12 nov 2007


A MALA SORTE DE GALICIA
La Región 12 novembro (Na foto, Otero Pedrayo, Carlos Maside e Cunqueiro)

Mala sorte. “Galicia ten mala sorte medioambiental” dicía esoutro día nunha entrevista Joaquín Araújo. E non se refería as condicións biolóxicas do país, un auténtico paraíso, como nos contou na súa conferencia: as súas rías, serras, fragas e illas. Referíase ó desmantelamento dese paraíso, ó urbanismo sen planificación, ós desastres ecolóxicos e a inoperancia de moitos políticos. Ante o desleixo de boa parte da poboación galega. Galicia perdeu nos 70 últimos anos un total de oitocentas mil familias que vivían no agro e do agro: con eles foise unha cultura milenaria que algúns alcumaron como atraso e miseria. Esa é unha das razóns, sen dúbida, dese desleixo: vivimos nun país desconcertado, sen referentes, que ignora as súas raíces, subsumido nunha realidade de ignorantes novos ricos.
25 anos. Vintecinco anos cumpren as viñetas de O Carrabouxo e vintecinco anos cumpre o Outono Fotográfico de Ourense. Noraboa a Xosé Lois e a Benito, dous dos esteos máis valiosos da vida cultural ourensá. Dúas mostras tamén do que se pode facer con intelixencia e boa vontade, sen precisar sequera de grandes infraestruturas. Nunha ocasión veu a Auria o responsable dunha das entidades culturais máis potentes de España, cunha Caixa por tras: cando coñeceu o labor do Outono Fotográfico, díxolle a Benito Losada: “Dende logo, debedes ter un gran equipo e bos orzamentos para facer todo isto”. Benito respondeulle cun sorriso, deixando que aquel home de acento catalán crese que detrás do Outono había unha gran infraestrutura que, na realidade, repousa case ó cen por cen no protagonista da anécdota.
40 anos. E corenta anos cumpriu a Auriense, fundada o 11 de novembro de 1967. Celebrouse cun sinxelo acto na Praza do Correxedor e coa participación de tres responsables de diferentes épocas: Nemesio Barxa, Xosé Lois González e Montse Gómez. Un acto sinxelo pero efectivo. Mágoa que non estivesen presentes moitos dos directivos da primeira época que viven en Ourense como Xosé Lino Vázquez Monxardín ou Carlos Guitián. Conta a Auriense cunha longa historia, aínda por estudar con detalle, na que houbo voces plurais. Entre as primeiras voces estiveron Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Blanco Amor. O acto rematou cunha ofrenda floral a don Ramón, na escultura de Buciños que preside a praza: eu poñería ós seus pés a bandeira galega, a que sempre respectou Otero, que envolveu o seu cadaleito, e non unha bandeira dun partido, creado nos últimos meses da vida do mestre.
Por fin. Ó Partido Popular parécelle cedo. Non había presa por eliminar os últimos nomes franquistas do rueiro,din. Pero, señores, levamos 30 anos de democracia! Teñen algún problemas cos nomes de Santa Eufemia, a Concordia e Ribeira de Canedo? Pois logo! Noraboa á maioría municipal do PSdG e do BNG na súa proposta, aprobada no último pleno. Tardía, pero chegou ó fin. Por recuperar o sentidiño.

45 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

RÚAS DE OURENSE:
Polo que teño entendido nos nomes tivo algo que ver A.Monxardín. Cando menos en Santa Eufemia e Ribeira de Canedo. Paseando esoutro día por Ourense, coincidíamos varios coa apreciación de Ramón Villares: Sta. Eufemia debería chamarse LARGO DE SANTA EUFEMIA. É evidente a súa fasquía portuguesa, coa fachada barroca ó fondo. Pero creo que non hai tradición de LARGOS no noso país: que me corrixa quen saiba máis ca min, que non será difícil..

Anónimo dijo...

Tería eu interese particular por coñecer a antigüidade do termo "largo", como sinónimo de "praza", en portugués. Non encontro referencia ao respecto nas gramáticas históricas das que dispoño. No uso como adxectivo di Machado:

"...Séc. XIV: "a pena do homem é muy angosta pera a vida e he muy largua para a mesquindade", OdE., fl. 77, coluna 2, mas deve ser mais ant., pois alargar aparece en 1294: "...so tal condiçan. que delas Casas dos pesos atáá o canto de mhas fferrarias alargarem contra o mar duas bracas. fundar sse per hy o muro", em Desc., I, S., p. 18".

Curiosamente, nos Cancioneiros -con mecanismo de procura electrónica- non encontro ningún testemuño de "largo, larga, largos, largas" nin de "alargar"; só un caso de "largueza", voz con clara connotación no ámbito feudal-cortés, e en tal sentido seguramente chegada desde o occitano "largessa" ou o francés "largesse". Con todo, na cantiga de Johan Baveca que contén tal testemuño o termo parece levar dobre sentido, ao tempo feudal ("xenerosidade") e común ("amplitude"):

Don Bernaldo, pesa-me que tragedes
mal aguadeir' e esse balandrao;
e aqui dura muit' o tempo mao,
e vós en esto mentes non metedes;
e conselho-vos que catedes al
qu' en cobrades, ca esse non é tal
que vos vós sô el muito non molhedes.

E quen vos pois vir la saia molhada,
ben lheu terrá que é con escasseza,
e en vós ouve sempre gran largueza;
e pois aqui vee-la invernada,
maravilha será, se vos guardar
un dia de poderdes-vos molhar
só Ûa mui boa capa dobrada.

E Don Bernaldo, vel en esta guerra,
de quanto vo-lo vosso ome ar mete
aved' ũa capa ou un capeirete,
pero capa nunca s' a vós ben serra;
ar queredes-vos vós crás acolher
e cavalgar, e non pode seer
que vos non molhedes en essa terra.


Por certo que eu tamén boto de menos non saber como pór cursivas e negras no choio este.

Anónimo dijo...

Tamén o hai en italiano, por exemplo o caótico Largo di Torre Argentina en Roma, onde está unha das librerías da Feltrinelli.

Anónimo dijo...

E agora recordo en Cagliari un Largo Carlo Felice, unha praza encantadora que se abría en forma de avenida e baixaba coma unha rambla cara ao mar.

Anónimo dijo...

Largo é ancho en italiano. Polo que aventuro que se trata dunha vía máis ampla do habitual, pero a verdade é que non sei moito de urbanismo.

Anónimo dijo...

"Largo" tamén é "amplo" en portugués; tamén o galego normativo o admite e o castelán coñeceu tal sentido ata o século XV, segundo indica Corominas e recolle Segura Munguía. Dado que o latín non parece rexistralo en principio -consonte a lexicografía que manexo- suponse que o sentido que aquí referimos sería extensión particular de "copioso, xeneroso". Aparenta que esta puido producirse xa en latín vulgar, dado que está presente non só en ámbito hispanorrománico (véxase, con todo, o catalán "llarg": "longo"; "largo": "ample") senón tamén en Italia.

A dúbida é de Historia da Lingua: cando se habilita "largo" como substantivo de aplicación topográfica? Puido ser empréstimo (no sentido que fose) luso/italiano? Vén xa a acepción do latín vulgar? Ou evolución paralela con mutua ignorancia?

Anónimo dijo...

Os seus desexos son ordes para min, Saavedra.

Velaí vai como se poñen cursiva e negrita. É ben sinxelo: o procedemento é análogo ao de poñer os enlaces.

Poñer cursivas ou itálicas:

1)teclee o ángulo de apertura < seguido da letra i e ángulo de peche.
2) escriba a palabra que queira poñer en cursiva.
3) teclee o ángulo de apertura < seguido da barra /, letra i e ángulo de peche.

Para poñer grosas é o mesmo procedemento substituíndo a letra i (de italic) pola letra b (de bold).

A mandar, Saavedra.

Anónimo dijo...

Moitísimas grazas, Apicultor.

Anónimo dijo...

Da información que dá, Valcárcel, colixo que ao pé da estatua de Otero puxeron a bandeira galega coa típica estreliña vermella, non?

Se é así, que falta de estilo, que falta de respecto, que badocada!

Anónimo dijo...

Eu creo que o de Largo de santa Eufemia debería ser obrigatorio, despois do que se di neste post e sobre todo porque dese xeito queda inaugurada unha nova forma de nomear as rúas (amplas, por suposto, con querencia a praza) deste país. Eu fago xa desde aquí a miña humildísima proposta.

Anónimo dijo...

A min sempre me fascinou esa denominación: Largo do Carme, etcétera. Súmome á proposta de Arume.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois si, Apicultor, puxeron a bandeira coa estrela vermella e iso é habitual neste tipo de actos. Pensei que nesta ocasión había que comentalo. A min pode parecerme ben que houbese bandeiras coa estrela nos arredores, pero non na ofrenda: esa non foi a bandeira de Otero, entre outras cousas porque se creou só meses antes de morrer don Ramón (e por outras cousas). E, ademais, nun acto formal e protocolario e tamén simbólico como este, convén gardar as formas. Podería, por exemplo, nun acto oficial, no Parlamento ou no concello, poñer unha bandeira dun partido, o que fose? Que diría o BNG neses casos?
Creo que xa vai sendo hora, tamén para o Bloque, de distinguir entre a bandeira dun partido e a bandeira nacional. E, se non, que planteen a reforma da Lei de Símbolos de Galicia.

Anónimo dijo...

As sinécdoques políticas (tomar a parte polo todo) nunca foron boa cousa, e a longo prazo ademais nunca dan resultado, a deus grazas.

A crúa réplica dos feitos ven sempre a dicir que es unha parte, pero que tamén hai outras partes. E que, xuntas ou revoltas, forman o todo.

Anónimo dijo...

Largo como lugar onde unha rúa medra ao ancho sen chegar a praza está aínda vivo como nome na zona de Entrimo (escoitado nantronte dunha falante galega. O feito de "arranianidade" non conta, coida eu). É nome moi axeitado que cumpria recuperar para moitos "largos" de Ourense cidade...
Ons

Anónimo dijo...

Pois creo que é mellor chamarlle "Praza".
Xa me gustaría "Largo" a min, (tan filoportugués como pouco lusista) pero creo máis difícil introducilo... a parte dos memos que axiña traducirían "Longo de Santa Eufemia".
As praciñas de ourense, como a todos os sitos son "eirós" e "eirociños".
Creo que mañá deberá saír un artigo meu en La Región explicando a orixe e evolción dos nomes neses tres espazos.
Praza é o menos problemático.
E dentro doutros tres ou catro, outro sobre o acto da auriense onde meu pai, por certo, expresidente, non foi invitado.

Xaime dijo...

Pensando na cuestión posta riba da mesa, preguntei se largo era posible concebilo como praza, ou similar e chego a conclusión que no meu entorno nos hai restos dese significado.
Miña nai coméntame que en Outeiro de Rei, Lugo, os lugares, cháns, outos e distantes das casas, chámaselle ALARGOS.

Anónimo dijo...

Razóns poderosas de métrica e aliteración aconsellan
Largo de santa Eufemia. O de praza acumula moitos "as", aínda que os dous como heptasílabos non teñen prezo.

Anónimo dijo...

Non considero que a galega con estrela sexa bandeira dun partido, aínda que só sexa porque máis dun a usa e reivindica; é unha bandeira tendencial. En tal sentido, a Auriense ten o dereito de asumila, usala e presentala nas súas ofrendas; aínda que a Otero, desde logo, pouca graza lle faría o símbolo das cinco puntas.

Estiven dúas veces en actos da Auriense. Un, polo ano 77 ou 78, nun concerto do Movemento Popular da Canción Galega que se debera desenvolver no salón de actos dun colexio; outro, cando a inauguración do local na Praciña do Correxedor. Nun deles -non lembro- sentín falar un home que podía ser Lino Monxardín. Era notoriamente clásico en oratoria e galeguismo, cousa que non gorentaba algún que paraba ao meu carón; conveniente, así e todo, debíalles resultar, xa que o tiñan.

Seguramente o acto era de acceso libre, estaba publicitado e púidose botar conta de que o que quixese asistir, podía. Con todo, aparenta lamentable que non existise expreso convite para ex-presidentes xa vellos de executoria e probablemente tamén en idade; resulta feo ata lelo. Tamén se volve estraño -aínda sendo lexítimo- que unha asociación cultural de tanto avoengo, e presumible vocación de apertura, escolla símbolos tan marcadamente tendenciais; non parece moi dos tempos.

Anónimo dijo...

No tramo de Autopista próximo a Oporto están sinalizadas estes días "obras de ALARGAMENTO"

Anónimo dijo...

Polo que dí a prensa a rúa "Santa Eufemia" xa existe no rueiro ourensán.
A mín o de "rúa da concordia" tampouco me gosta un carallo.Paréceme un deses nomes eufemísticos estilo Orwell.Preferéría recuperar nomes históricos e sen carga política.

Anónimo dijo...

Estamos sempre nas mesmas, Saavedra.

Claro que a Auriense "ten dereito" a usar esa "bandeira tendencial" (xa estivo fino na definición, eh) porque non hai ningunha lei que o prohiba. Faltaría máis, digo eu.

Do que se trata é de que non é eticamente de recibo aproveitar a ocasión para patrimonializar politicamente a celebración dun aniversario e a un personaxe como Otero.

No canto de unir á cidadanía, desune tal feito. No canto de convocar ao maior número de xente, desconvócaa.

E todo por esa vella, absurda, ridícula e contraproducente teima que aínda seguen tendo moitos nacionalistas de querer acaparalo todo vorazmente: só saben facer como o Monstro das Galletas de Barrio Sésamo: miña, miña, miña, ... ñam, ñam, ñam!

Á final, nin acto lucido nin galletas para ninguén. Ese é o resultado.

Anónimo dijo...

Bén usadas as "bastardillas" (tamén se chaman así,non? rexistrábanse así no pasado os nomes dos fillos bastardos).
Non acaban de caer da burra de que ese tipo de "patrimonializaciós do que debería ser inpatrimonializable" cóstalles ún alto prezo.En moitos aspectos,entre eles votos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Xósé M. González: supoño que o acto da Auriense estaría convocado, pero non sei por qué medios. Consta que na prensa non saiu nada. Quizais mandaron tarxetas de convite pero non se sabe con qué criterios. Cónstame ademais que Xosé Lino Vázquez Monxardín non foi convidado. A min, con todo, si que me chamaron por tf. e mesmo me pediron que confirmase a miña asistencia. Con todo tamén, a asistencia non foi demasiado numerosa e reducida a un núcleo de militantes do BNG do sector máis xuvenil (dos históricos só vimos a Berto Tabarés e Antón Rivero, non sei se había máis; cargos políticos, conselleiros, dir. xerais e todos os que saen en todas as fotos, creo que ningún. Non debía ser tema prioritario).

Anónimo dijo...

Desculpe, Apicultor, observación que de ningún modo pretende ser ofensiva: ás veces teño a impresión de que certos escritos meus non os le -ou presta atención- ata o final.

Reitero que a Auriense ten dereito a usar como propios os símbolos que considere oportunos; non é dereito legal, senón ético. Se a súa directiva e maioría de asociados así o resolve, espectadores e cidadáns poderán criticárllelo ou afastarse; tamén recoñecer o seu dereito e plena capacidade, non vexo que criterio poida oporse en lóxica democrática.

Por iso non entendo, en absoluto, o de patrimonializar politicamente a celebración do aniversario, xustamente, da institución que hipoteticamente asumiría o símbolo que utiliza: falando en prata, sería a propia Auriense quen escollería a bandeira con estrela, non o BNG (o grupo fundamental, xaora, da tendencia que reclama como propia tal bandeira); tampouco non patrimonializa a Otero -á marxe: ¿como podería, tal cousa, resultar posible?- se lle ofrece os seus respectos co seu propio símbolo; cada un dá o que ten.

Acepto, con todo, que puido ferirse algunha sensibilidade, ao mellor historicamente vinculada á Auriense, que non se identifica coa mencionada bandeira. Pero sobre todo, Apicultor, sobre todo e lamento ter que repetir unha vez máis o que digo para que sexa acusado o seu recibo, que eu non defendín o uso da bandeira. Non vexo que de ningún modo poida ser así entendida a pasaxe que reitero, unha vez máis e aínda sen desalento:

Tamén se volve estraño -aínda sendo lexítimo- que unha asociación cultural de tanto avoengo, e presumible vocación de apertura, escolla símbolos tan marcadamente tendenciais; non parece moi dos tempos.

Non o fai, que eu saiba e por exemplo, o Clube Cultural Valle-Inclán na cidade de onde escribo.

Anónimo dijo...

Marcos: tanto máis lamentable aínda. O perfil do acto que trasladas incide nunha lastimosísima marxinalidade da que, espero, alguén tomaría algunha nota.

Marcos Valcárcel López dijo...

Nesa marxinalidade queda hoxe a memoria da Auriense. Hai uns anos, como solución legal e económica, a Auriense converteuse no Café Cultural Auriense: dende aquela, polo que eu sei, a programación, boa ou mala, depende só dese Café e dos seus promotores. Hai uns anos tamén houbo unha nova directiva, creo que presidida por Millán Picouto, na que se organizaron actos durante unha breve tempada: eu formei parte desa directiva (breve, logo deixeino por desánimo) e daquela planificamos uns cantos actos. Pero non observei o máis mínimo interese por outra parte: parecía que aquilo era un engorro a resolver en "notas a pé de páxina" dalgunha xunta do BNG. E do BNG seguían vindo as indicacións de actuación, cando todos os da directiva eramos maiores de idade. Deixeino por cansanzo e falta de resultados e foi pouco despois que empecei a colaborar co Liceo, que hoxe organiza moitos actos na liña do que tradicionalmente fixo, noutros tempos, a Auriense. Datos todos contextuais sobre todo para os que non residan en Ourense.

Anónimo dijo...

Que tan augusta agrupación cultural como a Auriense rematase, por notorio e culpuso desinterese, convertida nun cutre bar de copas é algo certamente lastimoso.

Quizais sexa unha metáfora de algo...

Anónimo dijo...

Para os interesados no intercambio léxico-filolóxico de máis arriba: Xosé Miranda faime lembrar que, polo menos en terra lucense, existe o substantivo e concepto do alargo: dentro dunha finca ou terreo, porción de terra procedente de ampliación; non sei como me vén á cabeza que o verbo alargar no galego oral e popular, entre outros tamén debe ter ese sentido, se cadra enmascarado polos que asumiu por castelanismo semántico.

Anónimo dijo...

Pero non atopo eu a diferencia co significado que ten en español. Non vexo, pois, enmascaramento.

Anónimo dijo...

A ver, logo, se me dou explicado.

En galego, o adxectivo largo, con sentido de lonxitude, é un castelanismo substitutivo do xenuíno longo. Son tamén castelanismos as outras palabras da mesma familia, tal alargar ou alargador.

Largo, no sentido de amplo é termo patrimonial galego; a irrupción e presión do devandito castelanismo (que, obviamente, é fundamentalmente semántico) difumina ata a mesma eliminación o valor primitivo do termo. Se algún dos seus valores, contextualmente, permanece, pode facelo en forma patente ou enmascarado.

O exemplo proposto, alargar, como referencia de lonxitude (o significado que ten en español) acusa interferencia semántica; segundo a miña percepción, en certos contextos expresivos ten valor de amplitude, e sería permanencia do valor primitivo e xenuíno. Pola relativa cercanía dos conceptos lonxitude/largura, o segundo -sobre todo se foi minorizado- pode sufrir un certo enmascaramento.

Non sei se me explicaría. Por certo, acabo de lembrar outro termo no que -contextualmente tamén, polo menos- se conserva o senso de amplitude: largacío.

Anónimo dijo...

En español, tamén existe a acepción de ensanchar ou ampliar. Non ten só valor de lonxitude senón de amplitude tamén. A segunda acepción da RAE: "Dar mayor extensión a algo, dilatarlo, ensancharlo". E a verdade é que resulta acepción ben moderna, porque ata o DRAE de 1992 non se atopa esta definición concreta: ha ser galeguismo semántico?

Anónimo dijo...

LARGO, h. 1140. Del lat. LARGUS 'abundante, considerable', 'liberal, generoso'. Significó 'abundante', 'generoso', 'ancho', hasta el S. XV, en que aparece por primera vez el sentido moderno (antes expresado por luengo, lat. LONGUS).

Corominas. Sírvase.

Por certo: na mesma entrada, entre os termos derivados indica

Largar 'soltar, aflojar', h. 1440 (deriv. del sentido antiguo de largo).

Anónimo dijo...

Completo o anterior.

Escuso dicilo: largar é termo ben común no galego do mar. O ilustre Joan aclara o sentido.

Anónimo dijo...

Arume, tería eu interese particular en algo. Ten idea de se largo, como praza, é termo xeralmente implantado ao longo de Italia? Ou terá orixe, carácter, máis ben dialectal?

Achega vde. máis arriba un testemuño romano e outro de Sardeña. Ten coñecemento de máis?

Intrígame un pouco a localización exclusiva aló e mais en Portugal; de non confirmar o alargo galego posible presenza aquí: unha simple aférese solucionaría a cuestión fonética.

Anónimo dijo...

Hai infinidade. Está moi extendido. En case todo o país, que eu saiba. En Ferrara (Emilia ROmagna) había un Largo Castello, xusto enfrente do Castello Estense, un pequeno tramo dunha longa avenida, pero recibía ese nome só nesa pequena parte contigua ao castelo. En Sirmione, no lago di Garda (entre Lombardía e o Véneto), o Largo Goethe ao lado tamén do castelo. En Cortona (Toscana, perto da Umbria), o Largo Beato Angelico, no único sitio tal vez onde se amplía a rúa e onde, por certo, se reúnen as xentes desta felicísima parte da Italia. Haberá máis pero estes saqueinos dos mapas que conservo na miña casa. E, con grande dor do meu corazón ao lembrar especialmente este último, desde onde se alcanza en días claros o lago Trasimeno. Sniff.

Anónimo dijo...

Acompáñoo no sentimento, Arume. Nomeou vostede un par de sitios, Ferrara e Sirmione, que avivan en min o remol das lembranzas. ¿Nunca lle contei que botei unha moza en Ferrara? Tiña o pelo trigueño, vestía como unha aristócrata punki, andaba en bicicleta, traballaba no Palazzo Schifanoia e era especialista, como non, en Francesco del Cossa. Vaia este sentido Sniffff... na súa lembranza.

Anónimo dijo...

Ai! ese "panteón familiar dos meus pecados xuvenís", que diría Georg Christoph Lichtenberg (Aforismos: 1157).

Anónimo dijo...

A interpretación semántica sobre a orixe de largo ("lugar onde se amplía a rúa"), que vde. xa fixera máis arriba, ten verosimilitude clara. Se vale tamén para o termo aquí, sería evolución paralela. Non encontro indicio de empréstimo, aínda que quen sabe.

Anónimo dijo...

Eu teño a sospeita de que esa ampliación de rúa se debe a unha parte de finca cedida á rúa, porque moitas delas están vencelladas a edificios. Véxase o Largo da Graça, os largos de Villa nonseiqué de Italia ou os mesmos largos de estaçao que hai en Portugal.
Mira que non lle demos voltas a este asunto. E sen ter p- idea.

Anónimo dijo...

E logo como traballa a miúdo a filoloxía, Arume? É interrogación retórica, claro, como o seu último aserto.

Fíxese nun detalle: o sentido de alargo, exposto máis arriba, coincide en gran medida coa sospeita que vde. enuncia agora, mudando rural por urbano. E aínda así, o espazo galego-portugués (valla agora, por procedente, o conglomerado) está nun extremo; e o italiano, case no outro.

Marcos Valcárcel López dijo...

Con todo o que se escribiu aquí nestes días hai material máis que de sobra para facer unha excelente monografía sobre o tema do LARGO nas linguas románicas. Anímense os lingüistas, Xosé M. por exemplo...

Anónimo dijo...

Home, de filoloxía fíxenlles algo, pero de fincas, prolongacións e urbanismo, en fin, xa lle digo que rien de rien. Por iso creo que un arquitecto que lea estas páxinas poderá ilustrarnos do concepto largo con estes sentidos.
É máis: empezo a supoñer (outra vez ao chou) que se trata de expresión do século XVIII ou XIX, cando valados ou murallas foron minguando en pos duns novos trazados. Pero xa digo: que un arquitecto nos axude.

Anónimo dijo...

Volve ter xeito a súa estimación temporal -coincidente con certa sospeita miña-, dado que con respecto ao portugués non encontro referencia máis vella cá que vde. indica. Así e todo, ¿por que, en exclusiva e no seu caso, en cadanseu extremo do arco románico? Cal a antigüidade e relación do galego e rural alargo?

Anónimo dijo...

Sen esquecermos do romanés que aínda fica máis lonxe para a outra pata da ponte románica, teriamos que preguntarlle a Tavani ou, no seu defecto, a Tabucchi, pero non sei se len este blog.

Anónimo dijo...

Xa estaba no do romanés, pero ben se sabe que é illa. Tabucchi non ha saber diso, supoño. Aínda Tavani...