18 nov 2007











Cen anos de historia cultural
1985. Leliadoura. ‘Luzes de Galiza’





Imaxes: a primeira novela de Margarita Ledo. Retrato de Lois Pereiro, por R. Patiño. Cartel dogrupo Antroido.
A editorial Sotelo Blanco lanzaba no 1985 a súa colección de poesía Leliadoura, que contou co asesoramento de Basilio Losada e Xesús González Gómez e que duraría 12 anos. Entre os primeiros títulos estiveron Baladas nas praias do Oeste, de Manuel Rivas; Livro das paisaxes vivas, de Miguel Anxo Fernán-Vello; Seixo de desfacer entre os dedos, de Paulino Vázquez Vázquez; o primeiro poemario de Manuel Guede, Contra Serenou, e un dos grandes libros da poesía do noso tempo, os Cantos Caucanos, de Antón Avilés de Taramancos, que con este volume mereceu o Premio Nacional da Crítica.
Da mesma andaina son poemarios como O tempo na auga, de Fermín Bouza; Os laberintos da xerfa, de Rodríguez Barrio, premio Celso Emilio Ferreiro no 84; A lenda das árbores de prata, de Manuel Vilanova; O regreso das ninfas, de Manuel Forcadela; Ortigas da memoria, de Cesáreo Sánchez Iglesias; O corpo e as sombras, de Eusebio Lorenzo Baleirón; Memorial de brancura, IV premio Esquío, de Fernán-Vello; Sima-cima do voar do tolo, de Bernadino Graña; Lembranzas do areal, de Xavier Rodríguez Baixeras; Iniciación e regreso, de Xavier Seoane; Emaín, de Xesús M. López Valcárcel; Extramuros da noite, de Román Raña, e Historia do rock and roll, de Antón Reixa. Ediciós do Castro publicaba unha nova edición de Longa noite de pedra, de Celso Emilio, preparada por Xosé María Álvarez Cáccamo, e publicábase a antoloxía preparada por Xosé Lois García, Escolma de poesía galega 1976-1984 (meses antes saía tamén a de César A. Molina en Júcar). No campo da narrativa, hai que subliñar a aparición de obras tan relevantes como Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín e Das cousas de Ramón Lamote, un auténtico bestseller na literatura xuvenil, de Paco Martín. No campo da ciencia ficción, Xosé Fernández Ferreiro sacaba A fraga dos paxaros salvaxes, finalista no Xerais 1984, e Lois Xosé Pereira, un autor novo e ata entón descoñecido, gañaba o Xerais 1985 con As horas de cartón. O premio Blanco Amor era nese ano para Xoán Manuel Casado, pola novela O inverno do lobo. Xavier Alcalá publicaba a súa novela Tertúlia; Margarita Ledo daba á luz Trasalba ou Violeta e o militar morto, e O Castro publicaba a Narrativa completa de Ricardo Carballo Calero. Na narrativa breve, saía O delirio do lume, de Antonio Costa Gómez. Na narrativa estreábase tamén Manuel Rivas, con Todo ben, novela curta inspirada no mundo do xornalismo deportivo.
Foi tamén o ano de saída de Luzes de Galiza na Coruña, unha das grandes revistas culturais das últimas décadas. Dirixida por Manuel Rivas, tiña no seu consello de redacción a Xavier Seoane, Lino Braxe, Antón Baamonde, Mato Fondo ou Miguel Anxo Murado e sacou os seus números 0 e 1 en xullo e novembro, co apoio de Ediciós do Castro. Entre os primeiros colaboradores estaban Xavier Alcalá, Xosé M. Martínez Oca, Xesús González Gómez, Xosé Chao Rego, Xosé M. Beiras, Fernán Vello, Antón Reixa e Xosé A. Castro. A moi coidada edición contaba entre os primeiros ilustradores da revista con nomes como Reimundo Patiño, A. Lamazares, Xaquín Marín, Alfonso Sucasas e Luís Seoane. O número cero ofrecía ademais unha entrevista de M. Rivas co poeta Lois Pereiro (Iste é un povo que sabe suicidar-se).
Morría no exilio o escritor ourensán Ángel Lázaro e en Galicia o poeta e erudito Xosé María Álvarez Blázquez e o arqueólogo Manuel Chamoso Lamas. Fundábase a Asociación Internacional de Estudos Galegos. Os cineastas galegos (Chano Piñeiro, Carlos Piñeiro, García Pinal, Daniel Domínguez, etc.) colleitaban éxitos no Festival de Cine de Figueira da Foz e rodábanse no noso país películas como La vieja música (Mario Camus), Los pazos de Ulloa (Gonzalo Suárez), La hora bruja (Jaime de Armiñán), e Monsignor Quixote, de R.Bennet, con visita de Graham Greene ó mosteiro de Oseira. No campo do ensaio e da investigación encontramos múltiples traballos de interese. Velaí: O galeguismo na encrucillada republicana, dous tomos, de Xavier Castro; Castelao e Souto en Valencia, de Pablo Porta; A prensa galega en Cuba e Castelao en Cuba, de Neira Vilas; A nosa literatura II, da A.C. Alexandre Bóveda; Loureses, de Manuel Mandianes; Os anos escuros, de Xosé Luís Franco Grande; Franquismo y transición política en Galicia, de Carlos Fernández, e Crónicas de una transición intransigente, de Lueiro Rey. Reeditábase o Cancioneiro de Paio Gomes Chariño, publicado por Cotarelo en 1934 (a cargo da Xunta) e nacía a colección de Clásicos Agrarios Galegos (Xunta de Galicia) con libros de Valeriano Villanueva, Nicolás Tenorio, Alfredo Vicenti e Prudencio Rovira. Xerais reeditaba a López Ferreiro con estudo de Anxo Tarrío. A RAG e a Barrié publicaban a edición crítica da Crónica Troiana, a cargo de Ramón Lorenzo. Carlos Alvar e Vicente Beltrán publicaban en Alhambra unha antoloxía da poesía trobadoresca galego-portuguesa. Jesús de Juana estudaba a Risco e Filgueira Valverde sacaba o seu III Adral. Na Biblioteca Galega de LVG saían El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos, de José Luís Pensado; El puerto de la Coruña en el s. XVIII, de A. Meijide Pardo; Las fronteras atlánticas de Galicia: de la prehistoria a la baja edad media; Temas de lingüística galega, de Constantino García; e a Historia del cine en Galicia, 1896.-1984, de Emilio C. García Fernández.

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Deliciosa entrevista a Bieito Ledo no Faro de Ourense de hoxe.Mágoa non atopala na rede pra enlazala.
O titular: "Deixéi Galaxia cando entróu Casares.Él quería dominalo todo".(En realidade,unha frase solta na entrevista,pero xa temos falado da "filosofía do titular").

Se eu fora periodista,a frase selecionada por mín como titular,sería:

-O logo de "ir indo" é unha tartaruga,porque é un animal que nunca recúa.

Anónimo dijo...

Carlos Casares:

- Deputado autonómico: 1981-1985
- Director de Galaxia: 1985-2002
- Director da revista Grial: 1989-2002
- Presidente do Consello da Cultura Galega: 1996-2002

Anónimo dijo...

As verdadeiras razóns polas que Bieito Ledo se viu obrigado a deixar Galaxia non se poden reproducir nun xornal. Fraco favor fíxolle ese titular. Pero el debía ser máis coidadoso cos contos que conta.

Anónimo dijo...

A esquemática biografía de Casares que tan amablemente nos aportan é, en todo, semellante á de moitos persoeiros públicos. Véxanse senón as de Francisco del Riego, de Víctor Freixanes ou de Ramón Villares. Eu non lle vexo nada extraordinario. Trátase de xente capaz e con talento, que merece os postos que ocupan. O malo sería que esas institucións estivesen dirixidas por dictadorzuelos de despacho, "intelectuais" doutrinarios, burócratas sectarios ou "espabilados" incompetentes.

Anónimo dijo...

Estou de acordo con super piñeiro. Todos eses cargos teñen que ser sometidos a votación democrática co fin de evitar que caian en mans de toda esa xente que menciona.

Anónimo dijo...

Eu diría máis, señor Anónimo. Que todos, absolutamente todos os cargos (de ministros e conselleiros para abaixo), fosen sometidos a votación democrática coa fin de evitar que caian en mans de xente perniciosa.

Non sei se arranxariamos moito, pero non hai dúbida de que a idea de que cidadanía votase cada tres ou catro días ten o seu aquel. Ao mellor algúns até obteríamos permiso para faltar ao traballo.

Anónimo dijo...

De presidentes para abaixo, quería dicir.

Xaime dijo...

Os anos escuros repasoó tódolos anos.
E logo dín que a vida non é ciclica, é un eterno retorno de torpezas

Anónimo dijo...

Tendo coñecido a Carlos Casares, é difícil imaxinárseo como alguén que todo o quería controlar. En todo caso, as desputas e lideiras internas dunha empresa son o pan noso de cada día. Non vexo por que hai que tomala con alguén que xa non está entre nós para se defender e que, a maiores, sempre defendeu as súas posicións con coherencia e dignidade, independentemente de que a todos nos pracesen ou non.

Anónimo dijo...

Supoño que Bieito Ledo estará bastante cabreado con ese titular descontextualizado, pois é un home que garda un profundo e real cariño pola figura de Casares. Por moi variadas e boas razóns.

Anónimo dijo...

Parece que van facer no Liceo unha homenaxe a Ben-Cho-Sey,ese que deixóu dito que non quería homenaxes "in memoriam".Se non estóu mal informado estará o erudito Estravís,entre outros.Mágoa que non pódia ir.Escoitar ó Estravís pagaría a pena.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ben-Cho-Shey merece todas as homenaxes honestas que se lle fagan, malia o que deixou escrito na súa tumba.
E Bieito Ledo aínda está a tempo de aclarar ese titular, que non o deixa en moi bo lugar, dende logo.

Anónimo dijo...

No seu día falara dunha recensión miña sobre o libro de conversas con Darío Xohán Cabana; lembro vagamente que igual alguén se interesou por lela (pode ser pretensión/presunción miña). Por se tal, agora que sae do prelo a publicación que a difunde (a revista luguesa Lucensia, do Seminario Diocesán, difundo aquí o texto.


OS ANOS DO DARÍO

Os libros de conversas adoitan ser de moito proveito se cumpren dúas condicións: unha, que o entrevistador saiba con quen se enfronta e deseñe un bo vieiro; outra, que o entrevistado teña bagaxe para ofrecer. Este libro cumpre sobradamente con ambas: eles saben o que fan e con quen; el, que non sorprenderá a vellos seguidores, achega fondo e forma para o interesado na literatura e certa política nacional do 1970 para aquí.

Ten o libro parte biográfica e parte literaria. Na primeira poderíase encontrar pretexto de ampliación cultural e léxica, con longo percorrido, na evocación infantil dun rural case perfectamente esvaído; tan perto no tempo, tan lonxe do pensamento. Pero chega Lugo e o bulir artístico ou social dos últimos sesenta; Vigo ou Madrid, tanto nome suxestivo e algunha débeda; a experiencia sindical ou política nun tempo que quería ser crucial e quedou en podía. O amor que ten conta dun e resulta, en última instancia, materia líquida que asolaga unha vida variopinta.

Na parte literaria, o lector fiel encontrará claves interesantes sobre os procesos de elaboración literaria do autor, fose actuando como poeta ou narrador; topará afirmación da tensión clásica, cifra do soneto, revisión do vello mito galego e europeo. Hai, porén, dous aspectos que, sendo fulcrais na filosofía cultural e preocupación nacional de Cabana, probablemente son dos menos coñecidos: a tradución de clásicos occidentais, pola súa difusión minoritaria e habitualmente fóra do ámbito escolar; a reflexión e teorización sobre o sistema literario galego contemporáneo -construído fronte á probabilidade histórica, “a machado”, diría el- por figurar entre as materias para as que poucos teñen ou procuran vagar.

E con todo, as traducións do Trecento ou os trobadores occitanos constituirán humus para prolongar a fértil executoria das nosas letras actuais. Teses coma a da Grande Xeración Poética ou o establecemento de ciclos, como mínimo, revulsivo para mellor concibir canto vai desde a moza gaiteira de Rosalía ata as polonesas de Ferrín soando nacionalmente, e máis acó.

É certo que tamén algúns nos encontramos alí, trinta e cinco para atrás. Aínda ben deles por aí andamos, e persoalmente non deixa de supor atractivo particular.
Xosé M. González

CALVO, J. Luís e Yago RODRÍGUEZ YÁÑEZ: Conversas con Darío Xohán Cabana. Vida e escrita. Edicións Xerais de Galicia, serie “Crónica”. Vigo, 2007.