21 oct 2007


as trece rosas
La Región, 22 outubro
(Imaxe: Julia Conesa, unha das trece rosas, de 19 anos, coa súa irmá)

A represión. Fun ver con certo escepticismo a película “As trece rosas”, de Emilio Martínez Lázaro. Deste director só coñecía realizacións no xénero da comedia, que non me entusiasman, e ademais lera xa algunha crítica nada positiva da súa estrea en Madrid. Pero tal crítica (C.Boyero), creo que é inxusta: dá moitas reviravoltas que pouco teñen que ver co cine e conclúe despois que a película non lle emociona. Pero iso sempre é subxectivo: ó meu carón unha muller secaba as súas bágoas e esa foi a reacción de moitos espectadores/as. A película ten a dignidade necesaria e un modelo de narración correcto. Digamos que un produto fílmico na liña de “As bicicletas son para o verán” (Fernán Gómez) ou “A lingua das bolboretas” (J.L. Cuerda). Se a película de Cuerda reivindicaba con acerto o papel renovador e transformador do maxisterio republicano, a de Martínez Lázaro céntrase na represión de trece mozas das Xuventudes Socialistas Unificadas (varias delas tamén militantes comunistas, aínda que isto non se cita na película), agás unha, de crenzas católicas, envolta no sarillo da represión por axudar a escapar a un militante do PCE.
É unha película que conta unha historia abraiante (pero só unha máis das moitas que houbo naqueles horrorosos anos) e que o fai dende os sentimentos: beleza e tenrura, fraxilidade e solidariedade, a ledicia de vivir enterrada polo fascismo. A carga ideolóxica ten unha importancia menor e o director resérvase un final conciliador, que quizais queira suavizar o ton nada radical da historia. Hai momentos excelentes. Dous deles: o plano xeral que enfoca o cemiterio dende enriba, cando chegan as mozas no camión ó pelotón de fusilamento, e a escena do xuízo, cun avogado militar que se limita a pedir “benevolencia” (así era a realidade) sen a máis mínima acollida por parte do tribunal sumarísimo. Un pensa tamén noutros cemiterios: no de Ourense, onde ese estoupar de disparos na madrugada foi escoitado durante moitos meses por moitos ourensáns que vivían nos arredores.
Lei da Memoria. É inevitable saír do cine preguntándose cousas? Ante tal apoteose de crueldade e inxustiza, a quen lle pode molestar que un réxime democrático queira borrar os sinais máis infames que conmemoran aquel réxime criminal? Quen se pode sentir orgulloso de que os nomes da guerra sigan no rueiro: Coronel Ceano, General Aranda, Capitán Eloy, na nosa mesma cidade? Non merecen unha compensación, mesmo económica, as vítimas daquel horror? Non deben ser abolidos para sempre calquera tipo de homenaxes a un sistema totalitario que ben se simboliza na megalomanía do Valle dos Caídos? Estase a reclamar só un proceso de limpeza democrática da simboloxía fascista como se fixo en Alemaña ou en Italia, entre outros lugares? Recoñecer as vítimas e condenar o totalitarismo: pode iso cualificarse como “un desexo de abrir feridas e dividir España”?
Oxalá moitos mozos e mozas vexan esta película e opinen logo libremente. Tampouco lle viría mal vela a Mayor Oreja que se nega a condenar o franquismo, “vivido con naturalidad y normalidad”.

11 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei se Mayor Oreja dira que para esas trece mulleres o franquismo foi unha etapa de suma placidez.

Anónimo dijo...

dirá (non dira, claro)

Marcos Valcárcel López dijo...

Tamén falo diso, ó remate do artigo (como é doado de supoñer).

Anónimo dijo...

Alguén veu xa esta película? Podería dar a súa opinión?

Marcos Valcárcel López dijo...

Colgo xa o meu artigo de mañá, amigo Apicultor, coa miña modesta opinión crítica: eu nesta ocasión non me fiaría do recén chegado crítico de El País (antes en El Mundo). E síntoo porque unha crítica no País pode fundir unha película...

Anónimo dijo...

A película de As bicicletas non é de Fernán Gómez, senón de Jaime Chávarri. A obra teatral da que parte si que é do máis grande dos cómicos. É só unha pequenísima precisión, porque todo o mundo lle atribúe a película a don Fernando. Pero por xustiza a un director que foi capaz de facer EL desencanto convén comentalo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ten razón, amigo Arume. Sabía ese datop, pero despisteime confundindo o orixinal da obra teatral e o seu paso ó cine. A Chávarri, grandísimo director por tantas cousas, o que é de Chávarri...

Anónimo dijo...

Na miña aldea,chamáronlle á porta ás cinco da mañá:

-Ten vostede que vir con nós.
-Deixádeme por o pantalón.
-Non che vai facer falta.

Anónimo dijo...

Hai varios videos en youtube prá esa entrada

AS TRECE ROSAS

Im-Pulso dijo...

A película, na miña opinión, está ao servizo dos feitos. Neste senso o director ten mérito pois prescindiu dalgúns "recursos" cinematográficos. E da historia das mulleres asasinadas prefiro non falar porque tería que falar dos criminais que foron amnistiados no 78. A película paga a pena porque, ademáis de cinematográficamemte correcta, é oportuna para que a vexan as familias das que falan os mayores orejas.

Anónimo dijo...

A revista "Evasión" deste més trae un artigo das "trece rosas",anunciado xa na portada.O título do artigo: "Las trece rosas no llegaron a abuelas".A revista só vale un euro (!).