Unha amiga escríbeme preguntando que pasa no Ribeiro? Que sucede co proxectado Parque Medioambiental de Carballeda de Avia? O certo é que non souben responderlle: non teño nin a información suficiente nin opinión creada ó respecto. Por iso propúxenlle promover o debate dende aquí, dende o blog, e reproducir a súa carta, co seu permiso, para que poidan intervir todas as persoas mellor informadas ou relacionadas con esta temática. Esa mesma amiga dirixiuse ademais ás organizacións ecoloxistas ADEGA e Verdegaia e tamén reproduzo en "Comentarios" as súas cartas como forma de estimular este necesario debate. Velaí a súa carta:
Ola Marcos: escríboche para que cando teñas un pedaciño de tempo me informes sobre a polémica do parque medioambietal que ten proxectada a Xunta no Ribeiro. Hai moitas cousas que me sorprenden, como a postura contraditoria de Verdegaia, a marxinación nas conversas coa consellería de Ridimoas, e sobre todo o noxento silencio informativo ao que está sometida esta mobilización. Isto de non estar en Ourense pasa factura e entereime este verán por Ánxeles Cuña do que estaba pasando no Ribeiro, e cando vin que ao día seguinte da manifestación a prensa silenciou todo- agás unha pequena tira de Cristina Huete en "El País"- supuxen que algo serio se estaba cocendo e que os intereses deben ser moi fortes. Gustaríame saber cal é a túa opinión para entender o que está pasando. Unha aperta: Maruxa
17 comentarios:
VERDEGAIA
Ola ,
Veño de ler o teu comentario na web de Verdegaia e quixera puntualizar algunhas cousas.
Durante os últimos días véñense sucedendo unha serie de noticias na prensa, sobre o posicionamento dos grupos ecoloxistas ao respecto da manifestación que o pasado día 15 de setembro tivo lugar en Ribadavia en contra da ubicación do Parque Ambiental de Carballeda de Avia.
En Verdegaia sempre fomos moi críticos con este proxecto, pero non pola cuestión do territorio onde se ubica, senón polo que supón na cuestión da xestión de residuos de Galicia, pola falla de información sobre o proxecto e outras cuestións que foron reflectidas no documento que os grupos ecoloxistas e o Foro Social "temos dereito a saber" elaboraron no seu día.
Verdegaia ten puntos en común co Foro social Temos Dereito a Saber, pero discrepamos co contido do manifesto da convocatoria tanto en puntos nos que non estabamos de acordo como en ausencias importantes sobre as que non se incidía.
Propuxéronse as modificacións pertinentes que foron rexeitadas e tamén propuxemos facer lectura de dous manifestos, un dos grupos ecoloxistas e o do Foro, opción rexeitada tamén. Esta foi a razón pola que NON se apoiou esta manifestación.
Sorprendentemente lin esta mañá na prensa que se lle permitiu a Coto de Frade ler un manifesto alternativo, máis as explicacións disto haberallas que pedir aos responsábeis da organización, pero cando menos paréceme algo estraño.
A prensa está a publicar información que non é certa e por esta razón pensamos que é importante aclarar todo esto.
Envio adxunto o documento que elaboramos e asinamos varios grupos ecoloxistas sobre o noso posicionamento ao respecto do chamado ou non chamado Parque Ambiental de Carballeda.
Un saúdo, e se tes algunha dúbida, por favor, estou á túa disposición.
Xan Duro
ADEGA
Estimada Maruxa Guitián:
Ao longo do día de hoxe publicaremos na nosa páxina web e máis enviaremos aos medios de comunicación a postura de ADEGA sobre o manifesto que nos deron a firmar os membros da plataforma Temos Dereito a Saber e porqué algúns puntos dese manifesto son inasumibles para nós e máis para outros 4 grupos ecoloxistas galegos. É necesario poñer clara a situación creada (non por nós) senón por algunha persoa que pretende intoxicar á opinión pública con cousas que non son certas e polo tanto ADEGA remítese á política de resíduos que defende dende hai 20 anos cando menos con creiterios que necesariamente teñen que valer tanto para Carballeda de Avia como para calquera outra comarca do país.
Sen máis, poderás ver nas próximas horas a nosa opinión sobre o tema...
Unha aperta:
Martiño-Fiz López Lindoso
Coordinador Organizativo de ADEGA
Non sei de que vai este asunto. Tampouco entendo moi ben o contido desas cartas.
O Ribeiro é unha comarca ben fermosa. Por favor, que alguén informe máis deste tema.
Por unha banda ti xa sabes e por outra que queres que che diga
O Ribeiro é moi bonito,pero da paisaxe non se vive.A xente de eiquí precisamos de traballo.
Aproveitando que anda por eiquí xente do mundo da ecoloxía,gostaríame leer algunha valoración xeral ou particular da xestión de Pachi Vázquez,se poidera ser e có beneplácito do dono da casa.
Súmome á petición de XDC: a min tamén me interesaría saber qué pensan os ecoloxistas da xestión de Pachi Vázquez. Creo que hai aspectos positivos e técnicos competentes (Benito Reza, p.ex.). En conxunto, que pensades?
Onte estiven falando con colleiteiros daquela zoa do Ribeiro,e teñen medo de que a contaminazón da planta afecte ós viñedos.Pro non sei hasta qué punto ese temor é fundado i en qué mesura.
nalgún outro foro xa escribín isto:
o de Carballeda, coido, é moi simple: toda a merda de Vigo, Pontevedra e Ourense vai ir para aí. Isto é totalmente un disparate sensentido xa sexa en Carballeda ou onde sexa. A auténtica desfachatez de chamarlle parque medio-ambiental é inconcebible e a "politicallada" toda que está metida, onde uns e outros queren complexizar, manipular etc é propio, claro está, de partidos e sinvergonzas varios, da noxo auténtico. Non se poden crear "áreas metropolitanas", cidades salvaxes, desenrolismo bestial e coa chantaxe falaz dos postos de traballo ir levar a merda toda a un lugar (que cada vez son máis)... hai que parar todo isto porque tén o mesmo sentido que todas as empresas contaminantes que están no "terceiro mundo" porque alí non se cheiran nin ven...
témonos que comer a merda que xeneramos nas cidades que é onde as creamos, iso polo menos!!
Ou sexa, parafraseando, a merda para quen a traballa. Niso ten toda a razón.
Vaia,Arume.Hoxe levantóuse vostede inspirado.Xógolle algo a que esa frase súa figura nas próximas pancartas de protesta do colectivo ribeirán.
POSICIONAMENTO ECOLOXISTA SOBRE O PROXECTO DE POLÍGONO ADICADO Á XESTIÓN DE RESIDUOS EN CARBALLEDA DE AVIA.
12 de setembro de 2007
Perante a iniciativa de instalación en Carballeda de Avia dunha infraestrutura de tratamento de Residuos denominada “Parque Medioambiental”, os grupos ecoloxistas abaixo asinantes REXEITAMOS este proxecto por:
-Falta de planificación previa sobre o tratamento de Residuos Urbanos e Industriais a nivel galego (nova Lei Galega de Residuos e Planos Galegos de Residuos Sólidos Urbanos e de Residuos Industriais).
-Pésima política informativa da administración con continuas declaracións e propostas distintas e mesmo contradictorias.
-Pola súa proximidade aos núcleos de poboación sitos a menos de 2000 metros, pola súa posíbel afectación aos recursos hídricos e pola falta dun estudo previo para outros posíbeis emprazamentos.
-Porque a día de hoxe seguimos sen saber a natureza, procedencia e volume dos residuos e as técnicas que se van usar para o seu tratamento.
-Rexeitamos nese emprazamento a posibilidade de levar residuos tóxicos e perigosos como disolventes, aceites industriais ou ácidos e bases.
Porén, APOIARIAMOS plantas de tratamento para a xestión de residuos, sempre e cando cumprisen os seguintes criterios:
-Estivesen enmarcadas nun modelo de xestión no que prime a Redución.
-Estivesen baseadas en sistemas de tratamento que exclúan a incineración (incluído plasma ou pirólise).
-Que se escollan os emprazamentos máis axeitados para garantir a saúde ambiental e cidadá en función do residuo a tratar, e non ao revés.
Finalmente, os grupos abaixo asinantes manifestan o desexo de que a xestión dos residuos deixe de ser empregada como ferramenta partidista e que pase a ser considerado un dos piares básicos dunha sociedade galega sustentábel.
ASINAN: ADEGA, Amigos da Terra, Coto do Frade, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia
Ou sexa, como a OTAN, de entrada, non.
Xa que se fala de ecoloxía,sr Marcos,¿Coñece algo do problema que hai na Valenzá cunha antena de telefonía-móbil? O BNG convoca unha asamblea veciñal o luns as 20.30 na casa da cultura da Valenzá.
Xa que falamos da vendima...
Os viticultores vellos chámanlle "uva",en singular,ó que en castelán é o racimo.E chámanlle "vago" o que en castelán e "uva".En italiano (corríxame Arume dos piñeiros se erro) tamén lle chaman "uva" en singular ó racimo enteiro.En latín non séi.Se alguén pode aclarar estes termos e/ou outros relazoados,agradézoo.¡Estamos no tempo das uvas!
Grappolo é un racimo, mais non sei se hai esa variante que vostede cita. Mirareino.
Canto á xestión da Consellaría de Medio Ambiente, houbo e hai motivos para a louvanza; pero tamén situacións que non parecen tal. Desde Lugo cito, por unha banda o da piscifactoría do Álvarez Cascos en Rinlo; e, nomeadamente, isto.
Publicar un comentario