Primeiros anacos do libro de Suso de Toro sobre Zapatero
Publícaos hoxe Faro de Vigo, xunto cunha entrevista co autor. (Foto EFE)
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
66 comentarios:
É que ninguén se interesa pola nova obra do Suso de Toro?
Propoño que Swann, admirador do autor, a comente.
Suso de Toro... as novelas son moi boas (e dígoo sen ironía). Agora tócalle a vostede.
Das que eu lle lin, están ben... para pasar uns momentos.
De Toro exerceu de conselleiro áulico in pectore de Camilo; agora expectora con Zapatero. Por fin se realizou. Regis Debray da Francia de Mitterand, Pemán da España de Franco (anque leal a D. Juan), Rubert de Ventós de Maragall, González Tosar de Fraga...cada país (e cada presidente)ten o conselleiro áulico que se merece.
Home, pois a min, se están todos contentos, non me parece mal.
Suso de Toro: "Hai un ano e medio que publiquei Home sen nome, unha novela na que botei o resto, traballei con toda a forza da que fun quen, implicado literaria e humanamente ao máximo: aínda hoxe non sei que significa o libro para iso que chaman sistema literario galego, a literatura galega. Non sei se a miña obra é insignificante ou foi lida con atención, se dura. Polo tanto, como escritor, un sistema literario que non recibe a miña obra, que non sei como nin de que xeito a recibe, para min non existe, é unha carallada. Fago as cousas que coido que debo facer, coa mesma motivación ética e cívica que tiña aos 14 anos."
Ten razón Apicultor. O importante é estarmos todos contentos. A min tampouco me parece mal.
Eu, de novo, tentei ser conselleiro aúlico e acabei, pagándolle as copas e levándoo a casa cagalla.
Hein?
Esa cita de Suso de Toro é abondo ilustrativa da ansiedade estrutural que padecen algúns escritores galegos: publican unha novela e, tan só ao ano e medio, xa queren saber que lugar van ocupar na historia da literatura galega. E como non lle responden a ese interrogante, mosquéanse co mundo.
O SLG é, en efecto, cousa fráxil e delicada; con todo, non é único en rexistrar volubilidade, acaso ou mudanza na recepción. Vexo o Suso de Toro un tanto inestable, ignoro se enfadado ou perplexo ante un acollemento, para "Home sen nome", por debaixo da súa expectativa. Se por un acaso le ocasionalmente este blog, ou ten quen llo diga, pediríalle eu aceptar humilde consello: paciencia.
Pode que "Home sen nome" ande algo frouxo de venda, ignóroo; se cadra ten menor saída nos institutos ca algún irmán máis vello. Pero non carece de recepción nin de comento: busque en blogs, que algo atopará, e algún outro ámbito.
Ora ben: sexa cal for o resultado, seguramente verá que está por baixo do acadado por "Trece badaladas" ou "Españois todos"; conclúa entón que manter aquel nivel de aceptación e expectación non é doado. Non realice, caso de tentación, comparanza implícita e ociosa a partir do probable e predicible éxito da última entrega no mercado español: primeiro, porque non terá lóxica proporcionada; segundo, en previsión doutro chasco futuro que non lle desexo.
En fin, avatares, supoño, de vivir da escrita, a reacción social e movementos do mercado. Compárense certas dúbidas existenciais coa solidez dun autor coma Darío Xohán Cabana, que sabe permanentemente e ben onde está; é certo, gañando o pan noutro sitio escribe, coma Pondal, por deber e pracer: o que sente como obriga e -segundo igual dicía el- porque o pasa de puta madre. A cultura galega e escrita contemporánea ten con el máis dunha débeda estrutural; curioso, ou quizá significativo, que aquí non merecese máis ca dous comentariños: excesivamente estraño?
Falou ben, Saavedra, falou ben e con xeito.
E por que, amigo Saavedra, Cabana non é quen de despegar? Unha excesiva modestia, apura vostede no seu comentario? Un prurito ideolóxico? Unha marxinación? Por que?
Non se pode queixar Suso de Toro. Publícanlle todo, non só en Galicia senón tamén fóra. Este último ano publicou "Home sen nome" e disque pasou desapercida. O certo é que fíxolle algo de competencia a novela do seu colega, de tema parecido.
A Suso de Toro gústalle facer strip-tease literario, ou sexa, falar moito de si mesmo, da súa obra. Faino en canta entrevista, conferencia, debate, proto-blog ou libro de ensaio literario publica. Unha vez hai anos, asistín a unha conferencia súa e estivo todo o tempo léndonos cousas moi persoais, sacadas dun diario, totalmente autoreferenciais. As refrencias íntimas chegaban a ser un pouco embarazosas. E iso que levaba os lentes postos (aínda).
Basicamente a idea que se repite é: "En Galicia os críticos non me entenden, non me fan recensións, o periódico da miña cidade non me saca, e non sei por que non lisco de Gaiicia. E tamén: "Sempre estiven cos perdedores, no lado incómodo".
É certo que o seu último libro de conversas pasou inadvertido, penso que por falta de promoción do editor correspondente.
Pero que non se queixe. Promocionado foi máis promocionado que ninguén, xa desde os anos oitenta.
Algúns dos valores positivos das súas novelas son os seguintes:
- un dos primeiros autores a tempo completo da literatura galega. Algúns aquí pregútanse por que Darío Xohán Cabana e outros aínda non deron a súa xusta medida. Velaí teñen a resposta. E o mesmo poderiamos dicir de Xabier Alcalá, ou de Bieito Iglesias. Aínda teñen que escribir as súas obras mestras.
- foi un pioneiro do realismo suxo, urbano, de ambientes marxinais. Incorporou tamén un tipo de humor que era tabú na literatura galega.
- nas novelas o interesante son as imaxes, as situacións e os personaxes (sobre todo Nano). "A sombra cazadora" sorprendeume moi positivamente. Penso que é a única novela de ciencia ficción galega. Tivo a mala sorte de aparecer nunha colección xuvenil así que a crítica deulle as costas.
- dos poucos autores galegos que incorporan escenas, ambientes, historias de misterio. Por exemplo: "Non volvas" A idea aquí é moi interesante, aínda que logo perde forza. En "Trece badaladas" a historia engancha ao lector, e iso é o mínimo que se lle pode pedir a unha novela, aínda que despois duns meses xa nos esquezamos da historia que nos contaba.
Outros aspectos non son tan positivos.
- Nalgunhas das súas novelas hai, por así dicilo, moita verborrea sen fundamento (e non só nas obras construídas a través de monólogos). - Tamén hai unha excesiva zaramallada de recheo de tipo narrativo, na que se recrean os personaxes: que se colleu un vaso, que se o encheu até a metade, que se o levou á boca, que se bebeu a modo... O nuveau roman xa pasou á historia. Falta concisión, elipse. A "Calzados Lola" sóbranlle a metade das páxinas.
Outras obras como "Círulo" teñen escenas moi interesantes, pero o todo non fai unha novela.
Cadaquén fai o que quere e/ou o que pode coa súas opinións e actuacións políticas. A min interésame máis o Suso de Toro narrador e ensaista. E voulles dicir unha cousa para rematar: gustaríame que algún dos autores que aquí citei, que están entre os meus favoritos, escribise A (con maiúscula) novela galega.
O compendio do Swann será discutible, pero é ben útil, e seríao para o mesmo autor se, reitero, lese isto. Onte pola noite escoitei unha parte do coloquio que o de Toro mantivo, na tertulia do Tino Santiago, con Vence, Sarille e Guillermo Hernández (o que foi deputado do PSOE); ía ben interesante e o narrador-cronista navegaba ben, con soltura, sendo capaz de distanciar o seu personaxe -Zapatero- ao tempo que manifestaba admiración. Sarille dixo se publicando o libro pouco antes das eleccións non estaba a facer propaganda, de cortesano; dixo el, lamentando que por avatares da elaboración non saíse antes, que en efecto ía ser propaganda, pero rexeitou o de cortesano: "partisano", reclamouse.
Darío... É máis relevante no sistema có de Toro e outros, digo eu, dos que máis venden. Ora ben, sempre debeu asumir que non ía dar vivido da escrita, pois procede dunha xeración (os chamados "Novísimos") que chegando nos últimos sesenta nin sequera tiñan visión razoable dun galego lingua oficial. A perspectiva dun combatente que segue o ronsel dos que ergueron (ou "crearon") unha literatura galega a puro collón, e é tamén expresión súa que me permitirá, supoño, reproducir sen receo.
Ouso dicir que arestora (acaba de acadar a praza de encargado de edicións no Concello de Lugo) Darío séntese na mellor e máis satisfactoria situación profesional en moitísimos anos; pero segue sen poder vivir totalmente da propia escrita.
Darío vende ben, estou razoablemente convencido. Nese aspecto, a súa recepción é boa, pero -ou moito me confundo, e é posible- non adoita suscitar paralelo interese canto a análise e debate especializado. En moitísima medida é un clásico, eis unha boa parte da súa achega á cultura escrita: traduciu a Commedia, a Vita Nuova, os duecentistas, Petrarca, anda cos trobadores occitanos; experimentou numerosas formas e fórmulas poéticas, escribiu grande cantidade de sonetos; especulou narrativamente sobre Don García; prolongou entre nós a materia de Bretaña; fixo urbs, fixo rus, poesía hermético-intimista, socialpatriótica...
É un perfil tal para suscitar moito respecto entre sectores moi relevantes de galegolectores; de enorme interese para a análise especializada e o debate académico, sendo ademais certo que el é precisamente un académico, e en diferentes sensos. Pero non suscitou resposta no debate máis ben áxil desta casa, por exemplo. E poderíase pensar se polo perfil do personaxe (nin escribiu nin escribirá en castelán, discute a hexemonía da cultura española aí onde máis difícil, por traballoso, resulta, o se discurso e proxecto literario-cultural son nacionais sen regaña para a dúbida) ou, na mesma liña do acabado de indicar, polo interese ou hábito dos contertulios. A saber.
Por mín queda convincentemente aclarado, amigo Saavedra. Aínda que tamén pode ser que non sexa amigo de troulear en público, extenderse en famas ou en alardear de literato, cousas que acompañan aos autores de certa sona e discusión. Dígoo porque pretensións semellantes as que asigna a DXC (non entro por suposto en debate sobre que é cultura española ou galega) poden advertirse noutros autores e son motivo asimesmo de discusión por estes pagos. A discreción persoal, que eu moito valoro, conduce, desafortunadamente, en moitos casos á indiferencia dos outros.
Desde a mañá dinlle varias voltas: talvez conveña que aclare o alcance dalgunha expresión.
O inxente traballo de tradución do Darío ten poucas papeletas para acadar o recoñecemento do que é merecente. Da pouca xente que neste país accede ou ten accedido aos textos do Trecento, fano habitualmente desde ou a través do castelán. A espesura da linguaxe, a importancia desta no mundo simbólico e alusivo tanto da Commedia coma de Petrarca, fai que mudar a referencia lingüística constitúa esforzo que non todos están dispostos a realizar. Que haxa tal versión galega constitúe unha achega de enorme alcance, aínda que só fose coma material para a cita e entrada puntual; pero nin colma a expectativa nin premia, de por si, o esforzo do tradutor.
A pouco de saíren os libros -xa hai- o Darío queixábaseme tamén de que a recepción non era satisfactoria; dicíalle eu que era un traballo de rendemento para décadas, e el dicía: "Pero é que eu quero que o lean os galegos de agora; os do futuro deben facer a súa tradución".
Súmese que aquelas edicións (da Xunta) tiveron difusión moi limitada. Aínda, que unha parte do mundo académico non reaccionara ben: departamentos relativos, en Filoloxía, recomendaban a tradución ao español e non esa; "demasiado poético", viñéranme ironicamente dicindo a min, querendo dicir seguramente pouco fiel, e non o entendo.
O maior sostén, nese ámbito, do Darío foi o ámbito do ILG, Antón Santamarina, Henrique Monteangudo e por aí. O maior recoñecemento, xa llelo fixera, a Medalla de Ouro de Florencia. Súmese o apoio do Tavani, que tampouco non é pouca cousa.
Aquel que non sae nos papeis, en efecto, "non existe". Así de crúa é a realidade.
Non é de estrañar, pois, que haxa escritores que non reparen en medios -mesmo ás veces perdendo a vergoña e a decencia- para lograr que os entrevisten, que recensionen as súas novelas, ou para cultivar amizades interesadamente, do mesmo xeito que para que os inviten a conferenciar ou a participar en congresos e mesas redondas, etcétera.
Hainos, pola contra, que, ben sexa por discreción, timidez ou amor propio, non se preocupan gran cousa de -en acertadas palabras de Arume- "troulear en público, extenderse en famas ou en alardear de literato" por todo tipo de saraos, vodas, bautizos e primeiras comuñóns polo País adiante.
Non se desprenda de todo o anterior unha pueril censura aos primeiros e unha loa aos segundos. Porque un escritor, sexa cal sexa, sempre debece polo "recoñecemento", que é unha forma elegante de buscar a fama e a influencia, de regalar a propia vaidade e, a ser posible, de lograr algún que outro complemento monetario que coadxuve a pagar a hipoteca ou a financiar unhas vacacións ou un novo carro.
Algúns mórrense por logar todo isto canto antes e ao prezo que sexa, outros fíanse máis de que a posteridade poña a cada quen no seu lugar, e outros máis, en fin, resignanse ao que hai.
Son, en calquera caso, formas diferentes de responder a unha necesidade, que se se vivencia como excesivamente imperiosa pode xerar non poucas frustracións e mesmo resentimentos.
Daquela, a queixa, máis ou menos solemne, máis ou menos plasta, máis ou menos lóxica, é algo consubstancial á condición de escritor. E non digamos xa en Galicia, polas especiais circunstancias que todos coñecemos.
É o que hai!
Non tiven ocasión aínda de botarlle un ollo a "Madeira de Zapatero", que así se chama o libro de SdT sobre ZP. Porén, teño os meus temores. Primeiro, o Suso de Toro ensaísta e, polo xeral, frouxiño, con certa tendencia ao falabarato progre-guai e periférico, e está a bastante distancai das súas novelas, polo menos das primeiras (non sei das últimas, porque non as lin). Os seus artigos nas páxinas galegas de El País están polo xeral moi por baixo de analistas como Antón Baamonde, do lirismo de Rivas ou da sobriedade analítica de Lago Peñas. Segundo, estimo que ZP non dá para moito como persoaxe de libro. Dubido que pase á Historia de España (ou do que sexa) como grande estadista, e pertence a unha xeración de dirixentes do PSOE que só tivo como cualidade non ter pasado nun intre no que os seus predecesores estaban abafados polo estigma da corrupción, e moitos deles con grandes cualidades (Borrell, Lerma, Almunia, etc.) houberon prexubilarse moi novos. ZP é un produto de aparello leonés, cunha ascensión política labrada mediante xogo non sempre limpo e cortando cabezas (pregunten en León), que nos seus anos máis novos non foi moito máis alá de viaxe que a Sevilla, carece de orixinalidade no seu pensamento e é habelencioso no caneo curto, pero non para armar xogadas de longo alcance. Sinceramente, coido que non é alguén interesante para biografar -o lugués Blanquito polo menos si: "como un tipo así puede llegar a un puesto de poder: radiografía de la política artera". Se un é o intelectual áulico do outro, e o outro non ten a ninguén mellor que lle faga un libro de entrevistas/pseudobiografía autorizada, está todo dito. Non coñezo a ningún intelectual de peso cercán ao PSOE que estime a ZP como grande estadista, como persoaxe con pouso histórico. Gañará as vindeiras eleccións, pero é que tivo tamén a sorte de suceder a Aznar, e a volta ao pasado asusta... Léase o artigo de opinión de hoxe de El País sobre en que espazo se gañan as eleccións en España para máis detalles.
Os intelectuais neste país son de peso se engordan coas comidas na Moncloa (non confundir con Cacabelos).
Interesante a análise de Isildur. De todas as maneiras, creo que o libro de susodetoro non trata tanto a parte "talentosa" do sr Zapatero coma a parte "talantoso" (o talente "guai, buenista, dialogante de civilizacións, etc). É un libro de e sobre o corazón do presidente, para ler nunha tarde de perruquería, ou mentres esperas polo Ave na estación de Ourense-Empalme.
Creo que políticos coma Zapatero responden ao si(g)no dos tempos. Honestos, honrados, coleguillas, din ben na pantalla, que falan a modiño para que até o pueblo llano os entendan, pero con moi poucas ideas orixinais. Non son brillantes. Todo é forma e pouco fondo. E o mesmo podemos dicir dos "líderes" galegos nos que todos estamos pensando.
Incluído o alcaide de pueblo metido a líder nacionalista, o Sr. Cesante de Correos e o burócrata do Ministerio de Obras públicas, o que fala galegoespañol con acento andalusí.
Agora un pouco máis en serio (non moito, eh). Ten razón Isildur en que os intelectuais próximos ao PSOE non falan marabillas de Zapatero. Tiven a oportunidade de escoitalos nalgunha ocasión, pero hai que recoñecer que non falan ben de ninguén. Tamén é certo que están de volta de todo; pertencen a outras xeneracións e estes xoves que veñen agora non teñen a preparación dun Suárez, un González, un Solchaga, un Boyer, un Fernández Ordóñez. Comezan así, cunha impostación da voz moi delatora, pero cando tratas de debatir en seguida sacan a batería de insultos aprendidos, eso sí, nas novas factorías do vituperio e rematan cun argumentario apocalíptico que dan gañas de saír correndo a tomar unha copa no Cleopatra Jones.
Os intelectuais, despois de todo, son como todos e o que máis lles gusta é que lles saia sempre gratis o taxi ata o aeroporto.
Totalmente de acordo con Isildur e con Swan. Zapatero viviu moitos anos no aparato; ligou nas Xuventudes Socialistas; fixo un par de viaxes con Sonsoles (un foi na lua de mel)para reafirmar o ben que se vive nos paises socialdemócratas; e coñece algo diso que lle chaman "republicanismo", por noticias dun compañeiro de departamento. Ten pouca cultura política, case ningunha literaria e a súa xesticulación é pobre e mecánica, (anque exitosa: véxase senón a cohorte de imitadores que lle sairon, entre eles, Touriño). O rapaz ten certo mérito, diso non hai dúbida, pero a súa categoría intelectual é nula. É unha resultante (unha afortunada resultante) do xogo de forzas dentro do PSOE. Anque, despóis de todo, para dirixir un país non se precisa ser Churchil.
Pero qué político ten categoría intelectual? A súa, amigo Morrison, é unha semblanza probablemente acaída sobre Zapatero pero chea deses prexuízos intelectuais dos que eu falaba.
Está de moda dende hai tempo o olímpico desprezo cara Zapatero nos petit comités dos intelectuais achegados. Xa non digamos nos que non son da corda.
Quizais teñan razón, que non o sei. En todo caso, eu prefiro ser cauto. Sexa como sexa, hai que recoñecerlle que puxo en marcha transformacións que moitos outros aparentemente máis sólidos nin se atreveron a pensar.
Ousado, atrevido, inconsciente, estratega, clarevidente? Non o sei, pero aí está e todo parece indicar que vai seguir estando. Intelectual non será, pero político como a copa dun piñeiro, todo semella que si o é.
De acordo con Isildur, pero tamén con Jim Morrison. Non busquemos un Churchill, que ó mellor polo camiño sae outra cousa... Zapatero tivo o mérito de controlar un PSOE casa de grilos na maior parte da súa historia e facer un discurso, sobre todo nos primeiros tempos, respectuoso coa diversidade do Estado e co nacionalismo. E iso xa é un paso xigantesco: oxalá non deamos moitos pasos cara atrás. Suscribo tamén as dúbidas de Apicultor: a súa capacidade política xa a ten demostrada.
NO BLOG DE ARUMES:
Laiábase o outro día Suso de Toro de que a súa última novela non acadara ubicación no chamado sistema literario galego. Noutro foro apuntábase unha certa desilusión ou desencanto por non obter resposta aos seus esforzos e mesmo unha posible (e pouco disimulada) molestia ou ofensa pola falta de agarimo dos lectores e dos críticos. Un dos participantes formulaba unha cuestión ao meu xuízo difícilmente rebatible: a da (omni)presencia de SdT na vida pública galega e non tan galega.
Hoxe podo comprobar que non é omnipresencia: é case monopolio. Abre un EL PAÍS e sae a conmemoración do Prestige: alí aparecen as opinións de Rivas e de Suso de Toro, como se en Galicia non houbera máis persoas capaces de opinar sobre o seu propio país. Días atrás SdT escribiu un artigo sobre a política nacional, unha longa diatriba (resumible en dúas liñas, pero en fin) contra o PP; unha entrevista sobre o novo libro adicado ao presidente Rodríguez Zapatero; hoxe, outro artigo nas páxinas de Galicia sobre o anuncio de Gadis. Pero a sorpresa e, por que non dicilo, a gargallada irónica xurdiu cando vexo a portada do Magazine do Faro de Vigo cunha imaxe das costas galegas e pregunto en alto, mentres paso as páxinas para comprobalo: non escribirá tamén Suso de Toro sobre esto? En efecto, alí o está.
Non teño nada, por supostísimo, contra Suso de Toro (á marxe do que eu pense sobre a súa calidade literaria ou sobre as súas posturas cívicas), pero, desde logo, a ocupación que fai, probablemente sen pretendelo, da opinión pública é monopolística e crea fóra do país (xa non digo dentro onde o cansancio comeza a ser crónico) a impresión inxusta de que en Galicia só saben escribir dúas persoas: Rivas e de Toro. Por favor, que alguén máis escriba, por favor. Aquí hai máis xente.
Hai non máis ca dous anos, certo pluma ilustre manifestábame descontento -persoalmente motivado- en forma moi parella á do último parágrafo do Arume; engadía que moita culpa diso tíñaa Nunca Máis e, polo tanto, seica eu. O presente texto leva con el moita da miña razón; o outro, menos.
Canto a Zapatero: canto ao que me consta, a presunta consecución que aquí lle é aposta foi realizada co vento nas velas vitoriosas e un PP sectario e desnortado; parte dela nin consecución era, que xa se arrecúa. Son escéptico tocante a todo o del, se ben navegar, navega.
De acordo en parte con apicultor e con Marcos. O tempo dos Churchill seique xa pasou. Non me refería, porén, tanto ás virtudes intelectuais de ZP (os intelectuais son, polo xeral, máos políticos, e os bos políticos non son intelectuais: velaí o caso de Felipe González, sen irmos máis lonxe), como á súa capacidade de ir alén da supervivencia e da adaptación á conxuntura no curto prazo. Fixo cousas? Si, no tema dereitos sociais, de acordo. Teríaas feito de o PSOE ter maioría absoluta? Dubídoo. No tema da memoria histórica? Os pasos non se deberon tanto ao aparello do PSOE e o mesmo ZP -aí podo aseguralo- senón á presión dos aliados parlamentarios. E, non o esquezamos, o discurso da España plural é moi bonito, pero non di nada que o da "nación de nacións" non tivera dito xa. Cargouse a Paco Vázquez e máis ou menos a Bono, pero tamén a Maragall. E non houbo un despegamento presupostario en forma de políticas de I+D e de extensión de dereitos e prestacións sociais tan xeneroso como semella (a Lei de Dependencia téñena, en boa parte, que aplicar outras instancias que non teñen recursos para iso), pois o corsé orzamentario de Solbes é severo. Endalí, penso eu, que a política de xestos teña sido tan importante. Que os homosexuais poidan casar é un dereito civil, sen dúbida. Pero ten a vantaxe de que non custa un can. Sinceramente, eu non vexo en ZP a un Felipe González, un Kohl ou un Pujol. Vexoo a un supervivente con capacidade de adaptación. Con sorte, boa imaxe e que soubo ser o home xusto no intre axeitado. Pero vaia, que fique claro que ogallá gañe as seguintes eleccións xerais...
"Sinceramente, eu non vexo en ZP a un Felipe González, un Kohl ou un Pujol." Os exemplos son bós: todos eles estiveron a piques de ir a cadea.
Non vou discutir se pertenzo ou non a esa categoría de "achegados" ao PSOE que falan criticamente de Zapatero, amigo Arume, porque -como podería dicir o propio Zapatero co permiso de Anguita- o importante non son as persoas (moito menos a miña), senón os "proxectos". Por iso escribín que Zapatero é mediocre (como adoitan ser as resultantes) pero necesario. Necesario por responder as necesidades dunha certa conxuntura, e mediocre non só como intelectual, senón tamén como político que detenta unha responsabilidade pública da magnitude da presidencia do goberno, cargo que leva aparelladas unha serie de funcións (imaxe, oratoria parlamentaria, xesticulación, enxeño, cultura política) das que o presidente é manifestamente carente. Obxectarase que algúns outros presidentes de goberno teñen esa ou parecida fasquía. Pois si.
Un exemplo impresionante de oratoria: Ramón Gómez de la Serna
Creo, amigo Jim, que ten unha visión demasiado idealizada das virtudes que deberían adornar ao bo gobernante (imaxe, oratoria parlamentaria, xesticulación, enxeño, cultura política).
Hoxe, agás contadas excepcións, predomina a figura do Presidente de Goberno debole. E, se ben se mira, quizais sexa mellor así.
Eu non añoro esa imaxe que ten Jim Morrison do que debería ser un presidente de goberno. En Latinoamérica abundan os políticos con esas características e eu prefiro, antes que a calquera deles, ao máis escuro e eficiente burócrata europeo.
O da mediocridade intelectual non me parece un criterio interesante para xulgar a un político profesional. É como se xulgamos a un intelectual pola súa mediocridade como político. E, quitando a Cánovas del Castillo e a Azaña, nunca houbo en España intelectuais presidentes do goberno, aínda que nunha época había quen dicía que Leopoldo Calvo Sotelo respondía a esa imaxe que eu nunca percibín.
E o da xesticulación, a oratoria parlamentaria e todo iso está ben, pero moitas veces só agacha un auténtico baleiro político. Lembro, ao escribir isto, o caso extraordinario de Julio Anguita.
Respecto a Zapatero, só direi que é un político do seu tempo e da súa xeografía, que non busca o seu modelo nin en Castelar nin en Hugo Chávez. En relación co seu "papel na historia", creo que vai facer falta unha lexislatura máis, non tan distorsionada nin tan histérica como esta, para calibrar mellor o que pode dar de si.
Non hai dúbida de que o libro de Suso de Toro está xa levantar polémicas antes de ser lido.
Véxase, ao respecto, o debate e os diversos enlaces no blog de Bragado.
Madeira de Zapatero
Non é necesario remontarse a Azaña, Palme Mitterand para lembrar presidentes de goberno dotados desas cualidades ás que fixen referencia anteriormente. Felipe era político, político profesional, e tiña moita máis talla política, e -se me permiten utilizar a palabra "debilmente"- "intelectual" que Zapatero. E o mesmo J. Pujol; e o propio Fraga ou Sarkozy; ou Borrel, se non o tronzara a tenaza da dereita e do aparato do PSOE. E tíñana porque non naceron no aparato nin se criaron nel: viaxaron, leron, foron ao teatro, tiveron amistades diversas, novias (anque no caso de Fraga sexa altamente improbable), algún deles mesmo estivo nun kibutz...A existencia de presidentes deste tipo, non lonxanos no tempo, fai pensar que quen é relativamente anómalo é Zapatero; non os demáis. Por outro lado, nunca ninguén compararía a calquera dos citados cos habituais presidentes sudamericáns. Polo tanto, non creo nin esixirlle imposibles a un presidente nin estar "idealizando" a política.
Agora son outros os tempos, Jim, tempos de personalidades deboles.
Quen non nace e medra dentro do "aparato" (con perdón) ten moi difícil -por non dicir imposible- chegar a un posto tal alto.
E o de ser viaxado tampouco é ningunha panacea: hainos que viaxan moito e non aproveitan absolutamente nada, e o mesmo se pode dicir dos que len a eito, van ao teatro con frecuencia, cultivan moitas amizades ou teñen mozas variopintas.
O que si é unha anomalía é que vostede e máis eu -así como a grandísima maioría dos contertulios do blog- non teñamos chegado, como mínimo, a directores xerais. Seguro que a culpa é do "aparato".
A verdade é que a madeira esa de zoqueiro arde entre as brétemas.
O "aparato" ao final é o que decide todo e ao carallo...
Si, Felipe González, Kohl e Pujol estiveron a piques de ir á cadea. Non falemos da face escura de Mitterrand. Ou dos affaires de Willy Brandt. E que? Iso non quita que fosen grandes políticos. Deixémonos de lerias: a política é suxa por natureza, e como escribiu Castelao, facer política é tripar no esterco. De todos os xeitos, estou con apicultor: Os contertulios deste blog non demos chegado, como mínimo, a director xeral por culpa dos aparellos. E se voltamos aos "grupos de afinidade" dos anarquistas?
E que tampouco hai un bo aparat chic.
De tódolos xeitos, eu ofrézome para palmero: teño un innato sentido do ritmo. E nestes tempos case é o de mellor que se pode dicir dun político.
Teño entendido que Suso de Toro está vetado en La Voz de Galicia: é certo?
E tamén en "El Correo Gallego", que é o xornal do seu "pueblo". A actitude, ao meu ver perfectamente calificable de ruín, deste periódico chegou ao punto de non informar sobre a xubilación do pai do escritor, o dono do popular e xa vedraño "Bar Venecia".
Así como non me parece moi alá a súa omnipresencia nos medios, tamén digo que convén que se saiba o infame boicot que lle fan certos xornais.
Resignarse a rebaixar as esixencias que se lle deben plantear a un presidente para selo, é indicativo dun fenómeno máis xeral: a cristiá resignación fronte á xestión da política por burócratas arribistas, que ven a oportunidade de medrar socialmente, anque este non sexa o caso do presidente español. Pois é evidente que, se esas esixencias non se lle plantean a un presidente, non se lle van a pedir a un “director xeral”, cargo que –polo visto- alimenta os soños e as frustracións de tantos que visitamos este blog.. O que sorprende é que ese discurso sexa internalizado de maneira natural entre os que non viven diso, ata o punto de convertérense gratuitamente en apoloxetas da mediocridade. Cabe obxectar que non todos os políticos son así; que a política é unha actividade noble e necesaria; que non hai que cair no discurso populista de imaxinar a todos os políticos corruptos e incompetentes, que vivimos noutros tempos, e que, máis alá de “brillanteces” superficiais einconsistentes, as cualidades que deben adornar a figura dun político, son a honradez, o talante, e todo iso; moito máis despóis dunha época tan crispada como a de Aznar. Pero non acabo de entender por qué toda posible inflexión crítica no tema sexa descalificada ironicamente con alusións a prebendas non concedidas aos “achegados” ao PSOE, como se o feito de votar por unha opción política tivese que vir necesariamente acompañado dunha aprobación, senón dun aplauso, de todos e cada un dos aspectos da súa ideoloxía, política e xestión. Pois claro que non. Nada impide, por exemplo, votar a un partido e estar de acordo coa política universitaria de outro; estar de acordo con certos movementos comezados na cuestión “territorial” e discrepar das insensateces cometidas en materia de leis educación; ou aceptar como globalmente válida a política de Zapatero e recoñecerlle poucas das cualidades que fixeron memorables a certas figuras do presente e pasado recente da historia de Europa, España incluída.
A posible inflexión crítica do intelectual achegado é sempre benvida, pero non sei por que sempre (ou case sempre) un descubre que os seus devaneos obedecen a íntimas miserias persoais. Coñezo varios casos de intelectuais (filósofos e historiadores, fundamentalmente: ulos demáis?) que cando sae o tema Zapatero, elixen do seu particular linguaxe un deses insultos que precisa nota a pe de páxina por anacrónico: botarate, cretino, panoli, mentecato. Despois na discusión afinan o seu relato, sempre condicionado porque un día llo presentaron nunha vernissage ou nunha soirée e quedou mudo (unha das características, disque, do presidente: que escoita e non fala). A visión do intelectual nunca deixa de ser parcial, porque non me creo eu que un historiador (ou un filólogo, xa que se filoloxiza o mundo) sexa quen de averiguar se funciona ben a sanidade, as contas públicas, ou se o problema da inmigración está ben levado por Caldera. As "insensateces" sobre materia de educación, que é tema estrela sen dúbida na diatriba contra Zapatero, cando un rasca un pouco sae o problema das cátedras (as súas ou próximas) ou das linguas do estado e entón eses intelectuais que teñen ou cren ter o país enteiro na cabeza falan da súa feira e do que lles foi nela. E sigo despois. E non é amenaza.
Estou de acordo coa última parte da intervención de Morrison. Pero, volvendo ás súas anteriores obxecións ás supostas ou reais carencias "intelectuais" e "culturais" de Zapatero, talvez sería conveniente observar un pouco máis de perto esa faceta do presidente do goberno e calibrar se realmente responde ao estereotipo do que se fai eco o señor Morrison.
Digo isto porque Morrison lle apoñía a ZP en post anterior unha especie de magnífica incultura literaria. Lembrei hoxe que ZP, hai uns meses, falaba das súas lecturas de verán e citaba, que eu recorde, a Manuel Longares, un novelista de pouco éxito comercial pero con moi boa valoración crítica ("Romanticismo" é seguramente a súa novela máis coñecida), e a Antonio Gamoneda, leonés e amigo persoal de ZP, considerado por moitos o mellor poeta español vivo xunto aos xa "clásicos" Ángel González e Francisco Brines.
Por outra parte, tampouco deberíamos esquecer que ZP é profesor titular de Dereito Político, o cal probablemente implica algunha que outra lectura e quizais incluso a comprensión cabal de parte do lido. En canto ao do "republicanismo", é coñecida a relación amistosa e case discipular de ZP con Philippe Petit, quen avalliou favorablemente aínda non hai moito a aplicación zetapista das súas doutrinas. Non sei se todo isto constituirá balanzo suficiente para merecer o aprobado, aínda que sexa raspado, do señor Morrison.
O que é innegable é que ZP non é un bo orador, aínda que a moita xente lle guste o seu verbo pausado e obvio. Eu creo que neste punto Zapatero é moi tributario desas concepcións modernas da comunicación política de masas que poñen o acento na transmisión continuada de mensaxes claras, sinxelas e esenciais.
En canto ás "figuras memorables" das que fala Morrison, en contraposición con ZP, da recente historia europea, eu creo que se merecen o epíteto que Morrison lles dedica é máis polas acción política por eles desenvolvida que pola súa real ou presunta equipaxe cultural, tal e como o propio señor Morrison parece apuntar nas liñas finais do seu post. Debo dicir que eu descoñezo as "cualidades" culturais ou intelectuais dalgúns dos políticos que el cita, como Kohl ou Sarkozy, pero o certo é que a valoración histórica de Kohl -deixemos de momento ao recén chegado Sarko- é directa e completamente dependente da súa xestión da revolución democrática que levou á caída do Muro de Berlín e á unificación alemana, quedando mesmo en segundo plano a súa importantísima achega ao avance da construción europea. Ao contrario dos casos de Churchill ou de Azaña, nunca ocupará o nome de Kohl -tampouco o de Felipe González ou o de Giscard-nin media liña na historia universal da cultura, entendida "strictu sensu".
Desde este punto de vista, a actuación política de Zapatero apunta, ao meu parecer, maiores alcances que ese "caneo curto" do que fala Isildur. E este é en realidade o asunto máis importante para debater. En chegando o final desta estraña e inqueda lexislatura, teremos tempo e ao mellor incluso ganas de facelo.
Pamín que aquí entre os lectores deste blog hai monclovitas. Porque foi falar da escasa preparación intelectual de Zapatero e, acto seguido, xa se organizou unha timba de nobeles e sabios, que xa chaman dream team (co ninguneo consecuente de boa parte dos tertulianos deste blog: excepcións haberá), para redactaren o programa do PSOE para as eleccións.
Tanto como moclovitas non sei, pero simpatizantes das ideas do PSOE-E e do PSOE-G aqui hainos a mancheas.
Ha ha ha (risa en plan mefistotélico, gutural e un puntiño gore).
O que vostede non sabe é que moitos estamos aquí comisionados como execrables fontaneiros monclovitas para facer un labor de zapa, dispostos sempre a sacrificar a Galicia por España, e todo por un copioso soldo que faría palidecer de envexa a calquera.
Ha ha ha (risa en plan ...), somos máis malos que os Hermanos Malasombra, máis malos ca quina, e só sabemos pinchar.
Imos ver: un trata de non persoalizar a discusión, de non empregar argumentos ad hominem, de non reducir o asunto a un dueto máis ou menos afinado, e ten que ler mensaxes tan disparatadas como a do Sr Arume. Paso de contestarlle, sr Arume, porque penso que iso só o puido ter escrito baixo os efectos dun licor excesivamente espirituoso ou polos efectos da inxesta dunha poderosa droga alucinóxena.
Parece que anda pasado de revolucións. Poña a cousa ao ralentí, apague o motor e bote o freo de mano. Agora quite o cinto, desafrouxe a garavata, colla aire e respire.Así varias veces. Coidado non colla moito aire.
Que? Mellor? Du calme, apicultore, du calme.
Non entendo nada, amigo Morrison. Creo que hai un fantástico malentendido. Que puido ofendelo? Eu non falei de vostede, pero nin de lonxe.
Despois de darlle, preocupado pola súa insólita resposta, voltas ao asunto, só atopo explicación en que vostede interpretara a expresión "os seus devaneos" como dirixido a vostede. Non, non e mil veces non: estou a falar dos devaneos DEL, do "intelectual achegado". Eu nunca pensei en vostede como tal categoría, nin en ningún dos que aquí escriben. A vantaxe de non coñecer á xente evita estas cousas e, sobre todo, o ataque ad hominem, que non é o meu estilo como poderá comprobar se lembra todas as miñas intervencións anteriores.
Os malentendidos son unha da principais causas dos problemas humanos e mesmo divinos.
Entendín mal as súas palabras, Arume. Tal vez porque xantei fóra da casa e o postremo Cardú fíxome alucinar.
Como sempre, estou de acordo con Apicultor: o malentendido é un dos grandes motores do mundo. ¿Que digo do mundo? ¡Do universo enteiro! ¡Todo o Universo é un grandioso malentendido! E nós xa bastante facemos entendéndonos medio ben entre nós e mesmo aclarando algún que outro dos malentendidos que xorden. Así como Anguita dicía aquilo de "la izquierda le disputa a Dios la capacidad de crear", eu digo que nós lle disputamos ao Universo... non sei, algo.
(Non son efectos do Cardhu, pero si dun par de gin-tonics de Bombay, botella azul)
En todo caso, e indo ao asunto, conservo lucidez suficiente para estimar no que vale o excelente apunte de Arume sobre a "visión do intelectual" e a "visión do político".
Por certo, o devandito Philippe Petit e mesmo o célebre Stiglitz atópanse entre os compoñentes dese sorprendente "dream team" electoral de ZP, segundo acabo de oír pola radio.
Saíunos vostede weberiano, amigo Leituga 1.
O do Dream Team electoral... en fin, para que nos imos enganar, non?
Pois a min paréceme un asunto que vén moi a conto do que estamos a tratar neste post. Máis alá do xesto electoral, que é o seu sentido principal (sen dúbida), creo que o "dream team" e os eixos programáticos que artellarán o seu traballo sinalan con algunha claridade o desexo de Zapatero e o PSOE de mobilizar os mellores recursos intelectuais do pensamento liberal-progresista (socialdemócrata, se queren) arredor dunha axenda bastante concreta: economía, medio ambiente e cambio climático, loita contra a pobreza e a exclusión social, dereitos cidadáns e renovación democrática. Todo isto dende unha perspectiva que une o global e o local. Non sei que alcance acabará tendo a iniciativa nin se será capaz de converter o programa dos socialistas españois nese ambicioso "referente mundial" do que falou Caldera. Pero, en calquera caso, paréceme, dende todos os puntos de vista, un gran acerto zapateiril. E discúlpenme o entusiasmo.
Non, se vir si que vén a conto, xaora.
Do non cabe dúbida é de que se trata dun gran acerto zapateiríl... no plano da propaganda. A política moderna tamén se xoga neste ámbito e os socialistas saben mover as súas pezas. O Dream Team ten como principial misión, en efecto, visibilizar os eixos programáticos. Outra cousa é que iso se concrete nunha participación activa dos expertos internacionais no programa electoral: un par de folios dicindo que este está moi ben, e asunto concluído.
Con todo, o que a min máis me preocupa non son tanto as grandes declaracións programáticas, senón as súas plasmacións concretas. E aí aínda queda moito que fíar. Por exemplo en materia de dereitos humanos.
Nestes días fíxose público O Informe 2007 de Amnistía Internacional sobre o estado dos dereitos humanos no mundo, onde se sinala que en España se producen graves casos de malos tratos policiais e a conseguinte impunidade dos mesmos, porque as autoridades competentes ollan para outro lado e non toman as suficientes medidas correctoras. Un asunto feo sobre o que o meu admirado Rubalcaba non fai nada en serio, ao meu parecer.
O que xa non me gusta nada é esa especie de funil en que se está convertindo a socialdemocracia mundial, como reflexo probablemente condicionado dos think tanks (aprendino onte e queda ben, ou non?) dereitistas e neoliberais. Unha especie de apaña todos os restos do pensamento medianamente esquerdoso, desde centristas de formación catolizante que abominan dese discurso sálvesequempoida do liberalismo ultra ata as pezas soltas das refundicións comunistas. Demócratas estadounidenses, laboristas de cuarta vía, socialdemócratas de pedigree, socialistas de rosa esvaído en puño afrouxado, gauche plus que divine, anarquistas de saloon, verdes en todas as súas gamas pastel e, por suposto, os que quedaron en Francia para fechar a luz na casa do pobo despois de liscar o socialismo a la chambre acolledora de Sarko.
E esquece vostede a pacifistas africanas, nativas centroamericanas, ex-ministras lesbianas e economistas éticos.
De boss deste PSDMundial dubido entre George Clooney ou Robert Redford.
Publicar un comentario