28 ene. 2008


DEBATES INOPORTUNOS POR IMPOSIBLES
La Región 28 xaneiro 2008 (Imaxe: Cervantes, por Siro)

En campaña. Estamos en campaña electoral e non é o momento oportuno para certos debates. Por exemplo, o dereito ó aborto (volven saír as pancartas á rúa de hai 30 anos) ou o tema do laicismo e as relacións entre relixión e Estado. “En España non hai un problema de persecución laica nin un problema de inxerencias relixiosas. A Constitución resólveo ben. Somos un Estado laico que recoñece, como é lóxico, o dereito á liberdade relixiosa”, dicía estes días o filósofo José A. Marina. Os ritmos da campaña electoral, engadía, son o peor momento para tratar estes temas, porque é a hora da esaxeración e do disparate, da simplificación, o esquema fácil e o titular sensacionalista.
Xa sabemos o que propón cadaquén ó respecto: sería de agradecer que non se caia na demagoxia máis burda. A Igrexa ten na realidade un trato de privilexio a nivel económico e fiscal en España e iso non casa coas protestas habituais dalgúns bispos, non todos (o de Ourense amosouse prudente nunha recente entrevista). Por parte do poder civil tamén debeu chegar xa a hora de preguntarse qué sentido teñen certas liturxias e cerimonias onde se invoca a autoridade eclesiástica cun ritual mesmo de servidume do poder civil cara o poder relixioso: por exemplo, tantas ofrendas e similares en que se lles pide ó Apóstolo que interveña para solucionar o terrorismo en España, a crise económica e cousas así. Son estes acenos propios do século XXI?
Humor e comicidade.Nunca busquei a sátira, senón o sorriso intelixente, que o lector aceptase o meu convite de ir máis alá da propia noticia e da propia caricatura, aproveitando que eu podía dicir en broma o que os meus compañeiros non podían dicir en serio, escribindo”: tal dixo o caricaturista e humorista gráfico Siro López o pasado xoves en Compostela, no transcurso da homenaxe que lle fixo o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O xogo humorístico, engadiu Siro, teórico das esencias do humor, consiste en dirixirse á intelixencia e ó sentimento: “cando presentas un antiheroe, un tolo como O Quixote ou un xenio como Charlot, o que buscas é un sentimento de solidariedade ante uns personaxes de gran nobreza e integridade moral, ante os que podes sorrir, pero non rir, se tes corazón”. Creo que Siro aprendeu esta lección nos debuxos de Castelao, que tan ben coñece, mestre tamén en entender o humor como empatía e solidariedade cos máis humildes e desposuídos.
Humberto da Cruz. Pasou esta nova bastante desapercibida: a morte de Humberto da Cruz, profesor de Socioloxía na Complutense e fundador da asociación Amigos da Terra. Fora tamén director xeral do Icona, membro da delegación española na Cumbre de Río en 1992, polo movemento ecoloxista, e un dos primeiros historiadores do ecoloxismo español. A súa bibliografía sobre temas medioambientais é moi extensa e, cando o ecoloxismo non era aínda un tema relevante nos medios, primeiros anos 70 por exemplo, a súa sinatura era habitual nas revistas sobre natureza e ecoloxía de España. Nos últimos anos estivo a traballar en temas de etnoecoloxía, no amazonas colombiano.

1 comentario:

Jimy de Rairo dijo...

Que grande humorista Cervantes Saavedra, xenial!