SUSTO. Pan por Pan martes 30 outubro.
(Imaxe de David Bailey: un retrato de Jane Birkin dos anos 60)
Onte pola tarde leveime un pequeno susto. Un contertulio habitual do meu blog preguntaba pola conferencia que tiña que dar onte mesmo. Por un momento pensei: estou apañado, algún compromiso esquecido. Fun ver a axenda deste xornal e alí estaba: tratábase dun erro, non imputable ó xornal, porque se anunciaba a conferencia sobre Vázquez Núñez que xa dera o día 19 (non o 29). Isto lembroume que algunha vez tiven un soño con esta situación: tiña eu que falar nunhas xornadas pero nin sequera sabía sobre qué tema e o soño convertíase en pesadelo. Pero tampouco sería grave: un escritor galego falou unha vez en Auria durante media hora ata que se deu conta de que o tema polo que fora convidado non era ese, senón outro similar. E non pasou nada, porque aquel escritor, tamén amigo, fala tan ben que todos os presentes quedamos igualmente moi contentos de escoitalo.
P.S.: a ver se adiviñan quen era o escritor do que falo ó remate. Foi na cidade auriense, na Facultade de Humanidades (edificio de Ferro), hai varios anos, nun acto organizado por Xosé R. Gutiérrez Izquierdo, profesor de galego na mesma.
49 comentarios:
Je t'aime moi non plus a estas horas, amigo Valcárcel: que pretende? Incendiar o blog?
O problema co erro da data da conferencia foi culpa dos que non nos fixamos moi ben, xa que no tríptico do Liceo de Ourense a conferencia viña con data de "Venres, 29 de outubro" :D
Un saúdo
Nunha visita ao Museu de Castrelos hai tempo o guía da mesma comentou un cadro decindo: "Chámase tríptico, pero non sei que quere dicir". Pensabamos que estaba de coña ata que descubrimos que de verdade non o sabía cando nos deu moi sentidas gracias pola información. No Museu de Castrelos, Vigo.
E el sería de Verín?
O guía de Castrelos?
Ah! o conferenciante! mmmm...
Pode ser...
pinchar eiquí
Máis pistas: non, non era de Verín nin sequera ourensán. Pero si un autor de culto. Xa non digamos nos institutos: e xa está todo dito.
Jane Birkin en todo o seu "esplendore"
(é a morenocha)
As señoras que vexan o blogue tamén se poden "extasiare" ante a fina estampa de David Hemmings.
Animo aos contertulios a que elaboremos unha tipoloxía de conferenciantes.
Velaí vai un tipo:
a) O que improvisa todo fiado da súa inexistente xenialidade. Á final, desparrame total, fío condutor perdido, sensación de estafa no auditorio.
... Segan vostedes.
2. O que emprega esa formuliña irritante "véñovos falar un pouco" (coa variante "un pouquiño"), tras varios ejem, boeno, de colegueo impresentable. Ese non leva nada, nin se desparrama, nin se perde porque nunca se deu atopado. Non hai moitas veces sensación de estafa porque o público xa o coñece, é bo rapaz, xa se sabe, en fin, é dos nosos, é boa xente. Se non ten, polo menos traballa. Pero non se nota.
3. O que leva todo escrito e que le cun ton de voz tan monótono e mortecino que fai que, aos cinco minutos, o auditorio se poña a pensar na morte da becerra. E isto é independente do interese que poda ter o que di.
3. Ven coa servilleta do catering (Hepburn) da compañía aérea (antes: agora pídella a Medas, esa franquicia portuguesa que serve bocatas de cinco euros nos aeroportos), cun esquema tan sinxelo coma a súa elocuencia. Emprega cinco minutos para contar como foi convidado o ben que o tratan o bonito que é ... e empeza a dubidar para que é a conferencia. Aos 30 minutos mira para a servilleta e para o reloxo; nótase a incomodidade, "aínda me queda media hora", e fai un pequeno resumo do que leva feito pero descubre que non leva feito nada e polo tanto repite o feito, ou sexa nada. Cando faltan dez minutos, sorbe o vaso, mira para o presentador e pregunta se está a ser moi pesado. O presentador ten ganas de decirlle que si, pero pon cara de pasalo de puta madre e pídelle que pode seguir, pero el decide que xa vale e corta, ex abrupto. Por suposto, ninguén pregunta porque nada quedou claro nin escuro: nada quedou. E non crean que é exemplar único: abundan e se reproducen de forma contumaz: veñen de galas por provincias. De galas do defunto.
NO RONSEL DA PROPOSTA de catalogación de Apicultor.
4. Un cuarto tipo podería ser o que chega amosando a súa confusión porque non sabe moi ben de qué vai falar. E para saír do paso, le, enteiro, un capítulo do libro que acaba de editar (ademais, no ton monótono do tipo 3). Tal fixo un egrexio escritor español, para min un dos mellores columnistas, no seu día no Liceo: J.J. Millás.
4. O que mira para o auditorio, acena coas mans e fala regodeándose nas frases, nos adxectivos, nos verbos, ..., repentindo de varias formas posibles dúas ou tres ideas simples, pero sen dicir realmente nada interesante. Iso si, cunha dicción envexable, que algúns adoitan chaman "oratoria" (sic.).
7. O tipo sete é o convidado a galas por provincias, que cobra unha pasta gansa (gansísima) dalgunha caixa, pola súa sona recoñecida. Por ex., para falar dos viños de España sen citar sequera o Ribeiro nin ningún viño galego... falando en Ourense. Tal así, C.J. Cela hai uns aniños.
8. O que realmente apenas di nada, pero é tan simpático, conta as cousas con tanta gracia e salero, párase en anécdotas ilustrativas, que o auditorio sae máis que contento do evento.
9. Unha modalidade relativamente moderna é a do conferenciante tecnolóxico. Ten un powerpoint último modelo, cun programa último modelo, cun ordenata portátil último modelo, cun usb última xeración. Precisa un proxector último modelo do lugar onde vai dar a conferencia e, por suposto, unha televisión xa non último modelo senón das vellas porque el trae a película da que vai falar nun video que grabou unha cuñada súa na Dous de TVE ás cinco da mañá no ano 1986. Por suposto, todo se vai ao carallo á primeira de cambio porque non funciona o cable, porque non se sabe onde está o alargador (con perdón), o conserxe marcha ás sete da tarde e, cómo non, a batería do portátil estálle fallando últimamente. Frustrado saca uns papeis amarelos da mesma conferencia sen powerpoint de hai dez anos e comeza a largar cunha cara de desesperación que non alivia a predisposición compasiva da audiencia. Pasa esto por levar todo nas últimas.
Cela, no Ateneo de Ourense, cheo hasta a bandeira,despachou lendo un capítulo Do Miño o Bidasoa:(4 HASTA EL MIÑO, AL PIE DEL MONTE ALEGRE -Traballo me costou sacarlle a firma nesa páxina o final do acto).
10. O conferenciante político (I). Concibe a súa conferencia como unha misión de pedagoxía revolucionaria: aleccionar as masas e "desvelar" a realidade oculta das cousas, facendo fincapé na maldade intrínseca das multinacionais, do imperialismo americano e da globalización. As súas formulacións non deixan resquicio para a esperanza dun cambio posible agás que se produza unha revolución (das masas, do pobo, da nación, do proletariado, dos desheredados ou, ultimamente, da "multitude"). Á final, queda plenamente satisfeito da faena, cobra o cheque e vaise, despois dunha opípara cea nun restaurante à la page e de pernoctar nun hotel de cinco estrelas, todo a costa dos organizadores do evento, por suposto, quen quedan encantados de poder falar con tal luminaria luminoscente.
11. O conferenciante político (II). Concibe a súa intervención como unha mostra das súas destrezas, facendo gala do uso dunha xerga incomprensible e técnica. Fala desde a superioridade dos seus superiores coñecementos, cun ton displicente para os que critican o seu enfoque. Tamén cobra o cheque, cea nun restaurante à la page, ... etcétera, etcétera, ectéra.
E logo, foi á conferencia de Petras?
- o que sempre conta os mesmos chistes e anécdotas, requetecoñecidos pola parroquia, cos que salpimenta o rollo de turno. Modelo: "que enrollao son".
- o que sempre le a mesma conferencia, pero con distintos títulos e ante auditorios diferentes, desde antes da morte de Franco (se me descuido). Modelo: o "multi-conferenciante".
- os que empezan contando un "detalle" que lles pasou onte anoite e acábanse queixando moito dun veciño ou dunhas obras que non lles terminan, e así latrican durante unha hora sen parar... Modelo: "Woody Allen e as súas neuras"
- o conferenciante "paguerpoint", cunhas diapositivas chulismas, e non o saques do guión. Modelo: "O derradeiro berrido teunolóxico"
- os que empezan dicindo que non teñen o don da palabra e, efectivamente, cada dúas palabras pronuncian un "non?" Por ver se os demais o collen nun renuncio? Modelo: "Galego coma ti".
- o conferenciante que chega tarde, anoxado con media humanidade, e non pide desculpas. Modelo: "Ego sum e vós mirades".
- o conferenciante que vai soltando o rollo e, a despeito dos caretos aburridos do público, segue a darlle á lingua e, mesmo cando comproba que os que o escoitan perden o interese, vai e introduce temas novos... Modelo: "Pasen e vexan"
- o que vén moi maqueado/perrucado, saca o diario persoal e, estriptise vai e vén, valeira para nós a súa alma humana. Modelo: "Poeta/poetisa da experiencia"
- o preentador que di "vou dicir unhas palabriñas sobre o conferenciante" e bota corenta minutos de presentación (cantando as excelencias do conferenciante, desde que se coñeceron na mili en Tánxer) ... Modelo: "Amigos fan amigos".
- o presentador aburrido que, mentres se rasca a orella e quita un moco do nariz, o único que anuncia é "Ben, e con vostedes Fulanito de Tal..." e se pon a chupar da botella de auga sousas... Modelo: "Paso de todo"
- o conferenciante que fala para os amigos. Ë dicir, no distinguido público non hai ninguén que el non coñeza, de xeito que cando chega alguén novo arquea a cella como pensando "e este de quen carallo vén sendo". Modelo: "A tribo in vitro".
- o conferenciante que ven presentar un libro, e veña a falar do libro, e non lle sacas outra cousa. "Modelo: onde queres que che asine, nena?" e "Eu viñen falar do meu libro".
Moitas veces, escoitada unha, escoitadas todas.
Son vdes. terribles. Non haberá ese perigo, pero se me chaman para dar unha conferencia heino pensar ben pensado; caso de si, non se lles ocorra aparecer.
113. O conferenciante repulido. Unha obra mestra en si mesmo. Acicalado ata os mínimos detalles, como ese inoxcrom dourado que pousa ao lado do feixe de folios ou o viceroy tamén dourado que coloca con suavidade para saber a qué hora menos cinco debe rematar. Mentres é presentado, mira para o fondo da sala, estira as mangas dun traxe Emidio Tucci e frega nas mans como sinal de nerviosismo natural. Cando remata o presentador, inclina reverente a cachola privilexiada e comeza a ler cun ton perfectamente mántrico. Pero le agradecementos, dedicatorias, propósitos, declaracións de intencións, acoutacións, premisas, preliminares. Así durante boa parte da charla. Cando vai rematando, confesa que non ten tempo para desenrolar todo o que quería desenrolar. A confesión de impotencia está feita cun estilo inmaculado aos 50 minutos de comezar. Nese momento, colle folgos, porque o anticlimax da conferencia está baixo mínimos, e levanta un pouco a voz para emitir a parte máis importante da conferencia: o resumo-despedida, que sempre resulta dunha obviedade perfecta. Os aplausos lle permiten beber o vaso de auga sen facer demasiado ruido. Do inoxcrom e do viceroy non se esquece. Non. E agarda polas preguntas, que non se producen porque a súa conferencia, calibrada desde hai vinte anos, é simplemente perfecta. Ou viceversa.
Joer,Marcos esta "taxonomía de conferenciantes" merece un post "a-post-a"(ex-profeso).E da pra un artigo.Menuda tribu.
Díganos agora,Marcos,a qué orde-familia-xénero pertenece o espacímen referido ó principio pra ir "pechando o círculo".
Inoxcrom e Viceroy dourados: sinxelamente perfectos estes "detalles".
Só lle faltou dicir que colonia usaba. Quizais "Agua Brava"?
Varón dandy (en olas)
O número 4 mete así a man por entre a chaqueta e o xersei, non?
RECORDOS DOS LECTORES...
(Unha paréntese nesta valiosa taxonomía. Veño agora mesmo do Liceo onde se inaugura unha mostra dos Liceos e Casinos de Galicia que vai rotar polo país. Viñeron por Cultura o delegado, Sierra; e o escritor F.X.Fdez Naval, subdirector xeral. Nun aparte xuntámonos un grupo de amigos: Segis, Xoán Fonseca, José Luís, Fernando, Xosé A. García, etc... En fin, como outras veces, sae o tema do blog. Creo que ningún deles escribe a cotío, que eu saiba. Pero todos eles, estes amigos ourensáns, lles len e coñecen ben xa a Xoán da Coba, Apicultor, Arume, Leituga, M. Swan, J. de Rairo, etc. Sorpréndome falando deles como se fosen personaxes dunha novela ou algo semellante. En fin, que teñen fieis lectores, cando menos en Auria).
E non o dixen: a mostra era de obras pictóricas presentes nos Casinos e Liceos galegos. Hai obras de Castelao (de A Estrada), Laxeiro, Díaz Pardo, Lugrís, Lodeiro, Xavier Pousa, Quesada, Prego, Corredoira, José Luís, etc.
o número 10 cabecea de cando en vez, mentres que acompaña o seu discurso de antantes, prestos, adagios e fugas dunha inmorredoira sinfonía motzartiá, escoitada no picú da súa xenerosa cachola de cabezoleiro.
cabezaleiro, je voudrais dire, carafio.
Do número 4 non direi nada máis, agás en presenza do meu avogado.
Xa pensar eu nesa colonia clásica, Arume, pero creo xa non a fabrican. Máis "moderna" é Agua Brava, onde vai parar...
452. O conferenciante que fala con coherencia e soltura, dominando á perfección o asunto de que trata. Ameno e ao tempo rigoroso e profundo, sen necesidade de histrionismos pero cunha soltura física envexable, coa súa ben estruturada e orixinal conferencia é capaz de engaiolar o auditorio coa súa verba precisa, coa súa dicción exacta, co seu saber estar.
Ou sexa, como todos e cada un de vostedes (de nós), amigos contertulios.
... Ou vai ser que non?
Mañá falolles do conferenciante de dereitas, que ten moita miga e que é a continuación de
11. O conferenciante político (II). de APC
Boas noites
Menudo "pico áureo",Apicultor.Xa vóu eu entendendo o segredo do seu éxito nas ars amatorias.
Eiquí teñen unhos cantos exemplares prá clasificar,Linneos...
conferenciantes
Non sabía eu que existiran "axencias de conferenciantes".Así que os conferenciantes teñen os seus "axentes" e o seu "caché",coma os artistas.Curioso.
Voume facer conferenciante.Cún nome artístico pensado ex-profeso,coma Marylin Monroe.Cúnha perruca e maquillaxe específica e patentada coma o grupo "Kiss".E cun tema mediático calquera,coma o "cambio climático" de Al Gore,ou a "Globalización" de Ramonet.
Vóume forrar.Xa os invitaréi a algo por darme a idea con este post.
12. O conferenciante político (III).
O atractivo dunha conferencia dun distinguido conservador, non está no conferenciante que sempre está a falar da salvación das ialmas, o desgoberno dun posible ou actual goberno de esquerdas, o peligro dos nacionalismos radicais, e a xustificación da súa actuación nun momento culminante da historia do país.
Non, o atractivo está no auditorio, sempre cheo das señoras máis distinguidas da vila en primeira liña, recién vidas da perruquería, que se ocuparon de ir boca a boca convocando "as bases" para que ningúen faltara, non seña que se nos enfade Don Casto de la Ribera i la Geltrú, a quén nin en cincocentos anos lle pagaremos o que fixo por nós dende fai corenta anos.
Bisbisean polo baixo cando fai mención dentro do texto grandilocuente a Rousseau ou a Nietzsche, do crepúsculo das ideoloxías, do irrespirable da política nacional, a vota en falla do compañeiro falecido e o erro comentido polo presidente na última decada.
Outra persoaxe importante nesta subdivisión e o presentador sempre o mesmo nivel orgánico do oficiante, normalmente un "ex" Gobernador Civil, Alcalde, diputado o senador, que introduce con anécdotas personais o VIP.
Cea de matrimonios, non hai cheque que está mal visto, e ata outra.
Moi boa a semblanza, don Xaime. Só unha pregunta: Está seguro que non hai chegue?
A mín no mo dan
Teña coidado, que ao mellor tómanlle o pelo, don Xaime.
Claro que está mal visto o cheque.Como que xa non se aceptan en moitos sitios.E noutros países,xa saben.
Falta o conferenciante que,en vez de mirar pra todo o auditorio,mira só pró par de "buenorras" da fila de diante.Acaba falando só pra elas.
Excelente idea, amigo Xoán.
(Vannos matar pola brincadeira)
POR CERTO, ninguén deu co conferenciante ó que me refería ó principio: que trabucou o tema pero entusiasmou por igual ós oíntes. Creo que estaba tamén entre os asistentes Monxardín. Falaba de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ.
Publicar un comentario