22 nov 2007

Copia dunha carta (e a súa resposta)
Sr. Director de A PENEIRA

Coñezo o xornal A Peneira dende hai moitos anos, nel escriben algúns amigos meus e mesmo teño escrito sobre o valor desta publicación monolingüe, que aposta pola normalización do noso idioma e da nosa cultura, nalgún dos traballos que teño publicado sobre a historia da prensa galega.
Por iso é que me vexo obrigado a contarlle esta historia que segue.
Onte chego á Casa da Xuventude de Ourense, como fago a cotío, e Benito Losada, o seu director, tenme reservada unha sorpresa. Dime que se puxo moi ledo cando recibiu A PENEIRA e comprobou que no seu suplemento cultural KALAIKIA se lle dedicaban dúas páxinas enteiras, ben ilustradas, ó Outono Fotográfico de Ourense, que el mesmo dirixe. Encontra un artigo, asinado por X.R.FERNÁN e titulado “Vinte e cinco anos despois (1983-2007)” (páxs. 4 e 5 do suplemento) e ponse a lelo. Ó chegar ó segundo parágrafo a cousa sóalle a coñecida, moi coñecida. Segue lendo e comproba que, dende a primeira á ultima liña, sen engadir nada nin sequera introducir ese texto dalgún xeito, o que está a ler procede da transcripción literal do artigo do seu amigo Marcos Valcárcel que figura no catálogo e que el mesmo me pediu, co mesmo título.
Como é lóxico, queda abraiado por este PLAXIO descarado que algúns chaman agora, en plan fino, intertextualidade. Bastaría con introducir ese texto cunhas breves liñas para que a cousa tivera un sentido e, de paso, non roubar a autoría intelectual do meu traballo.
Así as cousas, esixo unha rectificación pública deste exercicio de rapiña intelectual polo propio ben do seu xornal, do prestixio que atesoura ó longo dos anos e da propia respectabilidade dos seus colaboradores e redactores. Quedo á agarda desa rectificación. Pola miña banda, co meu disgusto lóxico, permítome igualmente mandarlle un cordial saúdo,
Marcos Valcárcel, historiador
Ourense 22 novembro 2007

A resposta (correcta)

Estimado Sr. Valcarcel:
Prego acepte as miñas desculpas polo erro cometido por un colaborador deste Xornal plaxiando un texto da súa autoría. Ordenei e comprobei que xa se fixo a correspondente rectificación na nosa WEB: www.apeneira.com; rectificación que se fará extensiva na próxima edición do Suplemento KALAIKIA previsto para o vindeiro mes de decembro.
Unha vez máis solicito a súa comprensión así como agradezo as louvanzas que adica ó noso traballo. Moitas grazas. Reciba un respectuoso saúdo.
Guillermo Rodríguez -Director

14 comentarios:

Anónimo dijo...

Por que as cousas que se regalan ("gratis et amore"), como fai vostede co que escribe neste blog, parece como que non teñen valor para algúns camándulas, de tal xeito que se permiten "intertextualizar" o que lles sae do carallo, pretendendo, ademais, facernos pasar aos demais por bobos (aínda por riba), incluído o autor?
(Esta é unha xeneralización aplicable a outros casos)

Anónimo dijo...

Envainárona e pediron desculpas estes da Peneira. Supoño que o culpable do plaxio terá nome e apelidos e será unha persoa pouco profesional e un punto analfabeta. O de citar, pór aspas, etc. para min que fai medrar o valor de quen cita, porque sabe que antes ca el outros fixeron algo... En fin, hai moito carota... Pero vivimos na cultura onde se confunde "aproveitar oportunidades" con "ser un ladrón".

Anónimo dijo...

Esta febre latrocineira mesmo chegou á mesma universidade. "Grazas" a Internet, algúns estudantes pretenden, sen mollar o cu, pescar os peixiños no mar xa fileteados e sen raspa.

Anónimo dijo...

"O control C e control V como instrumento intelectual" sería o perfecto título para unha comunicación no enésimo congreso de Didácticas da Didáctica e nonainos varios.

Anónimo dijo...

"Eu e os meus plaxiados..." (así deberían comezar o 90% das teses).

Anónimo dijo...

Vaia cara teñen algúns. A desculpa do director haber hóuboa, pero non aclara a que se debeu ese suposto "erro". O asinante do texto será alguén, digo eu, e ese alguén é o que debería pedir desculpas, dar a cara e non volver escribir nunca máis na súa vida.

Non se sorprenda ningún dos aquí tertulianos se, en calquera momento, ven unha das súas intervencións nun artigo calquera asinado por un calquera en calquera publicación.

Eu, por se acaso, recoméndolles que legalicen as súas intervencións no rexistro da propiedade intelectual correspondente.

En fin, hai que tomarse a cousa a coña, de aí os meus parabéns a Valcárcel porque, no fondo, o honraron con tan ridículo e patético plaxio.

O plaxiador é un chaíñas de tres al cuarto, diso non cabe dúbida.


.

Anónimo dijo...

Copiar sen permiso, ter escasa atención a formas e dereitos, era práctica habitual hai tantos anos, cando faciamos e escribiamos certas cousas. Certamente, os tempos mudaron, pero eu non faría moito sangue sobre os d' A Peneira. Deben ser boa xente, o seu traballo é moi de mérito e moito del non deben gañar. Que fale o Bouzafría, pero eu pasaríallelo, e que non volva acontecer.

Anónimo dijo...

Home, pero copiar un texto ben recente, todo todiño, con puntos e comas e título incluído, non me diga que non é para nota.

O plaxiador é un pobriño, diso non hai dúbida. Se polo menos fose Bryce Echenique!

Anónimo dijo...

Pensen vostedes nun Pierre Menard do Condado e fagan as divertidas conxecturas. E permítanme a brincadeira en cousas que a priori non se prestan.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pola miña banda, dou o tema por zanxado. Acepto as desculpas do director de A PENEIRA, quero crer que todo foi unha confusión chafalleira e agardo que sigan a traballar pola prensa en galego, como fixeron ata agora. Con rigor e seriedade, iso si.

Anónimo dijo...

Fai anos,colaboréi cunha editorial que logo foi ó tacho.Contratáronme pra escribir un libro técnico.Era pra opositores,sobre un tema que eu tiña bastante controlado.Pero déronme un libro moi bó sobre o tema e dixéronme que prácticamente o copiara,cambiando a redación das frases engadindo algunha cousiña da miña cosecha i eliminando algunha cousa de vez en cando.Así foi.Non engado máis.

Anónimo dijo...

Por certo,o meu nome non aparecía por ningún sitio.Só a editorial.Menos mal.

Anónimo dijo...

Vostede tamén, da coba, ten un pecadillo de ghuventú?

Espero que o libro llo pagaran ben e que lle aproveitase aos que o leron.

Anónimo dijo...

Vóulle decir algo,anónimo.Algúns exemplares do libro estaban na Biblioteca Pública de Ourense,na sáa de leitura.Un día vín a un leitor estudándoo,seguramente un opositor.Sentín unha mixtura de emociós agradables e desagradables.Ó final,acerquéime e preguntéille,por favor,que me dixera qué lle parecía o libro,se estaba todo bén explicado,etc,pra estudalo eu ou compralo.Díxome que estaba bastante bén.Respiréi aliviado.De plaxiar,plaxiar bén...