12 nov 2007


en poleiro alleo
"Luces da estatística", de Víctor Freixanes (LVG 12 nov.). Sobre os consumos culturais dos galegos e as prioridades dunha política cultural.
A conselleira Ánxela Bugallo ten razón cando di que hai moito camiño por andar. Mais tamén debemos ser xustos con nós mesmos e saber de onde viñamos, dende que lugar partimos para superar o atraso. Os índices medios de lectura en Galicia andan arredor do 52% da poboación, que se considera lectora, segundo a Federación do Gremio de Editores de España. En Portugal, con metodoloxía e parámetros semellantes, a porcentaxe non chega ao 50% (Ac Nielsen). A media europea anda próxima ao 59%, segundo se contemple poboación maior de 10 anos ou de 14 anos.
O que nos debe preocupar e cómo e onde establecer prioridades para avanzar na mellora destes parámetros: dotación de bibliotecas, profesionais e fondos bibliotecarios (Vigo segue estando deixada de todas as Administracións); profundizar nas iniciativas de base (clubes de lectura), formación específica de animadores e educadores, apoio a iniciativas de risco, compromiso dos medios públicos de comunicación? A recente Lei do Libro e o Plan da Lectura deberían abrir portelos para a esperanza, se se concretan os recursos e se manteñen no tempo as actuacións.
(Recoméndolles tamén o artigo de Ramón Loureiro hoxe na Voz, sobre o cadro de Goya, Can enterrado na area. Non o encontro en Internet para poñer a ligazón)

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Quero entender que os índices de lectura se establecen de libros, non doutras formas posibles. Porque os lectores de blogs, diarios dixitais, messengers, páxinas web, xornais gratuítos tamén contan, ou non?
Ten o libro, tal e como se adoita a concebir, os días contados?

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu pensei o mesmo: non sei se nese estudo hai algún dato sobre blogs e redes. Hoxe lemos de moitas maneiras, non só libros. E hai moitos tipos de pantallas: vexan como EL PAÍS cambiou o titulo das páxinas de TV por "Pantallas".

Anónimo dijo...

Co nacionalismo dirixindo varias consellerias, agardábanse e agárdanse cambios en profundidade, dirixidos a cambiar o pais ao menos no aspecto cultural. Pero non está a ocurrir así. Un cambio en profundidade só é posibel, se os politicos se tomasen en serio como galegos, e trasmitisen a autoestima, pero esto, so é posibel con resultados tanxibeis.
"profundizar nas iniciativas de base, o compromiso dos medios públicos de comunicación, e o apoio as iniciativas de risco" son elementos estructurais dunha dirección escelentemente apuntada por Victor F. Freixanes que dinamizaría con obxectivos claros aos axentes culturais da administración. Poderían comenzar polos clubs de lectura... polo asociacionismo cultural de base, que non o deben de esquecer os nacionalistas, é de onde veñen, e onde se articulou unha alternativa nacionalista chamada a ampliarse e a implicar todas as capas da pobación susceptibeis de consumo cultural.

Anónimo dijo...

Cambiar hábitos de lectura é cuestión de anos e anos, estou por dicir que de séculos. Paréceme excesivo pedirlle á señora Bugallo que sexa capaz de facer que os galegos lean máis en dous anos á fronte da Consellería. Aínda máis: creo que a batalla pola lectura ten máis posibilidades de ser dada con eficacia dende Educación que dende Cultura. Así e todo, eu creo que é unha batalla practicamente perdida. Unha batalla á que chegamos tarde e mal armados. Aquí e en toda España, agás Madrid e Cataluña.