13 sept 2007

Sobre o bipartito (Miguel Anxo Fernán Vello, Galicia Hoxe, 13 set.)

Coincido con Manolo Rivas cando di que nun goberno bipartito está ben que cadaquén teña a súa propia lenda, "mais o relato, na práctica de goberno –matiza o noso amigo escritor–, ten que ser común". Sendo como son dous partidos os que comparten a acción de goberno, o lóxico e o natural, e o intelixente, é que exista, por riba das diferenzas –mesmo diferenzas enriquecedoras– unha harmonía visíbel e constatábel, expresémolo así, tanto na forma como no fondo. A forma é un elemento identificador, un estilo, unha práctica real, un poderoso elemento de comunicación; e o fondo é a base programática acordada, pactada, a confluencia de "mínimos". Existe un estudo moi interesante, altamente recomendábel, da autoría do profesor Jordi Matas, que trata dos "problemas metodolóxicos na análise dos gobernos de coalición", e neste traballo dise, entre outras cousas, que os partidos que forman unha coalición deben perseguir en todo momento a consolidación dun goberno estábel, xa que a estabilidade gobernamental "é como a chuvia para o campesiño: fundamental para obter os froitos arelados". Non cabe dúbida, neste sentido, seguíndomos as reflexións do autor citado, de que a estabilidade gobernamental xera por si mesma estabilidade política e, neste mesmo plano, tamén se pode afirmar que os gobernos teoricamente máis estábeis serían os bipartitos, porque deben esixirse a si mesmos en todo momento estabilidade política e "calidade gobernamental". Fíxense vostedes, calidade gobernamental. Ou sexa, calidade do conxunto, calidade xeral da acción de goberno, percibida polos cidadáns e aprobada polos cidadáns. ¿Percibe a cidadanía galega a calidade gobernamental que ofrece hoxe o goberno bipartito da Xunta? O conxunto, debemos recoñecelo, non é harmónico, existen disonancias que desconcertan, "ruídos" que interfiren negativamente. Un goberno bipartito debe ofrecerse á sociedade na súa auténtica dimensión real, si, mais procurando a eficacia e a calidade inmediata nos resultados. Harmonía entre dous, calidade de todos.

14 comentarios:

Anónimo dijo...

Hoxe mesmo estiven a comentar cun colega catalán, moi nacionalista, próximo ao independentismo, as feblezas do multipartidismo. O primeiro tripartito catalán foi para el o colmo da desconexión e da ineficacia. Probablemente el resida dentro do CiU máis nacionalista e prefira a hexemonía converxente ou en todo caso a alianza con ERC, pero desconfía profundamente das coalicións. O máis suxerente da súa visión compete á impresión que lle merece o tripartito Segunda Parte, no que a confección do relato común, moito máis labrado que o anterior maragallián, fai que moitos dos que forman parte do goberno perdan a esencias e desilusionen aos seus acólitos. O meu amigo, moi descontento, non sabe cal é peor.

Anónimo dijo...

Pois os apoiantes de CiU sono dun bipartito bastante notorio. En realidade, ¿que partido grande non é, arestora, un conglomerado ou coalición de diversos?

Anónimo dijo...

Pois, segundo este amigo, o partido de Uniò non acadaría representación de presentarense sós. Pero non teño máis datos ca este.

Anónimo dijo...

O seu amigo, logo, debe ser un "converxente" puro. Eu supoño que, de presentárense sós, os da Unió acadaría pouco en eleccións cataláns, posiblemente nada en eleccións estatais. Pero seguro que CDC acadaba menos en ambas; Pujol, calquera cousa menos parvo.

Anónimo dijo...

CDC conseguiría menos de ir soa ca de ir con UDC: iso era o que quería dicir. Desculpen, veño da sesta.

Anónimo dijo...

O futuro de CIU é máis que claro, clarísimo: haberá unha escisión, cando nas próximas eleccións os resultados sexan malos para a coalición. O que ocorrerá é que Unió se convertirá na marca do PP en Cataluña (coma Unidad Alavesa), e Convergència pactará con ERC.
Hase saber...

Anónimo dijo...

Semella interesante observación esta última, amigo Swann, porque non escoitara tan ofensivas palabras contra os socialistas (cataláns) coma as que lle escoitei a este home supostamente de Converxencia. Nin os do PP lle chegan a tanto. É certa, pois, a rivalidade extrema en Catalunya entre ambas formacións políticas? Vostede que vive aí, se non entendín mal nalgunha ocasión, pode ilustrarnos.

Anónimo dijo...

Home, o pacto Convergència-ERC está aínda moi verde, e máis polo lado de ERC. E isto é así por dúas razóns:
- O goberno de Pujol aínda está moi recente. Foron moitos anos de poder esmagador de CIU, e en ERC aínda se acordan da "aperta do oso" que supuxo o pacto parlamentario entre CIU e ERC (Heribert Barrera) na primeira lexislatura do Parlamento catalán. Despois daquilo ERC case desaparece.
-En moitas vilas de Cataluña, onde tutusquisquis se coñece e CIU manda no concello, os militantes de ERC non queren saber nada de ese tipo de pactos.

Ideoloxicamente, se lles digo a verdade, non hai moitas diferencias entre Convergència e Esquerra. Incluso hai xente en Convergència que se declara publicamente socialdemócrata: velaí o caso de Xavier Trias.

Xaime dijo...

Nesta liña de comentarios, podería aportar un pensamento que o millor non comparte ningúen o cal aínda me estimula máis a achegalo.
Entre nós, e dicir os nados e feitos na politica nos derradeiros anos do franquismo e na transición, identificaban nacionalismo e esquerda.
Dous expoñentes básicos do erro eran PNV e CiU que herdaron o pensamento nacional acadado ca II República nos seus respectivos países, que recibiron a testemuña de Tarradellas e a disolución do Goberno Vasco no exílio o recuperar os vascos as súas institucións soberanas.
¿E en Galicia qué ?, pois magoado o experimento de Coalición Galega, pola irrupción de Fraga e a venda política de Centristas o PP, desapareceu quén disputara as distintas marcas do actual BNG, dende unha posición política de centro dereita a marca nacionalista-galeguista.
Sén dúbida antes díxose que o PP, terá as súas distintas marcas no Estado, sempre e cando se contínue ca actual fisonomía, pero eu penso que se quere retoma-lo poder terá necesariamente que facelo.
Unió, UPN, Unió Valenciana, Partido Andalucista,entre outros e o Partido Galeguista ou TEGA, en Galicia, serán quenes despois da presumible derrota de Rajoi, ou victoria sen goberno aporten dende as nacionalidades con forzas propias as voluntades e votos para sustitutír a un Goberno de PSOE con nacionalistas de esquerda.
Por eso algúns estamos empeñados en disputar a esquerda a marca Galicia, e asumir que non é necesariamente, senón, contradictorio a loita pola soberanía nacional dende unha óptica de esquerdas.
Pero eso é fariña doutro pan do que xa no seu día -ou non- falaremos

Anónimo dijo...

Tén razón,Jimmy.Pero xente como Franqueira vai quedando pouca.Unha vez citóuno Fraga a certa hora no seu despacho.Franqueira chegóu puntual,pero Fraga retrasábase en recibilo.Franqueira díxolle á secretaria:señorita,dígalle ó Sr Fraga que o meu tempo vale polo menos tanto como o dél.Cando queira falar comigo,será no meu despacho,se teño tempo.Bós días.
Os experimentos políticos que pretenderon capitalizar o nacionalismo galego de dereitas foron todos un fracaso por culpa de moitos cuyos nomes coñecen ben,apesebrados do PP.Algúns deles (e os seus nenes)quixeron retomar o tema cando a crisis do PP derivada do cese de Cuíña.Moitos dos que defendían ese discurso en serio,fai anos que están no Bloque.

Anónimo dijo...

EDITORIAL DE TEMPOS NOVOS
O bipartito encara cunha bolsa de promesas incumpridas un segundo tempo político. Aquel no que ha ter que demostrar ata onde está disposto a chegar para atacar de raíz as causas que pexan máis da conta o autogoberno, a consolidación da sociedade civil e a innovación competitiva do país. Tempos Novos, que fixo unha aposta por eses tres indicadores do benestar político e social desde o seu nacemento, elaborou un monográfico valorativo no que descobre canda algúns dos seus máis cualificados colaboradores os claroscuros desta etapa de cambio.

Hai reorientación de tendencias, pero non deron consolidado iniciativas políticas que habían confirmar a dimensión transformadora do cambio. Por medo -a única razón que explica que non se atreveran cunha nova lei de Caixas- ou por pragmatismo partidario, como se veu evidenciando nos desencontros públicos que tanto deterioran a credibilidade e a eficacia do Goberno, socialistas e nacionalistas non souberon poñer en valor a converxencia das súas respectivas culturas políticas, que conxenian compromiso progresista e galeguismo. É o que explica tamén as eivas democráticas (TN, febreiro) nas que sobreviven as pantasmas máis perversas do fraguismo. Moitos retos para o que resta de lexislatura. Estaremos vixiantes.

A dimisión anunciada

Xavier Ferreira, profesor e experto en dereito administrativo, será o novo secretario xeral da Vicepresidencia, en substitución de Antonio Losada, de quen Anxo Quintana acabou prescindindo tenteando o desgaste que lle podería reportar seguir contando con el na segunda parte da lexislatura. A forte e polémica personalidade do coñecido profesor e tertuliano servíralle ao vicepresidente para romper os diques de contención que freaban fóra da casa nacionalista a aceptación e expansión do seu liderado. Despexou desa maneira as dúbidas que sobre el tiñan os poderes fácticos. O que sucedeu é que, preso da súa conflitiva personalidade, Losada menosprezou os límites que enmarcan unha cultura política que ten no servizo e non no autoritarismo o rostro máis acaído do cambio. Creou para o xefe un discurso light, oportunista e populista, desafiou con inusual prepotencia aos outros socios do executivo, e mediatizou sen complexos a acción dos medios de comunicación -a dos públicos, concordando cos socialistas un reparto de poder que acabou volvéndose contra el e contra o bipartito, e a dos privados, garantíndolles o pecunio público a cambio dun bo trato-. Castigando sen publicidade institucional a quen non entrou polo aro (esta revista, por exemplo). Derrapou ata converterse nun perigo para a cohesión interna do BNG e para a estabilidade do bipartito. O seu cese estaba cantado desde moito antes de setembro.

As dúas caras de ZP

A medida que avanza o tempo político, imos descubrindo en Zapatero unha dobre personalidade. Coa bonanza, amosa a súa condición de crente na causa federal e na España plural. Coa borrasca, como a provocada a partes iguais polo PP e polos etarras, vólvese descrido e forza escuras operacións que deixan ese discurso feito un trapo. Antes en Catalunya -fracasando pola resistencia dun PSC catalanista-, e ultimamente en Navarra -gañando a partida por mor dun PSN afásico-, o líder socialista amosou medo antropolóxico, covardía política e desdén democrático.

Unha cousa é formar parte dun proxecto político que ten na socialdemocracia unha cola cohesionadora, e outra ben distinta ter que sacrificalo todo -principios, coherencia, prestixio, confianza- a conta dunha estratexia electoral que, aínda sendo rendible para a nomenclatura do socialismo español, despreza as regras de xogo que a Constitución e os estatutos establecen para referendar a pluralidade e a diversidade territorial, e tamén a autonomía de quen deteñen en cada unha das comunidades políticas a delegación e a lexitimación para garantir a súa materialización.

Co acontecido en Navarra, os dirixentes de Ferraz non só desautorizaron á executiva rexional do PSN, que se ratificara por tres veces a prol dun goberno plural e de progreso. Tamén deslexitimaron ao grupo parlamentario, que se viu forzado a prescindir de NaBai, a coalición vasquista que renega da violencia e de ETA, para entregarlle o poder ao partido/franquicia do PP nesa comunidade. ¿Non dixera ZP que o que decidiran os socialistas navarros ía á misa? Si. E tamén que é sinal de normalidade que os nacionalistas fagan política desde as institucións.

Anónimo dijo...

Coñecía confidencialmente a retirada de publicidade de Losada a "Tempos". Xa que a propia revista desvela o asunto, non creo ser indiscreto se revelo eu tamén que o cabreo de Losada, así como as súas posteriores chamadas, ameazas e resolucións de boicot publicitario, foron orixinadas polas crónicas políticas de Justo Beramendi, respetado e respetable historiador nada sospeitoso de "antinacionalismo". Isto pode dar idea de ata onde pode chegar a paranoia e o afán de ortodoxia nas relacións entre certos políticos e os medios de comunicación. E aclaro que en absoluto me refiro tan só a políticos nacionalistas, por suposto.

Marcos Valcárcel López dijo...

TEMPOS NOVOS. Pois eu non sabía desa retirada de publicidade a Tempos...nin lera ese editorial aínda. Ese dato pon máis de actualidade a anécdota-confidencia que eu contei noutro post (Cen anos...) a propósito de Teima. É visible que hai xentes que manteñen as mesmas actitudes doutrora: ou conmigo ou contra min. E comigo significa obediencia absoluta sen a máis mínima crítica nin liberdade de pensamento.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

No caso actual pode darse algún tipo de deriva cortesana, moi propia duns cadros dirixentes conectados coa universidade, onde as filias e as fobias non coñecen ideoloxía e, por suposto, condicionan o seu funcionamento.