Lectura e Universidade.
Pan por Pan martes 4 decembro. Imaxe: Retrato dun home con libro, de Lorenzo Lotto, 1526.
É mellor que os profesores non lean os xornais algúns días. Para non deprimirse. Vexan varios titulares recentes: “España retrocede en lectura”, “España, suspenso en ciencias”, etc. O peor de todos é un informe do Ministerio de Cultura onde consta que o 22 por cento dos universitarios admite que non le ningún libro. Algo vai mal: ou a cultura ou a Universidade ou todo xunto. E non todo está en Internet e son medios complementarios, por suposto. Mal vai a cultura do libro por este camiño se as súas elites, as que chegan á Universidade, refugan dos libros como do demo. Son os rapaciños de 10 a 13 anos os que máis páxinas devoran, din os editores. Ou sexa que o futuro son bestsellers para todos e libros infantís para os cativos. E o resto? Outra nova: “Isi & Disi” e “El calzonazos” as películas españolas máis vistas na tele. Terá algo que ver co anterior?
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
27 comentarios:
A Universidade e os seus métodos parecen estar ó marxe de todo: da cultura, da sociedade xeral, da empresa, do mercado laboral...(completen vostedes).
Non séi vostedes, pero a mín mirábanme xa en tempos coma un bicho raro se me vían cun libro cunha temática que non fora a de un próximo "parcial"...
Vostedes estudaron posiblemente carreiras que teñen que ver có que habitualmente se chama "cultura" (Historia, Filolóxicas, Filosofía, Arte...). Nese aspecto a "cultura" forma parte do seu "traballo". Pero imaxínense o esforzo dun estudante de Enxeñería de Estradas,Portos e Canales, por exemplo, sacando tempo prá literatura galega.
22% dos universitarios sen ler un libro, incluidos profesores, I presume?
A Universidade é "Universitas" só no maxín dunhos cantos nostálxicos. Un pode pensar nela coma "Templo do Saber" . E atribuirlle as nobles cualidades que figuran escritas en latín nos seus escudos . Pero a moitos parécenos obsoletas coma as diputacións. Pura inercia do statu quo.
E son máis endogámicas e pechas que as diputaciós,que xa é decir.
Nos Estados Unidos, cando alguén remata unha carreira e pretende dar clase na mesma universidade na que estudióu, dinlle: Pero si todo o que sabes aprendíchelo eiquí,fuches "criado" eiquí ,qué vamos aprender de tí? Vai dar clases a outro sitio,e pra eiquí que veñan outros. Pero claro, así eles teñen as peores universidades e son unhos atrasados e unhos incultos,non coma nos.
A idea da universidade como "templo do saber" morreu de morte natural nalgún momento a principio dos anos 90. Varios fenómenos coincidiron no tempo: a renovación dos planos de estudos de todas as carreiras, os cambios no mercado laboral (coa caída no número de matriculados) e o inicio de desprestixio das humanidades, e a caída no número.
Antes, un estudante ía á universidade principalmente para aprender, e era consciente de que podía ou non atopar un choio relacionado cos seus estudos. Era ademais un estudante "full-time".
Agora, o estudante é moitísimo máis práctico. Chega con outra mentalidade, na que pesa sobre todo a pregunta "Vou gañar pelas estudando isto?" e non tanto "Gústame o que estou a aprender nesta carreira?". Se pode, simultanea o traballo cos estudos. Sabe perfectamente que coa licenciatura non chega.
Sí,era moito mellor cando o estudante iba a universidade só pra aprender aquelo que lle gostaba a él, un platónico mundo na que o vil metal non tiña importanza: mandábanllo gratis durante anos uhos páis autoexplotados pra que o "príncipe" poidera vivir os seus soños.
Hoxe,os rapaces son unhos materialistas: tratan de gañar diñeiro ó tempo que seguen unhos estudos, coñecen,sequera de xeito intuitivo,o coste económico das cousas.O que vale un peine, como adoita decirse.
Felicitacións para Miguel Barros e a redacción de "A Nosa Terra", que hoxe botou a andar un novo xornal en Internet: "A Nosa Terra Diario"
http://www.anosaterra.com
Presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas
Miguel Barros: "Na cabeceira o nosa é rotundo: quer dicir patrimonio de todos"
Xan Carballa. Miguel Barros (Cotobade, 1944) preside desde hai uns meses a empresa editora d’A Nosa Terra. Coincidindo coa saída pública d’A Nosa Terra como semanario renovado e diario dixital, afonda na nova posta empresarial e no desexo de ofrecerlle ao país un medio con suficiencia financeira e independencia informativa capaz de dirixirse a toda a sociedade en defensa dos seus intereses comúns, “máis que nunca queremos enfatizar o posesivo plural, que ostenta na súa denominación, ten quer ser máis nosa, de todos os galegos”.
03.12.2007 | 17:46
Miguel Barros
Miguel Barros. Paco Vilabarros
En xullo pasado a Xunta Xeral de Accionistas de Promocións Culturais Galegas renovou o seu Consello de Administración que o elixiu a vostede como presidente. Que novidades vai supoñer o proxecto que agora se inicia?
É a culminación dunha longa etapa de adecuación á que non son alleos os seus xestores. No ano 1997 fun convidado a formar parte do Consello e entendín que nas diversas liñas de tensión que alí estaban xa presentes unha delas consideraba singularmente que o país é de todos e que A Nosa Terra, como órgano de expresión dos intereses do país, non debe reducirse a un único sector social, nin económico, nin ideolóxico.
Foise tomando conciencia e dando pasos para recoñecer que o accionariado minoritario e masivo non era abondo historicamente para o futuro, e que ademais o periódico no debía quedar marxinado nunha única opción ideolóxica. Ningún nacionalista consciente pode excluír da defensa do país a ningún sector social, e aínda que isto é aceptado, quizais a percepción que había do xornal non era esa.
A apertura que decide o actual consello de administración coido que coincide tamén cun proceso semellante na propia forza que aparecía como beneficiaria da portavocía ideolóxica d’A Nosa Terra. Tamén no nacionalismo empeza a haber posicións que entenden que facerse cargo de responsabilidades de goberno supuña que o órgano de expresión dos intereses do país, mantendo a lealdade ao idioma, tiña que abrirse á totalidade dos sectores sociais, tamén á burguesía empresarial que economicamente ten hoxe un protagonismo de especial importancia.
Non hai tantas empresas galegas multinacionais como quixéramos pero xa hai unha manchea delas. Expresións dunha burguesía empresarial cuxa creatividade se desenvolve practicamente coincidindo coa instauración da democracia e a autonomía. Hai algúns empresarios, e significativamente neste proxecto, Jacinto Rey, que asumen cabalmente o débito moral que todo cidadán de éxito ten coa súa comunidade. Máis que unha motivación política iso é o compromiso coa Terra e unha necesidade sentida moral e humanamente. É preciso pertencer a un lugar, a unha patria. A globalización produce paradoxalmente a necesidade de reforzar a identidade, de ser alguén nun mundo anónimo.
Nesa década de presenza súa no Consello de Administración, e anos antes, había xa unha vontade de achegarse a eses sectores emerxentes.
Por que cristaliza agora esa arela?
Nestes dez anos eu argumentei sempre en favor destas ideas de apertura. Parecíame un dispendio, sobre todo político, que o nacionalismo acabase na marxe dunha posición ideolóxica, renunciando a influír na totalidade do espectro social. Pero esas ideas maduraron no núcleo responsábel da dirección d’A Nosa Terra. Tiña a confianza de que, se se tomaba a iniciativa, os protagonistas máis destacados do empresariado probabelmente tenderían a súa man.
Os empresarios cos que cambio impresións demóstranme que hai unha mudanza na mentalidade e na actitude respecto a Galicia moi notorio. Mesmo percibo que botan de menos a súa contribución ao patrimonio moral do país, a súa colaboración na toma de conciencia da nosa personalidade colectiva como pobo. Todos queren tomar parte na defensa de Galicia como unidade.
Nestes trinta anos mudaron moitas cousas e a actitude fronte á comunidade resúmese na liña que traza o círculo de pertenza, que é o idioma. Nas novas clases triunfantes da burguesía democrática tamén se dá o fenómeno de comprender que o éxito non estivo condicionado polo mito da orixe e hai feitos de afirmación categórica que o confirman.
As empresas de éxito hoxe en Galicia mesmo exhiben a súa identidade con orgullo, o que lles dá un suplemento de crédito e valor. A empresa que tivo un éxito mundial na loita contra o cancro, a que domina a distribución de roupa en medio mundo ou o activismo internacional doutras empresas como as de quen nos honran co seu apoio accionarial, non dependeron para nada dunha situación de mecenado ou protección, nin se sentiron pexadas pola súa orixe. Triunfaron desde o seu xenio, audacia, creatividade e orixinalidade.
Moitos deles senten a responsabilidade co seu país e nós temos que darlles facilidades para que entendan que ofrecerlle á comunidade, da que forman parte, o agasallo do seu éxito non os priva de nada, pola contra, ennobrece a súa causa. Estas actitudes temos que cultivalas amorosamente.
Cales serían as grandes marcas da nova etapa da empresa?
Formularei algúns principios sobre o punto de encontro ao que chegamos. Se o interclasismo non lle repugna por definición ao nacionalismo, facelo operativo e exhibilo na composición accionarial da empresa coido que é positivo sen paliativos.
A Nosa Terra enfatiza o posesivo e convérteo en plural. O periódico é de todos e non é de ningunha opción ideolóxica expresa. Houbo momentos en que o empresariado asumiu un protagonismo singular, fose o caso mítico dos irmáns Peinador, os Fernández –hoxe repristinados no éxito de Yondelis e Zeltia– ou na emigración Manuel Puente ou Canabal.
Un recente anuncio, ‘Vivamos como galegos’, petou con forza na sociedade e motivounos a todos, destacando a Galicia moderna, esperanzada e segura de sí. Se conseguimos a implicación da burguesía democrática e de éxito co país, se esa burguesía é capaz de recoñecer que beneficiar a comunidade non prexudica os seus intereses, derivarase unha consecuencia importantísima no mundo informativo: o periódico disporía da autonomía financeira que lle permitiría a independencia de opinión, exclusivamente ao servizo do interese xeral, de Galicia, da súa cultura e do seu idioma.
Daquela, o binomio perseguido é suficiencia económica e independencia informativa?
A suficiencia financeira vainos permitir a insolencia da opinión ao servizo estrito do interese do país, para ter independencia informativa e na interpretación da realidade da que formamos parte e ofrecermos a lectura do mundo dende Galiza e en galego.
O idioma é un estandarte da cabeceira desde a súa fundación hai cen anos.
O idioma forma un elo indisociábel deste proxecto, é fundamental. A lexitimidade histórica derívase da lealdade co idioma e co país. O idioma é o único ben colectivo que perde sentido cando se pretende que sexa privado. Pódennos privatizar calquera cuestión pero non o idioma, que é a creación colectiva máis importante e permanente.
Se perdésemos esa lealdade o proxecto carecería de sentido. Todos os detractores de posicións nacionalistas e galeguistas denúncianas como ‘insolidarias’ cando son esforzos absolutos de autodefensa. Non se pode condenar a ninguén a sufrir vergoña pola súa orixe ou a ser descualificado pola súa fala. O proxecto de A Nosa Terra carecería de médula se renunciásemos á lexitimidade histórica que está na orixe da propia cabeceira.
A aposta coincide co centenario e implica unha renovación profunda do semanario e a fundación do diario dixital A Nosa Terra, esta é a parte nuclear da decisión que se toma?
Hoxe a Galiza moderna e esperanzada non queda á marxe das novas tecnoloxías. A mocidade ten unha inquedanza pola utilización cobizosa das posibilidades que ofrecen e sería desertar dunha fronte básica de actividade nun órgano que quer manter a personalidade diferenciada de Galicia.
Hoxe a rede permite alimentar un medio informativo, coas mesmas características do soporte en papel, coas súas seccións diferenciadas e unha capacidade de instantaneidade e ubicuidade únicas.
Desde calquera lugar do mundo un cidadán galego pode coñecer a realidade do seu país pulsando www.anosaterra.com, e pode saber como Galicia ve o mundo desde aquí. E tamén nos achega máis á emigración, porque non podemos esquecer o papel da nosa diáspora, tanto na súa realidade histórica como no seu potencial actual. A Nosa Terra será un medio para facer país, como dicían as Irmandades, que decruaron o camiño que seguimos agora.
Eso explica que como singularidade do novo diario apareza a lista de cotizacións das empresas de capital maioritario en mans de persoas galegas, que non sei se chega para ser capital galego. En todo caso, hai unha caixiña baleira sobre o blog do día e imos ver se teñen o detalle de incluiren o do noso anfitrión Valcárcel nese espazo.
Tamén apareceu hai pouco Galiciae, do grupo Progreso, cun semellante deseño, á súa vez semellante ao de Vieiros. Para mín terán que facer algo para diferenciarense, porque nunca saberemos, sobre todo cando estamos lonxe da cabeceira de que xornal se trata.
Nos meus tempos, a xente que lía libros ó marxe do que habia que estudar (maioritariamente apuntamentos) era unha minoria moi minoritaria na Universidade na que estiven, obviamente non era de letras, eso de ler por ler erache , pensaban os meus compañeiros, pra xente de Historia, Filosofia, etc. Tendo a universidade que temos, non é de estranar os politicos que temos, xente moi lonxe dun W. Churchill, etc. Xentiña que descoñece a hitoria por completo, etc...
Fai anos,a Universidade "imprimía carácter". A diferencia de personalidade entre o momento da entrada e da saída era enorme. Hoxe, xa saben.
Ou sexa, como a Extrema Unción.
Se vostedes mo permiten, voulle levar un pouco a contraria ao ton pesimista que observo neste fío, sen que por isto deixe eu de compartir moito do que están a dicir. Pero o certo é que, se observan con certo detalle os resultados do Informe Pisa, orixe deste animado debate, poderán decatarse de que Galicia queda bastante por riba da media española, en niveis máis similares aos de Francia ou Dinamarca. O que eu conclúo, á vista do tal informe, é que hai dúas Españas escolares moi diferenciadas e tallantemente divididas polos ríos Ebro e Tajo. As comunidades do Norte, nomeadamente Castela-León, A Rioxa, Cantabria, Aragón, Asturias e a propia Galicia amosan niveis moi respectables nas súas destrezas no manexo das ciencias. Son as sureñas, sobre todo Andalucía, as que dan a (mala) nota e baixan a media ata niveis case portugueses, dito sexa con todos os respectos.
Vicente Risco falaría de Euroiberia e Afroiberia. Eu faríao máis ben do capital socio-cultural das familias que poboan eses territorios, historicamente marcados pola pobreza, o analfabetismo e a dependencia, e hoxe polo "tunning" e o "Diario de Patricia".
outraversión
Son eu o anónimo da outra versión,pero non coincido moito con ela.
Que bonita perspectiva nos pinta Leituga1. Marabillosa.
O nivel educativo dos hespañolitos vai a peor. Moito lle temos que agradecer aos sucesivos gobernos PSOE-PP-PSOE a famosa LOGSE ou LOXSE. Uns inventaron a LOGSE. Outros aplicárona. Ultimamente os primeiros estana a "desenrolar".
As explicacións de Zapatero sobre os pobres resultados dos estudantes en comprensión lectora son SURREALISTAS. Nun país civilizado saíríanlle críticas por todos os lados, pero aquí estamos ao que estamos: os insultos ao presidente na manifestación contra ETA ("El País"), unha baixada de impostos "que ya la había prometido el PP" (El Mundo), etc.
Mentres tanto, na colonia galaica, (in)competente nestas e noutras maneiras, gárdase silencio. Os alumnos saen da escola sen dominar o españoliño, así que xa non lles digo nada o (cada vez menos) vernáculo. Galicia é un país (perdón, "comunidad autónoma") que parte con bastante atraso económico con respecto doutros, así que debería investir máis en educación, lectura, fomento das novas tecnoloxías. Estao a facer?
Home, os recursos públicos dedicados a educación nos dous últimos exercicios orzamentarios (2006-2007) do actual goberno incrementáronse nun 18,5 por cento. E para este ano, a previsión é que suban arredor dun 6 ou 7 por cento máis. Non está nada mal, tendo en conta que o compromiso do goberno era aumentar un 20% no total da lexislatura.
Pero eu empezo a crer que o problema non está só no diñeiro dedicado á educación, senón na eficiencia do gasto. Ou sexa, que o que se inviste teña efectos reais e comprobables na mellora da calidade educativa e na formación. De nada sirve gastar os cartos en comprar e enviar miles de ordenadores e trebellos electrónicos ás escolas e institutos se non vai haber quen os use ou se van ser relegados á "clase de informática". É un exemplo.
LEITUGA apunta con acerto. Cantos ordenadores haberá aínda embalados en caixas ou gardados en armarios nos institutos galegos? E quen se molestou en motivar ó profesorado e promocionalo a este nivel, con materiais informáticos? Non sería mellor facer menos papeis, menos burocracia e, por ex., máis blogs dos alumnos (os meus xa están a empezar nese camiño...)?
O ordenador do meu departamento ten Windows 98 e case sempre queda colgado ao pechar; cambiáronnolo rematando o ano pasado.
Non sei por que, ao meu centro nunca chegan nin tales aumentos de fondo nin ordenadores novos. Dos dous da sala de profesores, un avaríase a cada paso e o outro vai, xaora, lento; ás veces lentísimo.
Pódenmo crer ou non.
Amigo Saavedra: pida, pida e pida e non deixe de pedir. Se non se reclaman esas dotacións non veñen os ordenadores. E despois de que veñan, déalle a lata á dirección para que cada vez haxa máis aulas con ordenadores e non só, como di Leituga 1 a de informática, que, por certo, xa non sei nin para que serve, dado o grado de sinxeleza con que hoxe un pode utilizar un ordenador. É un círculo vizoso este dos medios: hai que rachalo por algures.
Eu comprobei moi recentemente a ignorancia informática de moitos colegas: por suposto, os rudimentos (digo rudimentos, porque se hai que sangrar primeiras liñas ou colocar un encabezado ou organizar automáticamente un índice xa a cousa..., en fin) do procesador de texto e das viaxes (un tanto arbitrarias) por internet. Para moitos o emprego do ordenador (xa admitido despois de moitas leiras) é unha perda de tempo. Xa non digamos o uso dos blogs, fotologs (un escándalo para moitos que nin saben de que se trata), messengers, skypes e cousas polo estilo ao que están tan afeccionados os rapaces. A fenda dixital entre os alumnos e profesores ábrese cada vez máis dun xeito brutal. Ata o punto de que podemos afirmar que viven en dous mundos completamente dispares. Non é xeralizable, por suposto, pero eu estouno vendo con toda claridade.
O powerpoint ábrese camiño desde hai pouco; non é panacea, obviamente, pero axuda a atraer a atención do alumnado. Pero dame a impresión (sobre todo, pola perspectiva que dan os/as fillos/as) de que a maioría dos profesores seguen cos vellos sistemas (non digamos maxistrais porque se así fora eu estaría encantado) de dictado ou de apuntes formulados ao ar. Os libros de texto seguen a ser intocados, case coma na nosa época, pero aínda máis, agás para os exercicios. En fin, que cúmpre unha renovación radical do profesorado neste extremo do emprego das utilidades informáticas. Dos outros factores para mellorar o ensino convirá falar doutra vez.
Direille, con franqueza, que hai algún tempo cansei de pedir; non quere dicir que estea calado, pero o resultado non é para chamar o fogueteiro. E algún panorama deliñado, con non sei canto investimento aumentado, sempre me parece relato afastado, quizá marabilloso.
Fálolles dun centro onde para usar o(s) ordenador(es) da Sala de Profesores a miúdo hai que esperar vez. No que, por outra banda, fico á espera de se para o ano que vén haberá ou non adquisición de libros novos; en función da existencia ou non de fondos.
Dolly Parton aprende a falar inglés. A quen lle podería corresponder o propio en galego?
Pois mire que ten mérito a sra. Parton. Toda a vida cantando country en inglés polos EE.UU. e polo mundo enteiro, e agora de maior vai e por fin se pon a aprender o idioma. Quen llo ensinará?
Debín dicir ensinar a ler inglés que é o que din as noticias.
Pero aprendín (así é e segue sendo en Asturies; e en Galicia tamén, pero non sempre) que "aprender" vale tanto para ensinar como para aprender. Pero desfago a ambigüidade.
O caso do instituto de González é bastante escandaloso e, polo que eu vou sabendo, vai facéndose cada vez menos habitual. Pero isto depende moito dos equipos directivos dos centros, encabezados en ocasións por xente que seue sen saber moi ben para que serve un ordenador. O desfase ao que fai mención Arume entre profesores e alumnos é a este respecto cada vez maior. E non creo eu que sexa a Administración a única culpable. Hai demasiados profesores que nunca se molestaron en aprender a usar nin sequera a niveis básicos un ordenador. Coñezo mesmo algún que lles prohibe aos alumnos que realicen traballos co aparello...
A falta de motivación, compromiso e reciclaxe profesional dunha parte substancial do profesorado é un asunto sen resolver. E non sei se será só cousa de aumentar soldos.
Na presente directiva do meu centro -non xulgo a súa executoria xeral, claro- hai, como mínimo, dous coñecedores máis ca medianos da materia informática. Coa anterior, colaboraba a persoa miña coñecida que máis sabe diso.
Non, non é problema de pedir, é do que dan. Coñezo centros que teñen máis cartos e mellor material; adoitan ter, por certo, Ciclos Formativos, seica (asombrosamente) fonte notable de inxección financeira. Nós non temos ciclos, pero posiblemente deberiamos ter dereito á vida. Ignoro se somos caso único, resultaría de certo chocante.
Publicar un comentario