3 ene 2008

Agasallos, de Bieito Iglesias (ECG, 4.1.08)

Son estes días de agasallos e a min fixéronme dous presentes que moito agradecín. A miña amiga Lola Arxóns tróuxome desas partes da costa unhas vieiras e unhas ameixas dignas de figurar nun banquete do deus Neptuno. Como estarían de bos estes frutos do mar que meu pai repetiu a dose unha e outra vez como se fose afervoado lector de poesía francesa: La mer, la mer, toujours recommencée.
Outro obsequio veu do Sarille, compañeiro neste duetto columnista, e consistiu nun libro (A impostura e a desorientación na normalización lingüística) que censura as pésimas políticas de lingua practicadas por administracións galegas, academias, institutos e partidos políticos, alpendres todos fracasados no empeño de normalizar o idioma galego. Poderánse debater as súas teses pero non a súa vehemencia crítica, porque (aínda que nos velorios nunca falta un chistoso) non quere darlle polo pau aos xoviais sepultureiros da nosa lingua. Dacordo co reparto de papeis que suxire o título desta columna, el decidiu facer de coitelo. Escribe co coitelo entre os dentes contra a vesania colectiva que propicia a substitución do vernáculo polo castellano.
Na Galiza de antonte, os posuídos polo meigallo -querse dicir os loucos ou alienados- daban en baduar linguas estrañas, case sempre un español de sotaque andaluz ou porteño. Hoxe, como explica Quico Cadaval nos seus divertidísimos shows, parece que toleou o país enteiro.
Por moito que incen os enmeigados, mentres vivamos Sarille e máis eu (e os nosos descendentes galaico-parlantes) o idioma de Rosalía vivirá, se cadra non per saecula saeculorum, pero si polos fillos dos fillos. Como creo máis nas biografías que nas políticas, son moderadamente optimista. Haberá galego na lúa e replicantes con seseo das Rías Baixas alén de Orión.


(P.S. de M.V.: tamén a min me chegou o libro do amigo Sarille, moitas grazas polo envío. Comentareino en canto poida nalgunha das miñas solainas)

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Sarille é moito Sarille. Ás veces estase de acordo con el e outras veces en desacordo, pero nunca deixa indiferente. Eís o logro dun verdadeiro articulista ou opinador de raza.

Parabéns, pois, polo novo libro.

bouzafria dijo...

Bieito Iglesias é un optimista e coronaríame pensar coma el, pero non podo: a escola nas cidades é, neste momento, un elemento desgaleguizador: aínda que os rapazolos entren nela chapurreando algo semellante ao galego sairán falando castelán. É a miña triste experiencia.

Anónimo dijo...

Coincido có comentario anterior de Apicultor verbo de Sarille.

Máis que parabéns, eu vou ser máis prosaico e desexarlle que se venda bén, que naza cún pan baixo o brazo.Qué carallo.

Anónimo dijo...

Bieito preséntase a si mesmo e a Sarille como os derradeiros mohicanos. Pero o problema de ser mohicano é que hai que andar medio espido, e iso, nun clima como o noso, pode dar lugar a unha pulmonía. O que resulta francamente molesto.

Marcos Valcárcel López dijo...

No fío do apuntado por BOUZAFRÍA: non creo que Bieito sexa un optimista, como moito un optimista da vontade. Por suposto, decátase ben da situación de extrema gravidade que pasa a nosa lingua, pero, qué facer cando un escribe nos xornais? Aproveitar esas plataformas, tan escasas en galego, para martirizarnos aínda máis? É lóxico que se apele ó optimismo: do contrario, non pagaría a pena escribir no xornal nesa vella lingua condenada a desaparecer, se alguén non o impide. O tema da MOHICANIA non é novo, lanzárano Rivas e os de Luzes aló polos 80. Pero cada vez somos todos máis mohicanos e imos máis espidos e pasamos máis frío.

Anónimo dijo...

Ás veces con isto do galego a un dálle a sensación de estar a facer o gilipollas.

Cando un ve e oe a quen se lle enche a boca coa defensa do galego e fai profesión de fe no idioma publicamente, por oral e por escrita, … pero despois resulta que un o ve e o escoita falar en castelán cos amigos, cos fillos ou na consulta do dentista, como ten ocurrido con máis dun alto cargo nacionalista da administración autonómica e/ou local e con algún escritor monolingüe ...

Cando un ve que quen defende a morte o galego, pero despois resulta que non ten azos para galeguizar o seu nome e se segue a chamar Javier, José ou Remigio sen caérselle a cara de vergoña…

Cando un ve e oe tantas cousas, tantas incongruencias, tanto ritualismo, tantas hipocresías sobre o idioma galego … quédalle cara de gilipollas. Francamente.

(E pode ser que chegue un día que un se farte...)

Xaime dijo...

Non se enfade Apicultor, xa de direi por favor a rr que lle facilite o blo de Belén Esteban.