26 oct. 2007


Psicopatoloxía do retorno
Andoliña venres 26 outubro. Foto de Manuel Ferrol. (Este post vai dedicado a Torre de Babel)

Cando marcharon cara á terras descoñecidas encontráronse cun choque cultural inevitable. Cando volven, os nosos emigrantes, sofren un choque cultural inverso: a terra idealizada nos recordos non é o paraíso prometido. Encontran defectos aquí que antes nin sequera percibían. Disto fálase en Psicopatoloxía do retorno (Galaxia) : eis o título do volume asinado polos novos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, presentado o mércores no Liceo ourensán cun rico debate no que tamén participaron Víctor Freixanes e os psiquiatras e amigos Santiago Lamas e David Simón.
O retorno é silandeiro. Cambio de valores. Frustración. Somatización. Depresión e alcoholismo nalgúns casos. Os autores do estudo, que mereceu o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2006, recorren a metáforas literarias para explicar estes fenómenos: narrativa odiseica dos homes, viúvas de vivos das mulleres, etc.
Ela di: "Esperei todo este tempo a que volveses e agora non te recoñezo". E logo el: "Traballei arreo toda a vida para que vivísedes ben, e agora chego á casa e nin mirades para min". Tamén a Galicia de hoxe despreza o saber acumulado polo tempo co esforzo de tanta xente.

16 comentarios:

torredebabel dijo...

o malo é que ese non é un asunto que estea rematando. O malo é que os galegos e galegas tamén emigran hoxe. Pode ser que a súa fenda emocional sexa distinta, que o messenger o skipe e as maneiras de estar ao lonxe fagan o asunto menos duro. Pero penso que a emigración sempre é iso: unha ferida, unha maneira de deixar de ser dun sitio e tamén dos outros. Un non ser...

Xoan da Coba dijo...

Desgrazadamente,moitos sabemos o que é eso,sen ler ningún libro.Que o leremos igual,pra consolarnos de que non somos os únicos.Xa se sabe que mal de moitos...
Queñes non criamos lonxe dos páis seremos sempre "orfos psicolóxicos".Quen non sepa o que é,mellor pra él.

apicultor dijo...

As preguntas que cabería facerse son:

Iso que se detecta en menos de cen retornados (que son os casos que se estudan), é común a todos os que volven ou só a unha parte?

Todos sofren esa síndrome ou unicamente algúns?

Non os hai que se integran perfectamente e sen grandes problemas?

Cantos son uns e cantos son os outros?

Non estaremos tomando a parte polo todo?

Son dúbidas que eu teño.

marcos valcarcel dijo...

Moi interesantes as súas preguntas, sr. Apicultor. Oxalá se acheguen por aquí os autores (ou algún dos seus amigos) e se dignen a respondelas ou a iniciar un debate: sería moi pertinente.

arume dos piñeiros dijo...

E supoño que a cousa irá por barrios, como a propia torredebabel indica. E dicir que esa emigración, de proporcións insoportables, dos anos 60 ou de finais de século XIX e comezos do XX, non é a que pode haber agora. E tamén que a primeira xeración non ha ser a segunda ou a terceira. É tan vasto o fenómeno que poñerlle algunhas portiñas pode axudar, pero, como marca Apicultor, queda moito campo para traballar. En todo caso, noraboa polo premio e polo traballo.

Xoan da Coba dijo...

Os emigrantes dos setenta arregláronlle a vida ós seus páis (¡Cantos empeños levantóu a emigración,canto régimen especial agrario se pagóu cós cartos dos fillos emigrantes!) e ós seus fillos.Estes últimos fomos bén alimentados e pudemos estudar,mesmo na Universidade.O triste é que nunca pudemos nin poderemos velos como verdadeiros páis,ó non criarnos con eles de nenos.Non temos confianza con eles pra contarlle os nosos problemas.Sabendo que podemos contar con eles prá calquera cousa,preferimos nembargantes valernos sós por nós mesmos,coma se non os tivéramos,pasando moitas veces na vida problemas propios dos orfos.I eles sofren o doble,despois de traballar durante anos,día e noite,lavando retretes,que é o que facían os emigrantes,sen gastar durante anos un peso nin nunha áuga mineral.
A nosa "negra sombra".E prefiro non seguir.

Xoan da Coba dijo...

Eu tamén fixen algún "puche",nalgunhas vacaciós.(Putzen:alemán,limpiar).
Voulles contar algo,e que non sáia de eiquí:

Un adolescente galego,algo "pueblerino",axuda ós seus páis emigrantes na limpeza das oficinas dunha gran empresa,posiblemente "Telefunken".En vez de limpar,quédase abraiado mirando certos cadros dos pasillos:retratos con fórmulas extranas.Deténse diante dun que lle chama a atención especialmente .Pasan uns alemás e ven ó rapá,sucio e cunha fregona na man,mirando pró cadro embobado.Rínse, e dicenlle algo así como "Tí limpa,que eso é moito pra tí..."

Gostaríame vervos agora,cabrós.Íbavos falar eu das "Ecuaciós de Maxwell".

marcel swann dijo...

Da Coba:
eu estudiei nun colexio dirixido por relixiosos, aínda que a meirande parte do profesorado era laico. Era un colexio ao que podían accedr os fillos de pais currantes. Eu era un alumno "externo", pero habíaos internos. Os pais (pai e nai) destes rapaces estaban en Alemania, ou en Suiza, ou en Inglaterra, na emigación. Tamén os había que tiñan o pai embarcado. Outros estaban alí simplemente porque nas súas localidades non tiñan unha escola a man, e os pais podíanse permitir deixalos internos. Case todos tiñan o galego como primeira lingua.
Eran rapaces especiais. Notabas que lles faltaba o cariño. Falábanche moitas veces dos pais, onde estaban, onde ían pasar eles o verán, etc. Polo que nos contaban, no comedor había guerra diaria entre as monitoras e os rapaces malos comedores. Partíache a alma cando che contaban o que comían, e como os trataban. Iso si, apoiábanse uns a outros. En xeral eran moi bos chavales.

Por desgraza, case todos eran malos estudantes. Como moitos deles tiñan cartos, eran moi dados a malgastalos de calquera xeito.

Anos máis tarde coincidín, cando estaba a facer o servizo social sustitutorio, cun rapaz da parte de (...), que estivera nun internado en Ourense, penso que nos Maristas. Os seus pai traballaran unha chea de anos na emigración e volveran para Galicia. O rapaz casara cunha chavala que tamén estivera interna, pero noutro colexio. Moi mal estudante. Levaba sete ou oito anos na universidade e aínda non rematara a carreira. Non traballaba, así que recibiía unha axuda dos pais, que tamén lle compraran un piso e un coche. Os dous vivían "del cuento". El dicía que cando acabara empezaría outra carreira...

jimy de rairo dijo...

Fendas na identidade, extrañamento, cemento que cambiou a fisonomía das nosas cidades e desertizou o rural. O fenómeno en Galicia cambiou o pais, abriu rúas, ergueu un cíclope no centro de Ourense e multiplicou un deixe andaluz no repertorio musical dos nosos retornados. Desleigamento, ruptura familiar, psicoses, inadaptación, psiquiátricos, Piñor, o Doctor Cabaleiro Goás, desvelaba as primerias patoloxias específicas da emigración. Durante tantos anos, nada mais, ou practicamente nada mais, até este ensaio que abre un tempo que opera agora neste presente e no que hai manchas, quebras e inadaptacións que xa é hora de nomear.

agc dijo...

Tómolle a palabra a Marcos para responder a apicultor: as narrativas que lles ofrecemos no texto son relatos eivados. Hai que ter en conta que o noso observatorio confróntanos con esa parte da sociedade que non tivo éxito, que non se integrou perfectamente, senon que tivo problemas de axuste e que con eses problemas (ás veces graves)como pano de fondo acabou pedindo unha axuda profesional. En canto as síndromes, o choque cultural e o choque cultural inversos son fenómenos universais descritos na literatura, pero que non son unha enfermidade nen nada que se lle pareza senon algo adaptativo, eis "normal".
A nosa pretensión non era explicar "a verdade" sobre o retorno migratorio, senon algo moito máis modesto como era axudar ós nosos pacientes a construir "narracións curativas", historias que axudasen a pechar feridas e a enxergar novos carreiros. Pode que estas narrativas non sexan totalmente certas (cales o son?) ou pode que non o sexan para todo o mundo, pero si son de axuda para algunha xente e danlle pulo a un debate sobre o retorno que parece estaba soterrado nos damos por satisfeitos.
En canto o número de casos recollidos, é certo que traballamos no minifundio. Ésta é unha mostra da nosa horta, froito dun traballo cotián, artesanal que consistiu en axudar a estas persoas a construir unha narrativa autobiográfica alternativa e verosímil a aquela autolimitante coa que chegaban á consulta ou ben entender e propoñer solucións para temas que claramente desbordan o eido médico ou mesmo psicolóxico para insertarse na antropoloxía do país (os problemas das partillas, as patoloxías "folk", ou o complexo tema das pensións e da utilización dos síntomas psiquiátricos para obteren beneficios económicos). A nosa horta é "ecolóxica" nos da moito traballo pero non nos saen dúas froitas iguais, e ademáis nótase no sabor..
Espero terlle respostado.
Agradecerlles a todos vostedes o seu interés e felicitar de paso a Marcos polo blog.

apicultor dijo...

Agradezo moi sinceramente a deferencia da contestación, e aproveito a ocasión para felicitar aos autores dun libro que, por ser rara avis, deber ser xa celebrado e alentado, pois abre portas á comprensión dun fenómeno poliédrico como o da emigración e a vivencia do retorno na actualidade.

Non tiven aínda ocasión de ler o libro con toda a atención que merece, polo o que eu poida dicir cómpre tomalo coa debida cautela, e pido excusas polo atrevemento e polos erros e imprecisións máis que probables.

O que eu dixen -telegráfico e incompleto- a modo de interrogantes baseábase a partir das reseñas e entrevistas de prensa, que nunca fan xustiza á densidade dunha obra como a presente. E non ían tanto dirixidas aos autores, e menos aínda a cuestionar un meritorio traballo, senón a por de relevo que o “público” (chamémonos así por comodidade) quizais tiremos del unhas conclusións que extrapolamos con demasiada alegría para o conxunto dos retornados: unha visión unilateral e tremendista da emigración como “traxedia vital”. Visión que está instalada na concepción común (e “vulgar”) que adoitamos ter do fenómeno e que, a teor da clarificadora contestación dun dos autores aquí dada, para nada lle corresponde a estes. O único que quizais se lles poida criticar amablemente sexa o título do libro: na miña modesta opinión talvez estaría mellor "Psicopatoloxía de retornados" que "Psicopatoloxía do retorno", polas razóns esgrimidas.

Que o libro non ofreza unha visión holística do retorno en Galicia non é demérito ningún. Antes ao contrario, que o que pretenda, modesta pero tamén honestamente, sexa unha análise psicosocial de casos que comparten o fracaso e a inadaptación como características centrais, é o que lle dá o seu valor intelectual. E que a partir de tal indagación se ofrezan vieiros de adaptación aos pacientes tratados e estudados (axudándoos a [re]construír unhas “narrativas curativas”), acrecenta máis se cabe o seu valor.

Coido non engarnarme se me atrevo a afirmar –aínda sen tela lido- que esta obra, baseada nunha metodoloxía cualitativa, ten o suficiente calado como para sinalar un antes e un despois na avaliación e no tratamento das “disfuncións” (quizais este termo que uso agora non sexa o máis acaído) que presentan estes “vencidos da vida” que retornan, e que, á postre, é abondo representativa deste segmento de emigrantes. Que os autores fagan públicos estes problemas, convertíndoos en materia de reflexión e debate social, e que ademais abran portas á esperanza, non é a menor das súas virtudes.

Pero tampouco esquezamos que, afortunadamente, tamén houbo e hai casos de éxito na adaptación á nova realidade derivada do retorno a Galicia. Estudalos tamén é importante para construirmos unha visión aquilatada e equilibrada do fenómeno. Animo aos autores a abordar tamén esta outra cara máis amable da moeda. Seguramente poucos coma eles estean tan capacitados para emprender dita tarefa.

(Desculpas polo enrevesado da redacción, pero a estas horas, xa se comprende)

arume dos piñeiros dijo...

Porque supoño está escrito, pero o comentario de Apicultor ben merece categoría de prólogo ao libro citado. E, desde logo, a explicación de AGC é suficientemente elocuente do interesante que pode ser o libro. O que me fai pensar no difícil que resulta para un escritor (ou escritores, como neste caso) ter como intermediadores co público lector unha lexión de xornalistas prexuizosos (e preguizosos, ao tempo) sobre materia tan fundamental.

Xoan da Coba dijo...

Señor Marcel Swann:
Tamén eu coñezo algúns casos deses.Homes xa feitos que seguen recibindo cartos dos seus páis aínda hoxe emigrados.En teoría,pra invertilos ben.Na práctica,pra dilapidalos,construindo despóis enormes mentiras pra reclamar máis cartos.
Tamén hai e houbo emigrantes cunha "doble vida".Homes coa muller eiquí e unha "amante fixa" alá,incluso con fillos de ambas,"vidas paralelas".O tema da aínda prá moito...

lorbaga dijo...

A imaxe do neno galego ante os alemáns prepotentes fíxome revivir unha historia que teño enquistada nos miolos desde hai corenta anos:
Unha nena galega chega toda espelida a unha escola francesa, feliz porque está descubrindo un mundo onde todo lle parece marabilloso. Moi aplicada, saca do seu cabás de madeira unha pizarra e un pizarriño. A mestra achégase ver, risca unha pedra contra a outra e ante o resultado vai buscar outros colegas que veñen comprobar como se escribe con tecnoloxía punta. Todos queren probar aquel invento dos Picapedra e rin crueis, ignorando a humillación da nena. Aínda hoxe lle doe.

Xoan da Coba dijo...

Arume d.p.:
Non séi vostede pero eu guíome moi pouco pola crítica profesional á hora de mercar libros.Por mín,como se dicen misa.(Xa cando era adolescente tiña fama entre as funcionarias da Biblioteca polo imprevisible que era á hora de escoller libros).
Non hai como percorrer as estanterías dunha librería e deixar que o olfato me guíe: O título,o autor,a editorial,e,dende logo,folear un pouco antes decicirse pola compra.Os que veñen có plastico,xa me dan que desconfiar...

marcel swann dijo...

Manda truco, lorbaga. Que historia!
En cantas non se deberon ver aqueles galeguiños que viaxaban en tren para a Suiza. Entenderse con uns e con outros. Cambiar varias veces de tren. Chegar, por fin, ao destino final e non ter ninguén agardando...