1 oct 2007


"O humor galego pérdese, precisamos recuperar a retranca"
Entrevista a Xaquín Marín en VIEIROS
V.: Cales son, dos seus personaxes, aos que máis cariño lles ten?
X.M.: Sempre penso que é o último que acabo de facer... Pero imaxino que Gaspariño, foi o primeiro e durou bastantes anos, editáronse dous libros e tivo bastante éxito. Mesmo hai dous sinais de tráfico en Malpica dos de "precaución: escola", coa imaxe de Gaspariño.
V.: Gústanlle máis os personaxes arquetípicos cás caricaturas... lembra un pouco a Castelao. Cales eran as súas referencias cando comezou a debuxar?
X.M.: De Castelao, a verdade, pouco sabía cando comecei. Pero gustábanme moitos debuxantes... Boixcar, de Hazañas Bélicas, Mingote, que daquela publicaba na Codorniz, Topor... E de hoxe en día, gústame El Roto.
V.: Falando da actualidade... Como é o humorismo gráfico na prensa de hoxe?
X.M.: Pois cada vez ten menor tamaño e importancia o debuxo, unha mala estratexia, porque o que máis le a xente son as viñetas e as necrolóxicas, é o que se recorta e se pon nas paredes dos bares. Por outra parte, só debuxan na prensa uns poucos, e é inevitábel. Levan moito tempo neses postos e non entra xente nova, pero hai xente como Quesada, que leva toda a vida, e segue a ser moi gracioso.
V.: E se pensamos no humor en Galiza?
X.M.: O cómic está na súa idade de ouro, pero o humor non tanto. A banda deseñada conta historias moi tristes, eu fun xurado dalgún premio e hai historias que dan gana de chorar. Pero e que no propio Estado non hai nada, non sendo El Jueves, que non ten nada que ver connosco. Iso si, temos dúas revistas, BD e Barsowia, do colectivo Polaqia, e chegamos a tirar nada menos que 100.000 exemplares de Golfiño.
V.: Pero o que é humor propiamente...
X.M.: Publicacións puramente humorísticas, ningunha. Estase perdendo moito a retranca. Houbo algún intento, como Xatentendo, que non sei por que a pecharon, Sapoconcho, que editabamos dende o Museo, pero pechou por non haber cartos e quen a fixera...

9 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Curiosa esa reivindicación de Boixcar, debuxante de HAZAÑAS BÉLICAS, da que estabamos a falar aquí.

Marcos Valcárcel López dijo...

Conste tamén que estou en case todo de acordo co que di X.Marín. Non o estaría coa súa consideración "graciosa" dos chistes de Fernando Quesada: creo que xa non é o que era, á marxe do seu ton moi conservador. Os debuxos máis graciosos de F.Q. hoxe case sempre son os que falan das mulleres ou do matrimonio cos tópicos habituais moi propios do sentir popular...

Anónimo dijo...

Totalmente dacordo con Valcárcel sobre Quesada e en desacordo coa lamentación de Xaquín Marín. Nótoo doido, pero non hai espazo para a desesperanza: todo o contrario. Ou o xornalista interpretou mal (ou ben para xornal ao dar bombo á entrevista) as verbas de Marín ou non podo crer que diga o da retranca.

Anónimo dijo...

¿Que opinión lles merece THOM,da Voz?.Ademáis de que lles gostaría en galego,por suposto

Anónimo dijo...

Eu lin hai pouco os cen pes e rin moito. A vida mesma: todos esmagadiños pero en democracia.
Eu do thom non teño opinión, pero gustariame saber a vosa sobre o tema de que lle pidan ós periodistas as fotos que fixeron cando se queimaron retratos do Rei. Imos de cu. Os periodistas facendo o traballo para a policía a petición dos xuices.

Anónimo dijo...

Eu non son xurista,pero dame a impresión de que esa petición vulnera o esprito (non digo a letra) do dereito que asiste á prensa a non revelar fontes de feitos que se demostran certos.

Anónimo dijo...

O problema é que o que fixo as fotos, creo, non é xornalista. E que xa as entregou hoxe á tarde por requerimento xudicial.
Hai casos en que os propios xornalistas entregan as fotos á xustiza. En todo caso, parece como no caso de EL Jueves un absurdo legalismo, xa que esas fotos xa publicadas poden ser empregadas en ulteriores demandas. Probablemente o único que piden é ver se coinciden coas publicadas, que non hai manipulación ou algo polo estilo. Falo por non estar calado, pero neste tipo de noticias convén informarse con todo detalle: nada parece (e a ninguén ademáis lle interesa profundizar por lóxicos e naturais plantexamentos políticos) o que parece.
E é obvio que tanto os xornalistas como os curas gardan secreto de fontes ou confesión. É cláusula escrita.

Anónimo dijo...

E pra moitos outros profesionáis,existe a figura do "secreto profesional",pero non sei hasta qué punto ten valor xurídico.
Por outra parte, é normal que os xornalistas colaboren coa xustiza,coma calquer cidadán benintecionado.O dereito a non revelar fontes resérvase,non é "inalienable".

Anónimo dijo...

O dibuxo representa un pé esquerdo.¿Logo a represión provén dun goberno de esquerdas?¿Foi un lapsus do debuxante?