27 dic. 2007

Frío (Bieito Iglesias en ECG 27 dec.)

As reseñas do libro de Xavier Castro (Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX) supoñen un axuste de contas cun pasado rural que sufriu manipulacións de signo contrario. Por un modo houbo quen mitificou un paraíso labrego de tranquilizadoras estampas de calendario; por outro lado unha requitropa de "desertores do arado" empéñase en borrar as pegadas de recentísimos devanceiros neolíticos (en 1960 a maioría da Galiza era labradora), vistos como miserables, ignorantes e brutamontes. Non só os nosos bisavós -como pensan certos xornalistas de escaso coñecemento histórico-, senón os nosos pais e nós propios pasamos frío en moradas sen calefacción, co único agarimo da lareira. Aínda máis, son lexión os compatriotas que, cando nenos carentes de servizos sanitarios, limparon o cu cun fento entre as xesteiras. Tales escenas resultan sórdidas a ollos dunha clase media actual melindrosa e empanicada, pero non tanto para os que acudimos á escola rebrincando sobre placas de lazo e aproveitamos as arroiadas para instalar muíños de xoguete nos regos. O frío, antes da tecnoloxía frigorífica, podía converterse na marabilla dunhas barras de xelo rebozadas en serradura, que servían para refrescar as bebidas nas festas do verán ardente (Isto nos arrabaldos citadinos, nas aldeas abondaba con baixar as botellas nun caldeiro endeica o fondal do pozo).

Podo admitir un pasado cheo de horrores a condición de que se describa o presente sen ningún idilio: terrorismo doméstico, cayucos, asasinos en masa, comida lixo, televisión copada por idiotas e persoas solitarias prendadas de mascotas caninas que enzoufan parques e xardíns. O mundo foi, é e será risoño ou sombrizo asegún. Aceptemos a espantosa noticia de que tódolos homes -de calquera época ou lugar- somos iguais. Este biruxe de decembro (avisan os cardiólogos) propicia os infartos. De paso cura os xamóns e quizais nos permita brincar con bonecos de neve.

8 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

Non sei se este artigo do amigo BIEITO IGLESIAS quere dialogar coa miña reseña do luns en La Región, porque houbo outras do libro de Xavier Castro estes días. Eu non son dos que insista nas pinturas negras do período, pero tampouco me gusta a idealización absoluta que ás veces xorde dese mundo da sociedade tradicional, case convertido en "Idade de Ouro" dun ser humano libre,feliz e incontaminado de desexos perversos. Pasado versus presente: a dialéctica de sempre. O presente ten tamén pinturas negras, ninguén o dubida, eu non cando menos...

Jim Morrison dijo...

Excelente o artigo de Bieito Iglesias, na súa liña habitual. Eu tamén dubido que a infancia de antes fose menos feliz que a de agora. Considerar brutal a educación tradicional é un exercicio tan esaxerado de presentecentrismo (perdóeseme o palabroto) como descalificar globalmente a democracia grega en virtude de que non admitía o voto da muller nin dos esclavos. Cada época ten a súa maneira de entender eses conceptos. Hoxe, por exemplo prohíbese o cachete ao fillo, pero a sabiduría natural da maioría dos pais, que nunca leron libros de pedagoxía ou de educación para a paz, seguirá prevalecendo.

Xohan da Coba dijo...

O bó que tiña aquel mundo é que che permitía imaxinar, soñar outro. Na túa mente, trascendías o teu inmediato entorno, e a túa conducta era unha loita por melloralo.

Neste de hoxe, diseñamos xa un entorno perfecto ó que estamos bén adaptados. A conducta é mera resposta a estímulos sensoriales primitivos. Nese senso, estamos mais "animalizados", dito sexa sen connotaciós peyorativas. Sinxelamente, o cerebro xa non fai falta.

arume dos piñeiros dijo...

O retrato do mundo asilvestrado tamén ten o seu aquel épico no artigo de Bieito, por moito que escape das estampas líricas idealizadas. A idealización tamén pode proceder do alento heroico que lle deamos á nosa infancia. E tampouco é (nin foi) tan melindrosa a vida citadina. Cada quen tivo o que tivo. O berro renegado de Scarlett O'Hara tamén ten os seus siareiros.
De todas formas, vexo ao BI un chisquiño sentimental: será o bacallau?

Marcel Swann dijo...

Non era mellor, no material, aquel mundo. Había tamén moita ignorancia,pero como din os nosos maiores (e eles saberán por que) "antes había moita alegría".
Que teñan vostedes todos moita neste ano que entra e a min que me toque algunha (para variar).

Lady Lovelace dijo...

Había otro respeto. No como ahora que, además, el servicio está moi mal moi mal. Y la juventú no tenía tantos vicios, que ahora todo es vicio. Ahora, las chicas son todas unas delenguadas, y cosas peores. Y la mayoría no saben ni freir un guevo. Así como van llevar una casa cuando se casen. Así no las quieren ahora los hombres. Y eso de salir por las noches eso cuando se vió. Tanto pecado. Ya no quieren ni ir a misa los domingos. No se onde iremos a parar.

Xaime dijo...

Deus meu

Anónimo dijo...

FARO DE VIGO FARO DA CULTURA Xoves, 20 de decembro de 2007
LIBROS Do noso cotián
Servir era o pan do Demo
Estro Montaña

É Xavier Castro historiador de dilatada traxectoria. Desde o seu ben coñecido traballo
Galeguismo na encrucillada republicana deica este último que traemos a FARO DA CULTURA, son
moitas as investigacións publicadas polo autor. Entre os libros máis recentes
están: A lume manso (1998), unha historia da alimentación que tivo gran recoñecemento; Ayunos
y yantares: Usos y costumbre de la alimentación (2001) e A la sombra ejemplar de los parrales (2006),
títulos fermoso que destacaas particularidades da cultura do viño en Galicia e noutros espazos peninsulares,
premio de Gastronomía Álvaro Cunqueiro 2006. Obra premiada tamén foi esta Servir era o
pan do demo. Historia da vida cotiá. Séculos XIX e XX, que obtivo recentemente o premio de Investigación
Ferro Couselo, pero que semilla obra destinada a maiores
galardóns. O presente volume vén encher, daquela, un baleiro, un de tantos ocos da
nosa historiografía. Era nese sentido un libro moi necesario e moi demandado por un amplo público
lector, por suposto polos historiadores, e tamén por escritores que, ás veces, botaban de menos un marco de referencia fiable para ambientar unha narración. A obra non conta as grandes batallas nin efemérides,
senón o quefacer diario dos galegos. Estruturado en doce capítulos, o libro vai dando conta de aspectos
como a vida nos fogares labregos, a alimentación, o vestido... Fálanos da fame e do frío.Da escola,
da vida toda dos nenos, do ars amandi da idade núbil e da vellez. Dos perigos
e picardías do cortexo amoroso, das regras impostas pola moral sexual. Castro analiza a chocallada
e a festa. Da conta da loita entre o principio de liberdade individual e as esixencias dunha comunidade moi solidaria, que non tolera os que transgreden as normas e os costumes Compre subliñar a pluma áxil e minuciosa do autor. Con ton académico, ás veces irónico, con prosa rítmica, melodiosa e limpa , propia de que coñece e ama os secretos do idioma, Xavier Castro marca as diferenzas entre quen durmía en colchón de lá e quen se deitaba no sonoro
follato de millo. Con amenidade, o escritor e catedrático da Universidade de
Santiago, fálanos das historias das solteironas, do pan negro, das cornetadas
que as novas xeración apenas coñecen de oídas. Pero o libro resulta exemplar
sobre todo na destrucción de mitos. O primeiro de todos, o suposto matriarcado galego. En España –por suposto tamén nesta fachada atlántica tense valorado máis o enxeño
que a intelixencia, e moitos escritores e intelectuais
de verbo fácil teñen defendido con frases
lapidarias a falacia da preponderancia feminina na familia. Abonda ver a maxistal
análise de Xavier Castro sobre o reparto de alimentos e tarefas para desbotar teorías que tamén
temos escoitado a elites de países africanos, onde a vida da muller resulta
moi penosa.
Historia da vida cotiá. Séculos XIX e XX está escrita con prosa exemplar. O autor
manexa as fontes tradicionais. O uso de fontes orais, a literatura
–memorialística, realista, costumista ou valleinclanesca-,
os coñecementos de antropoloxía, música ou pintura contribúen a
dar amenidade ao libro. Estamos ante un autor que é quen de
cumplir a máxima dun coñecido académico: “É sabio quen explica con sinxeleza o difícil”.
En efecto, Xavier Castro consegue explicar con orde, de maneira doada
e con estilo inxel todo un mundo que coñeciamos de xeito fragmentario. Historia da vida cotiá
en Galicia. Séculos XIX e XX será será, sen ningunha
dúbida ,un fermoso libro de referencia.Xa que logo,
parabéns. CASTRO, Xavier,Historia
da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX, Ed.
Nigratrea,Vigo, 2007,404 páxinas.