10 oct 2007

cousas do oficio

Unha circular da Xunta concreta un tema que ata agora non sempre se trataba coa seriedade precisa: o das exencións do galego na escola. En comentarios inclúo a comunicación oficial ó respecto que restrinxe situacións ata agora pouco lóxicas: dende agora os alumnos que se integren nun curso inferior a 4º de ESO non poderán ter exención, dado que proseguirán os seus estudos en Galicia e precisarán coñecer o galego como lingua vehicular (antes moitos alumnos chegados de fóra mantiñan esa exención bastantes anos).
Por outra parte, infórmanme que, despois de todo o barullo montado o ano pasado coas programacións de Lingua Española, para este ano modificouse o dito entón e os profesores desta materia (só desta materia) poderán facer, se queren, a súa programación en castelán. Como xa dixen no seu día, paréceme lóxico se se considera como documento pedagóxico ese material e, de paso, evitamos un conflicto ridículo e innecesario (non é aí, creo eu, onde se debe xogar a fondo a favor da normalización do galego no ensino).

5 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

A CIRCULAR CITADA:
Co fin de aclarar algunhas dúbidas xurdidas na resolución de solicitudes de exención da cualificación das probas de lingua galega nos centros escolares, debidas á aplicación do Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, comunícolle o seguinte:

1º.- O alumnado que se incorpora aos centros educativos da Comunidade Autónoma Galega, no curso 2007/2008 e posteriores, só poderá obter a exención da cualificación das probas de lingua galega, se procede de outras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá e se matricula en 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria ou en Bacharelato, tal e como establece o artigo 15 do citado Decreto 124/2007.

2º.- O alumnado que o curso 2006/2007 estaba matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma Galega e continúa cursando estudios durante o curso 2007/2008, só poderá obter a exención da cualificación das probas de lingua galega se está en 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria ou en Bacharelato e non ten esgotadas as exencións durante tres cursos consecutivos, tal e como establecía o artigo 2, apartado 3 do Decreto 79/ 1994, do 8 de abril, sobre exención da materia de lingua galega no ensino básico e medio.

Anónimo dijo...

O curioso do caso é que nas oposicións famosas deste ano, pediron para Lingua española as programacións en "castelán". Ordena pene.

Anónimo dijo...

O meu amigo PPKKMo publicou hai pouco un artigo en A Nosa Terra moi esplícito respecto a ese tema.
Esperemos que se implante a cordura por moito tempo.Bicos.

Anónimo dijo...

Cuirosa tamén é o tratamento para os rapaces de medio non castelán parlante que chegan -rusos, digamos- que non terá exención de galego nunca, pois sería aceptar unha posición subordinada do galego na integración destas xentes en Galicia. ¿Por que terían que ter exención en galego e non en castelán, por exemplo?
Agora ben, tamén fala da necesidade de que os profes de galego preparen materiais e faciliten a súa integración, etc. Se cadra conviña -dentro desas 30 horas que temos nos centros- e sobre todo para cobrar a famosa esmola da titoría, dar algunhas aulas específicas para eles como reforzo a maiores,etc.