17 nov 2007


ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
19. A chaqueta de Fraga.

Os mitos son importantes; máis ben, coido que imprescindibles. Xorden arreo en calquera parte do mundo sen distinguir riqueza ou nivel de escolaridade. Aprendín hai moitos anos que un mito era unha parcela de realidade modificada ou enriquecida subxectivamente; aínda estou bastante dacordo con tal noción, e non semella que o apego responda tanto a un afán de proxectarse coma de acompañar. En todo caso, cada un escolle ou acepta os seus.

Iso si, por veces a intervención subxectiva e motivada pode dislocar; convén en tal caso algunha restauración. Hai trinta anos produciuse en Lugo certo episodio que desde aquela realza a lenda de Fraga Iribarne; para os seus, ás veces aparenta que tamén para moita prensa, don Manuel escorrentou un grupo numeroso de esquerdistas que acudiran para apupalo nun mitin. Ultimamente escoitei senllas intervencións puntualizando o asunto con referencia particular á parte expulsada: meses atrás, en determinada e exitosa tertulia da radio local, un antigo parlamentario do PP declarou que xente daquela, fuxindo, alegaba non ter cobrado suficiente para encarar tal risco; hai unha semana, entrevistando na Televisión de Lugo, persoa ben coñecida afirmou que cando lle chamaran puta a Carmela de Sarria -sinto non lembrar os apelidos- Fraga sacara a chaqueta. A chaqueta de Fraga, igual simbolicamente algo correlativa ao zapato de Beiras... Por veces teño a impresión de que a rexouba dalgúns conservadores evoca a don Manuel dándolles unha boa chaqueta a aqueles roxos; o mito pode trasviar.Vai sendo tempo, logo, de que discurse a parte contraria; eu estaba alí, á sinistra do palco, e aínda queda memoria.

As cousas como son: á altura do 1977 Fraga era para a esquerda sinalado inimigo: Alianza Popular recollera o franquismo apenas implícito, usaban a bandeira española con aguia, o líder manifestábase partidario explícito -xa cando embaixador en Londres- de non legalizar nada máis alá do “socialismo”. E había predisposición a fustrigalos, buscando a liorta. Para o día 13 de xuño anunciaran un gran mitin electoral no Pavillón dos Deportes, pouco antes pegaron carteis e de motu propio ordenamos de ir tres ou catro, pola noite, arrincar neles. Xa digo, considerabámolos particularmente hostís e reparen no feitío das cousas: onda a Deputación vimos vir un coche da Policía Municipal e saímos a escape coma cando -un par de anos atrás- se realizaba unha pintada ou calquera calquera acto contrario á Ditadura; de todo a cousa aínda non mudara, porque ao collérennos -pallaso que era eu, único lugués nativo do grupo, metinme polo canellón onde estaba o obradoiro das gaitas, que acababa na Muralla- fomos parar ao cuartel da Municipal e despois á Comisaría; por quitar carteis.

Iso fora unha ocorrencia. Tocante ao mitin, varias entidades concordaron en facer acto de presenza e denuncia. Máis ou menos, o guión sería: ir en masa, berrar consigna simple e clara, aludir a episodios escuros da vida política de Fraga e emitir a viva voz mensaxes das que se vían case exclusivamente nas paredes, pintadas con spray; repartir unhas coplas elaboradas ao respecto; cando lle tocase falar a Fraga habería apoteose: un membro do Partido Carlista, penso que chamado Alfredo Rodríguez Amigo e desde logo coñecido como o Ancarés, erguería de entre o público facendo ver unha pancarta alusiva aos sucesos de Montejurra.

Breve alusión previa merecen as coplas. Eu cheguei a ver o orixinal, deturpado na copia por man que pretendeu matizar sen talento poético. Verdadeiro panfleto, con expresións que arestora renxerían para moitos en exceso, tiña forma de oitavas e auténtico alento; sirva como mostra o empezo dunha:

Con diez matones por banda
aí vén o fascista Fraga.
Parece que o mundo traga
e que come a tododiós...

E sexa pé o tema para unha das previsións que corrían. Dicían desde había tempo que o outrora ministro valíase de antigos paramilitares no seu servizo de seguridade. En particular, o ruxerruxe apuntaba a membros dun Grupo de Acción Sindicalista, en sigla GAS. Que eventualmente poderían estar, en Lugo, aquel día.

O día amenceu, chegou a tarde. Véxome entrando no Pavillón e xa estaba cheo, ou case, colgando nos laterais -desde ben arriba- enormes bandeiras españolas das que despois se chamarían “preconstitucionais”. O estrado colocábase onda a baixada cara aos vestiarios, e case toda a bancada á súa esquerda había estar ocupada polo contixente opositor; centos eramos, e por primeira vez nos viamos tantos. Comezan a falar; teño un aquel de que puido ser Ramón Falcón e recibir algún apupo non esaxerado (tiña boa prensa en Lugo, pois era considerado artífice da Operación Muralla; ademais, moitos nin o coñecerían), de maneira semellante ao que debeu pasar coa Carmela de Sarria. Se contra esta xurdiu algún escarnio grave -certamente posible, e moito máis lamentable, en situación coma aquela- nin o lembro nin foi substantivo. Porque os coros principais, en forma sincopada que ás veces evocaba melodía futboleira, serían “Montejurra, Montejurra”, “Ma-te-sa, Ma-te-sa” e seguramente o moi emocional, menos claro na lembranza, “Vi- to- ria, Vi-to-ria”. Alusións, a segunda a negocio vello e manobra política, o primeiro e terceiro a cousa ben recente. Puidéronse repetir con hipotéticos e sucesivos oradores borrados ou sepultados nunha memoria, a miña, que retivo nidiamente só as pasaxes sobranceiras.

Érguese para falar Antonio Pedrosa Latas, home xa maior e referencia do extinguido Movimiento Nacional. Do seu encabezamento aproximo o comezo, esquecín as palabras seguintes, lembro ben claramente o adecuado colofón: “Señoras, señores ... y reventadores”. Apupo e asubío masivo dunha concorrencia notablemente alborozada polo efecto conseguido. “Fas-cis-ta, fas-cis-ta”; “Galicia Ceibe e Socialista”. Dirixíase el -cuxa indignación debera irse intensificando ao longo do acto- a nós coma mozos desafectos que convencer, na interacción ía perdendo ánimo, control e a voz esmorecía. Calou e foi daquela, paréceme, cando se levantou Fraga.

Tamén o Ancarés. A pancarta era un tecido escaso, negro, con letras brancas que a cen metros non se descifraban; nin tampouco se oía, co rebumbio, o que manifestamente profería aquel cervantego en tanto andaba. Sería cando o líder conservador dixo “A por ellos”, xa que algunha animación onda as cadeiras de pista e a outra bancada fíxome volver ollos cara ao escenario, xa erguía el e mais outros, pousaban as chaquetas e nada máis vin.

Ignórolle xeito e causa eficiente, pero comezou unha desbandada cara á porta lateral que daba ás Costas do Parque; falaban de pistolas patentes e outra contundencia, eu nada notei agás o que será dito. A reacción, así e todo, semelloume tan desproporcionada coma pouco decorosa, fun arrecuando pouco a pouco e na saída fiquei; curtido en mobilizacións coma posiblemente escasos presentes, chegara ademais da mili había menos dun trimestre, mili completa e soldado raso nada favorecido toda ela. Quedou dentro do recinto algún, coma seica o Pepe da Palla, veciño e máis ou menos coetáneo meu que -contaban- chegara a interpelar (“Manoliño!”) na fin do acto e aldraxar contundentemente ao aquel achegárselle; se si ou se non, el saberá, pero o Pepe atrevido era.

O que foi eu -reflexión, ningunha- parei na porta mirando cara abaixo (“Vide, maricóns!”) e alguén ficou tamén, detrás miña, secundando. Subía pola escaleira outro alguén cun cinto na man, enrolando e preparándoo á par que chegaba; parárono a dez ou quince metros. Un home, ao pé de cincuenta anos, veu onda nós e apostrofounos: “Fascistas de izquierda!”; tamén debeu chegar o vello Pedrosa -tiña eu máis a que atender, pero sempre estiven case fixo de que era el-, non sei nin como, esgarecido en forza e voz: “Fuera, fuera...”. Por último un rapaz de bigote, con modos profesionais, resolto a que marchásemos xa, sen máis discusión nin barullo; ao facérmolo entregounos un reloxo con desprendida pulseira metálica: “Toma, esto es de uno de vosotros”, ou algo así. Ilocalizado o propietario, fose da facción que fose, o meu acompañante beneficiouse del durante anos, con aquiescencia miña.

Pouca demora houbo a carón da entrada, onde a Xulia de Viveiro me amosaría un negrón nun brazo, aloumiño -especificou- dunha man con cadea. Na Praza Maior repartimos coplas. Rematou ante a sede que tiña Alianza Popular entre a rúa do Teatro -General Franco, daquela- e maila praza de Santo Domingo; tiveron despois que repor varios vidros, de min non saíu pedra mais si aplauso. As cousas, de novo, como son. Xaora, non cobrei un peso nin vexo como se faría para pagarlle a ninguén: sempre me soaron tales argumentos a remanente daquela andrómena sobre o ouro de Moscova.

Alá queda todo, en tempo de crise; algún aspecto hai, claro e relevante, que non produce orgullo. No inventario de enigmas, a razón pola que centos de persoas saíron a escape: máis alá de miudeza concreta, para min que a maior parte eran estudantes que non querían paus; por outra banda, tíñase hábito de provocar o poder mais fuxirlle, e no inconsciente aquel era, aínda, o poder vello. Volveron ter incidente no mitin da Coruña, non sei se no de Ourense, e ao mellor a imaxe de Fraga sufriu de cara a unhas eleccións onde acadou dezaseis escanos; arrasado por unha UCD que herdara, desde logo, máis poder e a imaxe de mocidade sen ruptura achegada por Adolfo Suárez.

Pero tamén entón, se cadra, empezou a conformarse a fábula do León e unha auréola que seica non esvaece. Eu sempre respectara a Fraga e mantíveno logo daquilo: dixo máis tarde que sen facelo non podería dar outro mitin, e a súa razón levábaa. Porén, había chegar o tempo onde acusaría profesores de lavar o cerebro dos alumnos co do Prestige; viría noticia do último Consello da Xunta que presidiu, sobre demanda aos conselleiros de aprobaren certa asignación dispensándoo a el; comparecería ante a comisión investigadora da Cidade da Cultura e de nada se responsabilizou, todo fixeran Orza e Pérez Varela. Un acaba razoando que u-la coraxe, u-la altura política, de onde o respecto.

No ámbito conservador sobra xente de valía e con talento, nin falta fai xaora que eu o diga. Tocante a Manuel Fraga Iribarne, concibín ultimamente unha idea de home pequeno que fixo cousas grandes. Ben entendido que grande é a Catedral de Santiago e así mesmo aquela montaña de carbón que había en Ponferrada. Quede a cousa así.

38 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Magnífico artigo de Xosé M. Gzez., tanto na descrición dos feitos vividos como na avaliación, obxectiva e rigorosa, da figura Fraga. (E agardemos que non se nos enfade Arume pola imaxe, que é da responsabilidade do XMG: pero despois dos bispos brazo en alto, isto...! Vaise facer este blog moi coñecido entre os amigos do 20-N.

Marcos Valcárcel López dijo...

Xa puxen a foto un pouco máis pequeniña, para que ninguén se espante...

Anónimo dijo...

Magnífico texto e fascinante memoria a súa, amigo Saavedra. Seica os paus reavivan máis esa parte do celebro.
De todas maneiras, saberán comprender o agrado que me produxo lembrar aquela montaña de carbón que enseñoreaba detrás da miña casa e do meu barrio e que foi esceario de miles de aventuras na miña infancia. E mira que era horripilante.

Anónimo dijo...

Pero esa foto (por dicir algo), de que ano é?

Anónimo dijo...

Matinando, entendo que a data de celebración do mitin ten que estar confundida. O mitin de Fraga en Lugo foi o primeiro dunha serie galega, á que xa me refiro dalgunha maneira. E nin sequera teño noción de que fose electoral, ou sexa de campaña; unha campaña da que, pola contra, lembro ben os actos do BN-PG (estiven no servizo de orde), PSG (con Beiras), PCG (Alonso Montero, Santiago Álvarez) ou PSP (viñera Tierno). Disto podo ter pouca memoria, pero co outro non cadran as datas: dificilmente o de Alianza Popular puido ser o 13 de xuño se as eleccións foron o 15.

O dato atopeino nun artigo de prensa, bastante recente; se esta serie dá para unha publicación en papel, teño que ir á hemeroteca. Por outra banda: cando Fraga dixera aquilo sobre profesores e Prestige, a min alporizárame bastante, era tempo de alporizamento; de feito, escribira unha Carta Aberta dirixida a el, que publicou La Voz na edición local. Agradezo a oportunidade de contar con esta casa e serie para pór a cuestión máis por extenso. Por min, e a falta de novidade inesperada, o asunto Fraga está para arquivo.


Por certo, o Arume aínda se pode enfadar tamén polo de Ponferrada, e ben me daba conta ao escribilo. Pero, de cousa grande e negra, a que me veu á cabeza, insistentemente, foi aquela.

Anónimo dijo...

Comprobo que me engano na parte final. Albízaras.

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu creo que o mitin foi na campaña electoral do 77. O do 13 é máis cuestionable, pois o xesto dera moito que falar: debeu ser algo antes, supoño. E, pola miña banda, se ten ese texto a Fraga sobre o Prestige xa en formato informático (se non, non se moleste), gustaríame coñecelo: pode deixalo aquí mesmo, nestes comentarios.

Anónimo dijo...

Pide vostede albízaras e serán dadas, porque hai pouco souben que albízaras era a recompensa que o mensaxeiro pedía antes de contar as noticias que traía.
A escombreira aquela era causa, como comprenderán, de que en Ponferrada ningunha prenda durara limpa máis dun par de horas. E se andabas perto xogando ao fútbol nas veigas aquelas ou entre os arcolitos que había debaixo a chegada a casa era gloriosa. En fin, vostede removeu episodios esquecidos e non quixera eu pasar por cebolleta.

Anónimo dijo...

Canto á data: eu penso que debe ser nos anos sesenta, segundo período no que exerceu como ministro de Información e Turismo; é intervención radiofónica realizada, presumiblemente, desde Barcelona. Achego o enlace de onde foi extraída; hai outras instantáneas bastante convenientemente datadas.

Anónimo dijo...

Poño mítin fraga 1977 lugo no google e sae en segundo lugar o seu artigo de hoxe, amigo Saavedra. O círculo vicioso, de tal maneira que este documento de hoxe xa está documentando.

Anónimo dijo...

Pois pensei que non, pero teño gardada aquela carta, e en formato lexible. Realmente, en La Voz saíu recurtada, por cuestións de espazo; posiblemente perdeu algunha contundencia, pero non quedei descontento. En todo caso, eis o orixinal:

CARTA ABERTA A D. MANUEL FRAGA IRIBARNE
Sr. Fraga: son opoñente seu desde hai máis de trinta anos. Eu estaba no Pavillón dos Deportes de Lugo, aló no 1977, entre os que lle berraban naquel mitin de Alianza Popular presidido pola gran bandeira española co vello escudo da aguia. Permanecín despois, seguramente, nas antípodas políticas de vostede ata o 1989, e considerei a súa chegada á Presidencia da Xunta coma un factor negativo para o noso país. Seguín, polo tanto, nas antípodas e combatín activamente a súa figura e o seu partido.
Sen embargo, nunca lle perdera o respecto. Alomenos, ese aquel de respecto debido a unha longa carreira política, e procedente se cadra da lenda de brillantez persoal e académica que o acompaña a vostede desde hai moitos anos e a min desde a infancia. En parte ó mellor por iso, no ano 2001 sentín unha estraña clase de acougo ó constatar que podía mitiga-la vella inquina. A pesar de tódolos pesares, daquel ruxerruxe de MATESA, a lembranza de Montejurra e os sucesos de Vitoria, cando lle deu a man a Beiras e cruzou a última fronteira pareceume que, finalmente, debía facer por esquecer, aceptar que afirmase a súa lenda e deixalo, sen reparo, retirar en paz e coa porción de gloria humana que puidese conseguir.
Pero está visto que a Historia non perdoa ou, se cadra, que Deus castiga sen moca nin pedra. Aínda non dous anos despois, despréndese o verniz, retorna o vello rostro. E, definitivamente, esváese a lenda.
Dálle ultimamente por evocar aquel mitin de Lugo do 77. Cada vez que vén aquí, presenta o panorama de trescentos coellos fuxindo bancadas arriba ó que vostede sacou a chaqueta. Non me diga iso a min, o último en saír do pavillón, xusto diante e de cara ós seus matóns. Non mo diga, porque se pilla antes a un mentireiro ca a un coxo.
Cando o petroleiro esburacado e maila marea negra nos ameazaban, vostede deulle as costas ó país que goberna. Os galegos pendentes do seu presidente souberon da cazata en Toledo, a presentación do libro sobre cociñas conventuais, o esperar humilde polas disposicións de Madrid mentres os mariñeiros se botaban ó mar de Arousa e os voluntarios traballabamos coas mans en praias e penedos. Moitos galegos non esqueceron, posiblemente xa non esquecerán ese abandono, esa nada.
Despois recuperou o arrufamento insultante que se me antolla formar parte do peor de si mesmo. Xa leva así algún tempo. Pero estes días referiuse directamente a min. Incluído tacitamente nun amplo colectivo de docentes, dixo que eu violentaba a conciencia dos alumnos ó meu cargo, que pretendía untar Galicia coa “merda” (a palabra é súa, non miña) dos carteis, análises e traballos sobre os fenómenos que marcan a nosa vida social e nacional desde hai catro meses. Díxoo con ton e en termos que evocan o gorro cuarteleiro, o pote de bazofia e algunha das lembranzas máis tristes e opresivas da miña biografía.
No día seguinte ó do seu exabrupto, sr. Fraga, eu falei cos meus alumnos. Fíxenlles chega-la súa mensaxe sen aforro de léxico e engadín, aproximadamente, isto: “En vinte anos de docencia, nunca entrara na clase cunha pegatina. Pero, despois de tales palabras, hoxe traio esta e non sei cándo a sacarei”. Nun lado do peito levaba a insignia de Nunca Máis; do outro, o adhesivo de Non á Guerra. Despois demos unha clase de lingua; nela abordáronse a orixe, o alcance e os sentidos outorgados a expresións coma “guerra xusta”, “guerra santa”, “guerra legal”, “legalidade internacional” e “danos colaterais”.
D. Manuel Fraga Iribarne, presidente actual da Xunta de Galicia: as súas señorías si que violentan a miña conciencia, promovendo e investindo nunha campaña bélica que me repugna; a min e diríase que a unha maioría social. Arestora véxoo a vostede como no seu tempo vía Castelao os militares españois: “o medo que mete medo”. Desde o un de decembro pasado levo ido a moitas manifestacións e nunca secundei as voces de orde máis duras e descualificatorias contra a súa persoa ou outros. Era a miña maneira de salvagarda-lo respecto mínimo do que lle falaba no encabezamento deste escrito. Seguirei indo ás manifestacións e mantendo esa conducta, pero agora será por respecto a min mesmo. A vostede como persoa, sr. Fraga, perdinllo.
Xosé M. González.
Profesor e membro da Plataforma Nunca Máis.

Anónimo dijo...

Como saben vostedes, EL PAÍS pon a disposición desde estes días a aús hemeroteca. No día 14 fan un resumo do que dixeron na televisión un día antes das eleccións. Este é o de Fraga:
Manuel Fraga Iribame, secretario de Alianza Popular, llamó la atención al principio de su intervención, sobre el no personalismo o las no acciones personales de Alianza Popular, y definió a Alianza Popular como «grupos serios, coherentes, leales, como una fuerza nacional que, en definitiva, actúa por la España entera y eterna, y que ofrece en estos momentos el programa más serio y coherente del país».Somos una fuerza -añadió- moderada, renovadora y populista, porque no defendemos el inmovilismo ni el rupturismo, porque mantenemos un espíritu de reforma y porque hemos acabado con los viejos caciques, y procuraremos que no surjan otros nuevos. » El secretario de Alianza Popular presentó como defendible un Estado fuerte «que garantice la paz y el orden interior y los sagrados intereses de España en el exterior».

La moral pública, la justicia social, el Estado de derecho, la democracia representativa, la monarquía irreversible -pidió la ayuda del Rey- y una Constitución realista y sencilla que supere cual quier momento coyuntural, fueron los conceptos generales que Fraga defendió como secretario de Alianza Popular.

Manuel Fraga pidió a continuación un «voto útil para Alianza, sin nostalgia ni resentimientos», y afirmó que hay que dar la cara para conseguir el orden y la seguridad en el Poder, pero sobre todo «hay que plantar cara a los grandes enemigos de España, que son el marxismo y el separatismo».

El resto de la intervención lo dedicó a hacer historia de su persona como universitario, como número uno en oposiciones, como ministro que hizo posible la ley de Prensa y la ley de Asociaciones Políticas, como escritor de libros.... para terminar afirmando que «si ustedes nos dan su voto, yo, Manuel Fraga, les garantizo que España será un país democrático, en paz y con prosperidad».

Anónimo dijo...

Artigo de opinión de Fraga día 5 de xuño de 1977

Anónimo dijo...

Mira quén iba ser.Espera que agora te collo,que che teño ganas despóis de tantos anos...

Anónimo dijo...

Gustáronme texto e carta. Ambos confirman que é vostede todo un personaxe, amigo Saavedra.

Anónimo dijo...

En memoria de Gregorio López Raimundo, que acaba de morrer, vaian os versos da fermosa canción que Raimon lle dedicou (T'he conegut sempre igual: non atopei o orixinal en catalán).

T'he conegut sempre igual

Alerta vives, yo sé que si cayeras
tantos años, muchos años, demasiados años te pedirían.

Entre los ruidos de los coches, de la calle
y de la gente que atosigada pasa,
he visto muy claro que son muchos los que luchan
y que como tú calladamente trabajan.

Te he conocido siempre igual que ahora,
el cabello blanco, la bondad en la cara,
los labios finos dibujando una sonrisa
de amigo, compañero, consciente del peligro.

Sin hablar me has dicho "todo va creciendo",
lucha de hoy para el mañana vivo y libre,
que se va forjando estos días terribles,
tiempos estos tiempos de tantas ignorancias.

No me he vuelto mientras sereno te cruzabas conmigo,
he sentido fuerte un gran orgullo muy de hombre,
no me encuentro solo, compañero, no te encuentras solo
y somos muchos más que los que ellos quieren y dicen.

Este mi canto es tuyo, lo he querido nuestro;
este mi canto es tuyo, lo he querido nuestro.
Alerta vives, yo sé que si cayeras
tantos años, muchos años, demasiados años te pedirían.

Te he conocido siempre igual que ahora.

Xaime dijo...

Quén en Lugo, non recorda a anécdota que relata, XMG, e xaora que existen diferentes versións.
Teño amigos, que sempre recurriron o que pasou no Pavillón, para acreditar certa cobardía no personal lugués de esquerda, xa que argumentaban que nin en grupo poideron enfrentarse a un Fraga envalentonado e descamisado.
Eu non presencei os feitos, estaba ocupado en outras menesteres, pero sería discutible, e incluso o discuto hoxe que aquel acto, non lle servira a Fraga para acadar un liderazgo en Galicia, que máis tarde necesitou.
Episodios como éste, repito, convirtiron a Fraga, que daquela tiña aspiracións a Xefe de Goberno de España, a aceitar, anos máis tarde a suxestión de Romay Beccaría, para vir a Galicia e recupera-lo poder que perderan na Xunta.
Só hai que lembrar que, meses máis tarde, con escasos resultados electorais, Fraga foi ponente constitucional, representando a dereita, e deixou apartados a persoaxes cunha traxectoria máis liberal como Areilza, ou Oscar Alzaga, que me consta estaban pola labor de retiralo e aglutinou, no futuro PP, a tódolos votantes do centro dereita

Anónimo dijo...

Eu por poñer un pouco o dedo no ollo fíxome na analoxía de Saavedra co zapatazo de Beiras e o respecto que lle mereceu Fraga a partir do seu intento de parolar un pouco (ou moito, pero o Prestige alí o mandou) co mentado Beiras. Ou sexa que Fraga foi bó cando os acenos o acercaban a Beiras? Permítanme o comentario-brincadeira e non mo tomen a mal. Je, je. (Chámenme de todo)

Anónimo dijo...

Non pense, Apicultor, hai múltiples historias tanto, máis e moito máis interesantes cá miña; este país tan anónimo dá personaxes ben singulares. Eu tiven -entre outros, louvado sexa- dous motivos de fortuna e gratitude: un, remoto, aprender a ler, escribir e practicar ambos mesteres; outro, recente, ter onde difundir o propio discurso ou relato.

Tocante ao outro: posiblemente, daquela historia Fraga sacou beneficio en imaxe entre os máis conservadores e autoritarios; ora ben, non desboto eu algún efecto coadxuvante na consecución duns exiguos dezaseis deputados, por baixo posiblemente da propia expectativa e dos vinte que o voto lle deu ao Partido Comunista que el non quería legalizar.

El asentou liderado en AP e, desfeita a UCD, chegou a líder da oposición no Parlamento Español. Para iso fíxolle falta algún puído ideolóxico e político, aínda que as vellas formas e linguaxe non marcharon de todo. A vida a Galicia: case non choveu do 77 ao 89!

Eu, en todo caso, conto o que fixen, o que oín e o que vin. Volver ler o de que un Fraga descamisado e desmelenado puxo en fuga el só a centos, paréceme sempre ben pintoresco. Curioso, tamén, que ninguén fale do Ancarés. Cada un saberá o porqué.

Anónimo dijo...

Xaime,podería aclararnos un pouquiño este párrafo.É que non sei bén como interpretalo:

"...incluso o discuto hoxe que aquel acto, non lle servira a Fraga para acadar un liderazgo en Galicia, que máis tarde necesitou."

Anónimo dijo...

Beiras e Fraga son, en diversa medida, figuras bastante paralelas. O diario lucense adoitaba puntualizalo a mediados dos noventa, e lembro ao respecto dous testemuños. Antes do 97, cando un debate sobre o Estado da Nación, na portada aparecían senllas fotos confrontadas, elocuente valoración sobre o propio debate; non se deixe de lado: Beiras era portavoz do terceiro grupo da Cámara en número de escanos. No propio 97, titular electoral a toda plana: "Fraga barre y Beiras rebosa".

Foron, por outra banda, líderes brillantes, formados e indiscutibles; sen controlar o partido ningún dos dous, tocante a Beiras sempre hai alguén disposto a contalo, sobre Fraga [e Cacharro] lembro eu algunha cousa cando queiran. Xente desa adoita ter acenos, e eis que ambos os tiveron; xa se avaliou aquí, diversamente, a semántica dos acenos e mailo seu valor, para min este é grande e ter consecuencia.

A aperta de man aquela, en tal sentido, foi xogada mestra na que ambas partes tiñan qué gañar. Disque Beiras o fixo obrigado, e el mesmo deu a entender que o seu traballo lle custaba; xaora, o Bloque entendeu necesario facelo e o líder fíxoo. Fraga, penso, viu a oportunidade de limpar moito a súa figura e retirarse cun brillo e lexitimidade impensable para moitos.

Como for, o caso fixo tremer moitos moitos alicerces. Dá igual, só un barco e todo ficou pintado de negro.

Anónimo dijo...

Non sei se non terei aínda o panfleto recitado polo autor.

Anónimo dijo...

Se se refire ás coplas repartidas aquel día, gárdeo, que historicamente ten valor, aínda deturpado.

Verá, se tal, que en vez de "Con diez matones por banda" pon "Con dez matós por banda". De botarlle man ao texto, aínda tentaba reconstituílo.

Xaime dijo...

Sen dúbida o comentario das dez da mañan non está ben redactado cómo para que se entenda o que quero dicir.
Argumento, que malia que Fraga naqueles anos non tiña éxito eleitoral en España, e en Galicia, tanto Rosón e Otero Novas en Lugo, Franqueira en Ourense, Marfany en A Coruña e Victor Moro en Pontevedra, e en definitiva toda a UCD -e non se esquenza naide posteriormente COALICION GALEGA, déronlle as costas a súa ALIANZA POPULAR, con actos como o do Pavillón de Lugo, Fraga acadou un éxito mediático e aglutinou trás si un votante de dereitas que foi medrando correndo os anos e que concluiu na súa maioría co Goberno Albor.
Está moi ben com anécdota, e aí a miña discrepancia con Xosé Manuel, que en realidade non a é por que él constata feitos, e alego que Fraga sempre dispuxo da prensa amiga para anotarse éxitos periodisticos, o baño , Montejurra, e en especial ó que tratamos e de aí que eu diga que posiblemente fora o detonante para que Fraga se presentara como o único que se enfrontou os "comunistas e independentistas", do que aínda se gaban os seus siadeiros co resultado que todos sabemos para desgracia de Galicia.

Anónimo dijo...

É interesante a doble observación dun mesmo feito: para uns, manifestación do trogloditismo visceral e para outros, a cobardía duns mindundis. E, por derivación, nada máis e nada menos que a configuración dunha masa electoral en torno ao troglodita, amansado en sucesivas oleadas ata a oleada final.

Anónimo dijo...

Saavedra:

Daquilo que lle falara, si que lle escribiron, pero debeu ser a un correo que eu din mal.

O seu remata en @...com.br?

(Se é outro pásello a Valcárcel que el mo pasará a min)

Anónimo dijo...

Zénkiu for yor eksplanéixon,Xaime.Obrigado.:))

Anónimo dijo...

Discúlpenme se interrumpo por un momento o fió para unirme ao particular homenaxe de Apicultor a Gregorio López Raimundo, vello líder do PSUC e do PCE falecido onte aos 93 anos. Para min foi durante moitos anos un personaxe de referencia. Estimareino sempre.

Anónimo dijo...

Apicultor, o meu correo teno Valcárcel, en efecto. Pídolle a Valcárcel que faga o favor de mandarllo.

Perdera de vista a López Raimundo hai anos, aínda que aí atrás xurdiu o seu nome en relación non sei con que. Non sei que relevancia puido ter el na decadencia do vello PSUC; en todo caso, ben merece lembranza e homenaxe. En paz estea.

Anónimo dijo...

Si, pero debe estar mal, porque dinme que lle escribiron e que non contestou. Remítallo de novo a Valcárcel, por se acaso.

Marcos Valcárcel López dijo...

Acabo de cumprir co mandado e Apicultor ten ese correo de XMG. Agardo que agora chegue ese enderezo onde ten que chegar e XMG poida colaborar no que lle pedían.

Anónimo dijo...

O meu pai é fraguista hasta a médula,coma moitos emigrantes feitos a sí mesmos.Sempre consideróu o episodio de Lugo coma unha proba do carácter e da enerxía de Fraga."Quitóu a chaqueta e fixo fuxir a aqueles túzaros!".
E agora penso qué pode haber de común entre aquel xesto de Fraga e o actual do Rei ó que moita xente aplaude e "jalea" por facer calar a Chávez.

Anónimo dijo...

Para ben ou para mal, dáme a impresión de que Juan Carlos debeu actuar espontaneamente. Pola contra, o de Fraga -que cabrear, seguro que se cabreara- respondeu a cálculo; polo que dixo despois, e tamén porque botou tempo véndonos e escoitándonos. Non lembro canto, pero supoño que máis de media hora, como mínimo.

Anónimo dijo...

Era eu.

Anónimo dijo...

A min cóstame moito crer nun posible cálculo dese tipo de xestos. Descártoo plenamente no caso do Rei e tamén o descartei sempre no episodio de Fraga que aquí se comenta. Dáme a impresión de que foi o propio temperamento de Fraga quen venceu naquela ocasión sobre o necesario e ficticio aplomo. A coña foi que, fose como fose, lle saíu ben e axudou a forxar o "mito" entre o electorado de tendencias conservadoras.

Anónimo dijo...

Os tirantes que sempre luciu e que na ocasión luguesa, a chaqueta quitada, portaba, tamén lles contribuiu á xigantomaquia folclórica, sobre todo aqueles cos colores da bandeira esa das festas do corpus.

Anónimo dijo...

Entendámonos. Xa dixen que Fraga tiña traza de estar ben cabreado, e razón non lle faltaba; nunha situación coma esa, estoupar é reacción posible, probable aparenta no caso do personaxe en cuestión.

Ora ben, o caso é que ía aguantando; iso é cálculo. E nun determinado momento non aguantou máis; hai quen contextualiza ese momento, no artigo fago referencia a iso, tácita ou explicitamente: se así, tamén puido haber algo de cálculo.

Se el mesmo afirma, a posteriori, que de non facer o que fixo non podería volver dar un mitin; se aquel día de Lugo operou sobre el tal convicción, segue sendo procedente falar de cálculo. O cálculo, non se realiza sempre en frío, non sempre nun a priori distanciado en tempo e espazo. Entre os mellores calculadores -eminentemente en materia política- deben estar os que son capaces de calcular ex itinere, máis aínda experimentando presión.

O temperamento de Fraga tamén forma parte do seu mito; polo tanto, non é mentira. Polo tanto, debe ser matizado. O seu olfato e oficio político, pola contra, parécenme realidade indiscutible.

Anónimo dijo...

A referencia é luguesa, pero o tema, se cadra, non exclusivamente. Aí lles queda.