22 nov 2007


Castes (Bieito Iglesias en ECG 22-XI-07)

Seica Madrid vixía de preto aos ultras. Pon o diario que o asasinato dun adolescente a mans dun militar nazista puxo no punto de mira da policía a numerosos bandos e partidos de extrema direita. Polo visto os cabezas rapadas, falanxistas, franquistas saudosos e fans de Hitler, todos a unha, entraron en campaña contra os inmigrantes. Ata hai pouco asañábanse con gais, mendigos e expoñentes da anti-España (aínda que destes apenas atopaban na capital, pois moran en Cataluña, País Vasco ou Galiza). No entanto, as actividades dos seus correlixionarios europeus abríronlles os ollos e agora saben que é máis rendíble emular o racismo de Le Pen e outras herbas. O pasdo día once, un manifestante que acudía a unha convocatoria baixo o lema "Contra el racismo antiespañol, contra la inmigración", matou a un rapaz que non era do seu palitroque. Asombra que existan unhas vinte organizacións ultradereitistas legalizadas, todas convictas de que hai unha raza española. Tal sopa de siglas delata un fracaso educativo imputable aos pais ou á escola. Calquera neno que dispoña dun atlas xeográfico informarase de que a raza branca (europoides) comprende nórdicos, bálticos orientais, alpinos, mediterráneos (inclúense aquí españois, italianos, franceses, marroquinos, libios, alxerinos ou exipcios), dináricos, orientálidas (árabes e xudeus), turánidas (Mar Caspio e por aí), indoafganos, anatólicos (turcos) e ainuidas (Norte do Xapón). Ou sexa que existen leucodermos pola vella, á rangalleira, aínda que o feito de termos a pel máis ou menos branca non ten outra consecuencia que a obriga de andar con tino na praia, ben untados de protector solar. Só a unhos becerriños (tanto se son de raza ibérica, rubia galega ou morena do norte, tipo boi caldelao) se lles pode ocorrer que os españois constituímos un grupo racial. Ata a chamada "raza calé" non é senón mestura de tipos indoafgano e mediterráneo, quer dicirse tan caucasoide coma nós.
Cómpre velarse, ai iso si, da xente de ruín caste.
NOTA: A ilustración procede de Enciclopedia Estudio. Libro Colorado, Madrid, Sucesores de Rivadeneyra, 1962 (4ª ed.), aprobado polo Ministerio de E.N. e co Nihil Obstat co censor e Imprimatur do Bispo de Girona, como se facían entón as cousas. (Forma parte da miña minicolección de libros de texto antigos, mercados aquí e aló, de cando en cando...)

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Ese caderno manuscrito tamén o tiven eu.Lembro que non sabía interpretar bén as pinturas na cara do "pel roxa".Pensaba que eran bigotes ,coma os dos gatos.A verdade,non séi porque lle dibuxaron eses elementos culturáis ó "pel roxa": as pinturas,a pluma,a banda no frente.Os outros non lle puxeron sombreiros nin nada.

Anónimo dijo...

porque=por qué,of course.

Anónimo dijo...

Na miña aldea decíase de alguén que "tiña raza" cando traballaba animadamene,con ganas.Non caso contrario decíase "Non ten raza ningunha".

Anónimo dijo...

Así a bote pronto:
Antonio Vargas Heredia,
flor de la raza calé.
Cayó el mimbre de tu mano
y de tu boca el clavel.

R.R. dijo...

Hoxe trata El Roto con acerto este asunto, vostedes dirán:

http://www.elpais.com/vineta/?d_date=20071122&autor=El%20Roto&anchor=elpporopivin&xref=20071122elpepivin_4&type=Tes&k=Roto

Sinto non saber poñer vínculos, :-S

Anónimo dijo...

Onde fixen a mili -segundo tramo: Getafe, 1976-77-, había un compañeiro (nunca lle tomei moi en serio o que vou relatar) que parecía ter certa obsesión co dos campos de exterminio; mencionaba particularmente Mathausen e Treblinka, non lembro que falase de Auschwitz. Un dos primeiros comentarios que escoitei en voz alta foi, máis ou menos: "¡Cada vez esto está más lleno de gitanos [¿judíos?] y gallegos!".

Co tempo, debeume coller algo de afección, que viña de vez en cando, con sorriso ad hoc baixo o bigote, contarme cómo había facer para meternos a todos nos fornos crematorios; se non confundo tamén o método eliminatorio. Era de Embajadores, voluntario e levaba xa moita mili. Licenciárase non moito antes ca min.


P.D.: Aseguro que o que conto non o invento. Nin pinga de vitimismo, que eu saiba.