11 oct. 2007


en poleiro alleo

BAÑESES, de Bieito Iglesias
(ECG. 11 outubro)

Na miña infancia teleadicta a pantalla era un fanal que nos alumeaba cunha luz exótica. As series ou telefilmes americanos (actores e decorados de USA e dobraxe chicana) transportábannos á xungla de asfalto dos gangsters (Os intocables), ao mapa de Nevada que ardía ao empezar Bonanza ou a ambientes diplomáticos enrarecidos polos espías da Guerra Fría. Agora, co suceso da tele-realidade e das comedias de situación, a grella oriéntase ao autoexotismo: tenta explicarnos qué pasa na comisaría da esquina e convencernos de que son riquiños os médicos de emerxencias. Ata as series dos EEUU se volven próximas, sigan se non Caso aberto, que recupera un tema tradicional galego: as señas ou espectros dos mortos que se aparecen aos vivos no remate de cada capítulo.
Na última entrega de Hospital central chegaron a penetrar na miña intimidade. Parte da historia transcorreu en escenarios aurienses, nas escadas de Santa María Madre e na Burga da Chavasqueira. Neste ámbito presentemente dedicado aos baños budistas (hai un pavillón de madeira de traza xaponesa), moraban nos anos sesenta os xitanos que viñan pasar o verán ao pé do Miño. Os veciños aproveitaban o que bombasticamente se coñece hoxe como termas para escaldar e facilitar o desplume das galiñas. No agosto baixaban os bañeses dos Chaos de Amoeiro, labregos que esperaban aliviar a reuma mollando os membros nas charcas quentes. Estes bañistas non se bañaban, apenas mergullaban as partes doloridas, porque existía daquela a convicción de que a auga desgastaba o corpo e quitaba o arxil. Por se non abondase tal intromisión no meu paraíso perdido, no coiñal miñoto en que brinquei e naqueles canedos que proporcionaban o material para confeccionar asubiotes, en Hospital Central actuou Miriam Blanco, parenta coa que partillo ancestros comúns en Vilamarín. (É esa actriz pencosa que leva pintados nas meixelas varios arquipélagos polinesios). Espero que ao roteirista que escribe a serie non se lle ocorra matala en sucesivos capítulos, porque causa graza ver unha prima onde antes mangoneaba O Santo ou O Virxiniano.

10 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Se Bieito presume de prima televisiva eu non vou ser menos: Paula Echevarría de El comisario. A ver que vai ser isto.

Xoan da Coba dijo...

E graciñas por lembrarme outro dos méus heroes: O Santo.Cantas veces soñéi que era eu o que decía:"Chámome Templar,Simón Templar" (S.T. = saint = santo).

(O James Bond nunca me gustóu)

marcos valcarcel dijo...

Está a saír, sobre todo dende as TVs, unha promoción moi interesante e numerosa de actores alegos mozos, actores e actrices claro. Ourensás: Sara Casasnovas, Ledicia Sola, Miriam Gallego, Cristina Pascual, Iria Sobrado ... (consúltese, se se quere, o catálogo do Consello da C. G.).
Pero a miña preferida é Marta Larralde, viguesa: cando aparece nunha película, o resto da pantalla queda en zona escura.

Anónimo dijo...

Ourensá é boa actriz : Maxo Barjas

apicultor dijo...

Amigo Arume, ten vostede unhas relacións privilexiadas coa artistada española. Primeiro David Bustamante e agora a súa curmá (non lembro quen é, vou ver se lle vexo un retrato en Google).

apicultor dijo...

Agora o comprendo todo: o Bustamante casou coa súa curmá! Daquela, vostede é curmán de Bustamante!

Pois si que é ben xeitosa:

Paula Echevarría


(Como son un cabaleiro, abstéñome de preguntarse se xogou aos "médicos" de pequeno coa súa curmá)

arume dos piñeiros dijo...

Efectivi Wonder. Nas festas de fin de ano, os nosos duetos han ser para grabar. Dareilles noticias puntuais.

apicultor dijo...

Estou seguro que vostede ha desafinar bastante menos que o Busta.

En todo caso, sería antolóxico un dueto dos dous cantando, poño por caso, "The Sounds of Silence".

apicultor dijo...

(Supoño que a pillou)

apicultor dijo...

... a ironía implícita no título. Dígoo porque por aquí hai moito mal pensado.