13 nov 2007


In Memoriam
Xosé Manuel Quintela
Hai menos dunha hora fun tomar café, o Café Real, como case todos os días. Alí encontreime cos amigos Secundino, de Correos e do BNG, e coa súa dona. E foron eles quen me deron a nova funesta: Xosé Manuel Quintela, militante do BNG de vello, concelleiro en Cea durante moitas lexislaturas, apareceu morto só, na súa casa de Cea, na cama, quizais a causa dun infarto.
Tiña a miña idade e queríamonos ben. Eu tíñao por amigo e creo que el a min tamén. Falabamos a cotío, sempre que nos víamos en Correos e moitas veces máis. De política, do traballo, das cousas de todos os días. Era un currante nato, habituado a bregar na política en condicións difíciles, rodeado do poder da dereita de sempre. Pero nunca se rendía. Comprendía o escepticismo que tiñamos outros, pero nunca quixo impoñer as súas ideas. Nin sequera nas asembleas do BNG, onde tantas veces quedaba en minoría.
Por riba de todo iso, que agora importa pouco, era un bo rapaz, unha boa persoa. Un home comprometido coa súa xente e co seu tempo. Por iso fun, cando menos en dúas ocasións, a apoialo na súa campaña das municipais en Cea, participando nos mitins nun bar da súa zona. Iría cantas veces mo pedise. Botareino de menos, sen dúbida, como a moitas outras persoas que antes eran parte do "humus" máis interesante da vida cidadá e hoxe son só sombras na lembranza. Na súa homenaxe vaia este debuxiño do Castelao do "Diario 1921" que, na mellor tradición barroca, nos lembra a fugacidade desta nosa andaina pola vida e o mundo.
Que a terra che sexa leve, Xosé Manuel.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

O meu pésame para a familia, amigos e compañeiros.

Anónimo dijo...

Non coñecía a este home, pero me uno igualmente ás condolencias do Apicultor e á tristeza de Marcos.

Anónimo dijo...

Eu coñecia a Quintela, o de Cea, bó como o pan. Entereime neste blog da triste nova. Lembrarémolo sempre.
Un saúdo.
Henrique Sanfiz
www.radiofusion.eu

Anónimo dijo...

Co teu permiso, reproducimos este fermoso artigo na páxina web www.radiofusion.eu, naturalmente citando a fonte.
Un saúdo.

Anónimo dijo...

Co seu permiso, vou colgar ben o enlace para que todos o poidamos ler directamente dende aquí.

www.radiofusion.eu

(Un saúdo, amigo Sanfiz, eu coñecino a vostede hai moito tempo)

Anónimo dijo...

Algo debe pasar co enlace, que non entra.

Anónimo dijo...

Que ten a morte madrugadora e intempestiva que se empeña en levar sempre aos mellores. Me cago no carallo, puta morte.
O Quintela era moi boa xente.
Coñecíao,sempre tiña un sorriso agradable posto na cara porque lle saía da alma.
Queríano ben na aldea e aquí.
Boa xente, moi boa xente.

Anónimo dijo...

Hai caras familiares, ou coñecidas de algo, para as que un nunca tivo nome. Algún día igual desaparecen sen que un se dea conta, e ao mellor retornan como sombra ou interrogante.

É moi posible que unha delas correspondese ao Quintela de Cea. En paz estea, en todo caso.

Anónimo dijo...

Non sei se o coñecía ou non porque coñezo a moita xente da que non sei o nome. Únome a todos os que o botarán en falta.

Anónimo dijo...

No enlace de Apicultor está a foto.A mín sóame a cara pero non o trataba.De tódolos xeitos,as miñas condolenzas a familiares e amigos.

Anónimo dijo...

No político Quintela foi un home con opinión propia, unhas veces maioritaria e outras minoritaria pero sempre honesta, no persoal coincido en que era un home moi amable Unha gran perda para o BNG e para os seus.

Unha compañeira

Anónimo dijo...

Lamento a morte de Quintela, conciliador e campechano, un dos nosos.