3 dic 2007

Traballando...

Ademais de atender o blog e as miñas clases e os artigos da prensa, estes días estou a traballar bastante en dúas citas inmediatas, xa saben: Prensa e Nacionalismo e Coloquio Casares.
Cada vez estou máis de acordo con esta cita do autor de O sol do verán:

“Eu teño desde sempre unha visión puramente narrativa da vida. En realidade, gústame conta-lo mundo máis que pensar nel. Se me piden que fale de algo, que dea unha opinión ou exprese unha idea, dunha maneira espontánea póñome a contar. Ó final, sen pretendelo e quitándolle á palabra calquera contido didáctico ou moral, acabo facendo unha parábola (...) Despois de moitos anos cheguei á conclusión, que por outra parte non ten demasiado de orixinal, de que a facilidade, a transparencia e a sinxeleza son sempre resultado do esforzo e a elaboración. Esas virtudes do estilo nunca se dan dun xeito espontáneo, senón que son froito do traballo, ás veces dun grande traballo. É o mesmo que sucede coa orde, que hai que conquistala. Só un bo lector pode darse conta desto. (...)
A min sucédeme que cando vou a congresos sempre me sorprende a teima que teñen os escritores de imita-los filósofos e os profesores. Fano fatal. Eu creo que os escritores temos a nosa propia linguaxe, que é máis metafórica ca conceptual, pero que nos permite pensar a través dela e explicar o mundo e as cousas. Ese polo menos é o meu caso”. (AMP, 1998, p.20 e 25)

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Falaba ben este Casares, ¿eh?

Anónimo dijo...

Casares era un fenómeno, amigo Leituga.

Marcos Valcárcel López dijo...

A figura de Casares agrándase co paso do tempo. E así seguirá a medrar no futuro: tiña tanto tino e tanto sentido común nas súas palabras, nas súas opinións, nos seus artigos, que, ás veces, ATA SORPRENDE...

Anónimo dijo...

...e intelixencia, sentido do humor, cultura, honestidade, formación, criterio...Estou de acordo con SuperPiñeiro, Casares era un crack.

Anónimo dijo...

Ben, sen querer exactamente levarlles a contraria, debo dicir que me teñen falado sobre feitos cuestionables de Casares na xestión de Galaxia (non falo de corrupción nin irregularidade, que conste); tamén desafección -e por algo sería- con algunha figura ben relevante, no ético altamente apreciada e no institucional coincidente.

A miña posición pode aparentar non moi consistente, e é servidume da neste caso necesaria discreción. Ben saberán que eu nin son hostil ao de Xinzo nin teño precisamente razón para o desagradecemento. Pero algún matiz haberá que facer, non vaia quedar este blog, en materia casariá, sexa catalogable -nun abuso de termo que eu repudio, pero seica o ambiente está encantado con el- como haxiográfico. Algún defecto si que o tiña, ben o sabemos, ben o saberán.

Anónimo dijo...

Emendo a última parte do inintelixible segundo parágrafo anterior:

...Pero algún matiz haberá que facer, non vaia ser este blog, en materia casariá, catalogable -nun abuso de termo que eu repudio, pero seica o ambiente está encantado con el- como haxiográfico. Algún defecto si que o tiña, ben o sabemos, ben o saberán.

Anónimo dijo...

É obvio, González, que se Casares non tivese defectos non sería Casares: sería Deus sentado nun sillón azul. E el estaba moi contento de non ter atributos divinos e tampouco tiña vocación de ser incluído en santoral ningún. ¿"Feitos cuestionables"? Todos os que vostede guste cuestionar. "¿Desafección -e por algo sería- con algunha figura ben relevante"? Efectivamente: por algo sería.

Anónimo dijo...

Acontece, Leituga, que onde se se practica só encomio non é malo suxerir penumbra. Aínda sendo Casares, tendo aquí notoriamente amigos e algún agradecido.

Sexto, sétimo ou oitavo sentido aconséllame non entrar en detalles. Quede constatación de que imperfecto, era; xa que me fai o favor de xenérica conformidade.

Anónimo dijo...

É o malo que teñen homenaxes e cousas así. Sitúan a un ser humán na esfera do divino. Máis alá do ben ,do mal,e da crítica tan necesaria.

Anónimo dijo...

Por se as miñas palabras anteriores soaron a agradecemento, a esaxeración ou á típica divinización helenística da figura de Alexandre, rectifico: Casares non era un "crack"; só era un tipo estupendo. E para que se vexa que non o sitúo na esfera do divino, aclaro: encantábanllle os xelados; era bastante lambón.

Anónimo dijo...

Acaba de me acontecer algo certamente curioso: entréganme no instituto a convocatoria para o Simposio Interncional Carlos Casares, incluíndo programa e referencia para inscrición; normalmente, entréganme estas cousas nada máis chegar, ou en todo caso pouco despois. O curios é que o prazo de inscrición (gratuíta, por certo) vai do 15 de Outubro ao 30 de Novembro.

Igual non se cubriu a matrícula e por iso chega a notificación agora. A miña memoria, nestes casos, retén pouco, pero diría que vexo estes papeis por primeira vez.

Sexa como for, non podo ir. Deséxolle ao noso anfitrión, que pronuncia a conferencia inaugural, o éxito sobre o que poucos seguramente dubidan.

Anónimo dijo...

Morrison, aclaro que no do agradecemento referíame a min mesmo; en circunstancia no seu día relatada aquí, recibín por parte de Casares atención e favor que polo menos merece iso. O que dixen, dito está, pero non querería molestar suxerindo estraña cousa verbo de ningún dos que frecuentan esta casa; para polémicas, ben me chega coas xustificadas.

Anónimo dijo...

Perda coidado, amigo González. Así o entendín.