9 nov. 2007


VINTECINCO ANOS DESPOIS (1982-2007)
Texto meu que se inclúe no Catálogo do XXV Outono Fotográfico. A foto, titulada Salto, é de Raquel Castro. Nota: ademais do indicado no fío de comentarios, este catálogo pode consultarse íntegro, en PDF, en www.outonofotografico.com, nos apartados Textos e Catálogo.

Vinte anos non é nada, rezaba un tango famoso. Nada na historia da Humanidade e menos aínda, imperceptible, na historia da Vida. O mesmo cabe dicir para un período de 25 anos. Pero 25anos son moitos nunha sinxela vida humana e bastantes na vida dun país que chega á democracia, e tamén abondo importantes nun mundo que cambia a unha velocidade quizais demasiado acelerada. Hai vintecinco anos estabamos a saír aínda dun golpe militar esperpéntico, pero non por iso menos sobrecolledor (o terror colle a cotío forma do esperpento), e abríase unha etapa de cambios, coa chegada do PSOE ó poder, outubro de 1982, que naquel momento víase por moitos como unha fundada esperanza dunha democracia máis completa e consolidada. Galicia, pola súa banda, estaba aínda nos inicios da súa autonomía (tralas primeiras eleccións do outono de 1981, o referendo do Estatuto fora en decembro de 1980, con taxas abraiantes de abstención: “nunca vin pobo como o galego que dimite do seu destino”, seica dixera Cunqueiro) e o nacionalismo iniciaba, naquel outono de 1982, un longo proceso de adaptación, lento pero eficaz, ante a nova situación política (o papel de Esquerda Galega, creada dous anos antes, e a fundación naqueles días do novo Bloque Nacionalista Galego, con Xosé Manuel Beiras á fronte). Todos sabemos ben qué pasou desde aquela, que cambios se produciron e cales outros (na provincia ourensá) non quixeron chegar aínda.
Lembran vostedes os anos 80, que na memoria xa están a converterse en mitoloxía do pasado? Despois do “tejerazo” España estaba a consolidar o seu sistema democrático e gobernaba Felipe González e os socialistas. España firmaba a súa adhesión á CEE, integrándose definitivamente en Europa, mira ti, 20 anos despois votaríamos a Constitución Europea (nonnata aínda). Era elixido Ardanza como lehendakari, Carrillo expulsado do PCE e despenalizado o aborto (o divorcio xa era legal desde 1981). ETA negociaba en Arxel co goberno socialista e aparecía afogado o etarra Mikel Zabaltza, detido pola garda civil. No mundo, un tal Gorbachov chegaba ao máximo liderado na URSS (aínda existía) e impulsaba a “perestroika”: algúns que antes non quixeran saber, xa non podían negar certas calamidades do “socialismo real”, abríanse os arquivos do KGB. En Galicia consolidábase a autonomía e os 80, sobre todo na súa segunda parte, marcan o momento de máximo esplendor de Coalición Galega, mentres o BNG e o PSG-EG libraban unha encabuxada disputa pola hexemonía no campo da esquerda nacionalista. A crise do goberno Albor, dous anos despois, traería un goberno tripartito, o goberno Laxe, cos socialistas, Coalición Galega e o PNG: está por facer aínda un xuízo obxectivo dos seus resultados e das súas eivas. Xosé Luis Barreiro Rivas pagou daquela todos os pratos rotos. Estreábase en Madrid “Eu saúdote, María” de Godard e o escándalo era axitado polo integrismo católico: en Ourense non se puido exhibir naquela ocasión, tentouno o Cineclube Padre Feijóo pero presións moi poderosas o impediron.
(Segue... O texto completo en Comentarios)

26 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

XXV ANOS DE OUTONO FOTOGRÁFICO (segue...)
Pero foi no abano da política internacional onde as mutacións foron máis impresionantes. Se aplicamos a lupa á bola do mundo, veremos que o Planeta pasou dun estado bipolar, en continua tensión prebelicista (a Guerra Fría), a unha situación inédita, trala caída do Muro de Berlín en 1989, onde o capitalismo se sente xa dono absoluto e globalizado de xentes e conciencias. Xa só existe unha soia e única Hiperpotencia, os Estados Unidos, fronte a unha URSS retirada e calada no concerto diplomático (mentres lle deixan limpar en casa os seus “pecados”, como a masacre de Chechenia e o asesinato de xornalistas críticas co réxime). É moi cedo aínda para saber qué pasará no futuro coas posibles novas potencias emerxentes como China ou Brasil. A hiperpotencia norteamericana, desde os brutais atentados do 11 de Setembro de 2001, séntese xa lexitimada para impoñer a súa lei brutal e belicista sobre o planeta enteiro, sen atender a ningún tipo de consenso diplomático internacional: hoxe Irak, mañá quizais Irán. Os soldados norteamericanos gozan de impunidade e Estados Unidos négase tamén a cumprir as súas obrigas co Protocolo de Kioto contra o deterioro medioambiental ou a aceptar a constitución da Corte Penal Internacional, paso decisivo nunha nova regulamentación das relacións mundiais. Todo isto é grave e tamén o é que esteamos a deseñar un mundo onde cada vez sexa máis difícil o diálogo intercultural entre diferentes civilizacións ou ámbitos de crenzas relixiosas. Un mundo fortificado ante a inmigración exterior e demasiado convencido da verdade absoluta do modelo anglosaxón distribuído a todo o planeta polos mass-media e a nova cultura popular made in Mac Donalds. Escoitamos voces que se lamentan pola desaparición co clima de “guerra fría” coa antiga URSS: daquela cando menos sabíamos onde estabamos. Hoxe todo é máis inseguro e incerto. Sen outros escudos ideolóxicos rexorde a guerra de relixións (cando menos ese é o aspecto formal exterior) e o fanatismo e integrismo máis radicais: moitos milleiros de persoas odian ó longo de todo o planisferio o que representa o mundo occidental e están dispostos a sacrificar a súa vida en consumación efectiva dese odio, fillo de ignorancias múltiples e inxustizas reais a un tempo.
Algún día laiarémonos todos da perda da diversidade cultural, como hoxe choramos os estragos que na biodiversidade da Natureza impuxo o ser humano nos últimos tempos. Pero máis terrible aínda que todo iso é comprobar, coa nosa lupa sobre o planeta, que algúns máis que vellos problemas seguen sen resolver, enquistados desde hai moitas décadas (Palestina, Sahara, a situación terrible de Centroamérica e boa parte de América do Sur, os nacionalismos europeos sen Estado, etc.) ou certificar que o mundo é cada vez máis inxusto, que as diferenzas no desenrolo dos países do mundo segue a medrar (como testemuñan os informes do Desenrolo Humano da ONU), que persiste o analfabetismo e a miseria ou mesmo que África morre, en silencio, de fame e SIDA, sen que iso preocupe máis que a un minoría voluntariosa de ONGs chamadas a suplir o que os gobernos dos países ricos non queren facer. Os cidadáns seguen votando. Seica o único que importa.


Fagamos un salto acrobático do macro ó micro. ¿E o noso Ourense nestes 25 anos? Imposible facer un balance global neste espazo reducido, pero é evidente que se alternan as mutacións coas inercias do pasado. Ata temos un alcalde na provincia que segue a celebrar cada 20-N o Innombrable e presume de ser máis cabezón que ninguén. Pero falarei só de cultura, o mundo que mellor coñezo. En 25 anos pasaron moitas cousas e hai sinais alentadores. Lembremos algúns: a posta en marcha do Teatro Principal como núcleo da sociabilidade cidadá xa dende inicios dos 80. A demostrada vitalidade cultural do asociacionismo cultural de base (desde o Liceo ata o Clube Alexandre Bóveda, xa desaparecido, e unha chea de asociacións que traballaron neste período). O labor continuado dos nosos creadores artísticos e literarios: desde Buciños a Xosé Carlos Caneiro, desde Bieito Iglesias ata Pablo Otero “Peixe” e pecho as citas porque precisaría varias páxinas para relembralos a todos. O nacemento de novas iniciativas editoriais ourensás, campo sempre tan pobre en Auria, como as editoriais Linteo, Diendebux e Difusora ou de coleccións como a serie “Auria” de libros ourensáns promovida polo Concello de Ourense. A cidade sabe valorar o que significa unha oferta cultural ambiciosa e apoia calquera evento nesta liña, citemos, só como exemplo, o Festival Internacional de Cine, chamado a ser Festival Galego do Cine se encontra os apoios necesarios e imprescindibles, ou a Mostra Universitaria de Teatro impulsada dende Sarabela, cerna do teatro ourensán, entre moitos outros. O labor impagable de dinamización cultural da Casa da Xuventude neste período en tantas e tantas facetas: Outono Fotográfico, banda deseñada, maio xove, grupos teatrais, etc. Son todos sinais positivos, como o foi tamén a posta en marcha aínda recente do flamante Auditorio de Ourense que podemos gozar a cotío: unha infraestrutura moi útil para o mundo da música, do teatro e da creación cultural en xeral.
Pero non esquezamos tampouco os datos negativos. Necesitamos unha mellor atención ás funcións patrimoniais que afectan ó noso legado cultural (Museos, o esquecido Arquivo Municipal, etc.). Seguen paradas ou a ritmo de tartaruga constipada as obras do Arquivo Histórico Provincial e da Biblioteca Pública na contorna do Auditorio e do barrio de San Francisco. Inédita tamén a futura Escola de Teatro tantas veces anunciada. Non temos un lugar estable de exposición que amose a vizosidade do quefacer dos nosos artistas (o tantas veces demandado Museo de Arte Contemporánea para os artistas ourensáns): reclamamos a recuperación cultural do edificio nobre do Banco de España, en plena rúa do Paseo, con apoio cidadán, pero con pouco éxito, ata agora, na clase política. Necesitamos, con urxencia, unha rede de bibliotecas de barrio que palíen carencias evidentes. E un maior compromiso coa nosa identidade, co idioma galego como referente central: unha cidade aberta ó mundo, pero que non renega do seu ADN, das súas raíces históricas e culturais máis profundas. Non son moitos 25 anos no devir do mundo, pero Ourense segue a mudar e a cita do Outono Fotográfico é a mellor testemuña deses cambios e das esperanzas que aínda mantemos no noso fardel dos mellores soños.

Lucifer dijo...

!Pero que boiño é este Marcos! !Mesmo parece un santiño!

Anónimo dijo...

Volver

Música: Carlos Gardel
Letra: Alfredo Le Pera

Yo adivino el parpadeo
de las luces que a lo lejos
van marcando mi retorno...
Son las mismas que alumbraron
con sus pálidos reflejos
hondas horas de dolor...

Y aunque no quise el regreso,
siempre se vuelve al primer amor...
La vieja calle donde el eco dijo
tuya es su vida, tuyo es su querer,
bajo el burlón mirar de las estrellas
que con indiferencia hoy me ven volver...

Volver...
con la frente marchita,
las nieves del tiempo platearon mi sien...
Sentir...
que es un soplo la vida,
que veinte años no es nada,
que febril la mirada,
errante en las sombras,
te busca y te nombra.
Vivir...
con el alma aferrada
a un dulce recuerdo
que lloro otra vez...

Tengo miedo del encuentro
con el pasado que vuelve
a enfrentarse con mi vida...
Tengo miedo de las noches
que pobladas de recuerdos
encadenan mi soñar...

Pero el viajero que huye
tarde o temprano detiene su andar...
Y aunque el olvido, que todo destruye,
haya matado mi vieja ilusión,
guardo escondida una esperanza humilde
que es toda la fortuna de mi corazón.

Compuesto en 1935 y aparecido en la película "El día que me quieras".

Xohan da Coba dijo...

"Eu saúdote,Maria..."
Presiós moi poderosas? Fora a Bosch,a muller do Dr.Bravo,que montara un cirio de carallo pra que non se proiectara.A nai da ex-concelleira que vostedes lembran.

marcel swann dijo...

Pero están falando vostedes do cinematógrafo de 1898 ou do cine de case un cento de anos despois?

marcos valcarcel dijo...

Graciñas polo tango. E sempre tan ben informado, don Xohán da Coba: a sra. Bosch dera a alerta e o bispo interviu despois. E falamos, por desgraza, do final do século XX.

arume dos piñeiros dijo...

"Montara un cirio de carallo": velaí, Lord da Coba, a lenda da placa para o señor Leituga1, gañador do premio para o relatocurto pola Historia do San Maín.

Xohan da Coba dijo...

Montóu un cirio da nai de Cristo Bendito...

Montóu un Belén de moito nabo.
Manda carallo o Cristo que montóu.
Baixóu os santos todos do Ceo.

Tradúzano ó ingles.Pero literal.

marcel swann dijo...

En que cambiaron os "pijos" de agora respecto aos dos anos 80 "do pasado século". Velaquí un esclarecedor artigo. Resulta que os pijos poden (e mesmo normalmente son) de esquerdas e guais. Os "modernillos" de agora son os pijos de antes.


HENRIQUE ALVARELLOS

caderno de brumas Os "new pijos"

Quen identifique hoxe os "pijos" co crocodilo Lacoste, o peiteado de gomina ou o retrouso do "O sea" ou o de "Te lo juro por snoopy" vai aviado. É que quedou ancorado nos oitenta. Eses días atrás circulou un vídeo (está sendo este o outono dos vídeos) onde o PSOE madrileño identificaba un pijo (ou sexa, un do PP, segundo eles) con esas características. Coido que non acertaban nin por asomo.

Pijo é, sería -busquemos unha definición- aquel fillo/a de acomodado (bastante acomodado, por certo) que vai ceibando ao mundo, a través da súa vestimenta e modais, a súa pertenza a un grupiño de exclusivos. Ata aquí a definición aplicable ao pijo de todos os tempos. Mais hoxe xurdiu unha subespecie, a dos new pijos. Trátase daqueles que, na imaxe externa, exhiben un aire digamos bohemio, desleixado, new hippie (é imprescindible empregar a terminoloxía anglosaxona), que predican igualdade, solidariedade, progresía en definitiva, ou ideoloxía de esquerda. Mais detrás de todos, absolutamente todos os new pijos, hai sempre unha boa presada de cartos de papá ou mamá preparados para salvalos ante calquera inclemencia. Isto dálles a eles unha seguridade ante a vida cojonuda. Claro, tamén a tería eu. E permítense o luxo de predicar cousas tipo: "Por que non vas un ano a Suramérica e vives novas experiencias?", ou, "Este goberno non é de esquerdas nin nada, son uns vendidos". E desprezan, loxicamente, aqueloutros pijos clásicos, os do Lacoste, sen recoñecer xamais que eles practican semellante sectarismo.

O new pijo é unha fashion-victim (seguimos co inglés) aparentemente agochada. Son os consumidores máis feroces, pois nada saben da vertixe de vivir ao mes. Están cheos de complexos (pois ocultan sempre ese consumismo disfrazándoo de amor á arte, á estética, ao deseño, non sei) e están tamén cheos de tópicos: todos din alucinar cos mesmos cineastas, cos mesmos grupos musicais ou estilos e cos mesmos libros (se hai algún que lea realmente, á parte das páxinas a cor dos suplementos dominicais). "Ai, a ópera!, Ai, Bergman!, Ai, Houellebec!". Pura pantalla. Nada de nada.

Descoñezo a filiación política dos new pijos. En principio téñoos catado na esquerda e na dereita. Non ten que ver nisto ningunha ideoloxía, pois non se moven por ela, como estamos vendo, senón por esa tarxetiña de crédito que tan ben esconden e que, ao final, é o seu único carné válido.

arume dos piñeiros dijo...

Supoño que está pensando nunha persoa en concreto, pero, para mín, que coa elevación a categoría social tira ao chou.
E, por se non queda claro, pijos clásicos hainos a varrer. E de libro.
Por outra parte, eu levo, sempre que podo, un lacoste, uns pantalóns vaqueiros, se fai frío arrimolle un pulover aos ombreiros, e levo tenis, se non chove. Por pura comodidade. Pero, visto desde fóra, son tamén de libro. Ou sexa eu cumplo moitos requisitos. É o que ten o tópico.

apicultor dijo...

Algo de razón leva o Alvarellos aínda dentro da caricatura e do tópico. Faltóulle dicir que eses new pijos detéctanse, ademais de na esquerda e na dereita, tamén no nacionalismo (e diría máis: semella que proliferaron como fungos dende que tocaron poder).

Pero non fagamos deles moito escarnio e maldicir: son xente entrañable, como igualmente entrañables son os pijos clásicos. Entrañables en tanto en canto forman parte da paisaxe de todos os días.

¡Ponga un pijo (new ou clasic) en su vida!

Doniña dijo...

Lacoste, vaqueiros, xersei ós ombreiros...e parecido físico co George Cloony. Mi madriña Sr.Arume! De seguro que mil ollos á espreita andarán pola UVigo para catar tal estampa. Eu mesma sería unha delas se poidera!

arume dos piñeiros dijo...

Sinto decepcionala: todo eso, coma no poema de Borges, "Ninguna de esas cosas es rara y su conjunto me depara una fama que no acabo de comprender".

Doniña dijo...

Maquiavelo dixit: "Pocos ven lo que somos,pero todos ven lo que aparentamos".

apicultor dijo...

Aquí, como non se nos ve, somos todos moi ghuapiños de cara e de tipo. O Arume, aínda que se deixe gañar pola hipérbole, non lle está nada mal, amiga Doniña. Sempre os hai mellores, certo, pero para ser de Ponferrada digamos que é de sobresaliente para riba.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

A pesar dos piropos de Apicultor, só explicables por un perverso sentido da amistade cibernética, debo dicir que o que somos non o sabe nin Maquiavelo, que mira que tiña bó ollo para as persoas. Eu falo do que aparento, que é, por outra parte, o único que vexo, xamáis do que son, que non o sei. E ía engadir nin me importa, pero paréceume demasiado aparentar.

apicultor dijo...

Velaí a Arume, todo mundanidade e co seu inigualable charme, exercendo as súas artes de seductor nun selecto cóctel:

Arume nunha das súas múltiples reencarnacións como seductor

apicultor dijo...

Aquí aparece, recentemente, o amigo Arume:

Arume as Cloney

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

En efecto, Apicultor: sen o lacoste pero co crocodilo (o alligator) intacto.

Doniña dijo...

Ohh!!!
Ainda que como crocodilo insuperable está o do video das xuventudes socialistas.

marcel swann dijo...

Non pensaba en ninguén en concreto como pijo modernillo. Véxoos todos os días, iso si. Peiteado "grunge", roupa e lentes de marca e bolso en bandoleira. Algúns, cuarentóns, vestidos coma adolescentes, en permanente neo-xuventú. No a la guerra. Droga guai (marihuana) e esta noite facemos sushi.
Consumidores compulsivos. Enteradillos da informática, do mp3 (of course, i-pod, onde che van as outras marcas!) e do mancontro nokia dernier cri.
Unha tribu máis. Case todos, miserablemente mileuristas. Pijos querer e non poder. Non son aqueles fachas, machistas, dos anos 80, tipo mamoncete Hombres G.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Eu referíame ao columnista, non a vostede, amigo Swann. Quen, por certo, define moito mellor ca Alvarellos o panorama. Noraboa.

marcel swann dijo...

Hai tamén un pijo nacionalista. Estes non toman a Estrella no bar do barrio: por exemplo, un bareito da Pontepedriña, con serraduras no chan, cadeiras de escai e mesas de formica, entre os currantes vestidos cun mono azul e os vellos que ensanchan a tarde xogando a partida e índolle a uns vasos do peor viño da Ulla.
Non. Son dous mundos, en teoría tendentes a comverxer, pero, na realité, paralelos. O nacionalista (profesoral, funcionarial, medical) acode ao acobillo da tribo nun deses pubs con nome céltigo, decorado como se fose unha taberna que nunca existiu (mais que na imaxinación do decorador), e non lles importa pagar pola botella de Estrella dúas ou tres veces máis do que lles valería no bareto pobretón, no que poderían brindar polo futuro das camadas populares e a cras traballadora. Pero non.
De tapas van a diversos figóns enxebres do Franco e a comer reúnense todos en ... (desculpen que non diga nomes). Casas de comidas enxebres pero guais. Galician spoken. Admitimos todas las tarjetas. Omelete de polbo. Pementos de Arnoia recheos de pescada. De sobremesa, filloas con mel.

arume dos piñeiros dijo...

E como contrapunto a ese nacionalista divine que vostede tan ben retrata hai o pepeiro que atopa entre as pequenas rúas que van dar a Vulcano unha adega sen nome (para qué), sen rótulo, e case sen camareiros, por suposto sen nómina, nen altas na seguridade social, nen control de sanidade nin gaitas polo estilo. QUe na parte de atrás monta un palafito inverosímil (aí querería eu ver a Siza, a Portela, ao Eisenmann ese) sobre unhas escaleiras onde repousan dúas bombonas de butano e as perolas renegridas dos guisos do mediodía. Pero que, e por iso vai ese pepeiro pijo de libro, serven sucesivamente cariocas (a piques de cumprir a norma ou tan pequenas que nin dan para pechar o círculo), bruños (recollidos especialmente para o local sen pasar por lonxa), arroz con bogavante ou lumbrigante (tamén adoptado con agarimo polo dono, de entre os peixes que apaña un cuñado sen carné) e un viño infame da casa (tamén destilado á clandestina). Todo por unha cantidade irrisoria e acompañado, ás veces con sorte, pola dianteira do Celta antes de saír ao campo do Areal a quentar as pernas e o que se tercie. Mentres o nacionaliste divine coquetea co glamour, o pepeiro revestido de burberry e pierre cardin lle zoupa ao enxebrismo máis racaille de Vigo. Cousas da vida.

marcel swann dijo...

E o pepeiro ese de Vigo creo que usa ghafas tintadas e ten a unlla do maimiño longa e renegrida. Dous son os seus temas de conversa: (1) o baratísimo que lle saiu o coche comprado no concesionario dun amiguete; (2) o Celtiña.

Por certo, había un bareto parecido a ese aló ao final de Teis, cerca da vía do tren, onde servían peixe moi barato e esas empanadas que fan na súa terra (de "xoubas" e zamburiñas). Aínda existe? Ou, "si cuadra" (como dicía Paco Vázquez), soñeino...

arume dos piñeiros dijo...

Non vaia pensar que condescende co populacho en temas e aspecto. Non. Visita estes lugares coa mesma galanura coa que golpea as bolas (con perdón) no aeroclub.