1 jun 2007


Xa ninguén lles fai caso...
Andoliña 1 xuño (Imaxe: detalle de P. Delvaux)

Durante quince días tiveron todas as atencións. Todos estabamos pendentes deles. Hoxe ninguén lles fai caso nin mira cara a eles: falo dos carteis, as bandeirolas, os valdos publicitarios, xa medio consumidas pola climatoloxía. As súas mensaxes periclitaron: venden un produto xa caducado. Só agardan polos empregados das compañías publicitarias que os taparán para sempre con novos anuncios.
Faremos máis’ dicían os socialistas e de momento fixeron máis votos que nunca. ‘Pensado para ti’ engadían os do Bloque, pero quizais o electorado pensaba noutras cousas e os resultados non foron os agardados. ‘Confianza é futuro’ rezaba o confuso lema do Partido Popular: a confianza dun amplo sector do electorado, urbano sobre todo, parece defraudada. O futuro é por definición indescifrable.
E o slogan do Partido Galeguista. Encabezado en Auria por un tránsfuga dos socialistas (o PG foi nesta campaña o partido dos tránsfugas, de tódalas cores). ‘Depende de ti’, dicía o cartel do PG e para os malpensados quería dicir que a futura alcaldía dependería só do voto deste posible concelleiro. Pero o electorado tomouno ó pé da letra: negándolles, a el e a Soto en Vigo, o acceso á Casa do Concello
.

2 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Como teño lectores/as moi ben informados, atrévome a preguntar:
alguén sabe algo dos resultados no barrio de A Carballeira? Notouse na votación do PG a presenza de Arturo, líder veciñal do barrio e que fixo fonda campaña ó respecto?

Marcos Valcárcel López dijo...

Hoxe mesmo lin tres artigos abondo críticos co PG nestas eleccións: ademais do meu, o de Monxardín que acabo de colgar enriba e o de Damián Villalaín esta semana en "A Nosa Terra". Esperemos que os responsables do mesmo reaccionen, quizais non na liña que apunta Monxardín enriba con ironía, pero dende logo si deixando de facer falcatruadas. Que, ó cabo, tampouco funcionan... nin sequera electoralmente.