20 ene 2008


Cen anos de historia cultural
1991: de Cunqueiro a Arraianos

O ano 1991 foi de apoxeo na narrativa e no ensaio. Álvaro Cunqueiro foi o protagonista do ano, no seu Día das Letras Galegas: saíron novos tomos das súas Obras Completas, a Fotobiografía de Xerais e diversos estudos. De Otero Pedrayo reeditouse A romaría de Xelmírez e Aurora Marco recuperou o seu Teatro Ignorado; ademais, apareceron escolmas como a Antoloxía da novela curta editada por C. Casares; a Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, de Antón Risco, ou Literatura galega. textos escollidos, de M. Mato Fondo. De Méndez Ferrín saían varias reedicións e, sobre todo, Arraianos, unha das súas obras mestras no relato breve, plena madureza literaria. De Antón Risco, a súa novela Tres situacións elementais. Xosé Fernández Ferreiro gañaba o premio Xerais coa súa novela da guerra, Agosto do 36, e aparecía o polémico Premio Nadal (polémico polo debate galego/castelán) Los otros días, de Alfredo Conde. Un dos libros máis vendidos do ano foi o de Manuel Rivas, Os comedores de patacas, que pouco despois saía en castelán ó carón de Land Rover, de Suso de Toro (deste autor aparecía ademais F.M., colección de artigos de prensa).
Bieito Iglesias debutaba na narrativa cun libro de relatos de temática erótica, Aventura en Nassau, e no mesmo rexistro móvese Anel de mel, de Xulio Valcárcel. Na novela sentimental estabase Sabor a ti, de Miguel Suárez Abel, e na épica de aventuras americana, Latitude austral, de Xavier Alcalá. Un noviño Fran Alonso, 28 anos, gañaba o premio Blanco Amor coa súa primeira novela, Trailer. Na novela histórica Rábade Paredes achegábase á Galicia dos tempos barrocos con Branca de Loboso; Anxo Rey Ballesteros publicaba Dos anxos e dos mortos e Xurxo Borrazás xogaba coa novela metaliteraria en Cabeza de chorlito. Do mesmo ano son entregas narrativas como Os outros disparos de Billy, de Carlos Reigosa; Historia dun paraugas azul, de Xosé Miranda; As reliquias, de Antón R. López; Paixóns privadas, de Xosé R. Pena; Informe bestiario, de Xoán Ignacio Taibo; Días contados, Premio Cidade de Lugo, de Cid Cabido, e Barato, barato, novela negra de Manuel Forcadela. O Clube Cultural Adiante, vinculado ó sindicalismo nacionalista, editaba a escolma de relatos titulada Sede Central. (...)
(...) Nacía na Coruña a editorial Espiral Maior, que dirixe hoxe M. A. Fernán-Vello, cunha ampla colección poética. César Antolino Molina e F. López Barxas daban a coñecer a antoloxía da poesía galega Fin de milenio, publicada en Libertarias (Madrid).
No terreo do ensaio, a crónica e a investigación, múltiples obras de interese. Entre outras, a biografía que fixo Casares sobre Ramón Piñeiro (Unha vida por Galicia); a biografía de Díaz Baliño por J.A. Durán; as memorias de Fernández del Riego (O río do tempo); Adral VI, de Filgueira Valverde; Análise existencial do home galego enfermo, de D. García Sabell; o estudo de F. Pillado Mayor sobre o teatro de Lugrís Freire; Encontros e vieiros, once charlas de Rafael Dieste (de Arturo Casas); Arte Literaria, de C.Rodríguez Fer, e Literatura Galega da muller, de Carme Blanco. Da mesma época son Conflicto lingüístico, de Francisco Rodríguez; Informe(s) sobre a lingua galega, de Alonso Montero; Reticencias, de Carballo Calero; Viagens na literatura, de Elvira Souto; Para comprendermos Galicia, de Chao Rego; Lingua e sociedade na Galiza, de Manuel Portas; Guerrilleiros, de Neira Vilas; Voces Ceibes, de V.Araguas; e A emigración galega a Cataluña, de O. Sotelo Blanco.
Na temática histórica e antropolóxica, saían títulos como Ourense no século XV, de A. López Carreira; Santos e barcos de pedra, de F. Alonso Romero; Mulleres de mortos e Romeiros do alén, de Marcial Gondar; e Os torques prehistóricos, de Ladislao Castro. Outros libros do ano foron Pondal, do dandismo á loucura, de M. Ferreiro; Aprender palabras e significados, de M. Espiño; a tradución de O existencialismo é un humanismo, de J.P. Sartre (colección pensamento A Trabe de Ouro); e O outro desenvolvemento, de R.L. Suevos. No ensaio e crónica política, Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista, de A. Baamonde, Bieito Iglesias, Xaquín F. Leiceaga e R. Martínez Castro; Disparos, de Xavier Navaza, e Prosas de combate e maldicer, de Xosé M. Beiras.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Cometeu unha gralla. Aventura en Nassau, de Bieito Iglesias, non é unha novela, senón un libro de relatos. De temática máis ou menos erótica, iso si.

Marcos Valcárcel López dijo...

POIS SI, é un libro de relatos e ademais sabíao: problemas de redactar moitos datos xuntos en pouco tempo. En calquera caso, corrixireino no futuro, pois deste traballo haberá novas versións ampliadas. Graciñas por facelo constar.

Anónimo dijo...

Veño de facer unha viaxe relámpago a Monforte de Lemos. Por un capricho gastronómico da miña dona. Índa non me fixara nunha estatua de Manuel María, sentado escribindo, nunha praziña pertiño da Colexiata. Ten unha silla ao seu carón pra un acompañante. Sentéime un rato a platicar con él Está a foto na internet: Pinchar. No chan, unha placa con versos del.

Anónimo dijo...

Marcos, unha idea sen tino: é mágoa que non teñamos no país unha denominación de orixe que dea grandes e numerosos viños de crianza; se tal, para cada ano poderíase indicar a maior ou menor excelencia enolóxica e contrapoñela á literaria.

Sexa como for, a condición previa non se dá, e o máis cercano serían os tintos do Bierzo, do Douro e os vintages do Porto, estes, xaora, con repercusión mundial. Desculpa, anfitrión, os mércores pola tarde a miña cabeza ten algún vagar e hoxe dá, se cadra, no esbardalle.