapena

arume dos piñeiros dijo...

Non sei se deriva do texto admirable de González a idea de que a festa de san Froilán mantense durante todo o mes de outubro na modalidade de barracas para o polbo. Os lugueses (vexo ben que o amigo evita o latinismo lucenses) acostuman celebrar a súa pertencia ás distintas tribus e agrupacións sociais (traballo, familia, estudos, amistades) en ceas ou xantares colectivos. O mes enteiro de outubro sirve para que as humildes pero eficacísimas barracas acollan a toda a cidade en festín e paparota permanente. Para gloria desa cidade admiradísima. Mágoa que fique tan lonxe de Vigo, pero faremos un pequeno esforzo para irmos tomar o polbo este mes. A ver se convenzo ás miñas tribus particulares.
Nota: vexo que tamén que aforrou os detalles sicalípticos dos que antigamente (non sei se agora tamén se estila) baixaban cara o carmen en procura de frotamento cariñoso.

Xoan da Coba dijo...

Eu si que non o perdo,o San Froilán.Un día en Lugo (sábado ou domingo) coa correspondente noite (salvo imposibilidade hosteleira).Tamén teño que recoñecer que vexo esa cidade con outros ollos,tralos escritos de X.M.Glz.

Xoan da Coba dijo...

Eu coñecín a festa de S.Froilán polo pai da miña primeira moza(¡cantos anos!)que era de alá.Pra que vos fagades unha idea do cabaleiro,decirvos que na súa casa rezábase antes de comer.
Estábamos sentados á mesa nun restaurán da parte vella de Lugo,con todo o rebumbio da festa na rúa.Comenza o meu "sogro" a pregar un "noso pai" en voz alta (i eu tamén,qué remedio).Nas mesas do lado esciotan,estupefactos.Pasa unha banda de música pola rúa i él eleva o volume pra que oiamos tódolos da mesa e,de paso,toda a sala do restorán.A xente mira,con todo tipo de caras:algús,sorrindo,outros,cabreados,outros,respetuosos.Eu,coa cabeza gacha,"terra,trágame..."
Dende aquela primeira vez,non faltéi cáseque nunca.

Xosé M. González dijo...

O Arume substancia ben o asunto do polbo nun aspecto bastante recente (unha década ou así) que eu non tratara. Digamos, con todo, que aquí (como el seguro que ben sabía) ás do comer o polbo chamámoslles "casetas" e "barracas" ás atraccións.

Non sei como estes escritos estarán sentando en Lugo, que alguén os lerá; son tan particulares que o coro de disentidores pode ser mesmo grande en porcentaxe. Aí e todo, que traian suxestión e proveito para os Valcárcel, de Rairo ou da Coba trae amable e convidante aire.

Xosé M. González dijo...

E fágolles relato complementario. Na colección das fotos vellas, a vixésimo sétima amosa á Manola evocada máis arriba. Era (é, supoño) dunha sonada caste de pulpeiros que, décadas despois da foto, asentaron na Rampla de Claudio López (a douscentos metros escasos de onda min) co chamado "Mesón do Roberto"; pechou ha de haber dous ou tres anos, a raíz de non atoparen xente para traballar polo San Froilán, cando o traballo se multiplica.

Ata aquel mesmo ano, o día cinco ou algún outro eu ía sen falta procurar o cienfalópodo para o condumio. A Manola estaba alí, bastante máis maior pero en exercicio, e algunha xente cedíame a vez esperando para que llo cortase ela. Un pouco máis atrás, outro da saga, máis ou menos do mesmo tempo, realizaba idéntico mester. Algún dos novos poñíalle diante o prato de madeira, nunha man a tesoira e noutra os rabos; picaba o home sen dúbida nin dano, unha ración tras da outra.

Non era pouco o mérito sendo cego. Un espectáculo, para sumar á vista, os aromas e a lembranza.

Para os que veñan, que a ver se son máis dos declarados: non sendo os días cinco e sete (que sempre ten un xente), estou aquí para o que dispoñan; incluso eses días, un momentiño posiblemente se poida facer. Igual se anima o Xaime, a quen noutra entrega chamei Dapena como lembranza escolar contextualizada.

Xoan da Coba dijo...

Curiosa esa cisma que teñen moitos en que lles venda o polbo un ou unha pulpeira concreta.Por estas terras de Ourense é moi afamada "a Morocha".Coñécena polo menos dunha foto a cores na Enciclopedia Galega.
Outra cousa que me chama a atención é,na época da precisión dos pesos e outras medidas,que o polbo se siga vendendo por unhas unidades esotéricas chamadas "racións",con valor fluctuante de alta "variación típica" atendendo a inexcrutábels parámetros...

Xoan da Coba dijo...

Incríbels imaxes dun polbo.Impresionante cando escapa polo tubo...
Maxino que non lles quitará as ganas de comelo polo San Froilán
polbo listo

Xosé M. González dijo...

Comunícolles que a presenta entrega ponlle o ramo ao "Treito das Dez Portas". Non teño moi claro como seguirá isto, pero o propósito é seguir algunhas semanas máis con vdes., se nalgún momento non o levana mal.

Xoan da Coba dijo...

Qué lembranzas me trouxo a súa expresión "ponlle o ramo",XM Glz.
Cando na aldea rematábamos de amedoucar e o amedoucador pedía un "ramo" era unha diversión despóis do duro traballo: ¡Ise é grande! ¡íse é pequeno! ¡póno mirando pra eiquí,póno mirando pra alá! ¡non séi onde aprendíche! ¡ja ja ja!.Algún facía un "meco" de palla i espetáballe un "pitorro".¡póno mexando pra alá!
E todos bebendo cervexas..

marcos valcarcel dijo...

Amigo XOAN DA COBA, debería vostede escribir e publicar (nesta mesma casa, se quixese) as súas memorias de infancia: reconstruír ese mundo de aldeas, mallas colectivas e vivencias labregas... De seguro que complementarían con éxito retratos xa realizados por autores como Manuel García Barros e outros.

Xoan da Coba dijo...

Pois é unha idea a ter en conta,aínda que eu son dos "últimos de Filipinas",que viviron aquel mundo só hasta a adolescenza,pero suficiente pra saber facer i entender todos aqueles traballos e lembrar psicoloxía individual e colectiva do rural ourensán de entón...
Os meus irmáns pequenos xa foron 100% urbanos...

Xosé M. González dijo...

Veña, Da Coba, pásolle o testemuño de seccións autónomas.

Xoan da Coba dijo...

Señor,non son digno...

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

AMigo González:
Hai dez portas, pero un paseo por riba da muralla podería ser bó colofón a esta primeira serie: a porta que porta ao ceo que vostede mencionaba ao comezo.
Eu agradézollo de antemán: e se é para san froilán sería mesmo un detalle simbólico inesquecible, que alcalde e presidente da deputación saberán valorar como paso previo á publicación en formato de luxo e con ilustracións de primeira categoría dos seus emotivos e admirables retratos.

Xoan da Coba dijo...

Sr.XM Glz.Semella que os seus escritos léense hasta na China,e interesaron ás autoridades dalá nese irmamento entre murallas chinesa-luguesa.¡Quén verá os seus textos,pasados á delicada caligrafía ideográfica,colgando da muralla chinesa en grandes caracteres con motivo de calquer acontecemento cultural naquel país!¡Os seus escritos poderánse ver dende a lúa!

Xosé M. González dijo...

Non me diga iso, que me nubro. Polo demais, a novidade chinesa é certamente curiosa; veremos o que dá de si o resto do programa festivo.