28 oct 2007






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL.
1982: a Biblioteca Básica da Cultura Galega (Galaxia)

No feliz acordo entre a Editorial Galaxia, conducida daquela por Bieito Ledo e as catro deputacións galegas, naceron os 50 tomiños de Biblioteca Básica da Cultura Galega, unha das primeiras iniciativas de popularización cultural neste país, pois pretendía recoller os máis importantes libros das nosas letras clásicas e tamén do ensaio, historia, arte e pensamento. Recuperáronse así, para o gran público, moitos dos clásicos da Xeración Nós (Otero, Risco, Cuevillas, Castelao) e dos tempos das Irmandades e tamén estudos dos autores do Seminario de Estudos Galegos (Xaquín Lourenzo, Fernández del Riego, etc.).
Nas letras hai novidades a destacar como, no campo narrativo, a primeira novela de Víctor Fernández Freixanes, O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia), novela histórica ambientada nos inicios do século XIX galego que se ten comparado con obras milenaristas de Umberto Eco ou Mario Vargas Llosa. Obtivo esta obra o Premio Blanco Amor e os premios da crítica galega e española. Alfredo Conde gañaba o Premio Chitón de Novela con Memoria de Noa e Méndez Ferrín recuncaba na Materia de Bretaña na novela Amor de Artur, e Tucho Calvo no campo da narrativa experimental e apocalíptica con Pae s. XXI. Outros títulos foron Os soños perdidos, de Elvira M., novela sentimental de Úrsula Heinze; e, no xénero de aventuras, Nos pagos de Huinca Loo, de Xavier Alcalá. En Xerais saía, da man de Luciano Rodríguez, a moi útil antoloxía Invitación á narrativa, que percorría unha serie de autores contemporáneos dende Gonzalo Mourullo a Xoán Ignacio Taibo. Flores e leña, preparado por Fernando Pérez-Barreiro, agrupaba un conxunto de narracións chinesas contemporáneas. Estreábase ademais como escritor en galego Carlos González Reigosa, con Homes de tras da corda, colección de relatos sobre o mundo da serra luguesa de Cordal de Neda, terra natal do autor. Méndez ­Ferrín tivo tamén en 1982 un libro de poesía, O fin dun canto, de forte ton elexíaco, e da mesma época son poemarios como O tempo no espello, de Avilés de Taramancos; O cántico da fonte, de Cesáreo Sanchez Iglesias; O ferro dos días, de Lois Diéguez; Poeta muiñeiro á deriva, de Fiz Vergara Vilariño; Aquarium, de Xosé Lois García; O tempo é un camiñante solitario, de Xosé María Costa, e Galicia, fondo val, poesía existencial de Ánxeles Penas. Pola súa banda Manuel Casado Nieto daba a luz Vendima, antoloxía da súa lírica en galego, e o seu fillo Xoán Manuel Casado conseguía o Premio da Crítica con Libro de Caldelas, evocación da patria da infancia. O Ateneo de Ferrol publicaba Fardel de exiliado, de Luís Seoane, e Claudio Rodríguez Fer lograba o premio de Poesía da crítica española por Tigres de tenrura, publicado un ano antes (...)
(O artigo completo)

19 comentarios:

Anónimo dijo...

Dúas cousas: andaba eu por aquelas datas polas aulas de Mazarelos e o profesor de Lingua Galega, de cuxo nome non me quero nin acordar, dictaba (sic) as normas ortográficas do galego que el posuía en galeradas. Cando rematou o curso, saiu do prelo o libro. Foi tarde, pero serviume para saber que o vello sistema medieval de copia en monasterio seguía indemne naquelas aulas. Hoxe seica o profesor é académico: os servicios prestados.
E a segunda cousa tamén daqueles anos: a excelente carteleira teatral que a USC ofrecía por aqueles anos: todo o teatro galego sen excepción, Comediants, Joglars, Dagoll-dagom, La Cuadra. Quero, con isto, homenaxear ao querido Segade que presentaba ao comezo aquilo que hoxe lembro como insólito, como case un soño. E gratis!!

Marcos Valcárcel López dijo...

Súmome á admiración por Segade, que levaba o tema cultural na USC, e esa magnífica xeira de teatro de diferentes latitudes españolas que polo visto compartimos. No salón de actos de La Salle.

Anónimo dijo...

Aquela Antaviana ou La nit de san Joan, coa música de Jaume Sisa, de Dagoll-Dagom foron un fulgor. Aínda hoxe é do mellor que vin en teatro na miña vida.

Anónimo dijo...

Esqueceu dicir, amigo Marcos, que en 1982 apareceron dous grandes libros seminais que abriron novas perspectivas no estudo do noso pasado -e que hoxe son xa "clásicos" da historiografía galega- dun xove historiador chamado Ramón Villares:

"La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936", Madrid, Siglo XXI.

"Foros, Frades e Fidalgos", Vigo, Edicións Xerais.

Marcos Valcárcel López dijo...

Amigo Apicultor, non esquecín (ou non de todo): ten que ler o artigo enteiro en GALICIA HOXE e alí seguen libros de ensaio e investigación, entre eles o magno libro-tese de Villares e algún outro de historia de Barreiro Fdez. e Margarita Ledo (Non citei Foros, Frades... porque todos é imposible nunha páxina).

Marcos Valcárcel López dijo...

dAGOLL-DAGOM,foi un impacto visual que me quedou para toda a vida. Creo lembrar -corríxame se me equivoco: "Antaviana" era aquela obra inspirada nunha cea de nadal da burguesía catalana que empezaban todos moi cordiais para ir in crescendo medrando a tensión e a bronca, como en tantas ceas familiares de nadal... Ou era outra? Se non era esa, que acuda Leituga no noso auxilio e nos diga cal era esta obra que tanto me encantara. (Por certo, por algures do arquivo debo ter os programas de man daquelas sesións teatrais, teño que buscalos, unha xoia xa...)

Marcos Valcárcel López dijo...

E aproveito a ocasión para darlle as grazas a Vítor Freixanes. Por algures, teño a primeira edición de O TRIÁNGULO... lémbroa ben, unha barquiña, fondo azul, pero esoutro día non a encontrei. Como viña a Ourense e despois de molestar a súa muller, tivo a xentileza de traerme un exemplar da edición de 1982 para reproducir (mellor dito, creo que a mercou ó chegar a Ourense). Graciñas en todos os casos.

Anónimo dijo...

Canto lle agradecería, amigo Valcárcel, que os puxera.
No Cervantesvirtual podemos ler a obra: http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/scclit/34696282103492751565679/index.htm

Anónimo dijo...

Desculpas, amigo Marcos.

Lin -é un dicir, polo visto- todo o texto e non atopei a referencia. Debe ser que como non se usa cursiva pasoume desapercibido.

Anónimo dijo...

Aquel profesor de Mazarelos era un ghicho moi simpático, moi amable el, non arume? Moi dado á reintegración do galego na póla luso-brasileiro-africana, polo que teño entendido.
O nivel ou nível de anécdotas ou anecdotas que se contan del por aí andará co alcanzado por aquel famoso Margarito (outro bo peixe). Ou é lenda urbana ou urbá a existencia do Margarito?

Anónimo dijo...

Existiu o tal Margarito. Xa falamos del aquí hai tempo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Vin tamén Antaviana. Pero obviamente non é a obra da que eu falaba (cal sería aquelas?). En canto poida buscarei eses programas e algo escribiremos aquí sobre eles...

Anónimo dijo...

Supoño, amigo Swann, que ha falar en ironía: aquel profesor era o tipo máis isolino que vin na miña vida. E creo que se distingue precisamente por iso.

Xaime dijo...

Non se referirán por margarito o catedrático de Historia do Dereito da de Santiago fai 35 anos, Alfonso Otero.

Anónimo dijo...

P mesmo, don Xaime, o mesmo.

Anónimo dijo...

Todo un acontecemento foi a aparición de "O Triángulo Inscrito na Circunferencia", a novela de Victor F. Freixanes, que se inseriu cunha forza inusitada na nosa literatura. Mediante a tensión entre historia e ficción Freixanes abriu novos espacios onde a forza de simbolización da ficción conseguiu referirse á realidade dunha identidade colectiva necesitada de epopeia, e aínda que o que narre sexa o relato dun fracaso tras outro, rescatar do silencio emocional comportamentos heroicos abriu formas e interpretacións da identidade galega onde o futuro opera, galeguizándonos e universalizándonos máis. Sería interesante esculcar a influencia desta novela total, como se lle denominou cando apareceu, na literatura dos anos seguintes, até hoxe, porque abriu camiño.

Xaime dijo...

Pois que queren que lles diga, foi o meu profesor de Historia de Dereito no primeiro ano de carreira, e posteriormente a finais dos 70 e principios dos 80 acudín a unha pequena tertulia que tiña nos veráns en Sanxenxo, primordialmente de ex-alumnos.
Certamente era un perxoaxe atípico, moi irónico, ilustrado, bo conversador, contador de miles de anécdotas, anticlerical, tufillo republicán e cunhos albariños moi crítico co rexime franquista, especialmente no tratamento que se lle estaba a dar a D. Juan de Borbón, do que segundo contaba era amigo persoal.
As anécdotas que del se contan poden ser certas xa que era bastante estrafalario e gostaba de chamar a atención.
No Gran Suki -unha cafeteria- en Sanxenxo case o prenden por meterse co Gobernador de Pontevedra, por non sei que leria do tabaco rubio de contrabando.
Tendo en bastante estima a Mariano Rajoy, xa daquela, e para picalo, dicía que chegaría lonxe, xa que cumplia os requisitos para facelo xa que era feucho, alto e pijo, todo o contrario do que che vai pasar a tí, da Pena, dicía.

Anónimo dijo...

Creo que xa comentamos aquí nalgunha ocasión que Margarito era o xenro de Carl Schmitt, o famoso xurista nazi, quen pasou longas tempadas en Santiago despois da Segunda Guerra e de ser depurado da universidade alemá. Nunha ocasión, falando con Carlos Casares sobre "Deus sentado nun sillón azul" e da teima coa que algunha crítica insistía en identificar ao seu protagonista con Vicente Risco, Casares díxome que unha das referencias reais que máis presentes tivera ao deseñar ese personaxe fora a de Carl Schmitt.

Eu tamén gardo un extraordinario recordo daquela "Nit de san Joan", de Dagoll-Dagom. E de "Sol solet", de Els Comediants. E de "Virtuosos de Fontainebleau" e "Teledeum", de Els Joglars... Pero creo que de toda aquela xeira gloriosa do teatro catalán, "A noite de San Xoán" foi o mellor do mellor.

Lin "O triángulo inscrito na circunferencia" ao pouco de saír e aínda teño o libro e en bo estado de conservación. Simpaticei con esa novela, tanto porque me gustou como pola ambición que demostraba, aínda que sempre pensei que lle sobraban entre cincuenta e cen páxinas. Sempre a defendín, aínda que case sempre escoitei falar mal dela.

Anónimo dijo...

A min a que máis me gustou foi "O enxoval da noiva". Probei a lela en voz alta e tiña unha extraordinaria musicalidade.